"Agora o que urxe son equipos de protección e test rápidos"

Testemuños desde a primeira liña (V)

Onte domingo, a Consellería de Sanidade informou ao mediodía de que na Galiza se tiñan rexistrado 885 positivos de covid, 35 pacientes estaban ingresados na UCI e 227, hospitalizados en diferentes unidade. Até ese momento, contabilizábanse 14 falecidos a causa da enfermidade.

O seguinte testemuño anónimo corresponde a un anestesista que presta os seus servizos nos quirófanos dun gran hospital dunha cidade galega. Fai parte do equipo que se encarga de ampliar a UCI para atender o previsíbel aumento de casos graves de covid.

O que se fixo no noso servizo foi dividir en dous o equipo de profesionais sanitarios, unha parte atenden os casos de covid e outra, ao resto de pacientes.

No caso dos covids, agora mesmo a prioridade é buscar sitio para os pacientes de que están peor. Hai moitos ingresos, pero o urxente e atender en UCI aos máis graves. A última reunión que tivemos esta semana foi para acabar de organizar a nova UCI, que irá na mesma planta, no que antes era a sala de reanimación. A UCI dos covids está próxima a quedar sen camas. Neste novo espazo habilitaremos o mesmo número que hai naquela, mais xa está case listo outro espazo máis.

A última mañá de traballo botamos moito tempo formando á xente que vai entrar en contacto directo cos afectados. Temos que protexernos porque podemos ser unha fonte directa de contaxio. Estamos tratando de que todo estea planificado, temos que reducir os imprevistos, porque con estes pacientes non hai moita marxe de erro. Primeiro, porque están graves; e segundo, porque se non fas as cousas seguindo un protocolo estrito, vas contribuír a que se expanda o virus.

Estivemos reunidos todos, médicos e enfermeiros, e estivemos na outra UCI para ver como están a facer alí as cousas. Estamos preparando as novas UCI para que o tsunami, cando chegue, non pase por riba de nós. Telo todo o máis controlado posíbel para cando chegue.

“Nesta nova UCI imos traballar médicos de todas as especialidades, ademais de enfermeiras e celadores. Será persoal con experiencia, pero excluíndo a xente con factores de risco”

Cando chega? Pois hoxe [polo sábado día 21] ou maña ou este luns… está aquí xa. Non sabemos cando vai chegar o pico, porque nos casos máis graves, desde que enferman até que se poñen moi mal, poden pasar cinco ou sete días. É dicir, o pico podémolo ter nas UCI tempo despois do pico dos positivos. O normal sería alcanzar o pico de contaxios e, a partir dese momento, empezar a rebaixar número de ingresos e falecementos.

Nesta nova UCI imos traballar médicos de todas as especialidades, ademais por suposto de enfermeiras e celadores. Nos sitios nos que a cousa saíu mellor foron os sitios nos que se traballou transversalmente, porque deste virus non o sabemos todo. Será persoal con experiencia, pero excluíndo a xente con factores de risco.

O habitual é que os ingresos en UCI se produzan desde a planta, non desde Urxencias. O normal son casos que pasan alí uns días e reciben o tratamento e o soporte que se lle pon. En planta, a maioría dos casos evolucionan ben, e os que se deterioran pasámolos á UCI. Do que se trata en planta é de ir vendo como evolucionan estes casos para ir prevendo cales han ser os ingresos e que non se desborde o servizo.

Na UCI, o momento crítico tanto para o paciente como para o persoal é o momento de colocar o respirador. Hai que ter claro o protocolo. O normal será que nese procedemento estean presentes dous médicos, unha enfermeira e un auxiliar. Despois, para outras técnicas se precisa menos persoal. Durante a estancia na UCI, os coidados de cada paciente van depender da gravidade do caso e das patoloxías previas que presente.

Traballar co material de protección cansa máis. Colles moita calor, transpiras mal… agora mesmo a previsión é que as quendas se manteñan igual en enfermaría e para algúns médicos; outros, traballarán máis e engadirán gardas. O que se está a estudar é se as gardas teñen que ser de 24 horas ou ser máis curtas. Iso vai esixir cambios organizativos. Estanse reorganizando moitos servizos, tendo en conta que se suspenderon bastantes cirurxías. Ímonos adaptando en función da experiencia previa doutros hospitais e, tamén, da demanda de atención que hai.

“Recoñezo que teño medo. Convivo coa miña nai, que é maior e está entre a poboación de risco. O risco teno na casa”

É unha loita contra o reloxo. Temos o espazo e as camas para atender o que pensamos que vai chegar. Temos tamén respiradores. Penso que suficientes para un prazo prudente, digamos. Até o momento, estamos máis inquietos polos equipos de protección, porque vemos que hai máis problemas de subministro. Neste momento a preocupación maior é esta, especialmente, polas máscaras FFP3; pero pode que dentro dunha semana esteamos a falar doutra cousa. Agora mesmo o que urxe son equipos de protección e a dispoñibilidade de test de diagnóstico rápidos. Penso que un dos problemas da resposta que se deu en España estivo nos test, non foron bastantes, polo menos, até este momento.

Cantos antes poidamos illar á xente afectada e protexer aos profesionais, mellor. É moi difícil dicir se estiven ou non en contacto con algún afectado. O que si, tiven contacto con persoal que a súa vez estivo en contacto directo.

Recoñezo que teño medo. Convivo coa miña nai, que é maior e está entre a poboación de risco. O risco teno na casa. Tamén me inquieta a falta de concienciación entre a xente. Agora isto parece como esas batallas do Señor dos Aneis ou Xogo de Tronos: chegan os malos e son moitos máis e non sabes que vai pasar… Procuro non poñer a radio nin a televisión, evito as redes sociais, consulto as informacións científicas e as cifras en sitios oficiais. Hai momentos… pero teño ganas de dalo todo, ser quen de dar o mellor de min, e que pase canto antes.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

Sitios de interese

Ministerio de Sanidade

Guía COVID-19

Teléfono de información

900 400 116

Consellería de Sanidade

Como protexernos

Testemuños

Deixe um comentário