Arte e loucura: prácticas de resistencia fronte a unha sociedade enferma

O 20 de maio celebrase o Día do Orgullo Tolo, no que a expresión artística amosa nas rúas unha vía de empatía radical e ferramenta para a crítica, a denuncia e a inclusión social.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

Miguel Bustión | Madrid | 11 de abril. Este venres 13 de abril terá lugar na Coruña un coloquio sobre arte e loucura dentro da exposición FTloE (Fora Todo o Estraño) do escultor Urza que adapta un relato de Samuel Beckett. A exposición se sitúa no eido da Plataforma DiversidArte, onde a diversidade toma a palabra e a acción.

Urza é un “mal xestor das súas emocións” como vin escrito sobre el fai pouco ao referirse á súa diversidade. Eu tamén estou tolo ou iso din algunhas psiquiatras. Eu coido que é noxo e autodefensa fronte á vida que me tocou. Hai algo de simpatía extra cando se comparten certas cousas. Cando Urza a máis eu nos coñecemos, fixémonos amigos. Coido que ambos compartimos algo dese noxo pero tamén a intención de mudar o que nolo provoca.

Por outra banda, o vindeiro domingo 20 de maio celebrase, por primeira vez en todo o estado español, o Día do Orgullo Tolo organizado por diferentes entidades e asociacións de persoas con diversidade psíquica. “Diversas” no que respecta ás súas emocións, interpretacións da realidade, formas de sufrila e de afrontar as súas dificultades. Tomarán colectivamente diferentes espazos públicos, inspiradas no movemento LGTB+ no seu Día do Orgullo ou o movemento feminista no 8 de marzo e con intencións moi semellantes a ambos.

Se estás ao tanto do mundo da saúde mental, quizais xa saibas que as tolas andamos algo insubordinadas. De repente protestamos por todo. Non nos gusta que nos aten, nos encerren, nos droguen á forza, nos limiten dereitos civís mediante tutelas e aínda por riba andamos a pedir tratamentos eficaces. Organizámonos para defender os nosos dereitos humanos ou apoiar terapias e proxectos que melloren a nosa realidade. É dicir, que estamos tolas de todo.

Hai quen pensa que ter unha discapacidade non é motivo para sentirse orgullosa nin é unha diversidade senón unha merda enorme. Non lle falta razón pero é por iso que se organiza semellante evento. O termo “orgullo” é pola supervivencia, non por pasalo mal. Conste que xa sabemos fai tempo que, por exemplo, “escoitar voces” non supón sufrir ou ter un trastorno mental. Sabías ti iso?

Ao contraio que pensan certos medios e grupos sociais, nin o Día do Orgullo LGTB+ é unha festa rachada con tres días de rave, nin o Día da Muller do 8 de Marzo é para regalar perfumes e tixolas. Ambos días son para a crítica, a reivindicación, a visibilización, o debate, a verba e a acción políticas. Os paralelismos e relacións entre estes movementos son moito maiores do que quizais moitas lectoras imaxinan.

Se estás ao tanto do mundo da saúde mental, quizais xa saibas que as tolas andamos algo insubordinadas. De repente protestamos por todo. Non nos gusta que nos aten, nos encerren, nos droguen á forza, nos limiten dereitos civís mediante tutelas e aínda por riba andamos a pedir tratamentos eficaces.

Por que tanto balbordo?

Falamos de enfrontarmos a unha construción social que vén das propias dinámicas de marxinación social fronte ao diferente, o descoñecido, o raro, o freak… que provocan rexeitamento polo simple descoñecemento.

Peor é o aproveitamento desta dinámica por parte de determinados axentes. Miles de millóns de euros da industria farmacéutica se dedican á construción dunha narrativa que incremente os xa gargantuescos beneficios económicos do lobby, o terceiro a nivel global. Estes cartos compran influencia na sanidade, no terceiro sector ou nos medios de comunicación. A ciencia, que semella tan neutral e consubstancial ao ser humano, e que pensa esta narrativa e aplícaa, recibe cartos á esgalla por investigar e desenvolver os aspectos biolóxicos, xenéticos, neurolóxicos, cerebrais, etcétera, dos fenómenos catalogados como trastornos mentais, quedando desprazados ou ignorados os aspectos psicolóxicos e, especialmente, sociais. Isto produce tamén que moitos cartos públicos sexan malgastados porque pretenden paliar problemas mentais da forma máis cara posible. O gasto prodúcese nos últimos medicamentos patentados case iguais aos anteriores en vez de primar enfoques terapéuticos efectivos que distan moito de medicar a todo trapo ás pacientes.

A ocupación do taboleiro por parte destas ideas, resumidas no concepto de bioloxicismo, xa non pertence só ao mundo profesional que traballa na saúde mental. Hai décadas que a cidadanía leva escoitando sobre o cerebro, a xenética e os neurotransmisores como a explicación e a solución de todos os males da humanidade, independentemente de calquera outro factor. O bioloxicismo colonizou calquera forma de expresión emocional, individual ou colectiva que poidamos imaxinar. Un problema laboral pode desencadear unha receita de ansiolítico e antidepresivo. Se falamos de mulleres, os datos estatísticos din que as posibilidades aumentan espectacularmente. Mesmo teñen recibido receitas de ansiolítico e antidepresivo por ir a consulta con síntomas de que… lle gustaba un rapaz (seguro que a entrevista clínica foi como nos boxes da Fórmula 1). 

Hai tamén unha individualización e unha profesionalización de todo tipo de problemas emocionais. Semella ser parte da desintegración das estruturas familiares (familia extensa) e comunitarias (veciñanza, traballos estables e cooperativos) e da tendencia á delegación das responsabilidades (relacións, sociabilidade) en cada vez máis profesionais expertas (coaching, pseudoterapias). Xa non sabemos facer nada por nos mesmas e ademais, o que xa non sabemos, agora temos que pagalo.

Daquela?

Un campo de traballo fundamental para o activismo é a linguaxe e a comunicación. Se queremos desaloxar o bioloxicismo e o estigma social que invadiu a nosa realidade, os terreos que debemos traballar son os da cultura: medios de comunicación, cine, televisión, informativos, redes dixitais, publicidade, centros educativos, museos, universidades, bares, concertos, humor, teatro,… a rúa. Por exemplo, a criminalización de titulares como “esquizofrénica mata a…” non está fundamentada en ningún dato estatístico sobre a criminalidade do noso colectivo (sufrimos moita máis violencia e as nosas condutas delituosas son semellantes ás do resto da poboación senón máis baixa) pero responde ás fontes de financiamento dos medios de comunicación.

Falamos tamén de re-ocupar cunha cultura diferente que sexa respectuosa, inclusiva, coidadora e terapéutica. Esta proposta é máis necesaria onde se supón que se dan a atención e os coidados. As terapias, metodoloxías e intervencións que demanda o activismo teñen algo en común: crean espazos seguros. Por espazos seguros entendemos que son respectuosos coa experiencia da persoa, son espazos de escoita, de coidados, de traballo dende os esquemas propios da persoa, de posta en valor do non patolóxico, espazos para o vínculo, a cooperación, o acordo,… Todos estas características teñen moito que ver coa comunicación e tamén coa cultura das profesionais, as familiares e a comunidade en xeral que se relaciona directamente con nós.

Como conecta isto coa exposición de Urza e o Día do Orgullo Tolo?

A arte é unha forma de comunicación que as tolas empregamos en canto se nos presenta a ocasión. As emocións son a autoestrada que transporta pensamentos e actos, por iso as emocións extremas levan pensamentos e actos extremos e estes precisan de linguaxes artísticos que dean soporte a esa intensidade. No colectivo madrileño Flipas GAM, ademais dos GAM (Grupos de Apoio Mutuo), o primeiro proxecto que xurdiu foi o grupo artístico FlipARTE, que colaboran con outros semellantes e afíns de Madrid ou de Albacete, como o Colectivo Enea. En realidade, temos a nosa propia corrente artística, o Art Brut, que se espoliou por parte de algúns profesionais que sacaron beneficio económico, sen retribuír a moitas das súas pacientes-artistas que mesmo chegaron a morrer dentro dos psiquiátricos onde estaban encerradas. Polo tanto, cando en Radio Prometea, a “radio tola” da Coruña, falan de memoria histórica, é con todas as implicacións que ten o termo. Fóra das institucións psiquiátricas tamén temos moitísimos exemplos de artistas que están ou probablemente estarían diagnosticadas.

Toda forma de arte ten a posibilidade (a obriga, pensamos moitas) de ser socialmente transformadora. As celebracións do Orgullo Tolo están atraídas pola arte en calquera das súas expresións. O 20 de maio haberá teatro, poxas poéticas, música,… moitos destes actos serán en espazos públicos, en plena rúa, nas prazas… Onde a narrativa era ata agora a de delegar na experta, na profesional, no vademecum, no que sae na revista de cutre-ciencia do quiosco ou no que di o documental pagado pola farmacéutica, agora no haberá mediación ou discursos encarecidos. O 20 de maio as tolas falaremos de primeira man. Imos dar a versión da única testemuña dos feitos, a nosa versión da loucura en primeira persoa do plural.

Post Data

Quedan quizais pendentes de explicar moitas das vinculacións entre a arte e a loucura pero ese é o tema do coloquio deste venres e pretendo que nos fagades unha visita no contraditorio espazo onde estaremos o artista e varias invitadas.

 

*As imaxes que ilustran esta información pertencen á celebración do Orgullo Tolo na cidade alemania de Colonia. @ Superbass, con licenza Wikimedia Commons.

Organizámonos e gañamos

Notas rápidas de Carlos Penedo, da Plataforma pola defensa do monte As Salgueiras a respecto da sentenza xudicial.