A vila da morte

A prisión de Celanova (1936-1943) (I)

“Todo o que pasou o meu pobo
pasoume a min”.

Uxío Novoneyra

Entre 1936 e 1943 a vila de Celanova tornouse fatalmente nun dos focos máis representativos do terror fascista na provincia de Ourense. O 25 de xullo de 1936, apenas cinco días despois de proclamar o estado de guerra, o comandante militar de Ourense encargáballe ao director da prisión provincial que estudara a posibilidade de habilitar o convento de San Rosendo como depósito provisional para a gran cantidade de presos políticos que ameazaba con saturar tanto a propia prisión provincial como as prisións de partido. Poucos días despois chegarían os primeiros reclusos.

Nesta primeira etapa, o seu funcionamento apenas se diferenciaba do dun campo de concentración, como sinala o historiador Rodríguez Teijeiro na súa tese El sistema penitenciario franquista y los espacios de reclusión en Galicia. Elixio Rodríguez, membro das Mocedades Galeguistas de Bande, relatou a súa experiencia nunhas memorias máis ou menos noveladas, pero que non deixan de reflectir a impresión que lle produciu a estadía naquel cárcere.

O primeiro espazo destinado a cadea foi o antigo refectorio (comedor) dos monxes, un gran salón onde o amoreamento era tal que, segundo relata Elixio, nalgunhas ocasións, para que uns puidesen pasear outros tiñan que arrimarse de pé á parede. O local non contaba con acondicionamento de ningún tipo e os presos víanse obrigados a facer as súas necesidades á vista dos demais en baldes que despois baleiraban na horta do mosteiro.

A parte das impresións que nos chegaron dalgúns presos, non sabemos exactamente o número de poboación reclusa en 1936. As primeiras cifras fiables son do ano 1937 cando o número de reclusos oscila entre os 85 de febreiro e os 306 de abril. Polo que é de supoñer que entre xullo e decembro de 1936 as cifras serían moi similares, entre os 100 e os 300 presos, flutuando con frecuencia.

Á prisión acudían frecuentemente falanxistas e militares en busca de vítimas da represión paralegal. Comparando as ordes de traslado coas contas de alimentación, Rodríguez Teijeiro contabiliza un desfase de ata 94 reclusos entre xullo e decembro de 1936 cuxo ingreso na prisión non foi rexistrado polo que é de supoñer que, erros aparte, boa parte deles foran asasinados polo camiño. Ese foi o caso dos irmáns Fuentes Canal. O 16 de agosto de 1936 o gobernador civil ordenaba o seu traslado da prisión de Ourense á de Celanova, onde nunca chegarían. Ao día seguinte, os seus corpos aparecían no lugar da Ponte Pequena.

Tamén se contan máis de 20 ordes de liberdade ou condución referentes a presos do mosteiro que acabaron transformadas en penas de morte. Un caso particular é o de José Abadín Morenza, un obreiro do ferrocarril sentenciado a 20 anos de prisión que comezaría a cumprir en xuño de 1937 na prisión de Celanova. Pouco despois de ingresar tería un altercado cun dos gardas polo que foi castigado co traslado a outra prisión. Se temos constancia do seu asasinato é porque este se destapou dous anos máis tarde cando unha comisión decidiu conmutarlle a pena e interesouse por el, respondendo desde a prisión de Celanova que alí constaba como falecido.

Outros presos son recrutados como soldados e enviados á fronte. En decembro de 1936 o gobernador militar da provincia dispón que 54 presos sexan destinados á Lexión, aínda que a cifra se elevará finalmente a 101. En marzo de 1937 son destinados outros 31 reclusos a unha bandeira falanxista. Algúns conseguen pasarse de bando. O ABC republicano, editado en Madrid, recolle a súa experiencia no mosteiro de Celanova, que eles chaman la villa de la muerte:

“Fuimos apaleados, y nos hacían confesar, comulgar y llevar escapularios. Cada noche sacaban unos cuantos y eran fusilados, mientras soltaban a todos los perros de la villa para que sus aullidos amortiguasen el ruido de los disparos”.

Rodríguez Teijeiro contabiliza un desfase de ata 94 reclusos entre xullo e decembro de 1936 cuxo ingreso na prisión non foi rexistrado polo que é de supoñer que, erros aparte, boa parte deles foran asasinados polo camiño.

En 1938 comezou unha nova etapa da prisión, despois da caída da fronte norte. Desde principios de ano pasou a desempeñar as funcións dunha prisión central, aínda sen acadar oficialmente esa categoría ata o mes de maio. Aumentou o número de internos, que agora eran condenados con sentencia firme, na súa maioría asturianos, o que fixo necesario o acondicionamento de novos espazos tanto para os reclusos como para os soldados que debían custodiar o recinto.

Das precarias condicións en que se atopaban os reclusos naquel momento da conta un inventario realizado en outubro de 1938. Para unha poboación que nese momento chegaba preto dos 1.200 presos o material reducíase a 135 pratos e 50 culleres, 276 fundas de almofada, 478 mantas e 1.054 petates (case 100 cualificados de inservibles). A enfermería non contaba daquela con ningún tipo de instrumental médico. Todo apunta a que esta situación non melloraría, polo menos, ata a chegada, en decembro de 1939, dunha comunidade de relixiosas que se encargarían dos servizos de cociña, enfermería ou lavandería. As melloras manifestáronse, en palabras do director da prisión, “en detalles como el de ordenar varios reclusos a sus familiares que suspendieran el envío de comidas y paquetes con alimentos”. Polo menos a comida xa se podía comer!

A imaxe da cabeceira: detalle do plano da Prisión Central de Celanova que se conserva no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. 

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

O autor

Pablo Sánchez

Pablo Sánchez

Madrid, 1991. Historiador. Autor do libro Masonería e República en Celanova (2017) e de varios artigos de divulgación histórica. Desenvolve a súa actividade investigadora sobre a historia social e a memoria democrática. Ten colaborado con diversas asociacións e xornais.

#memoria

Deixe um comentário