Filosofía ou bruxería?

01/04/2019
Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach

Licenciado en Filosofía e diplomado en Educación Básica (mestre) pola Universidade de Santiago, traballei durante máis de vinte anos en…

Ver perfil

No ano 1968 veu a luz en Estados Unidos un libro que fascinou a xeracións enteiras de mozos e mozas: Las enseñanzas de Don Juan (Fondo de Cultura Económica), un volume mítico no que o seu autor, Carlos Castaneda (1925-1998 ), que o 23 de abril fará 21 anos do seu falecemento, relata a súa iniciación e aprendizaxe á bruxería, unha experiencia que foi acollida cun enorme entusiasmo pola mundo da contracultura e da psicodelía dos últimos anos sesenta e nos primeiros da década seguinte. O traballo non se puxo á venta nas librarías españolas ata 1974.

Para poder establecer algunha forma de relación entre filosofía e bruxería temos que lembrar primeiro que a “filosofía” naceu coma unha práctica. De feito, estoicos, cínicos e epicúreos crearon escolas para vivir a filosofía en común e aprender xuntos o que era e é importante (o que importa). Mais non naceu coma especulación ou construción dun sistema teórico, senón coma transformación dun mesmo mediante o dialogo, a meditación, a contemplación, o retiro…

Mais que é o que nos ensina Don Juan? O camiño do guerreiro. E en que consiste este camiño? Na interminable aprendizaxe dunha “vida impecable”, unha vida vivida deliberadamente nun mundo que é á vez atroz, espléndido e misterioso. Así pois, a filosofía como experiencia vital deserta das universidades, das facultades, das academias e “reaparece polo lado dos bruxos”.

A sabedoría de Don Juan non é discursiva, senón vital e encarnada. Ensina regras de conduta para levar unha vida “forte e clara” no medio dunha realidade que nos debilita, nos dispersa e nos bloquea. É unha “arte de prestar atención”. Segundo Don Juan, o “guerreiro” non e un soldado en ningunha guerra, senón alguén que se pelexa a cada momento e en cada xesto por manterse impecable contra as forzas que queren arruinar calquera exercicio de autonomía; atención, percepción ou sentido.

É unha “arte de prestar atención”. Segundo Don Juan, o “guerreiro” non e un soldado en ningunha guerra, senón alguén que se pelexa a cada momento e en cada xesto por manterse impecable contra as forzas que queren arruinar calquera exercicio de autonomía.

O primeiro desafío que se lle formula a un guerreiro en camiño é aprender a «parar o mundo e ver». O mundo, explícalle Don Juan a un Castaneda sempre perplexo, só é unha «descrición» que nos contamos uns aos outros dende que nacemos até que morremos. Os que se adhiren á versión normal da realidade convértense en “membros” da sociedade. Esta versión vólvese sólida coma unha pedra. O seu lema é: “as cousas son así”.

O guerreiro ten que cambiar a súa idea do mundo, darse a se mesmo outra percepción, aprender unha nova descrición das cousas. Castaneda deféndese, pois ten un medo atroz a “perderse” se deixa de crer no relato dominante, establecido. Don Juan é un mestre tenro, pero ao mesmo tempo implacable, desalmado. Castiga a Castaneda a través da maxia e do humor. Búrlase da torpe fidelidade do seu alumno cara ao que só é unha “versión” da realidade. A risa coma un exercicio espiritual. E dille: «non só o mundo é unha descrición que nos facemos: nós, tamén a somos».

Pasamos o tempo contándonos uns aos outros o conto de quen somos. Presupoñémonos. Dámonos por feitos e confirmámonos uns aos outros. As nosas vidas vólvense demasiado previsibles: “eu son así”, “aquel outro é dese xeito” e así case sempre. Deste modo o que facemos é espremer o mundo, cánsannos as nosas relacións e aburrímonos mortalmente.

Nesa mesma dirección, estamos constantemente buscando recoñecemento, pero deste xeito o que logramos é quedar presos dos “ollos dos demais”. Porque ese (gústame) só nos é concedido ao prezo de “fixármonos” nunha identidade, de “encadrármonos”, que estamos obrigados a reproducir unha e outra vez…Desde este punto de vista, a fama, o aprecio, é a cadea máis severa. A busca do aplauso esíxenos repetir case sempre o mesmo xesto: “faino outra vez”. Esa fixeza aínda nos debilita moito máis.

Por ese motivo, Don Juan invita a Castaneda a «borrar o seu historial, a súa historia persoal». E entón dille: «deste modo ninguén te amarra cos seus pensamentos». A tarefa entón é: non presupoñer ou idealizar os outros, non nos deixemos presupoñer ou idealizar. Non dar por feitos os que nos rodean, non darnos por feito a nós mesmos. Manternos alerta e sempre dispostos a renovar a mirada sobre os outros cando sexa necesario. O guerreiro é o que debe manterse «libre, fluído e imprevisible». Non se aferra á seguridade dunha identidade.

Don Juan invita a Castaneda a borrar o seu historial, manterse libre, fluído e imprevisible.

Borrar a historia persoal é a arte de «pórse ao alcance e fóra del». De estar aí e á vez de deixar espazo. A néboa que xeramos ao noso derredor non está tecida de mentiras, nin serve á traizón, senón que abriga a liberdade de fluír e de cambiar, de ser e non ser, de aparecer e desaparecer: «É unha estratexia de anonimatos». Cando a meiga Catalina ataca a Castaneda, Don Juan chega á conclusión de que o ataca cando se move sen pensar, cando está só a medias no que anda, cando nada entre dúas augas. Se vai (Castaneda) a unha festa só é para “matar” o tempo: aí en onde o está esperando a meiga. Pásalle o mesmo cando actúa nervioso, distraído ou por convención social. Sofre os ataques cando se atopa débil, cando se comporta como unha vítima.

E é nesa situación cando Don Juan lle comenta: «Todo che ofende e te inquieta. Berras, quéixaste e sentes que todo o mundo faiche bailar ao seu son. Es coma unha folla a mercé do vento. Non hai poder na túa vida». A vítima compadécese. Láiase. Indígnase. É un obxecto da fatalidade. Ten o seu centro de gravidade fóra de si. Libra batallas de descoñecidos. Pero unha vida impecable pasa xusto polo lado contrario. Trátase de estar plenamente alí onde se está. De decidir a partir do que sentimos e responsabilizarnos do que queremos. Un acto non é impecable porque consiga os seus obxectivos ou logre resultados.

Na estratexia do guerreiro non contan as vitorias ni as derrotas, os éxitos e os fracasos, só «a natureza das accións. O acto impecable leva en si mesmo a súa propia recompensa». Gañamos poder persoal cada vez que actuamos sen torpeza. Mais ese poder non é algo que se posúa ou que se exerza sobre outros. É mais ben un sentimento, un estado de ánimo, un lume interior, unha disposición «á boa sorte». O guerreiro contrólase e abandónase. É un cazador: todo o calcula, pero unha vez terminados os cálculos, actúa: «Déixase ir, iso é o abandono».

Na estratexia do guerreiro non contan as vitorias ni as derrotas, os éxitos e os fracasos, só «a natureza das accións. O acto impecable leva en si mesmo a súa propia recompensa».

Como nos tomamos moi en serio, como nos cremos “ser alguén”, andamos irritados con todo: “eu merézome máis”, “eu vallo máis”… Darnos tanta importancia debilítanos. Don Juan dille a Castaneda: «Mentres te sintas o máis importante do mundo, non podes apreciar o mundo que te arrodea. Es coma un cabalo con anteolleiras: nada máis te ves a ti mesmo, alleo a todos os demais. Como pode un darse tan importancia sabendo que a morte o está axexando?».

Mais vivimos coma se a morte non nos fose a tocar nunca. Por unha parte, o noso desexo de inmortalidade tradúcese na idea de que a “vida boa” pasa por amasar cousas e experiencias, o que nos leva a ir correndo dun sitio para outro, sen pararnos nunca… Por outra banda, o vivir coma inmortais lévanos a actuar coma se tivésemos todo o tempo do mundo por diante, a pensar que sempre se pode rectificar, a non asumir as consecuencias dos nosos actos, a deixalos para máis adiante… Isto é o que se chama tecnoloxía punta da falta de coraxe.
.

Boiro, 1 de abril.

1 comentario en “Filosofía ou bruxería?”

  1. Castaneda foi um enganaparvos con éxito, o precursor desse fume chamado New Age. Um farsante hipersobrevaloriçado juntaletras sem mérito. O JL de MundoDesconocido tem mais credito ca el. Psicologia e antropologia de 4 pessetas. Um bluff pseudointekectual para ler por gente amante de “sustancias”…

Os comentarios están pechados.