Tres poemas

06/11/2018
Antoinette Cosway
Antoinette Cosway

Non hai argazo que poida poñer freo a miña liberdade.

Ver perfil

Loucura

Un presentimento de loucura visitándome
os meus brazos erguéndose
querendo atrapar a cordura.

A miña dor tornándose en ondas
praias de area fina
nun murmurio de paxaros que espertan da noite.

O meu corpo abaneado por correntes silandeiras
buscando refuxio nos peiraos das túas mans.

Foxe do tempo

Foxe do tempo
levedade da caricia
ingratitude aloumiñando os días
asubío das buguinas acendendo a noite.

Foxe do tempo
murmurio doce
gravidade peneirada crebando fiestras.

Foxe.

Ceibe

Prendiches a luz do verdadeiro.
Entre as sombras da ingratitude
aloumiñaches paxaros
para que nun tempo vindeiro voasen sen cadeas.

Vin a mentira do amor que mata
descifrei os códigos da soidade non compartida
quixen crear algo novo
onde o amor fose refuxio e caricia.

Mergullei cara o fondo da memoria
Pouco a pouco puiden entendelo todo.

Xa non hai cadeas, nai,
xa voo ceibe na vida.

A Coruña, outono 2018