Teima | independencia(s) – Capítulo 6

A orixe como consenso pero o horizonte, múltiple

Ximena González

“Non é posíbel destruír a casa do amo coas ferramentas do amo”
Audre Lorde

No sistema mundo en que vivimos un Estado Nación pode ser útil a moitos e diversos intereses, ha mesmo intereses contrapostos aos que este pode servir. A maior parte dos Estados Nación do mundo serven aos intereses da súa burguesía e da súa economía. Os Estados Nación son por tanto ferramentas ao servizo de quen ostenta o poder real e deseñan as súas estruturas e institucións para responder a estes intereses e non a outros.

No caso do Estado Español o seu proxecto nacional leva no seu ADN o imperialismo e a opresión dos pobos, construíndo unha identidade nacional baseada na desposesión da soberanía dos pobos e o seu sometemento ao imperio. Non só tivo sempre unha vontade centralista senón que nega calquera posibilidade á existencia doutras soberanías. Alén desta construción histórica que o impregna todo, constatamos unha e outra vez que as estruturas de poder e a institucionalidade están construídas ao servizo do réxime do 78 herdeiro do franquismo e que reformulou o Estado logo de 40 anos de ditadura e non existe vía democrática capaz de reconfigurar esas estruturas. O exemplo catalán cun proceso independentista ao que se responde por parte do Estado con violencia e represión amosa como as estruturas autonómicas están creadas ao servizo do réxime do 78 e este pode depor presidentes autonómicos ou encarcerar á mesa do parlamento sen que exista ningunha capacidade real de mudar iso dende a institucionalidade existente. Tamén o exemplo vasco ao que o Estado continúa respondendo con represión e con criminalización a forzas políticas democráticas amosa os límites de transformación dun Estado que ademais combate calquera movemento de mudanza social ou económica para impedir que nada modifique os privilexios da clase que o sustenta.

Así a tesitura que se presenta para as clases populares é procurar unha reforma que permita arrancar ás clases dominantes melloras nas condicións de vida sen posibilidade real de modificar as bases do Estado ou apostar pola ruptura co réxime do 78 e iniciar un proceso de constitución dun novo Estado que conciba a existencia de outras soberanías e abra a posibilidade de construír unhas novas bases sobre as que defender os seus intereses, os nosos intereses. Esta disxuntiva no Estado Español esta atravesada ademais polo conflito da propia conformación territorial do Estado e a existencia de nacións e pobos sen encaixe na concepción unitaria e centralista que en maior ou menor grado defenden todos os partidos do arco parlamentario español.

Tras máis de corenta anos de “democracia” segue sen existir unha proposta de esquerda estatal capaz de defender a vontade dos pobos das nacións que integran o Estado Español de exercer o seu lexítimo dereito á autodeterminación mas non só, segue sen existir unha esquerda estatal capaz de colocar en cuestión o propio réxime do 78 e de propor unha ruptura clara que permita reconfigurar as bases do Estado para colocalas ao servizo das maiorías sociais. As únicas propostas que existen dende a esquerda para esa ruptura son as que veñen das esquerdas soberanistas das nacións sen Estado e propoñen procesos constituíntes que nos dean a oportunidade de crear novas ferramentas, agora si, ao servizo da clase obreira.

Neste contexto é que se enmarca a aposta independentista e de clase que defende o soberanismo galego, como unha oportunidade de que as clases populares transformen a sociedade e erixan unha nova baseada na xustiza social na que o poder e o Estado, como ferramentas, se coloquen ao servizo do benestar común, non apenas na defensa dos intereses dunhas poucas. E é nesta loita e neste proceso de construción dunha sociedade máis xusta que nos podemos atoparnos con todas aquelas que acrediten na necesidade de mudar o estado de cousas, onde podemos sumar todas aquelas loitas e movementos socio-políticos que planten cara ao réxime do 78 e ao capitalismo patriarcal.

Segue sen existir unha esquerda estatal capaz de colocar en cuestión o propio réxime do 78 e de propor unha ruptura clara que permita reconfigurar as bases do Estado para colocalas ao servizo das maiorías sociais. 

A independencia por tanto non é un fin en si mesmo nin unha consigna retórica, a independencia é a oportunidade que temos as clases populares de crear unha ferramenta de Estado ao servizo dos nosos intereses e o camiño que temos que percorrer como pobo para conquistar este dereito é un proceso de acumulación de forzas para a transformación social. Como obreiras e como galegas unha República Galega terá sentido se a súa conformación nos permite vivir mellor, construír unha sociedade máis xusta, expresar a nosa forma de ver e estar no mundo en pé de igualdade co resto de pobos e ser solidarias coa construción dunha humanidade mellor.

Sumar forzas para conquistar a independencia como unha oportunidade de transformación social é sumar a aquelas que defendemos a lingua galega porque é a nosa lingua con aquelas que defendemos que a diversidade é un valor do ben común e que a defensa de todas as linguas e culturas dos pobos do mundo é unha responsabilidade ética para un mundo onde a loita pola lingua galega é igual de importante que a defensa do mapudungun. É sumar a defensa da nosa cultura non porque sexa mellor que outras senón porque todas as culturas son valiosas e todos os pobos teñen dereito a preservar a súa cosmovisión dun lugar que ocupan no mundo. É sumar as loitas pola defensa do territorio e o medio non só porque é o territorio no que vivimos senón porque é o legado que recibimos e que queremos deixar ás que veñan detrás nosa, porque os recursos da natureza son finitos e é responsabilidade nosa non esgotalos. É sumar ás que defendemos o lugar no que nacemos coas que defendemos o lugar no que decidimos vivir e facelo sen erguer fronteiras, muros ou establecer rangos de cidadanías. É sumar a defensa dos servizos públicos fronte ao enriquecemento a costa da nosa saúde converténdoa nun negocio. É sumar coas que habitan e reconstrúen un rural imprescindíbel e que precisamos vivo e produtivo. É sumar por unha coeducación que faga da escola pública un referente pedagóxico non un depósito de crianzas ao servizo dunha sociedade que no canto de educar cría masa obreira para o capital. É sumar coas loitas polo acceso aos bens comúns, o dereito á auga, a un traballo digno sen explotación que nos permita vivir e contribuír para a mellora da vida das outras, a unha vivenda e a unha vida feliz.

E para esta suma de forzas e de loitas é preciso organizarse, comprometerse coas máis diversas causas xustas que visan transformar a sociedade en que vivimos e darlles un horizonte común, esa posibilidade real de transformación que só pode vir dun proceso constituínte dun Estado propio, no que todas as que hoxe loitamos na Galiza dende diversos ámbitos podamos confluír nunha nova institucionalidade ao servizo das nosas causas e do ben estar da vida de todas.

A independencia é a oportunidade que temos dende este lugar no mundo chamado Galiza de romper co estado de cousas e mudalo todo e ten a ver máis coa democracia que coa identidade, máis cos dereitos sociais que coa orixe, máis coas liberdades e o ben común que cos marcos administrativos, máis co futuro que co pasado.

Sumemos forzas pola ruptura.

Ourense, novembro 2020.

Imaxe: manifestación da mocidade independentista en Compostela o pasado xullo. Fotografía de Galiza Contrainfo.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

A autora

Ximena González

Ximena González

Militante do MGS e membro da Marcha Mundial das Mulleres. Co-editora de adiante.gal e socia promotora de Adiante S. Coop Galega.

independencia(s)

Deixe um comentário