Acto de intimidación en Xinzo da Limia

Medio cento de gandeiros concéntrase ás portas do xulgado de Xinzo da Limia durante a citación do activista do MEL que denuncia a contaminación das augas da comarca polas prácticas da gandaría industrial.

Manuel García reafírmase nas declaracións polas que Coren ameaza con demandalo. O acto de conciliación remata sen acordo e a empresa dispón agora de 4 anos para activar a demanda por 1 millón de euros.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google+
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on telegram
Telegram
Share on email
Email
Share on facebook
Share on twitter
Share on google
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Erik Dobaño | Xinzo, 2 de marzo de 2020.  Ás veces a xente deste país mete medo. Décadas de miseria e desesperanza producen actos ominosos. Nas macrogranxas non só se crían animais, tamén se alimenta a estulticia. Só así se explica que medio cento de veciños da Limia, gandeiros, moitos deles empregados directos nas granxas que Coren ten espalladas pola contorna, se reunisen esta mañá ás portas dos xulgados de Xinzo da Limia nun estampa ‘siciliana’: grupos de homes feitos e dereitos alí chantados en silencio ameazante.

Un labrego, un deles pero non completamente, tivo a coraxe de poñerlle voz ao que todo o mundo sabe e calaba: na Limia hai un grave problema de contaminación das augas e dos solos que ten unha relación directa coas prácticas irresponsábeis de tratamento dos residuos animais. É unha evidencia para moitas veciñas e veciños que, desde hai un tempo, empeza a ter tamén respaldo de estudos científicos.

Manuel García, labrego de Rairiz, activista do MEL, respondeu á citación do Xulgado de Instrución Número 1 de Xinzo da Limia para un acto de conciliación coa empresa Coren, que a principios de ano lle comunicara a el mesmo, a través dun burofax, que tiña intención de reclamarlle 1 millón de euros por “intromisión ilexítima no dereito o honor” da empresa.

O acto de conciliación celebrouse este xoves no interior dos xulgados mentres no exterior tiña lugar o acto de intimidación.

“Non se chegou a avenencia e agora eles [Coren] decidirán se interpoñen a demanda ou non. Cando saibamos o que deciden, responderemos. Teñen un prazo longo: catro anos. O que lle recomendamos a Manuel é que manteña a loita. Ten que medir o que di, mais mentres os feitos que se denuncien sexan veraces en principio non debería haber problema”, manifestou a avogada, do gabinete xurídico que atende á plataforma estatal Stop Ganadería Industrial.

É a primeira vez que unha empresa do Estado ameaza cunha demanda civil desta dimensión a un activista contra a proliferación da gandaría industrial.

Un dos avogados de Coren, á saída dos xulgados.

“Non recoñezo que lle teña causado a Coren ese dano”, di Manuel nada máis saír dos xulgados despois dun acto breve. Os representantes da empresa saen antes e saen rápido. “O acto foi como tiña ir, reafirmeime nas miñas declaracións públicas. Penso que estamos diante dun caso de saúde pública moi grave. Hai responsabilidade da Administración, porque non se quixo aplicar a normativa de xestión de residuos á industria gandeira que se instalou nesta comarca, e as consecuencias son as que son. Hai informes científicos que corroboran todo o que vimos denunciando desde hai anos. Non estou disposto a rectificar algo que é verdade. Se seguen adiante coa demanda, volverémonos a ver”.

Manuel García fai esforzos por manter un fío aberto con Coren e asegura que “esta empresa pode ser parte da solución se se esforza un pouco”. Tampouco quere romper pontes cos gandeiros alí concentrados. “Non me sinto intimidado”, declara, pero os gandeiros seguen alí, nas inmediacións do xulgado, en pequenos grupos que conversan sen levantar a voz, mostrándose. “Non me sinto intimidado. Vexo que a xente está exercendo o seu dereito a estar na rúa. A min no me molestaron”.

A acción dos gandeiros, ese “estar na rúa”, esperta a curiosidade dos veciños que pasean. “Que pasa aquí? Por que protestan?”, preguntan os viandantes. Non coñecen os detalles da disputa. Os medios apenas informan. Esta mañá só aparecen un xornalista e un cámara da TVE, a televisión pública estatal onde Manuel García fixo as declaracións que o trouxeron até aquí.

Manuel García, nos xulgados de Xinzo esta mañá.

“Espero que Coren recapacite e non presente finalmente a demanda”, insiste Manuel, que tampouco dá por clausurado o foro de encontro da Mesa da Limia. “Volverémonos sentar con Coren, por suposto que si, se é que se convoca de novo a Mesa, porque non sabemos por onde andan nin a consellería de Medio Rural nin o conselleiro… moito prometer, pero desde hai un ano non tomaron medidas reais”.

A finais do ano pasado, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias, Silvestre Balseiro, recoñeceu no Parlamento galego que na Limia “hai un problema” cos residuos da produción e volveu anunciar que a Xunta construirá 4 plantas de tratamento (unha delas, a de Sarreaus, reactivarase) na comarca. Era unha promesa que semanas antes avanzara Núñez Feixoo no debate do Estado da autonomía.

Silvestre Balseiro e outros técnicos da consellería participaron a semana pasada na última reunión da Mesa da Limia e, segundo informou Faro de Ourense (a edición provincial de Faro de Vigo), cualificou nese foro a situación como “extrema e insostíbel” e dixo que “non se pode verter máis xurros na zona”. É só a metade da solución (non verter), porque os xurros continúan a producirse e algún sitio van parar… mesmo se estivesen a funcionar as catro plantas prometidas hai meses, non darían abasto para asumir todos os residuos que produce a industria na comarca.

“Están dicindo que A Limia xa non admite máis xurros, pero seguimos sen as plantas de tratamento prometidas, as granxas tampouco teñen un plan de xestión de residuos… mentres se seguen autorizando máis granxas nesta comarca e en toda a provincia”, lembra Manuel.

“Son unha industria e teñen que depurar os seus residuos. Teñen que asumir eses custes dentro do sistema de produción. Nos seguiremos reclamando da Administración que lles esixe cumprir as normas coma nós esixe ao resto de cidadáns. O único que queremos é poder beber un vaso de auga limpa. E supoño que os directivos de Coren tamén lles gusta beber un vaso de auga limpa”.

Un veciño que pasa, pregunta, párase e conta. “Hai anos fixemos un pozo na casa alí en Nocedo, sempre bebín daquela auga, que daba alegría vela; pero agora xa só serve para regar, vén con limo, case que dá noxo”.