Xuízo sen causa

Vista da Jaro na Audiencia Nacional: día 1

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | Madrid | 19 de outubro.  No complexo empresarial de San Fernando de Henares, baixo o ceo liso e aberto de Madrid aínda sen ese frío duro e constante do inverno castelán, a Audiencia Nacional, entre naves de compañías loxísticas abandonadas ás silveiras moito antes da pandemia e un solar cun cartel de Solvia (que foi a inmobiliaria do Banco de Sabadell) probábel herdanza do crac do 2008, é un punto cego na arquitectura do parque e do que apenas se coñece, grazas ás imaxes dos noticiarios, a beirarrúa de paredes ocre pola que desfilaron algunha vez imputados célebres e esquecidos. Esta mañá de outono hai un equipo de xornalistas que traballan para unha televisión alemá esperando tomar un plano da chegada dun delincuente de interese informativo naquel país. Aparece un autobús da Garda Civil, os xornalistas axítanse, o autobús entra, sae e marcha. Iso é todo.

Despois, contra as nove e media, un grupo dunhas vinte persoas que viaxaron pola noite desde Galiza sacan unha faixa -a mesma que encabezou onte a manifestación en Compostela- e bandeiras. Aparecen o deputado galego Néstor Rego e a senadora vasca Idurre Bideguren. Aparecen os encausados na operación Jaro -doce- que a partir das dez se sentarán diante dun xuíz temido, Alfonso Guevara. Aparecen os avogados da defensa. De garabata e traxe escuro. Están os policías. A Audiencia ábrese para que entren os letrados e os acusados. A xente fóra canta o himno galego. Hai berros pola independencia. E responden máis berros desde dentro dos muros.

A vista comeza con atraso. O temido xuíz demora. Botan o publico (cinco persoas) fóra da sala. “Vista pública”, avisa alguén no piso de abaixo, no xuízo polo que hai interese en Alemaña. O xuízo aos independentistas galegos (así se definen elas e eles diante do temíbel xuíz) non esperta interese de ningún medio convencional. A Televisión de Galiza informará no parte do mediodía de que as autoridades portuguesas entregan ás autoridades españolas material para fabricar explosivos atopado en Coimbra e que pertence a unha organización terrorista galega: Resistencia Galega. Iso é todo.

Na sala as cousas son máis complexas. Hai doce persoas que se enfrontan a penas de cadea de até doce anos acusadas de cometer actos delitivos inocuos. “Que ben xurídico pretende protexer o delito de enaltecemento do terrorismo?”, preguntouse o avogado Brais González ao presentar unha cuestión previa de nulidade.

Na causa enfróntanse dúas concepcións do dereito e dúas sensibilidades políticas antagónicas. É difícil topar un terreo común para o acordo. Simplemente, decidirá a forza de cada unha das partes. E detrás do temíbel Guevara e do Fiscal está o Estado.

A faixa, as bandeiras e activistas en apoio dos seus compañeiros, esta mañá diante da Audiencia Nacional en San Fernando de Henares. Imaxe: @BNGCongreso

O Fiscal insiste en presentar a disputa como unha obriga do Estado de reprimir actos terroristas que atacan as bases do propio Estado. O malo é que non consegue poñer en evidencia o perigo, nin os ataques nin os autores dos ataques, e o que queda en evidencia é o que a defensa resume como “datos dispersos” dunha acusación que é “unha hipótese”. A acusación non se sostén e o interrogatorio do Fiscal a Uxío Caamaño parece un chiste.

O Fiscal pregúntalle cal foi a súa participación no acto no que lle rendían homenaxe (a Caamaño), a través de que medio recibía cartas de presos (a través do correo), se esas cartas eran informacións para unha organización que ataca as bases do Estado (eran cartas entre amigos), se coñece a existencia dun documento de “autocrítica” redactado polos presos (e o xuíz pedíndolle ao Fiscal que, por favor, mostrase o documento cada vez que facía referencia a un), que si sabe da obra Presos Políticos en la España contemporánea, instalación de Santiago Sierra que foi retirada de Arco (feira de arte madrileña) o ano pasado… A confusión é tal que o xuíz ten que reformular preguntas e pedirlle á tradutora que explique a diferencia entre “orgullar” (expresión que utilizou Uxío) e “organizar” (o que entendeu Guevara).

Na causa enfróntanse dous mundos que non se coñecen nin se recoñecen. Resúltalles difícil mesmo unha comunicación básica. O Estado non está para escoitar falar de dereitos humanos, dereitos individuais, de liberdade de pensamento, opinión e organización, de democracia nin de vulneración de garantías procesuais, de cumprir as propias normas das que se dota o Estado e coas que se defende da tiranía (cara dentro e cara fóra). Pero o Estado cara dentro é todo Deep State -expresión de moda- que ignora todo o que impida a represión da disidencia. España é unha democracia cuarteada, menor, temorosa, que se defende con xuíces temíbeis e fiscais vagos rodeados de policías desde un punto cego dun polígono dos arredores dun barrio obreiro da capital do Reino. Iso é todo.

Un avogado galego e un dos seus defendidos volveron dicir este luns na Audiencia que a Audiencia está de máis, sobra, que xa non existe ETA nin por moitos esforzos que fagan, nada parecido a unha ETA galega, que a Audiencia é un tribunal sen competencias que persegue a súa sombra castigando actos de opinión en base a tipos delitivos que serían disparatados en calquera réxime democrático, que se admite unha instrución como a que levou este proceso, sitúase fóra da súa propia lei. “Formalmente, si se respectou o procedemento”, afirmou o Fiscal sen fechar os ollos.

E coa mesma cara dura sinalou que a “esencia” da investigación é determinar se Causa Galiza e Ceivar son dúas estruturas creadas “para apoiar unha organización terrorista”.

Os acusados limitáronse a defender os seu dereito a participar en actos legais, convocados legalmente e desenvolvidos sen alterar a orde pública nin dar motivo para sanción administrativa ningunha, nos que se mostrou a solidariedade con presos políticos e nos que se lembrou a loita destes (e doutros antes ca eles) polos dereitos de Galiza como nación e nos que, insistiron, non se incitou de maneira ningunha á violencia.

“Considero que a participación social como parte dunha vida plena, como un dereito vital”, dixo un deles, “e nunca se me pasou pola cabeza que levando unha bandeira galega estivese cometendo un delito”.

Deixe um comentário