A mordaza nos estadios deportivos

Bletxu Valeiras

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Hai poucos días, no estadio da Cerámica de Vila Real, produciuse unha das máis ridículas actuacións da censura encadrada na lei contra a violencia no deporte. A policía española requisou unha bandeira do Athletic de Bilbao pola súa aparencia “case anarquista”. A mesma mantiña as cores habituais do club de fútbol e engadía a letra A (Athletic) dentro da letra C (Club), o cal podía incitar a violencia, segundo a ilustre opinión dos axentes.

Esta situación que pode parecer cómica reflicte de xeito palpábel que existen ordes claras de retirar calquera simboloxía incómoda para o sistema. Bandeiras que per se non o son (non confundir legalidade con oficialidade), convértense en ilegais cando se trata de entrar con elas nun estadio deportivo ou mesmo cando se camiña con ela arredor do mesmo.

A lei do deporte é utilizada dun xeito manifestamente revirado co fin de castrar a liberdade de expresión. Na realidade, o artigo 6 indica: “Queda prohibido (…) Introducir, exhibir ou elaborar faixas, bandeiras, símbolos ou outros sinais con mensaxes que incitaren á violencia ou en virtude das cales unha persoa ou grupo delas for ameazada, insultada o vexada por razón da súa orixe racial ou étnica, a súa relixión ou conviccións, a súa discapacidade, idade, sexo ou orientación sexual”. Esta lei do 2007 non evitou que durante moitos anos os seareiros de clubs coma o Real Madrid, o Atlético de Madrid ou o Betis, nomeadamente, exhibisen con total impunidade bandeiras franquistas. No 2013 o Valedor do Pobo realizou un relatorio no que indicaba que a lei contra a violencia no deporte “foi pensada para prohibir símbolos ilegais” e non estreleiras, mais parece que ese relatorio non foi moi tido en conta no Ministerio do Interior.

Durante moito tempo, e dentro de circunstancias políticas distintas, os ataques dábanse case exclusivamente nos campos de Euskadi. Non hai que dicir que a globalización deste fenómeno censor chegou como resposta ao avance independentista do pobo catalán. Ben é certo que desta vez tamén están aproveitando para atacar seareiros do noso país. Comezaron confiscando estreleiras en campos de Valladolid e Madrid, despois en Madrid foron por bandeiras dos pobos celtas e agora a censura segue polo propio país: pavillóns do Sar e de San Lázaro (Compostela), estadio do Couto (Ourense) e estadio de Pasarón (Pontevedra). Neste último a escusa foi que a estreleira “provocaba axitación” nos seareiros do equipo visitante, que curiosamente era o Racing de Ferrol, e o asunto acabou custando ao que levaba a bandeira unha multa de 500 euros.

“En Pasaron, retiraron unha estreleira por considerar que ‘provocaba axitación’ nos seareiros do equipo visitante, que era era o Racing de Ferrol. En Alcorcón, un policía retivo a un seguidor deportivista por sospeitar do significado da palabra escrita na bufanda: ‘Voltaremos”

Tampouco faltan exemplos ridículos. Como o que se deu nun campo madrileño, onde foi expulsada unha persoa acusada de “exaltación do terrorismo por levar unha bufanda co perigoso logo da revista Nós. Ou do policía de Alcorcón, candidato ao récord da estupidez, que retivo na entrada do estadio un seguidor deportivista por sospeitar do significado da palabra escrita na bufanda: “Voltaremos”. Ante o perigo, o dilixente uniformado pediu información por radio. “¿Pero de verdad me estás preguntando eso?”, sobresaltouse o consultado.

Máis serio foi o caso acontecido en 2013 no Pavillón do Sar. Axentes da policía expulsaron do recinto (empurrándoo escaleiras abaixo) un mozo que desenvolveu con outras compañeiras unha bandeira nacional e unha faixa coa mensaxe “Que volten para casa”. Un mes despois, e desta vez sen levar bandeira ningunha, o mozo volveu ser expulsado polos axentes de servizo no pavillón. Debido á violencia da actuación policial, o mozo tivo de recibir asistencia médica, como documenta o parte emitido polos servizos de urxencias.

Que dicir do caso catalán. Dende, como no caso galego, prohibir esteladas (mesmo estaba xa previsto prohibilas en Miami caso de terse xogado alí o Girona-Barcelona), até o esperpento de impedir a entrada na final da copa do rei de persoas con bufandas ou camisolas amarelas. Aínda tiveron sorte de que a Unión Deportiva Las Palmas non xogase aquela final. Tal é o ridículo que están a facer as administración estatais, que se chegou a impedir a entrada con roupa amarela a seguidores do Boca no derbi xogado co River en Madrid. Acontece que o uniforme do Boca ten unha franxa amarela.

Mais a castración da liberdade no provén só da “autoridade”. Os medios de comunicación que transmiten estes eventos, colaboran activamente na censura activa. Hai que lembrar a baixada do son de ambiente durante a protesta contra o himno español nas finais de copa entre o Barcelona e o Athletic, ou no minuto 17 dos partidos do Barcelona, cando os espectadores entoan a coro “Independencia”. Que dicir das filigranas que fan para evitar que sexan vistas faixas con lemas incómodos, como a que esta fin de semana exhibían algunhas persoas en apoio aos presos políticos e os medios evitaron enfocar.

En palabras do recoñecido falanxista e presidente da LFP, as retransmisións non deben incluír imaxes que non pertenzan ao espectáculo deportivo. Entendemos entón que dentro do espectáculo deportivo están as seguidoras máis fermosas que en cada partido son enfocadas “por acaso” en múltiplas ocasións. Tamén entendemos como parte do espectáculo deportivo (que non político) a chegada do monarca ao palco, evitando evidentemente enfocar ás persoas que o reciben con pouco cariño e buscando aquelas que aplauden afervoadamente.

Como vemos, a lei contra a violencia no deporte, ao igual que outras como a que regula o delito de odio, aparentemente formulada para protexer os dereitos das minorías, é finalmente utilizada para atacar a liberdade de expresión.

Ourense, 6 de febreiro.

Bletxu Valeiras

Bletxu Valeiras

Ourense, 1971. Activista de Esculca - Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades. Ex traballador de banca.

Esculca

1 comentário em “A mordaza nos estadios deportivos”

Deixe um comentário

1 comentário em “A mordaza nos estadios deportivos”

Deixe um comentário