A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Denuncian que a pista principal de acceso a un polígono eólico proxectado por Greenalia en Bande esfarelará unha fonte e un bidueiral ao pé da N-540.
adiante.gal | Bande, Celanova | 4 de outubro. A fonte resume o espírito da loita: é nosa, é auga, vén da terra que nos queren roubar, din na plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova, que estas semanas multiplica a súa actividade. Participou nunha palestra organizada o día 25 en Vilar de Santos polo SLG. Ese mesmo día, membros do colectivo recorreron a parroquia de Amoroce, en Celanova, “casa a casa”, para chamar ás veciñas a unha charla informativa que se celebrou na vella escola o sábado 2 de outubro e a que acudiron propietarios do comunal, moi preocupados pola presión das compañías eólicas (á que acaba de unirse a presión dunha empresa que promove centrais fotovoltaicas). Esa tarde, malia a chuvia, outro grupo iniciaba en Bande a colada de carteis da Marcha en Defensa do Monte Grande, prevista para o próximo 23 de outubro.
A plataforma decidiu opoñerse a varios proxectos nas comarcas de Celanova e a Baixa Limia. A finais de agosto xuntáronse en Bande e comezaron por organizar unha Marcha en Defensa da Casa da Neve, en Celanova. Celebrouse hai xusto un mes, o sábado 4 de setembro. O éxito da convocatoria, con numerosa veciñanza e participación de representantes políticos nacionalistas -entre eles, a deputada do BNG, Noa Presas-, serviu para animar as seguintes accións.
CONTRA A LAT DO XURÉS
A mediados de setembro recolleron as alegacións elaboradas por Petón do Lobo contra unha Liña de Alta Tensión que invadirá a Reserva da Biosfera Xurés-Gerês para dar servizo a dous futuros polígonos eólicos na mesma raia, no concello de Baltar, e difundíronas e rexistraron en varios concellos. A LAT do Xurés, como a bautizou a plataforma, é outra aberración da invasión eólica que agride o país.
A Liña de Alta Tensión atravesa a Reserva desde o apoio MIS -35 ata o final da traza. Esta Reserva da Biosfera é o único espazo natural protexido de carácter transnacional na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, advirte o escrito dos ecoloxistas de Petón do Lobo. “No relevo da Reserva destaca a presenza das serras cunha paisaxe montañosa característica que alcanza a súa cota máxima, por encima dos 1.500 metros, nos altos de Nevosa e Fontefría situado no núcleo central dos cumes da serra. Unha sucesión de serras, como a do Xurés, do Quinxo, Santa Eufemia, Pisco, Leboreiro, Mourela, Peneda, Soajo, Amarela ou a Serra de Pena de cuxas cumes baixan multitude de ríos que verten as súas augas ao río Caldo e Salas, afluentes do río Limia, que nos seus percorridos configuran unha espectacular paisaxe. Os vales profundos cortan a montaña descendendo ata preto dos trescentos cincuenta metros conducindo abundantes augas ao leito encaixado e de vertentes abruptas como é o río Limia”.
A LAT do Xurés entrou en tramitación como liña de evacuación dos proxectos Tramontana e Mistral -oito e sete aeroxeradores, respectivamente no linde do concello de Baltar con Portugal-. Ambos están promovidos pola compañía madrileña Four Winds Investco, “financiada por fundos de capital risco”, segundo informou o diario portugués Público.
A invasión eólica saltou a raia. Stop Eólicos Xurés-Celanova denunciou que as 15 máquinas previstas virían a completar unha liña desde Cualedro até Calvos de Randín con 73 aeroxeradores: os 49 xa operativos no Larouco, estes quince en Baltar, e nove máis en Cabeço Alto (Montalegre), tamén en funcionamento, que discorren en paralelo ao linde do Parque Natural do Xurés. Os novos muíños alcanzarán os 112 metros de altura até a turbina, e segundo o xornal luso, a Câmara de Montalegre e o Concello de Baltar estarían a falar para “fazer alguma pressão”. Deste lado, nada se sabe de xestión ningunha das Administracións Públicas para frear o que os promotores.
Mais a pelota está agora no tellado das institucións. Nas súas alegacións, Stop Eólicos Xurés-Celanova e Petón do Lobo piden que o Consello da Cultura Galega, a Dirección Xeral de Defensa do Monte, o Comité Científico da Reserva da Biosfera e a Xunta Reitora do Parque Natural do Xurés emitan informes sobre os impactos da LAT, que poderían afectar á tramitación, aínda non iniciada, dos polígonos en Baltar.
EN CELANOVA, ALTAVOCES DOS INTERESES EMPRESARIAIS
Stop Eólicos Xurés-Celanova está suplindo no Val do Limia e nas Terras de Celanova o silencio das Administracións, que non só non informan, senón que se van posicionando claramente a favor da instalación das centrais eólicas. Sucede nos tres gobernos dos concellos onde os plans están máis avanzados: en Verea, cun goberno nacionalista, en Bande co PP e en Celanova cunha coalición de independentes co PSOE.
A semana pasada foi a debate no pleno de Celanova unha moción do BNG solicitando da corporación unha declaración institucional para frear o proxecto do Monte da Neve (que afecta Celanova e Verea). O portavoz nacionalista aludiu a oposición que desde a súa columna no Faro de Vigo está a desenvolver Xosé Luis Méndez Ferrín e leu o último parágrafo dun dos seus últimos artigos: “As sete torres serán moitas veces máis altas ca a das campás de Celanova e a de menaxe do castelo de Vilanova dos Infantes. Tal sacrificio faise en holocausto aos deuses sen rostro do grande diñeiro sen patria. Concellos e veciños recibirán o óbolo ilusorio do indíxena colonizado”.
Leopoldo Rodríguez, o único concelleiro do BNG, lembrou ademais que o Observatorio Eólico de Galiza vén denunciando a exclusión das comunidades locais”, dado que “estas non contan con capacidade de decisión e a súa participación limítase a uns poucos trámites administrativos”, así como alertando de que “as distancias dos aeroxeradores aos núcleos rurais levan sen actualizarse desde o ano 2002, a pesar do enorme salto tecnolóxico dos últimos anos e das dimensións que alcanzan os muíños actuais”. No caso do proxecto do Monte da Neve (7 aeroxeradores de 177 metros de altura) promovido pola empresa alemá BayWa con sede en Múnic, as distancias serían ilegais en Alemaña.
Na votación, o resultado foi elocuente: PP (6 concelleiros), os independentes co alcalde á fronte (4) e o PSOE (2) votaron en contra da moratoria e expuxeron as virtudes do proxecto cumprindo o seu papel de altavoces dos intereses empresariais.
Malia a todo, desde Stop Eólicos Xurés-Celanova faise unha valoración positiva das accións en contra do proxecto industrial. Na charla informativa na parroquia de Amoroce, que agrupa as aldeas máis próximas o monte, a veciñanza agradeceu a información e mesmo houbo quen se comprometeu a participar da plataforma. A causa vai ganando apoios e xa ten, tamén, o seu símbolo: a Casa da Neve, os restos catalogados dun neveiro medieval vinculado o mosteiro de Celanova, onde culminou a marcha de hai un mes, guiada por Xosé Benito Reza, ex director xeral de Conservación da Natureza no bi-partito… e figura clave nos anos noventa na declaración do Parque do Xurés.
EN BANDE, CONTRA BEATRIZ MATO
A terceira das batallas iniciadas ten como escenario Bande, o Monte Grande, onde Greenalia ameaza cun polígono de doce máquinas que completaría unha liña de 38 entre Celanova e Bande (sumados tamén o proxecto P.E. Monte da Neve co xa operativo, 19 aeroxeradores, denominado P.E. Vieiro). Esta batalla topou o seu símbolo na fonte do Alto do Vieiro, un manancial de auga limpa protexido por unha cañota que se colocou nos anos noventa cando se ampliou a área recreativa situada ao pé da N-540.
Desde hai máis de catro décadas a fonte é parada de veciñas e veciños en tránsito, emigrantes de retorno e visitantes en xeral. Son as portas do Xurés desde a entrada máis concorrida ao Val do Limia, a N-540, que precisamente no Alto do Vieiro ensina as primeiras cimas do Parque Natural, os inconfundíbeis picos de Fontefría que a plataforma levou o seu logo xunto a torre do mosteiro celanovés.
“Agora Greenalia pretende abrir, a apenas uns metros da fonte, unha pista de 10 metros de ancho, o acceso principal á central eólica que a empresa de Beatriz Mato (ex conselleira do PP en sucesivos gobernos Feijoo) ten proxectada no Monte Grande. a infraestrutura, por onde circularían os vehículos pesados e materiais de obra, singularmente as enormes pas das máquinas aeroxeradoras, non só danaría a contorna da fonte, senón que ademais atravesaría un bidueiral de rexeneración natural de 14 hectáreas, entre a fonte e a mámoa do Vieiro, e poñería en perigo serio os mananciais que alimentan á fonte”, explica Stop Eólicos Xurés-Celanova nun comunicado de prensa difundido este luns 4 de outubro.
Greenalia, advirten, está negociando desde hai unhas semanas cos comuneiros de Bande, e tamén se reuniu coa alcaldesa, Sandra Quintas (PP). “Segundo puido saber Stop Eólicos, a empresa aínda non iniciou a tramitación do proxecto diante da Administración Pública, mais os comuneiros si recibiron información sobre algúns detalles e as afeccións”, sinala o comunicado.
A plataforma solicitará unha xuntanza coa alcaldesa para reclamar que o Concello de Bande informe á veciñanza dos previsíbeis impactos. E tamén iniciou as súas propias accións informativas cun documento que recolle as dez principais afeccións do proxecto, e que está baseado nas alegacións que a primavera pasada rexistrou o arqueólogo banduense, Davide Pérez, hoxe un dos portavoces da plataforma.
O documento alerta, entre outras cuestións, da proximidade das máquinas ás aldeas de Martiñán, Vilar e Carpazás, e aos cursos do Regato da Pontecela e da Corga dos Regueiros, afluentes do Cadós; e do Regueiro de Espil, da bacía do Limia. Tamén subliña os impactos sobre bens patrimoniais: o Foxo do Lobo das Cobateiras e os conxuntos de mámoas e petroglifos no actual Parque arqueolóxico do Monte Grande, “un recurso patrimonial e turístico que quedaría invalidado”. Así como das afeccións a hábitats singulares como a turbeira da Lagoa Grande e da Carballeira da Fonte Santa e outros bidueirais de rexeneración natural, considerados prioritarios na normativa medioambiental.
Mais a empresa da que fai parte Beatriz Mato, ex conselleira de Medio Ambiente con Feijoo e no consello de administración de Greenalia desde este verán, aínda non moveu ficha. Os contratos que está a ofrecer aos comuneiros dan algunha información sobre os detalles do proxecto. De entrada, o que máis chamou a atención da veciñanza organizada foi o impacto directo sobre o lugar da fonte do Alto do Vieiro. A pista de acceso o polígono eólico recorrería parte do bidueiral e pasaría sobre os mananciais da fonte. O enorme movemento de terras e a circulación de vehículos e material pesado poría en serio risco o manancial e a contorna. O monte e os valores ambientais e patrimoniais do monte permanecen agochados moi lonxe da N-540 e oportunamente silenciados pola empresa e colaboradores, mais a fonte non se pode agochar. A loita na Baixa Limia xa ten o seu símbolo, esa fonte de auga pura presidida por unha cañota expresa a tenacidade da resistencia. Onde hai pobo, non hai eólicos, retan desde a plataforma.
A ameaza eólica
“Fragmentan a terra para roubarnos o vento”
Vilar de Barrio levanta a bandeira contra os eólicos
A luita polo monte: reconquistando terreno ao fatalismo
Da celulose à biomassa: Ence e o deserto verde
“O monte corre moito, e a gran industria tamén”
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas