Tres colaboradores de adiante.gal comparten as súas reflexións ao redor do coloquio que este xoves mantiveron as deputadas Mertxe Aizpurua (EH Bildu), Marta Rosique (ERC), Laura Borrás (Junts per Catalunya), Albert Botran (CUP) e Néstor Rego (BNG), organizado pola Fundación Galiza Sempre e Mar de Lumes e moderado por Rubén Cela.

Se o covid peta na túa porta, é que a “autonomía” está morta

Bletxu Valeiras

Onte, xoves 14 de maio, a Fundación Galiza Sempre e Mar de Lumes organizaron un debate online sobre a posición do soberanismo ante a crise provocada pandemia do COVID-19. Participaron Mertxe Aizpurua (Bildu), Marta Rosique (ERC), Laura Borrás (JxCat), Albert Botran (CUP) e Néstor Rego (BNG). Un debate moi necesario xa que ante a radicalización centralista do nacionalismo español, é preciso explicar que a unidade española e o estado de alarma non son o “único camiño” (de feito, no meu entender, nin sequera son un camiño). Como ben se apuntou no debate o principal slogan da campaña gobernamental para afrontar a crise, “Este virus lo paramos unidos”, xa deixa ben ás claras ás intencións do poder. “O virus non entende de territorios”, dixo Pedro Sánchez para deixar sen competencias as comunidades autónomas. Como indicou Laura Borrás, o Estado das Autonomías máis avanzado de Europa (Madrid dixit), veu abaixo cun simples decreto lei. A lei redúcese agora ao 155 sanitario xestionado polo binomio PSOE-UE, que, para disimular o seu ardor españolista, enfeitan a criatura co marketing dunha co-gobernanza en que un manda e o resto obedece.

A xestión do Estado de Alarma decretado polo goberno de esquerdas alicerza (como ben apuntou Marta Rosique no debate) en tres bases: a centralización, a militarización e o autoritarismo.

A centralización non precisa de moita explicación. Usurparon competencias que a lexislación ordinaria non lles concedía e isto provocou de inmediato serios problemas de xestión. Paradoxalmente os mesmos usurpadores mostraron ben pouco valor no uso das competencias que si tiñan recoñecidas. Un exemplo: cando a Generalitat solicitou o fechamento de portos e aeroportos, non se atreveron a dar o paso e optaron por limitarse a fumigar as instalacións.

A militarización. Non só alagaron, sen ninguén saber para que, vilas e cidades de militares armados, tamén se brindou aos mandos do exército micrófono e cámara para faceren propaganda diaria das bondades do seu corpo (e eles non desaproveitaron a ocasión de facer o ridículo. Im Westen nichts Neues). Non menos preocupante é o papel desempeñado polos diferentes corpos policiais e a garda civil, que puideron comprobar como, cando cometen abusos -agresións físicas e verbais, ameazas indiscriminadas de multas (nesta altura xa están abertos practicamente un millón de expedientes sancionadores), detencións inxustificadas, espionaxe nas redes, etc.- estas agresións se integran agora na normalidade do estado de alarma. No entretanto o goberno -de esquerdas- non ve, non sabe, non contesta.

O autoritarismo, claramente reflectido no uso abusivo de decretos leis e do agora españolizado Aló Presidente con que cada semana Sánchez reduce os partidos que apoiaron a súa investidura e as comunidades autónomas a meros executores das súas decisións. Autoritarismo que tamén sofre a cidadanía -non toda, parte dela- que ve suspendidos dereitos básicos como o de manifestación. Que envexa nos deu ver a celebración do 1 de Maio en Lisboa mentres no estado español o TC impedía a celebración de manifestacións debidamente organizadas para impedir o risco de propagación do virus!

E que envexa nos dá agora ver veciños e veciñas do bairro de Salamanca de Madrid exercendo o seu dereito a manifestarse sen necesidade tan sequera de comunicar a súa decisión á Subdelegación do goberno!

Non quero esquecer a situación que lles toca vivir ás persoas presas nos cárceres españois. Impotentes ante as medidas tomadas por un goberno que fai orellas moucas as recomendacións dos organismos internacionais. Nun contexto de isolamento colectivo de proporcións insólitas, sen medios suficientes para comunicar coas familias, con falta de persoal sanitario e de información , cando parecía que o goberno decidira aliviar esta penosa situación pois anunciaba medidas máis flexíbeis pola remisión da pandemia, vemos que máis unha vez fomos vítimas de engano. Se as cousas xa estaban mal, en pouco ou nada melloran co anuncio de un goberno que fai recaer nas propias persoas penadas a responsabilidade de calquera contacto co exterior.

Fronte a esta deriva centralista e autoritaria, que parece preparar a nova normalidade anunciada por Orwell, as cinco persoas que participaron no debate aberto da Fundación Galiza Sempre e Mar de Lumes propoñen o camiño do soberanismo, da Europa das Nacións, da redución dos gastos militares, da devolución dos rescate bancario e da nacionalización das malvendidas compañías estratéxicas. Ante o temor a un novo surto pandémico e un novo surto centralista, alertan, está o camiño da soberanía das nacións. Un camiño de liberdade e xustiza a que os pobos non poden renunciar.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

O autor

Bletxu Valeiras

Bletxu Valeiras

Ourense, 1971. Activista de Esculca - Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades. Ex traballador de banca.

Forzas soberanistas denuncian recentralización e falta de diálogo do goberno estatal

Óscar Valadares

Algunhas diferenzas de enfoque e moita coincidencia na análise da situación. Velaquí o resumo do encontro virtual que este 14 de Maio organizou a Fundación Galiza Sempre en colaboración con Mar de Lumes, con representantes de cada unha das forzas soberanistas que asinaron en Outubro a declaración da Llotja de Mar e que teñen representación no Congreso dos Deputados español.

A conversa, que se puido acompanhar ao vivo a través das redes sociais do BNG, contou con Mertxe Aizpurua de EH Bildu, Marta Rosique de ERC, Albert Botran da CUP, Laura Borràs de JxCat e Néstor Rego do propio BNG, que antes de responder preguntas dalgúns medios e assistentes dispuxeron duns minutos iniciais para realizaren unha lectura xeral da situación derivada da pandemia de covid-19 e de como afecta as nacións sen Estado no marco do Estado español.

Todas as forzas coincidiron na crítica ao modo de conducir a resposta a esta crise por parte do goberno español, ao que acusaron de limitarse a emitir decretos e substituir o diálogo por grandes doses de propaganda. Tamén coincidiron no diagnóstico básico de que, sen soberania e co goberno central a se arrogar competencias antes transferidas ás comunidades autónomas, o resultado é peor do que podería ter sido.

Ineficacia, recentralización e falta de diálogo

Aizpurua, que abriu a quenda inicial, reflexionou sobre a fraqueza dun sistema autonómico que pode ser abolido a través de “un só decreto, ainda que sexa en medio dun estado de emerxencia”. Neste sentido, chamou a tecer alianzas entre as forzas soberanistas para evitar que a “nova normalidade” se convirta nun escenario de recentralización. Sinalou Aizpurua que, no plano internacional, todos os estados están a reforzar o seu nacionalismo hexemónico fronte aos movementos emancipatorios e lembrou que Euskal Herria é un país dividido en tres territorios en dous Estados diferentes. No caso do Estado español, explicou a deputada de EH Bildu no Congreso, a esquerda abertzale encóntrase diante da disxuntiva de participar na chamada Mesa de Reconstrución cando o obxectivo do independentismo basco non é reconstruír o Estado español, senón construír un estado propio.

Pola súa vez, Marta Rosique fixo un chamado a non caer na armadilla de considerar que a “recentralización, militarización e estrangulamento das clases populares” é consecuencia do estado de emerxencia, senón parte do comportamento estrutural do Estado. A deputada de ERC chamou a atención para o aumento do gasto militar con compras de novo armamento nun momento en que a xestión da crise debía ter sido prioritaria, e indicou que este tipo de accións, xunto coa “xestión tardía e descoordenada”, sen ter en conta quen xestionaba os sistemas de saúde en cada comunidade, mostran “a esencia do rexime do 78”. Ademais, lembrou Rosique que a pandemia de Covid-19 non fai desaparecer o conflito político entre Cataluña e o Estado, que os presos políticos continúan nas cadeas e que a mesa de diálogo que se tiña finalmente acordado para desbloquear a lexislatura aínda non se materializou.

A terceira intervención foi a de Albert Botran, que abriu o campo de análise indicando que esta pandemia exibie “as contradicións do sistema capitalista”. Botran destacou, en particular, que as políticas dos últimos anos non só se centraron en privatizar os servizos públicos, como tamén en desindustrializar os países do primeiro mundo. Isto, lembrou, dificultou que o Estado puidese facer fronte ás necesidades de máscaras e outros equipamentos médicos. Ademais, o deputado da CUP chamou a atención para o enorme “peso que ten a oligarquía nas decisións que se tomaron”. Segundo el, a dependencia do goberno dos grupos de presión retardou o decreto de confinamento e o peche de fábricas e centros de traballo, e fixo que a medida durase “escasamente quince días”. Por último, Botran fixo referencia aos abusos policiais lembrando que “non só é grave que se produzan; o máis grave é que o ministerio non lles dea importancia e diga descoñecelos”. Fronte a isto, o deputado catalán lembrou que a pandemia pode servir para dar unha nova valoración aos servizos públicos e tamén aos traballos relacionados cos coidados, “historicamente invisibilizados”.

Despois de Botran foi a vez de Laura Borràs, a portavoz de Junts per Catalunya no Congreso, que abriu a súa intervención criticando a política de “ordeno y mando” do goberno e a súa incapacidade para acordar coas comunidades as políticas para enfrontar a pandemia. Nese sentido, lembrou que o presidente da Generalitat, Quim Torra, pediu unha serie de actuacións do Estado que nunca se produciron e que, en cambio, o papel do goberno foi recentralizar unhas competencias que levaba “sen asumir, no caso catalán, 40 anos”. “Cren tan pouco no estado das autonomías que así que poden suspéndeno”, sentenciou. Borràs criticou o que chamou un “155 sanitario” e reflexionou sobre a propaganda do goberno a respecto dos chamamentos á unidade, que considerou ocos.

A quenda inicial de intervencións terminou con as palabras de Néstor Rego, que apostilou ás críticas de descoordenación e tardanza o feito de que o goberno se teña conducido en todo momento por criterios políticos e non técnicos. Lembrou Rego a negativa a confinar Madrid como principal foco, centrifugando o impacto por todo o Estado malia os chamados das diferentes forzas a evitalo. Ademais, o deputado galego lanzou unha reflexión a respecto de que o Estado de alarma non é unha fórmula en si, e que pode haber confinamento e limitacións sen necesidade de militarizar e recentralizar todo. Rego tamén criticou a propaganda do goberno e lembrou que os anuncios de que non habería despedimentos ou de que as empresas con sedes en paraísos fiscais non poderán beneficiarse das axudas do goberno son falsos. “Só catro empresas do IBEX-35 non teñen filiais en paraísos fiscais, pero o decreto só fala dos casos de empresas cuxa sede fiscal principal estea neses paraísos, non do resto”. “Non queremos unha nova normalidade que signifique dependencia, espolio, drenaxe do aforro e emigración”, sentenciou. Por último, o deputado do BNG no Congreso anunciou que, sen acreditar na chamada Mesa de Reconstrución, o BNG usaraa para evidenciar uns discursos do goberno central que, “detrás das apariencias, son máis do mesmo” .

Renda básica

A coincidencia de análise deu paso a algunhas diferenzas de enfoque na quenda de preguntas da audiencia. Sobre a renda básica, primeira das perguntas, as deputadas basca e catalás mostráronse a favor, chamando a atención, en todo caso, para a situación concreta de cada un dos territorios e avanzando que o Estado pode querer converter isto nun mecanismo para marcar políticas das comunidades autónomas a través da financiación deste tipo de programas. O deputado da CUP, Albert Botran, valorou que, nun momento en que o traballo non asegura xa o acceso a condicións de vida dignas, unha renda mínima universal pode servir para garantir os mínimos vitais. Quen se desmarcou de maneira máis clara foi o deputado do BNG, que indicou que “o que mellor garante unha vida digna é un emprego digno e estábel” e que por iso o seu grupo defende “un salario de inserción laboral”, que vaia alén de “sistemas que, como a RISGA, no fondo son moi precarios”.

Cronificación do centralismo e UE

Sobre as posibilidades de que posíbeis rebrotes do Covid-19 veñan a cronificar a recentralización no Estado, todas as participantes coincidiron en sinalar que o Estado necesita poucas escusas para optar por esa vía, a pesar de reivindicar o seu goberno como “o máis dialogante ou máis progresista”.

Tamén houbo coincidencia en considerar que as autoridades europeas reaccionaron tarde, mais non tanto na análise da situación. Mentres que Laura Borràs eloxiou a aposta pola participación e polos medios telemáticos de Bruselas, o resto considerou que esta crise evidenciou que “un clube de Estados non serve”, en palabras de Rosique.

Eleccións bascas e galegas

Houbo tamén tempo para pedir a Mertxe Aizpurua e Néstor Rego unha reflexión sobre as eleccións bascas e galegas. Para a deputada de EH Bildu, a posición do goberno basco demostra que os “cálculos interesados do lehendakari están por diante da realidade”. Pola súa parte, Néstor Rego criticou a “irresponsabilidade absoluta” de convocar unhas eleccións cunha pandemia sen controlar”, pero fixo tamén unha crítica ao PSOE e Podemos, “que critican a medida de Feijóo, pero foron os que permitiron esta situación incluindo a posibilidade no seu decreto de desconfinamento”.

O autor

Óscar Valadares

Óscar Valadares

Silheda, 1984. Analista internacional OSINT. Portavoz nacional de Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.

Alianzas e fracasos

Héctor Tejón

“El estado de alarma será declarado por el Gobierno mediante decreto acordado en Consejo de Ministros por un plazo máximo de quince días, dando cuenta al Congreso de los Diputados, reunido inmediatamente al efecto y sin cuya autorización no podrá ser prorrogado dicho plazo. El decreto determinará el ámbito territorial a que se extienden los efectos de la declaración.” (art.116, Constitución Española 1978)

A historia de España atópase trufada de fracasos, guerras fratricidas e un trauma imperialista do que a dereita e a esquerda do estado (no seu ADN grávase a lume o racismo e a superioridade colonial) non souberon superar. O que podería resultar algo fóra de foco ou improcedente, vén de cobrar rabiosa actualidade nos últimos tempos pandémicos e de incerteza política. Poderíamos poñer noso mirar nas teorizacións filosóficas sobre a seguridade, o control dos corpos e dos espazos, a liberdade en suspenso e case que secuenciada, a violación da intimidade vía securitización vídeo-vixiante ou a sobrecarga de tarefas (laborais, de coidados e privado-domésticas) que volven cebarse (se é que algunha vez deixou de ser así) sobre o suxeito muller. Por non falar da invisibilización nos discursos e na vida pública dos corpos vulnerábeis e dependentes ós ollos da hexemonía capacitista.

Mais o caso español, ten a súa propia traxectoria. Unha que xurde da negación do outro, da homoxeneización centrípeto castela-mesetaria de todo aquilo que agroma alén da significación patria española (ese significante de corte conservador, reaccionario e reduccionista, por moito que aprendices de Laclau teimen no contrario). Ese gran outro encarna na súa xénese, a ameaza a unha orde democrática e política de corte represivo na súa identidade e austericida na execución das súas políticas centralistas, lonxe da especificidade e necesidade real do que poderíamos chamar o “cinto periférico destituínte”.

Desde a Galiza, pasando por Euskal Herria para finalizar nos Països Catalans. Os recentes tempos ensinan a cara real das forzas políticas españolas (é terríbel, pero o oxímoro “esquerda española” cobrou toda a súa realidade vestido de centralismo e policiarización) máis preocupadas na orde marcial de Estado que de tecer políticas da cooperación, coordinación, a escoita e o respecto da soberanía (en casos coma o galego, escasamente conseguida).

Tampouco debería sorprender, xa que a forma do Leviatán español xurde coma peche en falso e negacionista das realidades políticas , culturais e históricas que forman o que poderíamos definir coma Estado fallido español. Onde o “señor da guerra” viste traxe e garabata nos corredores dunha UE, brazo executor das políticas financeiras especuladoras e depredadoras, que nunca funcionou de facto coma proxecto solidario (basta observar o tratamento ás refuxiadas) se non coma mecanismo supranacional garante do neoliberalismo mais atroz.

E nesta pantanosa realidade de sanidade superada por recortes de gobernos do Tánatos e a eficiencia a calquera prezo. Da clausura do status quo da capital asociada ao monopolio da violencia e ó imperio da lei (asimétrica e de clase). Semella agromar un tecer en rede das nacionalidades amordazadas e pisadas en nome dun sentido de país español máis imperial que popular. Mais monárquico que republicano. Mais capitalista que comunitario. Tan machista coma policial. Tan alleo coma financeiro. A xenealoxía foucaltiana por antonomasia de esa España que nos brazos dun goberno falsamente progresista e altamente patriota, belicista (a primeira guerra da historia contra unha entidade sen corpo) e autoritario-centralista.

Lémbranos a diario que a contradición non é axudar a reformar o irreformable se non sentarse a xogar unha política de Estado contumaz, capacitista e competitiva cando o xogo sempre estivo adulterado e a derrota garantida.

E nese traumático tránsito son as alianzas e redes da necesidade, a carencia e as cartografías disidentes as que se abren paso para facerse donas dunha autonomía acotío ameazada. Liberar un pensar estigmatizado. Dar contido emancipador a un futuro vitalmente incerto. Mudar a realidade, que de distopía xa non ten nada…

O autor

Héctor Tejón

Héctor Tejón

A Coruña, 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Desenvolveu gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na Facultade de Socioloxía da Coruña. É co-autor do libro La Siniestrabilidad Vial: Un problema desconocido e artigos en diversas publicacións electrónicas.

Deixe um comentário