O debate sobre a prostitución

O debate sobre a prostitución

A escravitude do século XXI

Rocío Ovalle

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

As mulleres non nacemos para ser obxectos, mecanismos de satisfacción de fantasías, prostitutas dun mundo pervertido e perverso.

En España, 300.000 exercen a diario a prostitución, a maioría delas son mulleres migrantes de máis de 40 años. Lonxe dos estereotipos de mulleres de mala vida que nos vendeu o cine ou de persoas que ven nisto a vía fácil para saír adiante, como moitas persoas adoitan pensar, a prostitución é, case sempre, unha porta de emerxencia, a última opción para intentar buscar, non xa un futuro mellor, senón simplemente un presente. Para traer aos fillos con elas. Para enviar diñeiro ás súas casas. Para sobrevivir nun sistema migratorio que aboca as persoas en situación irregular a traballar en negro.

Pero non, a prostitución non é un traballo: é a escravitude do século XXI. Unha auténtica aberración na era dos Dereitos Humanos. O neoliberalismo, que busca vender todo o que pode, aliouse co patriarcado para someter as mulleres á lei da oferta e da demanda. Só así se entende que a compra-venda de órganos sexa vista como unha actividade deplorable, mentres que a prostitución ou o aluguer de úteros e corpos enteiros para obter un produto-bebé sexan actividades máis ou menos aceptadas na sociedade e integradas no debate político, ata o punto de que incluso haxa propostas de regulación das mesmas. Hai nos nosos días un discurso que lexitima a prostitución e a xestación subrogada como intercambios libres, como tamén hai unha sexualización das mulleres ata niveis inéditos; unha sociedade enferma que presenta ás mulleres como obxectos de desexo, corpos sen cabeza, presas de manadas de homes enfermos.

“Coñecín moitas mulleres na India rural, que me contaron como as súas familias as venderan por uns irrisorios 100 euros, ou as empuxaran a migrar para enviar cartos á casa, malia que sabían o que iso supón”

A realidade non ten que ver en absoluto coa liberdade, mesmo cando, a nivel individual, aparentemente, haxa causas máis ou menos persoais que empuxen a algunhas mulleres a migrar ou a buscar unha saída á súa situación en clubs de alterne. Hai un sistema que empuxa as mulleres a un destino dirixido desde o principio ata o final. A industria do sexo conta cunha macroestrutura internacional que a ampara e a promove, creando, por exemplo, auténticos pesadelos para as mulleres e as nenas de países en vías de desenvolvemento e pouco industrializados, como Tailandia, que ven na súa explotación sexual unha vía de promoción económica. Ou na India, o país do mundo onde as mulleres teñen máis risco de ser vítimas de trata. En termos económicos, a prostitución non é precisamente un tema menor. A nivel mundial, é o negocio máis lucrativo despois do tráfico de armas.

Bruxelas, no barrio vermello. Fotografías de Rocío Ovalle.

Exportar mulleres é sinónimo dun aumento do PIB a través das remesas. Pero exportar é expulsar; expulsar ás mulleres das súas familias, das súas casas, da súa cultura. Da súa vida, ao fin. Porque pasar a mans das redes de trata, estar sometidas a violacións, vexacións e extorsións para que día a día continúen prostituíndose, é case como estar mortas en vida. Coñecín moitas mulleres na India rural, que me contaron como as súas familias as venderan por uns irrisorios 100 euros, ou as empuxaran a migrar para enviar cartos á casa, malia que sabían o que iso supón; mulleres secuestradas, obrigadas a disfrazarse e emborracharse para ser capaces de facer fronte a unha nova xornada; nenas que con 12 anos atenden a unha media de catro homes ao día; mulleres maltratadas, queimadas con cabichas, drogadas, violadas, contaxiadas das máis diversas enfermidades. Supervivintes.

Unha realidade, pese á distancia, moi semellante á que contan as mulleres migrantes do barrio vermello de Bruxelas, onde a prostitución é legal, e onde están obrigadas a exhibirse en groseiros escaparates que reflicten a ignominia duns homes mórbidos. En España a prostitución está nunha situación de alegalidade, o caldo de cultivo para auténticas barbaridades que chegan ao asasinato, segundo denuncian algunhas testemuñas. De cote os familiares son a única motivación destas mulleres para volver á rúa ou, no peor dos casos, aos prostíbulos, cidades sen lei onde están á mercé dos proxenetas.

Non hai que pecar de inocencia: a meirande parte das mulleres saben cal é o seu destino; o que non imaxinan é o que atopan unha vez aquí, as condicións do traballo, as xornadas interminables cun cliente tras outro, a débeda contraída que non para de medrar, os movementos limitados, o pasaporte requisado, a súa familia ameazada.

A explotación da muller, a súa trata e a prostitución son violencia de xénero. Legalizar a prostitución sería sinónimo de lexitimala, de asumir a tese de que está ben que haxa homes que paguen por ter sexo porque non se poden reprimir. 

A industria do sexo non se pode separar da pornografía, que utiliza en moitos casos a mulleres prostituídas e que senta as bases dunha percepción errónea do que é unha relación sexual e afectiva saudable. Hoxe en días as primeiras experiencias sexuais veñen dunha pantalla e isto condiciona a sexualidade das persoas. Liberdade sexual non é decidir libremente se alguén vende o seu corpo a cambio de diñeiro, senón todo o contrario: liberdade sexual é ter relacións íntimas en situación de igualdade. A explotación da muller, a súa trata e a prostitución son violencia de xénero. Legalizar a prostitución sería sinónimo de lexitimala, de asumir a tese de que está ben que haxa homes que paguen por ter sexo porque non se poden reprimir, que é unha vía de escape necesaria. Esa tese é contraria ao que nos di a experiencia noutros países. Suecia, Noruega ou Canadá así o entenden e a través da súa lexislación castigan aos consumidores e aos proxenetas, unha medida que ten a capacidade de sensibilizar aos homes moito máis que centos de campañas de comunicación.

Lin estes días nas redes sociais que loitar polos dereitos das traballadoras do sexo é similar a loitar polos dereitos dos nenos e nenas que traballan: non se pode xustificar a violación dos Dereitos Humanos. Se teñen que existir sindicatos que representen a estes colectivos, a súa misión debería ser, ao fin, a súa propia desaparición. Porque o dereito ao traballo nunca pode estar por riba da dignidade das persoas.

Compostela, 14 de setembro

Rocío Ovalle

Rocío Ovalle

Xornalista e comunicadora especializada en acción social, cooperación, xénero e cultura. Como freelance colaborou en El Mundo, El País, eldiario.es e nas revistas GEO e Luzes, entre outros medios, e traballou en radio e prensa. Foi coordinadora de comunicación na India na Fundación Vicente Ferrer e actualmente coordina a delegación dunha ONG. Recibiu Mención de Honra no I Premio de Xornalismo Xove sobre Violencia de Xénero, outorgado polo INJUVE (Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade).

A fábrica de putas

Un relato sobre experiencias da activista Amelia Tiganus e máis unha entrevista con ela sobre a prostitución e o debate sobre a súa abolición.

feminismos, prostitución, trata, explotación sexual

Nin voluntarias nin libres nin felices

Os discursos abolicionistas da prostitución conflúen na xornada contra a trata con achegas desde as vítimas, a academia e o ámbito xudicial e da saúde.

Deixe um comentário

Deixe um comentário