Proxecto en revisión
Información de interese para lectoras, colaboradoras e subscritoras.
Remata unha etapa do adiante.gal; a cooperativa para, o xornal segue.
As editoras | Ourense, 9 de xaneiro de 2019. Hoxe remata a primeira etapa do adiante.gal. No último día do ano demos de baixa a cooperativa. Aínda estamos moi lonxe do que soñamos ser quen de ofrecer. Calibramos mal as propias forzas. Faltounos tempo e percorrido para cumprir cos servizos prometidos ás nosas subscritoras. Apenas cumprimos coas lectoras. A lingua dos textos foi perdendo calidade en canto quedamos orfos da correctora lingüística e a profundidade e coidado dos textos tampouco mellorou na medida en que non conseguimos estabilizar un equipo de colaboradoras.
Tampouco consolidamos a estrutura comercial inicial e, despois do impulso que ao principio nos dera a persoa responsábel desa área, ter que prescindir dela acabou lastrando o proxecto. Ficamos cortas na pata social, por incapacidade para atender calquera fronte máis alá do traballo de redacción e edición. E seguramente defraudamos as expectativas de moitas lectoras que esperaron esa cooperación aberta prometida no inicio.
O demais, as cousas boas que nos animan a seguir co proxecto, non dan para soster unha mínima estrutura empresarial, cooperativa ou non. Nese plano o asunto detense aquí. Fica en revisión. Non dispoñemos de capacidade financeira para perseverar na idea actual a pesar de que seguimos acreditando na súa necesidade. Nós podemos traballar gratis, mas cremos que as nosas colaboradoras merecen que o seu traballo sexa retribuído. E os traballos remunerados que en paralelo intentamos manter, impídennos meterlle todas as horas precisas. Así que paramos aquí a cooperativa. O xornal segue.
Estas semanas anteriores estivemos pensando como continuar cunha parte do proxecto. Seguiremos dándolle voltas nas semanas que veñen, e iremos publicando e continuando cos temas que traballamos na medida que poidamos, tratando de mellorar no trato da lingua e na relación coas lectoras.
Polo camiño atopamos cómplices e bastante simpatía dalgunha xente que nos animou, axudou e apoiou (máis aló dos imprescindíbeis colegas que nos confiaron uns euros). Mesmo intuímos que estivemos próximas a xuntar ese equipo mínimo de redacción e deseño, e coas vinte fieis articulistas que nos acompañaron. Case sucedeu, pero manternos fieis á idea inicial (prescindir de publicidade institucional e pagar polas colaboracións e opinións) non chega se non somos capaces de conseguir un número de subscritoras suficiente para que o esforzo e o tempo abran máis luz no camiño e a dedicación persoal que supón pague a pena. Non renunciamos a estar e contar desde outro lado, a que a información non teña como axenda central a actualidade institucional e dos partidos senón a social. E nesa seguiremos, pero de outra maneira, achegando as nosas pequenas forzas a todas as pequenas forzas que camiñan na nosa mesma dirección.
Afortunadamente, o que si conseguimos é espertar interese nesa idea de cooperación con outros medios ‘formiga’ e ‘caracois’ coma nós. Nos últimos días empezamos a procurar esa colaboración imprescindíbel para tecer rede.
O adiante.gal segue, necesariamente un pouco máis pequeniño e aínda máis lento. Volvemos á imaxe do caracol coa que celebramos o primeiro mes, teimaremos en chegar á das formigas coa que festexamos o terceiro, e soñando nesa rede da araña que ilustrou o sexto mes. Afortunadamente, o que si conseguimos é espertar interese nesa idea de cooperación con outros medios ‘formiga’ e ‘caracois’ do país e fóra do país. Nos últimos días empezamos a procurar esa colaboración imprescindíbel para tecer rede. Seguimos acreditando nese camiño.
Grazas a todas pola paciencia, o alento e cariño. E xuntas teimaremos no adiante.gal
Imaxe: @Amparo Portabales.