8M: Un encontro afortunado ou un desafío ao status quo?
Ximena González
O feminismo emerxe como colosal significante colectivo capaz de aglutinar grandes masas e mobilizalas en torno non a unha reivindicación concreta senón a un programa político que procura mudalo todo.
Tras a enorme demostración de forza e organización do movemento feminista xorden nos poderes públicos e na sociedade dúas preguntas, por un lado hai quen sinala o relato colocado na opinión pública preguntando a quen se apela nos manifestos/declaracións e por outro buscando responder a que pasa tras un día histórico.
A confusión é comprensíbel pois non existe unha única reivindicación nin o conxunto delas apuntan nunha soa dirección ou solución. O feminismo lanzou un desafío político con poucos precedentes: dirixirse á sociedade, ao ámbito do persoal e íntimo e ás institucións a un tempo e desde diferentes voces e propostas. “Difusa”, “confusa”, “inintelixíbel”, “sen concreción” ou “peculiar” son só algúns dos adxectivos que se teñen dirixido á proposta política que os feminismos puxeron enriba da mesa na xornada do 8M, semella existir un acordo sobre o desconcerto ante tal cantidade de reivindicacións colocadas a un tempo na axenda pública. Mais é precisamente esta metodoloxía do movemento feminista a que permitiu o éxito das mobilizacións históricas que vivimos ao longo de todo o planeta.
O feminismo lanzou un desafío político con poucos precedentes: dirixirse á sociedade, ao ámbito do persoal e íntimo e ás institucións a un tempo e desde diferentes voces e propostas.
Convocar unha folga de coidados, laboral e de consumo (sumando os paros estudantís) significou igualar en importancia e ampliar as demandas de tal xeito que mulleres moi diversas atopasen o seu espazo e reivindicacións nas que sentirse representadas. Así desde o feminismo máis radical até o máis “igualitarista” foron quen de establecer unha axenda común integradora na que todas as perspectivas tivesen cabida.
O éxito das mobilizacións como resultado desta metodoloxía é tan grande como a incógnita sobre como se desenvolverán no futuro tal amalgama de intereses encontrados. Que posicións conseguirán maior consenso no seo do movemento feminista, se a impugnación completa do sistema ou a aposta por mellorar as condicións de vida das mulleres dentro del poderán manter algún tipo de axenda coincidente no futuro e durante tempo.
Hoxe o feminismo que apunta a desmontar a estrutura que sustenta o sistema para reconstruila coa vida no centro das políticas, analiza con prudencia o éxito das mobilizacións pois é consciente do difícil que resulta transformar a sociedade e aos seus individuos e construír outras formas de relacionarnos. Cando os medios de comunicación do sistema difunden e apoian, como fixeron coa folga deste 8 de marzo, as alarmas permanecen accesas para evitar a instrumentalización ou desviación das propostas políticas. A euforia é pois, contida.
Cando os medios de comunicación do sistema difunden e apoian como fixeron coa folga deste 8 de marzo as alarmas permanecen acesas para evitar a instrumentalización ou desviación das propostas políticas.
Mentres o feminismo que aposta todo á vía institucional pide mesas de negociación ou pactos de partidos para avanzar nos remendos do sistema confiado no modo de funcionamento do sistema; isto é, repartir certas vitorias sociais mentres non se cuestione o modelo económico no que se sustentan.
Así as cousas, aínda está por saber en que dirección nos levará a xornada histórica do 8 de marzo, se ficará para sempre na memoria como o día en que os feminismos foron quen de mobilizarse colectivamente deixando á marxe as súas discrepancias ou se o encontro é máis profundo e conseguirá consolidar un antes e un despois.
O debate que vén será do máis interesante.
Ximena González
Activista social e membro da Marcha Mundial das Mulleres. Co-editora de adiante.gal e socia promotora de Adiante S. Coop Galega.