A Rede do Patrimonio pide unha comisión para avaliar cada proxecto eólico
Reclama a publicación do Catálogo de Patrimonio.
Advirte de que están en tramitación "preto de 200 proxectos eólicos no territorio galego".
E considera que "é previsible a irreversibilidade de moitas das accións que se acometan".
redacción adiante | A Coruña | 9 de outubro 2021. A Rede do Patrimonio Cultural, unha plataforma que acolle a entidades que teñen por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego e na que agrupan fundacións, grupos ecoloxistas, asociacións veciñais e culturais, rexistrou unha carta dirixida á Consellería de Cultura da Xunta de Galiza na que, diante da avalancha de proxectos eólicos co “dificilmente entendible” silencio da Dirección Xeral de Patrimonio, se pide ao Executivo galego que publique o Catálogo de Patrimonio e estableza unha comisión para avaliar, un a un, cada proxecto eólico desde o punto de vista dos impactos e as afeccións ao patrimonio.
A Rede reclama que dita comisión “de asesoramento técnico con carácter multidisciplinar e independente” avalíe cada proxecto eólico xa nas fases primeiras de tramitación e que advirta das posibles afectacións sobre o patrimonio cultural, e elabore de oficio informes para cada caso.
No texto, os colectivos asinantes solicitan ademais que esta comisión “advirta aos órganos asesores competentes sobre Patrimonio (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes do Rosario, Universidades) daqueles bens do Patrimonio que se atopen ameazados ou en perigo”, para que estes órganos tamén se pronuncien ao respecto. E manifestan tamén a necesidade de que “con carácter preventivo” se paralice calquera posible obra sobre a que recaia sospeita de posible destrución irreversíbel do Patrimonio ata que os tribunais se pronuncien, no caso de estar en litixio, “e sempre que as partes demandantes lle comuniquen formalmente á Consellería de Cultura a presentación destas demandas”. Nesa mesma liña, a Rede recomenda que os Servizos Xurídicos da Consellería de Cultura “estuden personarse naqueles procedementos xudiciais nos que se dirima a posible destrución de Patrimonio antes, durante ou despois das obras de execución dos proxectos eólicos”.
Na análise previa ás demandas, a Rede do Patrimonio Cultural advirte de que están en tramitación “preto de 200 proxectos eólicos no territorio galego”, que as obras previstas “van traer consigo unha grandísima repercusión sobre o patrimonio natural e cultural do país”, e subliña que “nunca antes se puxeron en marcha dun xeito simultáneo tantas obras de promoción privada e desta magnitude”.
A Rede mostra a súa preocupación sobre os impactos desta avalancha, e considera que “é previsible a irreversibilidade de moitas das accións que se acometan”, e que tal e como recentemente se acaba de demostrar co informe do ICOMOS sobre a Candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio Mundial, que obrigou á súa retirada, “a instalación de parques eólicos pode impedir futuros desenvolvementos en amplas zonas do territorio ao ficar alterada a súa paisaxe e patrimonio”.
A ameaza eólica
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Vilar de Barrio levanta a bandeira contra os eólicos
“Fragmentan a terra para roubarnos o vento”
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas