"Saír desta esixirá unha reforma fiscal e planificación da economía"

ENTREVISTA | Antón Sánchez

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña | 7 de abril de 2020. No rural, nunha casa con horta e finca, a corentena lévase mellor, di Antón Sánchez, portavoz do Grupo Común da Esquerda no Parlamento galego, o último espazo do que dispón a oposición institucional a Feixoo para contestar a xestión da crise. Na casa, coa familia, a súa parella e dous fillos, Antón Sánchez dedica agora tempo a ler e ver cine e estar cos fillos. “Agora caio na conta do tempo que pasaba no coche de alá para acá; saio o imprescindíbel, só cando toca facer algunha compra ou ir o Parlamento”. Hai apenas seis semanas, Antón Sánchez renunciou a repetir como parlamentario durante o proceso para o acordo de coalición electoral de Anova con Unidas Podemos. Pero chegou o coronavirus, suspendéronse as eleccións e tivo que volver ao seu escano e á portavocía.

“O Parlamento está nunha situación peculiar. Primeiro, disolvérase pola convocatoria electoral e despois foi o decreto de aprazamento das eleccións. Nesta situación, temos pouca capacidade de controlar o goberno da Xunta. O que vimos reclamando é que se dote á deputación permanente de maior capacidade para levar adiante iniciativas de control. Vai a cousa lenta. Intentaremos que ese órgano permita levar, polo menos con periodicidade semanal, preguntas e iniciativas á cámara. A actividade parlamentaria diminuíu, pero o traballo político segue a ser intenso: estamos todos os días reuníndonos con colectivos para informarnos, coñecer e trasladar as demandas sociais para facer fronte a esta crise do coronavirus”.

Os profesionais sanitarios, cando falan de como se está a facer fronte a esta crise, subliñan a unidade que se dá entre eles como unha das fortalezas da resposta. Por que non se produciu esa unidade no ámbito da política institucional?

A oposición foi leal e, por responsabilidade, deu o seu aval ao goberno galego. Pero esa labor de control e crítica á actuación de goberno hai que seguila facendo, iso ten que existir nunha democracia. No caso galego, tamén temos a obriga como oposición de non permitir que se descontextualice o que está a pasar. O primeiro é salvar vidas e superar a crise; pero sen esquecer que houbo políticas de desmantelamento do sistema público de saúde. Unha unidade sen crítica non ten cabida.

Que fixo Feixoo con ese aval e esa lealdade que mostrou a oposición?

Pois penso que o presidente da Xunta non reaccionou coa mesma lealdade. Penso que utilizou esa posición que se lle deu ao suspender as eleccións e desactivar o control parlamentario. Úsaa de xeito partidista, por exemplo atacando ao goberno do Estado. Non se pode utilizar a plataforma da presidencia para facer unha campaña electoral continuada e desatender a crise.

Por que Feixoo asumiu unha xestión tan personalista da crise? Por que non aparece o conselleiro de Sanidade?

Pois porque optaron por facer campaña electoral e non pola política de servizo público. O problema que ten o conselleiro de Sanidade, e tamén a responsábel de Política Social, é que as súas boas palabras cara o persoal dos servizos públicos non son suficientes despois de anos negándose a escoitalos. Imaxino que intentan protexer dous conselleiros moi desacreditados. Esta crise destapou anos de recortes e eles son os responsábeis directos.

Como valora a xestión sanitaria da crise, sinaladamente en dous puntos sensíbeis: as UCI e as residencias de maiores?

A epidemia chegou a Galiza máis tarde, polo que as medidas de confinamento empezaron a aplicarse máis pronto na secuencia da crise respecto de lugares como Madrid ou A Rioxa. Esa foi unha vantaxe que evitou que as Urxencias se visen saturadas ou que as UCI sufrisen colapso como aconteceu noutras partes. Dentro das limitacións que houbo, e refírome sobre todo as denuncias da falta de materiais de protección, parece que o sistema respondeu ben. Nas residencias foi diferente. Pasamos anos denunciando as condicións nas residencias de maiores do país, tanto as condicións de traballo como a atención aos anciáns. Hai tempo, alguén cualificou a situación como maltrato normalizado… Pasamos anos advertindo que a Xunta miraba para outro lado cando había unha denuncia por parte da inspección. Nesa situación, tiña que pasar o que pasou cando chega unha crise coma esta. É a consecuencia de termos un servizo que está maioritariamente en mans de empresas privadas que tiran beneficio a costa dos dereitos laborais das traballadoras e do benestar dos maiores.

Que lección tira do que está a pasar na sanidade e nas residencias?

Penso que como sociedade estamos aprendendo unha lección nesta pandemia. Para salvarnos cada un de nós, temos que salvarnos todos. Iso apela ao colectivo. Penso que á maioría da poboación o que lle queda claro é que haberá que reforzar a sanidade pública e irmos cara un novo modelo de residencias para maiores, empezando porque sexa un servizo que se preste maioritariamente desde o público.

Que opinión ten Anova da posta en escena da xestión da crise por parte do goberno central, cunha constante chamada á unidade e o protagonismo do aparato militar e policial do Estado?

É un goberno progresista, pero composto por diferentes actores e pode ser por iso que non satisfaga todas as expectativas. Topouse cunha realidade, que é a que se impuxo. Malia a intención inicial de centralización na coordinación da resposta, o goberno do Estado tivo que botar man das comunidades autónomas que son as que mellor poden facer este traballo e proporcionar unha resposta eficiente. A respecto da presenza militar, persoalmente penso que houbo unha certa sobreactuación e creo que debemos estar moi vixiantes para que non se aproveite o momento e nos rouben dereitos democráticos.

Quen sairá máis reforzado desta crise: Feixoo ou Pedro Sánchez?

Non o sei. O que sei é que o que lle temos que esixir ao presidente da Xunta é que exerza as súas competencias para solucionar a crise e non utilice a crise para facer campaña electoral. O que temos que esixir é que o goberno do Estado habilite medidas contra a crise económica que xa se está a producir; e á Xunta, que complemente esas medidas dentro das súas competencias.

Sánchez, no Parlamento, durante o debate do estado da nación do pasado outono.

“Optaron [desde a Xunta] por facer campaña electoral e non pola política de servizo público. Intentan protexer dous conselleiros [o de Sanidade e a de Política Social] moi desacreditados. Esta crise destapou anos de recortes e eles son os responsábeis directos”

Que opinión ten Anova sobre o anuncio da Casa Real a respecto de parte da herdanza do rei emérito?

A monarquía volveu quedar en evidencia como unha institución corrupta desde o seu nacemento. Parece que o rei actual trata de sacar de enriba un morto, el coñecía a corrupción do pai e, despois, a súa mensaxe televisada non tratou da epidemia, senón que foi unha forma de xustificarse para seguir amarrado á coroa. Penso que cómpre insistir no horizonte republicano.

Pasará a crise sanitaria e levará consigo o debate sobre a monarquía, sobre Catalunya, sobre as reivindicacións das nacións do Estado?

Non. Estes debates teñen unha base real, hai un problema e seguirá aí cando pase o coronavirus. Seguirá habendo un conflito entre un Estado que nega o dereito a decidir e unhas nacións que teñen vontade de existir. Volveremos ao punto no que estabamos: a seguir reclamando o dereito a decidir, pero imaxino que esta crise tamén abrirá outro debate sobre o dereito a decidir outro tipo de relacións, como por exemplo as relacións económicas, e abrirá a porta a unha economía máis igualitaria. Polo momento, non vemos medidas demasiado ambiciosas nesta dirección, por exemplo en canto a política fiscal ou a garantías de ingresos mínimos vitais.

É o momento para empezar a facer política en serio ao redor da proposta da renda básica universal?

O debate xa está introducido. E penso que si, que é un bo momento para experimentala. En primeiro lugar, porque a desigualdade medra e imos cara un escenario no que moita xente vai ficar excluída do mercado laboral e ten que seguir tendo dereito a unha existencia material digna. A renda básica é un instrumento para que todo o mundo goce das condicións materias para unha existencia digna e que poida ser verdadeiramente libre.

“É un bo momento para experimentar a renda básica. Porque a desigualdade medra e imos cara un escenario no que moita xente vai ficar excluída do mercado laboral”

O goberno do Estado lanzou unha cifra para paliar a crise económica: 200.000 millóns de euros, deles unha gran parte nunha liña de avais que se presenta como unha medida ambiciosa. É tan ambiciosa?

Os avais poden axudar ás empresas máis grandes. Mais o pequeno negocio, a maioría dos autónomos, xa non están en situación de endebedarse. Para esta xente as solucións pasarían por medidas como a exención de alugueiros, algo que xa anunciou, por exemplo, a Comunidade de Valencia; e por axudas directas. Non vai ser fácil reactivar o consumo. Porque no eido laboral as solucións tamén son difíciles. No que temos que teimar é que non volva pasar como no 2008 cando a crise pagárona os de abaixo. A saída ten que ser xusta.

Cal sería a saída máis xusta?

É un reto. Temos unha oportunidade para afrontar determinados cambios estruturais. Fálase de reforzar os servizos públicos, iso penso que está asumido pola maioría da poboación debido ao que está pasando. Pero para reforzalos é preciso aumentar os ingresos públicos. Non é só que a saída teña que ser xusta, ten que ser posíbel. Non podemos saír con este sistema fiscal nin tampouco con este modelo industrial globalizado, en mans privadas e onde determinadas producións estratéxicas dependen de empresas privadas globalizadas. Iso viuse tamén moi claro agora. En definitiva, saír desta crise esixirá unha reforma fiscal e planificación da economía.

O entrevistado

Antón Sánchez García

Antón Sánchez García

Alacant, 1974. Portavoz Nacional de Anova. Enxeñeiro técnico agrícola pola Escola Politécnica de Lugo. Deputado no Parlamento galego nas dúas últimas lexislaturas, elixido nas listas de AGE (2012) e nas de En Marea (2016). Membro do Sindicato Labrego Galego, foi concelleiro en Bergondo e candidato á alcaldía nas municipais de 2011 polo BNG.

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário