A fabulosa colleita do 68

Gonzalo Trasbach

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Algúns pensan e afirman que o espírito da década dos 60 revelouse, polo menos no que atinxe ao eido musical, no ano 1968. E non esquezamos que todo o malestar que latexaba debaixo do intenso hedonismo que se respiraba e mesmo se vivía naquela época, xurdiu á superficie e plasmouse no chamado Maio do 68, aquel movemento que irrompeu en case todo o mundo occidental, pero que tivo unha repercusión e dimensión máis sísmica en Francia, onde acabou coa presidencia da V República, aínda que tamén fixo os seus estragos noutros países do continente europeo. Nos USA, a guerra de Vietnam lanzou a toda a mocidade a protestar nas rúas.

Teña sido como fose, o certo é que neste ano que está a un palmo de baixar a persiana van cincuenta da publicación de discos extraordinarios e míticos, ademais de que no seu transcurso rexistráronse algúns sobresaíntes debuts, sobre todo no apartado feminino. Entre as estreas, podemos nomear a aparición na escena internacional do norirlandés Van Morrison, que se presentou con Astral Weeks, talvez a xoia da coroa da súa ampla e fabulosa discografía. Pero nun panorama musical de claro dominio masculino, xurdiron con enorme forza varias mulleres. Neste punto, destacaron os discos da inglesa Dusty Springfield e as americanas Joni Mitchel, Nancy Sinatra, Diana Ross, Dolly Parton, Joan Baez e unha Janis Joplin que gravou xemas como Piece of Heart. Nese mesmo ano, a recentemente falecida Aretha Franklin presentou un dos traballos que máis gloria lle deu: Lady Soul.

Neste capítulo, é de recibo subliñar o álbum Song To A Seagull, o traballo de Joni Mitchell, unha moza entón que, aínda que nacida en Canadá, se converteu nunha icona da cultura norteamericana con só vinte anos, cando comezou a cantar en pequenos locais, onde espertou interese pola súa voz, dotada dun variado rexistro de matices; pola súa técnica para tocar a guitarra, e as súas letras, dun potente nivel lírico. A portada do LP tamén o deseñou unha Mitchell que nunca renunciou á súa vertente como pintora.

‘Songs of Leonard Cohen’, de Cohen; ‘Song To A Seagull’, de Joni Mitchell; e ‘Super Session’, de Mike Bloomfield&Al Kooper+Stephen Stills. No cabeceiro, unha das imaxes do ‘Beggars Banquet’.

Nun panorama musical de claro dominio masculino, xurdiron con enorme forza varias mulleres: Dusty Springfield, Joni Mitchel, Nancy Sinatra, Diana Ross, Dolly Parton, Joan Baez, Janis Joplin e Aretha Franklin, que presentou ‘Lady Soul’ aquel ano.

De entre a longa nómina de discos daquela colleita que teñen resistido con boa saúde o paso do tempo, só imos falar duns cantos, pois nomealos todos é unha complicada tarefa. Un deles, único e irrepetible, é Super Session, de Mike Bloomfield&Al Kooper+Stephen Stills. Os dous primeiros coñecéronse durante a gravación de Highway 61 Revisited (Bob Dylan) e de inmediato comprenderon que poderían axuntar talentos formando un dúo. O disco estelar dos dous concibírono con Stills e titulárono Super Session porque estaba ideado coma unha jamsession, sesións musicais onde eles improvisaban cos seus instrumentos, nun exercicio gozoso e lúdico. Legáronnos unha auténtica pedra preciosa, a cal, aínda hoxe en día, se atopa á venda nas tendas. 

O 68 tamén foi o ano no que os Rolling Stones publicaron Let It Bleed e Beggars Banquet. A considerada obra cumio da discografía dos Stones veu a luz coincidindo coa segunda detención de Brian Jones por posesión de drogas. O cineasta francés Jean-Luc Godard recolleu todos os detalles da gravación para utilizalos como material na filmación da película One Plus One. No medio dunha turbulenta situación, os Rolling levantaron un dos seus mellores traballos, un disco borracho de blues e mesmo de country, cun tema que se converteu en bandeira de todo o álbum: Sympathy For The Devil, un monólogo inspirado na novela surrealista do ruso Mijail Bulgakov. Daquel curso data o último disco en vida de Jimi Hendrix: Electric Ladyland. Aínda que no 1969 se editou Smash Hits, este LP era unha recompilación dos singles do grupo, Electric é o derradeiro álbum en estudio dun Hendrix que apareceu morto un 18 de xullo de 1970, un mes e dez días despois da súa tortuosa actuación no festival da illa de Wight.

Daquel curso data o último disco en vida de Jimi Hendrix: ‘Electric Ladyland’. Os Rolling Stones publicaron ‘Let It Bleed’ e ‘Beggars Banquet’. E os Beatles puxeran nas tendas o ‘White Álbum’.

Jean-Luc Godard saúda a George Harrison en presenza de Mick Jagger, durante a grabación do documental ‘One Plus One’.

Naquel tempo tamén os Beatles puxeran nas tendas o White Álbum, un disco dobre, toda unha novidade naquela época, que funcionou como un laboratorio experimental de ideas e que se publicou o 23 de novembro. A meirande parte das cancións creáronse na India, onde estaban os catro compoñentes do grupo na compaña das súas respectivas donas, ademais de Donovan e Mia Farrow. En fin, dese ano é o eterno Dock of The Bay, unha canción do disco póstumo de Otis Redding e outra estrea inesquecíbel foi a de Leonard Cohen, o poeta e escritor de Montreal, falecido no mes de novembro do 2016. O canadense obtivo un rotundo recoñecemento con Songs of Leonard Cohen, disco que se editou en decembro do 67, pero que non chegou aquí ata o 68. Un disco que para captar na súa verdadeira atmosfera só hai que deixarse levar pola roda enfebrecida das horas, coa luz dos días e as cores das estacións. 

Boiro, 14 de novembro.

Gonzalo Trasbach

Gonzalo Trasbach

Licenciado en Filosofía e diplomado en Educación Básica (mestre) pola Universidade de Santiago, traballei durante máis de vinte anos en La Voz de Galicia, xornal co que aínda colaboro na edición do Barbanza cun artigo semanal. Agora exerzo basicamente de xubilado na miña vila, Boiro, onde vivo. Ocupo o meu tempo libre camiñando, nadando, lendo, escribindo, escoitando música e indo ao cine de vez en cando. Tamén achego algunha colaboración á revista dixital Café Barbantia. Son dos que penso que non só somos de onde nacemos ou pacemos, senón que tamén somos o que lemos, o que escoitamos, os cadros que contemplamos, as amizades que cultivamos...

Café Barbantia

Deixe um comentário

Deixe um comentário