A roupa colma a paciencia das auxiliares en Vigo

Teima | Asalto á sanidade pública – Capítulo 2

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Carlos Asensio | Vigo, 14 de xuño.  Onte pola tarde houbo concentracións de protesta na Coruña, en Vigo, en Pontevedra, en Compostela, en Ribeira e en Viveiro baixo o lema Acabemos coa corrupción sanitaria do PP. A plataforma SOS Sanidade Pública volveu alertar este luns do traspaso de actividade asistencial cara o sector privado, “a privatización das batas brancas, que Feijóo dixo que nunca faría”, denunciou Manuel Martín, un dos portavoces da plataforma. Outras batas, outras profesionais de estamentos do organigrama sanitario galego, levan tempo sufrindo as consecuencias dese traspaso. O conflito está latente en cada planta de cada hospital e centro de saúde do SERGAS. E de cando en cando estala; as veces por cuestións que parecen mínimas. Está a pasar en Vigo, no Álvaro Cunqueiro. A mecha prendeuna a roupa, desta volta rebentaron as auxiliares de enfermaría.

O hospital Álvaro Cunqueiro está envolto na polémica desde a súa inauguración no 2015. Os profesionais traballan no centro en medio dun descontento cotiá polas condicións. Os problemas de hoxe veñen de atrás. O malestar das auxiliares de enfermaría que estas semanas andan de protesta en protesta empezaron no momento da apertura. “Non tiñamos nin portasoros para poñer a medicación”, di Maite, auxiliar na área de Psiquiatría. Ao seu carón, Cristina lembra o día do traslado: “Eu empecei a meter todo en caixas no Meixoeiro e unha compañeira díxome que no novo hospital íamos ter de todo e, cando chegamos aquí, non había nada de nada”. “Non tiñamos sequera xiringas, pero xa había pacientes ingresados”, di Pepa. “Tampouco bañeiras para lavar aos bebés”, asegura Lidia, que como Cristina, desempeña labores na área de Hospitalización, “non é que as de agora, portátiles, sexan moi alá”.

As auxiliares –a súa denominación administrativa é Técnico de Coidados Auxiliares de Enfermería [TCAE]– andan en protestas contra a xestión da concesionaria do Cunqueiro, a Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, que é a encargada de manexar todo menos o persoal sanitario, nun modelo público-privado, unha laña no SERGAS pola que se está a producir este asalto á sanidade pública en Galiza.

Desde hai un tempo, as auxiliares, o equipo é maioritariamente feminino, están obrigadas a carrexar coa roupa de cama e demais elementos téxtiles da habitación cara ao depósito de roupa sucia. Non é o maior problema, nin o único. Pero foi o que colmou a súa paciencia, como explica Pepa Freire, do Sindicato de Auxiliares de Enfermería (SAE), que reuniu a tres compañeiras para poñer en contexto as protestas que as levan a concentrárense venres si e venres tamén diante dos despachos de xestión do Cunqueiro. “Por medo ás represalias”, as traballadoras prefiren non facilitar os seus nomes reais. Así están as cousas na sanidade pública.

“Os xerentes toman á xente por números e nos vemos persoas que é como nos ensinaron a tratar a un paciente”.

“Antes a roupa metíase nunha bolsa e deixábase na porta da habitación e pasaba unha persoa de mantemento cunha gaiola con rodas a recollela. Nalgunhas plantas deixábanas todas nunha porta e logo carrexábanas todas xuntas”. Pero desde a Xerencia empezaron por dicir que as bolsas debían levarse unha a unha por risco de contaminación ou contaxio “e tamén por estética, porque parece que a concesionaria elevou esa orde”. Gastábase máis tempo que cando esa tarefa estaba encomendada ao persoal de mantemento (unha empresa externa, privada, como na maioría dos centros do sistema público). “Mesmo fixeron medicións e aseguraron que perdiamos catro minutos por bolsa de roupa”.

Servizo de limpeza nun centro do SERGAS. Na imaxen do cabeceiro, un venres de protesta das auxiliares na Xerencia do Cunqueiro.

As auxiliares negáranse a desenvolver esta tarefa. A principios de mes chegaron os expedientes sancionadores e as ameazas de perder postos nas listas (a maioría son traballadoras eventuais). A Xerencia contratou outra xente para facer recollida pola noite. As traballadoras empezaron a recibir cartas nas que se lles indicaba que debían atender á recollida, cuestión que non se especifica no seu estatuto profesional. Defendéronse e comezaron a convocar protestas ao mediodía.

Todas as funcións que ten unha auxiliar nun hospital son funcións cedidas. A determinación das súas funcións queda en mans do centro.

Mentres, recollen roupa da cama e dos enfermos, tamén toallas, pero non trasladan as bolsas aos puntos de recollida. Ao parecer, a empresa subcontratada para a limpeza sostén que no prego de contratación non se inclúe a recollida. Un erro da Xerencia? As auxiliares non entenden as explicacións da Xerencia: “Non sabemos se é porque a persoa de mantemento, ao seres da concesionaria, non pode entrar na planta ou o que pasa”.

O estatuto das auxiliares de enfermaría data do ano 1973, cando a profesión non estaba regulada e non se esixía o título de FP. “A ciencia e a medicina evolucionan, pero o dereito non”, explica Pepa Freire, “a lo menos non para todas igual, porque a Enfermaría, si que se lle recoñeceron funcións. De feito, todas as funcións que ten unha auxiliar nun hospital son funcións cedidas”. A determinación das súas funcións queda en mans do centro.

Así aparece no Artigo 74 do estatuto: “Corresponde ás Auxiliares de Enfermaría exercer, en xeral, os servizos complementarios da asistencia sanitaria en aqueles aspectos que non sexan da competencia do Persoal Auxiliar Sanitario Titulado. […] e, en todo caso, dependerán da Xefatura de Enfermería e da Dirección do centro. Igualmente cumprirán aquelas outras funcións que se sinalen nos Regulamentos de Institucións Sanitarias e as instrucións propias de cada centro, en canto non se opoñan ao establecido no presente Estatuto“.

“En definitiva, poden asignarnos as funcións que consideren oportunas”, anota Pepa. Elas van seguir celebrando concentracións diante da Xerencia para que non lles sigan aumentando obrigas en función dos problemas de persoal, outra das lañas no SERGAS polas que se está a o asalto.

Que fai unha auxiliar?

O traballo organízase en tres quendas: mañá, tarde e noite. De luns a venres, nas de mañá e tarde, hai entre dúas e catro auxiliares por planta. A fin de semana, malia que o traballo non diminúe, o persoal soe quedar reducido á metade de efectivos. Polas noites, hai unha auxiliar, que pode estar para atender até 35 pacientes.

“A cada usuario, no momento da acollida, temos que explicarlle onde vai a ir; pesalos, se ingresan para probas; falar coa familia e dicirlles como funciona a habitación, se ingresan … Todo para que o paciente se sinta o mellor posíbel”. Despois, unha vez por quenda, tómanlles a temperatura. Fan os baleirados de bolsas, cambios de soros, vías, “e hai sondas que hai que baleirar cada media hora”. Recollen mostras de feces, ouriños, esputos; tamén administran os edemas, “pode ser tres veces ao día, cada seis horas”. Fan o aseo do paciente observando o estado da pel, axudan na ducha, levantan os apósitos das curas… “Arranxo de camas, habitacións, reposición de baños, toallas, xabón, cambiar as pilas do dispensador de xabón, preparar de material e contabilizalo, preparar as habitacións, limpeza de carros de cura, de parada, tensiómetros, ordenar a farmacia, coller vías…”, engade Cristina. “Nalgunhas unidades, tamén temos que pedir as dietas polo ordenador, recibir os carros de comida, facer o reparto de bandexas de comida. Isto último desde que estamos no Cunqueiro”, di Pepa.

Tamén cambian de posición a pacientes para as comidas. “E axúdaslles coa comida, cortas o que precise cada un, dáslle de comer ao que non pode, a medicación oral, preparamos infusións e quentamos vasos de leite de noite”, conta Maite. As auxiliares completan o ciclo do ingreso, son as que recollen a habitación cando hai unha alta hospitalaria e déixana preparada para o seguinte ingreso. Ou cando entran a quirófano… “A veces veñen mareados e vomitan, hai que volver cambialos. Cambios de cueiro, cambios posturais… e despois informar de todo o que estea deteriorado na unidade”. E, agora, ademais, están a carrexar a roupa desde as habitacións até o punto de recollida de roupa sucia.

Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, o gran ensaio de xestión público-privada da Xunta.

Os cambios no traballo no novo hospital

As condicións do traballo e as relacións entre as traballadoras cambiaron no traslado ao novo hospital. A auxiliar que atende en Psiquiatría quéixase da “marxinación”, un área afastada e con carencias en material. “O que hai son enormes corredores”. Antes, contan, no Meixoeiro ou no Xeral “sabías onde topar a unha compañeira sempre que precisabas axuda. Aquí non, as plantas son tan grandes que nunca sabes onde a tes”. En Psiquiatría, di Maite, “os baños son do tamaño dos dun tren e na ducha, tes que estar premendo de seguido porque o fluxo de auga dura medio minuto. Non están adaptados para xente con mobilidade reducida e rematamos todas enchoupadas”. O problema cos baños é idéntico na área de Hospitalización e en todo o complexo.

Co traslado, as condicións da atención empeoraron e as auxiliares advertírono desde o principio. Pepa Freire lembra que ao pouco de abrirse o Cunqueiro xa fixeran unha reclamación respecto da ratio auxiliar/paciente, “e mesmo a Valedora do Pobo dixo que non se estaba cumprindo a normativa”. A Xerencia estableceu as ratios en función d das patoloxías dos pacientes, “pero non é o mesmo un enfermo de 30 anos que un de 80”. E Lidia sinala unha tendencia que cada vez se fai máis evidente: “cada vez atendemos a xente máis maior, con patoloxías asociadas á idade”.

Unha das estatísticas para avaliar o traballo foi o número de cueiros que lles poñían aos pacientes, porque iso diminuía as necesidades de atención personalizada.

Daquela, unha das estatísticas para avaliar o traballo foi o número de cueiros que lles poñían aos pacientes, porque iso diminuía as necesidades de atención personalizada. “Unha persoa maior non sempre usa cueiro porque vai ao baño normalmente, pero se esa persoa está nun hospital, un sitio estraño, e se desorienta, ás veces tela que acompañar ao baño. Ou pódese mover ao baño, pero con axuda porque non é autónoma cento por cento. O que hai que facer é ter máis persoal, e que non nos poñan a cargar de cueiros a todos os pacientes… a autoestima dunha persoa conta”, indica Lidia. “Deberíase fomentar o autocoidado e a autonomía dunha persoa, explicarlle á familia o que ten que facer cando o paciente chega á casa. Cando alguén entra andando no hospital non ten porque saír encamada. Os xerentes toman á xente por números e nos vemos persoas que é como nos ensinaron a tratar a un paciente”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário