Responsabilidade e xustiza

María Lois

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Os resultados electorais do pasado 18 de outubro de 2020 en Bolivia confirmaban de forma contundente ao Movimiento al Socialismo-Instrumento para la Soberanía de los Pueblos (MAS-IPSP) como opción política para reconstruír o que o ex-presidente Eduardo Rodríguez Veltzé denominou “a interrupción do período máis longo da democracia en Bolivia”. A participación electoral dun 88% e o apoio electoral do 55% ao MAS reabrían un período democrático onde o descoñecemento ás normas de sucesión constitucionalmente vixentes e a os Dereitos Humanos no país deixarían de formar parte do escenario político.

Con todo, tras cinco meses de goberno presidido por Luís Arce, a detención preventiva da ex presidenta do goberno de facto, Jeanine Áñez e dous dos seus ex ministros baixo cargos de conspiración, sedición e terrorismo, e as súas denuncias de “persecución política” e de “regreso dos estilos da ditadura” colocaron a Bolivia nun anfiteatro onde parecería máis importante xerar sombras sobre os 14 anos de goberno do ex presidente Evo Morales e os 5 meses do presidente Luís Arce, que sobre os 11 meses do goberno non constitucional presidido por Áñez. A pesar de que a Comisión Interamericana de Derechos Humanos (CIDH) rexeitou a solicitude de medidas cautelares de protección solicitadas por Áñez, e a que unha misión do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos de Naciones Unidas supervisa a súa atención médica, varios gobernos da rexión e organizacións internacionais pronunciáronse respecto da situación, indo desde a cualificación de “irrazonabilidade” da detención emitida polo presidente de Brasil, á preocupación polas garantías legais e a transparencia do proceso expresada por Naciones Unidas ou a Unión Europea. O secretario de Estado dos Estados Unidos, Anthony Blinken, ía un paso máis aló, demandando nun comunicado a “liberación dos detidos”; a Organización de Estados Americanos (OEA), pola súa banda, tamén se sumaba ao pedido de liberación desde a valoración do sistema xudicial boliviano como falto de condicións para o proceso, e da enumeración dunha serie de encomendas para a xustiza no país.

“De novo unha cuestión boliviana sitúa á rexión e ás organizacións internacionais ante o seu espello. Atentar contra a democracia require respostas, e garantías para a non repetición.”

Estas dúas últimas declaracións foron respondidas pola Cancillería boliviana, cualificándoas de “desafortunada inxerencia”. Pola súa banda, a Cámara de Senadores aprobaba unha declaración respecto da OEA no mesmo sentido, e o presidente do Observatorio da Democracia do Mercosur acusaba o presidente da organización, Luís Almagro, de “pretender inmiscuirse desembozadamente na situación política de Bolivia”. O presidente de México, López Obrador, posicionábase na mesma liña. De feito, o goberno boliviano estuda a posibilidade de emprender accións legais nas instancias que correspondan contra o seu presidente, Luís Almagro, en función das “persistentes inxerencias e irresponsabilidades” da organización retomando o seu papel nas eleccións de outubro de 2019, onde a emisión dun informe preliminar amplamente cuestionado, construído a partir de proxeccións estatísticas que borraban calquera posibilidade de credibilidade dos datos oficiais finais, e que non formaba parte dos acordos entre o país e a organización, incendiou o xa polarizado escenario electoral. A capacidade da OEA de atizar as diferenzas políticas e o conflito no contexto boliviano é realmente digna de recensión.

En todo caso, de novo unha cuestión boliviana sitúa á rexión e ás organizacións internacionais ante o seu espello. Atentar contra a democracia require respostas, e garantías para a non repetición. Certamente, os mecanismos da xustiza restaurativa poden ser legalmente complexos. Pero o sistema xudicial descualificado é o mesmo sistema onde transcorreron os últimos anos da historia do país.

Doutra banda, os Dereitos Humanos son elemento crave para comprender calquera escenario político, non son prerrogativas dun grupo político ou de particulares. A ONU e a CIDH xa emitiron os seus informes sobre a violación destes durante o goberno de Áñez. A responsabilidade colectiva da que falaba Hanna Arendt no libro cuxo título reproducimos, forma parte dos camiños desde onde disputar a impunidade das responsabilidades políticas e sobre a que construír a reconciliación do país.

Madrid, marzo 2021.

A autora

María Lois

María Lois

Vigo, 1970. Doutora en Ciencias Políticas pola Universidad Complutense de Madrid, docente e investigadora na área da Xeografía Política, a Xeopolítica e a Xeografía Cultural. É coordinadora do Comité de Investigación en Xeografía Política e Cultural (RC15) da Asociación Internacional de Ciencia Política (IPSA-AISP). Formou parte do Grupo de Investigación Globalización e Movementos Sociais-GMS (2005-2006), e na actualidade participa en PO-LARTS (The Politics and The Arts), Standing Group de la ECPR (European Consortium of Political Science) e no Grupo de Investigación Espazo e Poder (UCM), que publica a revista Geopolítica(s), da que é subdirectora. Entre as súas publicacións recentes están: "The Politics of Border Heritage: EU Cross-Border Cooperation as Scalar Politics in the Spanish-Portuguese Border" ; e Construir Galicia(s): lugar, elecciones y política nacionalista (2015).

Deixe um comentário

Deixe um comentário