A Xustiza alcanza á xestión das residencias de maiores
A familia dunha anciá falecida nun centro da Coruña presenta unha querela contra dous altos cargos de Política Social mentres a Fiscalía de Ourense toma declaración ás traballadoras das residencias de Celanova e O Barco.
Redacción adiante | A Coruña, 6 de xullo. “O luns 6 de abril os familiares reciben unha chamada da residencia informando que a residente tería falecido contra ás 10.45 horas por coronavirus, pese a que até ese momento a información trasladada era que a mesma se atopaba ben, sen síntomas nin febre. Posteriormente púidose comprobar que o domingo 5 de abril se lle practicara unha proba de saturación ás 13 horas que dera un nivel de 77%, valor extremadamente baixo e perigoso para a vida e saúde dos pacientes (…) Non se informou deste feito aos seus familiares, negándoselles a oportunidade, cando menos, de despedirse de súa nai”, explica a querela que familiares dunha anciá falecida na residencia Domus Vi de Matogrande, na cidade da Coruña, presentaron este luns contra a empresa e a dirección da residencia e dous altos cargos da Xunta: Berta Besada, xefa do Servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia; e Ildefonso de la Campa, director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
A querela sinala aos demandados por delitos omisión do deber de socorro, abandono de incapaces, homicidio por imprudencia profesional grave e lesións por imprudencia profesional grave, e vai na mesma liña que as denuncias presentada en abril pola asociación Vellez Digna contra 51 residencias do país e que motivou a acción da Fiscalía Superior de Galiza, que cando menos no caso de Ourense, a través da Fiscalía territorial, empezou a tomar declaración ao persoal da Residencia San Carlos de Celanova e da Nuestra Señora de Fátima no Barco de Valdeorras, segundo confirmaron hoxe as familias de afectados. Hai outros dous centros investigados na provincia, segundo La Voz de Galicia, que non facilitou os nomes.
“O luns 6 de abril os familiares acoden á residencia e, sen recibir explicación algunha ou o pésame polo deceso, indícanlles que xa chamaron á funeraria e que introducirán o seu corpo en dúas bolsas herméticas para a súa incineración dentro de doce horas”, continúa o relato sobre a morte da anciá no centro de maiores Matogrande no que ingresou en xaneiro do ano pasado.
A querela advirte de neglixencias graves durante os meses nos que a muller viviu na residencia: caídas por falta de atención, demora nas revisións médicas, carencias na alimentación, incumprimento das instrucións sobre hixiene e, nas semanas da covid19, “non se respectaron as medidas necesarias de prevención para evitar o contaxio dos residentes, colectivo especialmente vulnerable á enfermidade; non se lle prestou asistencia médica unha vez diagnosticado o virus, limitándose a confinala nunha habitación da residencia esperando ó hospital seu falecemento; e non se lle auxiliou nas súas necesidades básicas de subsistencia pese a atoparse baixo a garda e custodia do persoal da residencia”.
“No mes de febreiro infórmase aos familiares de que a súa nai ten un constipado que deriva en pneumonía (…) O mércores 18 de marzo de 2020, unha enfermeira da residencia informa aos familiares de que non hai infectados, e lles refire que a súa nai está recuperada da pneumonía, e que xa non lle poñen osíxeno, información que confirman novamente o día 22 de marzo (…). O martes 31 de marzo, os familiares reciben unha chamada do fisioterapeuta, que lles indica que hai positivos na planta na que se atopa a residente e que serán illados. (…) O mércores 1 de abril, o médico da residencia informa aos familiares de que súa nai é positiva en covid19, indicándolles que se o seu estado empeora daranlle antibiótico e que se comeza a insuficiencia respiratoria, administraranlle morfina. Ante esta información, os familiares indícanlles que deben derivala ao CHUAC, ao que lles responden que a súa nai “non é candidata á UCI”, que só se deriva a aquelas persoas que o médico considere que poidan salvar”, explica a familia.
No Barco (16 mortes confirmadas pola covid19) e Celanova (9 atribuídas á enfermidade), as residencias, en mans de dúas pequenas fundacións privadas sen ánimo de lucro, están sendo sometidas ás pescudas da Policía Xudicial, que comezou por tomar declaración ás traballadoras interesándose polas súas condicións materiais de traballo nas semanas dos brotes de covid19.
O 18 de marzo empezou a catástrofe no centro de maiores de Celanova. Unha muller foi derivada ao Hospital de Ourense onde lle diagnosticaron o contaxio por covid19. Faleceu ao día seguinte. Foi a primeira vítima (oficial) da pandemia nas residencias do país. Malia que esa semana o Goberno ordenou a intervención das residencias en apuros polos organismos competentes de cada Comunidade Autónoma, a Xunta demorou calquera decisión sobre Celanova seis días e, finalmente, non interveu, deixou a xestión do centro en mans de persoal infectado e confinado na casa, abandonou as poucas traballadoras que resistiron no centro, chegaron a ser só 5 durante os peores días da crise, e trasladou anciáns (até 33 ocuparon unhas semanas o centro intermedio improvisado en Baños de Molgas, que acabou fechando por fracaso e despois de que o Sergas lle dese a patada ao director, o máximo experto galego en xeriatría). Os anciáns de Celanova acabaron repartidos até en catro centros diferentes, 11 persoas faleceron e a taxa de contaxio entre as residentes (do 81%) foi a máis alta no país. Malia todo, a Xunta non interveu…
No Barco si o fixo. O día 12 de abril, domingo, a fin de semana na que se contabilizaban 1.161 persoas infectadas en máis de corenta centros de maiores do país. En Nuestra Señora de Fátima eran 61 residentes e 18 traballadoras. Veu a UME desinfectar o centro [na imaxe da cabeceira]. Política Social mandou á directora para casa e colocou a un cargo da Delegación territorial da consellería en Ourense á fronte. Un grupo de residentes contaxiados foi sacado de noite. Leváronos para Baños de Molgas, e despois outros para Piñor, porque a esa altura xa era evidente que o centro intermedio en Baños foi unha mala solución. O anuncio da intervención fíxoo aquel domingo de abril, Ildefonso de la Campa, o director Xeral de Maiores… Probabelmente tarde. A Celanova nunca chegou.
Case catro meses despois de que comezara todo, a Xustiza alcanza á xestión privada e tamén á pública das residencias de maiores durante a crise da covid19 nos meses de marzo, abril e maio. Xestión pública que é competencia da Xunta, por moito que Feixoo se empeñase desde o 24 de marzo en culpar primeiro a Pablo Iglesias e despois a todo o Goberno central. Pode que o abandono dos maiores durante a peor crise de saúde pública na historia recente do país non lle pase factura a Feixoo nas eleccións que convocou precipitadamente en maio. Pero ficará na memoria colectiva das galegas. Antes, a Xustiza fará o seu traballo. Veremos se desta volta remata en recoñecemento da verdade e reparación das vítimas. Non hai precedente dun xuízo tan amplo polo número de mortes… porque aínda hoxe, este mesmo luns, empezou, tamén na Coruña, o primeiro xuízo contra o golpe de Estado do 36 que produciu un xenocidio (é o xuízo a Meirás, pola propiedade dun pazo, si, pero debería abrir ás portas ao gran xuízo pendente da democracia española).
A crise nas residencias
“A base do negocio das empresas nas residencias é precarizar o persoal”
Sonia Jalda, portavoz de TREGA, denuncia a falta de regulación sobre as residencias de maiores e advirte que os estándares da atención foron rebaixados a medida que as empresas privadas asumían a maior parte da prestación do servizo.
Familiares de residentes estudan unha querela criminal contra Domus Vi
Advirten que a querela podería incluír o presidente da Xunta, porque entenden que “tamén forma parte desa organización criminal”.
“O descoñecemento que Sanidade ten das residencias dificulta que entendan a realidade da situación”
“Creo que non se produciu ningún tipo de colapso no sistema sanitario galego. Hai recursos para atender as necesidades sanitarias das persoas maiores enfermas. É preocupante que non se esta facendo todo. Por iso non me podo calar, nin como responsábel do centro de Baños nin como persoa nin como presidente da Sociedade Galega de Xeriatría”, di Miguel Ángel Vázquez, apartado este mércores da dirección do centro intermedio de Baños de Molgas que acolle pacientes de covid19 procedentes das residencias da provincia de Ourense.
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas