Alerta na universidade: O Estado deita a carga nas familias, e non todas poden

Parte II, os casos da UVigo e UDC

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Aldo Dagraza, Federico Giordano | Vigo, Coruña, 22 de xuño.  Hai só tres anos que o Ministerio de Educación inclúe no seu informe anual as cifras de abandono no sistema universitario español. A taxa media no curso 2013-14 foi dun 19% para estudantes de primeiro ano. En Galiza, do 13,6%. Daquela, o Ministerio sinalaba que o abandono dábase principalmente nas universidades públicas e con maior intensidade, no ensino non presencial. Para o curso 2014-15, o segundo informe reflectía un aumento da taxa até o 21,2% entre a cohorte de alumnas e alumnos de primeiro ano. A análise xa avanzaba datos agregados de dous cursos, e a taxa en Galiza era do 15,3% no primeiro ano e do 18,7% no acumulado. No 2015-16, o último informe dispoñible, a taxa de abandono en Galiza nos dous primeiros anos subira até o 21,9% (un de cada cinco mozas ou mozos deixaban os estudos antes de completar o segundo ano). Os datos sobre o terceiro ano advertían dun abandono nesa altura do 3,2%; é dicir, o acumulado era do 22,2%.

No portal de transparencia da Universidade de Vigo (UVigo) no hai información dispoñíbel sobre os últimos cursos (2015-16 e 2016-17). Aparecen os datos relativos aos cursos previos. No período comprendido desde o 2009 até o 2015, un 15% dos alumnos matriculados abandonou os estudos sen rematalos. Hai unha morea de motivos que levan ao abandono. A notábel e subida periódica das taxas despois da crise, a redución de bolsas, a falta de recursos para afrontar os pagos…

Para o coordinador do duplo grao Dereito e ADE na Uvigo, Jorge Falagán, a imposibilidade de pagar a matrícula non entra entre os principais motivos. “En primeiro lugar, está a falta de información previa dos alumnos sobre a realidade que se van atopar”, di, e considera que “as universidades teñen que ir moito máis aos centros de secundaria”. Falagán sinala como segunda causa a falta de convicción e a visión “práctica” á hora de seleccionar os estudos. “É moi recorrente o de vou facer Administración de Empresas porque ten moitas saídas… Pois se veñen sen convicción, e a iso lle sumamos a desidia xeneralizada que hai na universidade, ao final a xente desmoralízase”.

O grao en Dirección e Administración de Empresas é o que maior número de matriculacións tivo neste lustro (2.315) pero tamén o que mais baixas contabiliza, 377, o que supón máis dun 16% de taxa de abandono. Jorge Falagán relaciona estes datos có elevado número de prazas ofertadas, “na miña opinión, son demasiadas”, xa que “o 30% cóbrense en setembro, cando hai moitos centros que xa teñen os grupos pechados, así que antes de perder un curso prefiren vir aquí”.

Dúas enxeñerías completan o podio de baixas: Enxeñería de Tecnoloxías e Telecomunicacións, na que 182 dos 837 alumnos matriculados neste período non concluíron os estudos (21,7%), e Enxeñería Mecánica, na que abandonaron 152 alumnos de 1.237 matrículas (12,3%).

Escola Enxeñeria Industrial da Uvigo. Na imaxe do cabeceiro, Minas, tamén na UVigo. Imaxes tiradas de vídeos promocionais da Universidade de Vigo.

“Se non tes catorce ‘pavos’ todas as semanas para fotocopias, fódeste”

Isaac, pontevedrés de 28 anos, abandonou os seus estudos de Socioloxía na Universidade da Coruña (UDC) este curso. Deixara o instituto aos 16 anos, en terceiro da ESO, pola situación na casa tivo que buscar traballo. Aos 24 decidiu rematar o instituto asistindo a clases pola noite mentres traballaba. No 2014 fixo a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Sacou un 4,98. Optou por terminar Bacharelato e preparar a selectividade. Sacou un 5,48 de media nas materias xerais, lonxe do 6,5 necesario para a bolsa do Ministerio. Matriculouse en Socioloxía sabendo que non ía ter beca. Pasou un verán traballando para xuntar cartos para matrícula, uns 590 euros para carreiras de letras (840 para carreiras de ciencias na UDC). Debía cubrir os gastos de aluguer e desprazamentos. Aforrou e o primeiro cuadrimestre aprobou as cinco materias. No segundo empezáronlle a faltar cartos. “Se non tes catorce pavos todas as semanas para fotocopias, fódeste, porque á Internet non o van subir”.

Topou un traballo como camareiro. Once horas cada día. Suspendeu dúas materias. Tampouco tería bolsa ao ano seguinte. No verán seguiu traballando. O primeiro cuadrimestre puido resistir. No segundo, de novo buscou traballo. E outra vez dúas suspensas. Así chegou a principios deste curso (2017-18).

Non puido conseguir os mesmos cartos que nos veráns anteriores. Pagou os dous primeiros prazos da súa matrícula, mais non puido co terceiro. “Deixei que me viñese con recargo esperando poder ter conseguido o diñeiro”, conta, “e entón chámanme da Universidade e dinme que van dar de baixa a miña matrícula por non pagar o terceiro prazo. Eu preguntei se non había outra posibilidade e dixéronme que se podía facer un Tribunal de Alzamento…”. Lamenta que non lle ofreceran ningunha outra saída: “Non teño un peso, estou traballando para estudar, non podo seguir porque non me dá a pasta…”

Isaac non cre que poida volver estudar. O próximo ano tería que pagar a débeda coa Universidade, e non tería dereito a facer os exames das materias pendentes, e custaranlle máis por ser a segunda vez que as cursa. O prezo medio dunha materia de primeira matrícula é de 98 euros en letras, o da segunda é de 136: una suba do 38%. Sae caro suspender… ou non poder presentarse, polo motivo que sexa, mesmo por falta de cartos.

Facultade de Socioloxía na UDC. Imaxe: arquivo adiante.

Na UDC, en letras, a subida no prezo da segunda matrícula nunha materia é do 38%: de 98 euros a 136. Sae caro suspender… ou non poder presentarse, polo motivo que sexa, mesmo por falta de cartos.

A Universidade da Coruña non ten rexistros específicos sobre as causas do abandono. Tampouco puido ofrecer datos sobre as taxas de abandono nestas semanas de mudanza de equipo de goberno. A vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria da UDC, Margarita Amor, di que “temos considerado a contabilización mais sempre sairía inferior á real, porque ante a sensibilidade destes casos e a enorme casuística, non é viable contabilizalos”.

A UDC dispón dunha bolsa de axuda para alumnas e alumnos en situacións de dificultades económicas. No curso 2017-18 tivo un orzamento de 30.000 euros. Gastáronse 27.582 para dar axuda a corenta estudantes, que recibiron dende 200 até 1.300 euros segundo o caso. Amor admite que habería que baixar os requisitos para solicitar a bolsa do Ministerio e que puidese chegar a mais estudantes que necesitan desta axuda para poder realizar os seus estudos. “Non hai que esquecer que as causas que conducen a dificultades económicas afectan tamen aos estudos”, recoñece.

Desde a asemblea coruñesa do sindicato de estudantes Erguer sinalan que as bolsas son decisivas para moitas alumnas e alumnos. “Se non chega a bolsa do transporte ou a bolsa da matrícula non poden continuar os estudos. Moita xente opta por buscar un traballo. E a universidade, se presentas o teu contrato laboral, exímeche das aulas presenciais. Pero nos traballos non pasa, e en tempos de exames deixas materias para xullo. Na práctica non serve para nada que as universidades fagan iso”, explica Ana, que reclama máis recursos para as bolsas e advirte que “moitas buscan traballo para non ser una carga económica para os pais, daquela o problema é que os recursos económicos que pon o Estado e a Xunta non chegan”.

“Moitas buscan traballo para non ser una carga económica para os pais, daquela o problema é que os recursos económicos que pon o Estado e a Xunta non chegan”.

“Unha putada: cambiaron as normas”

Paulino Pedro, matriculado en Bioloxía na Uvigo no curso 2011/2012, foi merecedor da bolsa do Ministerio até o curso pasado, cando tiña que aprobar máis do 50% das materias. Traballaba como camareiro nun bar do barrio vigués de Hispanidade. “Unha putada”, di, “cambiaron as normas da beca”. Aprobou cinco de dez. “Saíume a devolver… Tiña un prazo moi curto para pagar tódalas taxas, ou quedaba fóra, e fiquei fóra. Non puiden xuntar o feixe de cartos dunha tacada. Se aínda tivese oportunidade de fraccionar os pagos mentres sigo estudando, vale, pero así non hai maneira”.

Aos 26 anos ten aparcado o seu soño de ser biólogo. “Quen sabe? Quizais en dez ou vinte anos podo regresar ao meu país, a Angola, e alí traballar como biólogo; pero sen saír de España, teño as miñas dúbidas”.

Non todo vai mal nas universidades galegas. Escoiten se non o que dixo o vicerreitor de Economía e Planificación da UVigo, José Manuel García, o pasado día 23 de maio na despedida do anterior Consello de Goberno: “Despois de facer o cálculo definitivo da prorrata do IVE pechamos un ciclo de resultados económicos en equilibrio desde 2012, que desexamos sexa o camiño nos resultados a conseguir no futuro”. A UVigo, explicou, acadou beneficios (ao parecer, duns 1,3 millóns de euros).

Deixe um comentário

Deixe um comentário