Caen as migracións, medra a desigualdade

Umha crise feita de muitas crises (3)

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | maio de 2020.  O 21 de abril o INE publicou os datos provisionais do padrón continuo de habitantes. A poboación de estranxeiros residentes máis a de residentes nados no exterior representa no Estado o 15,2% do total; e na Galiza, o 9,2% (a porcentaxe de nados no exterior é do 5,1%; un punto máis que no conxunto do Estado como un dos efectos da emigración galega). Antes da crise do coronavirus xa se producira un parón na chegada de inmigrantes ao país. “O atractivo de Galicia como sociedade de acubillo ten máis fundamentos sociais que económicos, e en tempos de crises económicas ou sanitarias, a súa capacidade de arrastre é máis ben modesta, isto explica a escasa presenza de inmigración estranxeira”, conta Montserrat Golías (A Coruña, 1975), profesora na Facultade de Socioloxía da UDC e membro do ESOMI (Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais).

Coa crise, avanza Golías, “a actividade migratoria verase paralizada primeiro pola limitación da mobilidade como consecuencia do estado de alarma, e nun futuro pola escaseza de oportunidades que se verán minguadas moito máis que na crise económica”. E sinala que se romperán as cadeas migratorias con América Latina, que os galegos en Europa aferraranse a países como Suíza “e quizá se as condicións o permiten marcharemos a un destino mellor”. En canto as entradas no país: “Aqueles que puñan o ollo en Galicia, polo afecto, pero sobre todo dos parentes, deixarán de facelo”.

Antonio Izquierdo Escribano (Madrid, 1950), director da tese de Golías, un dos sociólogos de referencia no ámbito das migracións, impulsor do ESOMI e autor entre outros estudos de La inmigración inesperada (1996), un ensaio central na investigación sobre a materia, opina que a crise do covid19 vai acentuar tendencias, provocará unha reordenación dos mercados laborais e o número de migrantes reducirase. “Os mercados de traballo non precisarán de tantos inmigrantes en situación irregular porque moitos inmigrantes empobrecidos que xa están nos países, e tamén autóctonos empobrecidos, veranse arrastrados aos traballos peor considerados. O fluxo deste tipo de emigración vai diminuír. En paralelo, tamén se extremarán a vixilancia e o control policial nas fronteiras, e dentro dos países aumentarán a desconfianza e o rexeitamento dos que veñen de fóra… dos pobres que veñen de fóra”.

“Poden pechar as fronteiras, pero a miña pregunta é como se pechan os vínculos históricos, familiares e os afectos?” (M. Golías)

A crise, subliña Izquierdo, é un freo para determinados fenómenos migratorios da globalización e un empuxón para outros. Provocará un empobrecemento xeral, “particularmente das clases medias ás que o capitalismo dixital expulsa dos seus pequenos ocos de emprego”. Pero tamén vai haber competencia entre estados por ver quen se leva os migrantes máis cualificados. “Ese fluxo non se vai deter, incrementarase”. Particularmente entre os moi cualificados, como físicos, informáticos, enxeñeiros e tamén co persoal sanitario. “As migracións en volume diminuirán numericamente, e o fluxo máis importante será o dos cualificados”, resume, advertindo que as redes serán as que ordenen a emigración desde Galiza dos mellor cualificados.

“A cuestión está en como despois de séculos de mobilidade, de configuración de familias transnacionais, isto pode verse freado. Non hai máis que pensar no caso galego, cadeas migratorias que se engraxan unha e outra vez e que manteñen unidas a familias acá e alá. Poden pechar as fronteiras, pero a miña pregunta é como se pechan os vínculos históricos, familiares e os afectos?”, reflexiona Montserrat Golías.

Desigualdade

Un dos freos para a mobilidade internacional dos menos cualificados serán as desigualdades, que seguirán aumentado, “sobre todo no interior dos Estados”, prognostica Izquierdo, para quen “mentres sigamos dentro de este sistema, a desigualdade seguirá a medrar”. No Estado español, o risco de pobreza afecta a uns dez millóns de persoas, o 21,5% da poboación segundo o último informe Arope. Na Galiza, as afectadas serían máis de medio millón. O preocupante é que desde o 2008 o índice mantense por riba do 20% e cunha tendencia a aumentar. A covid19 vén ampliar a fenda.

A covid19 afondou as desigualdades en apenas dous meses, coinciden Daniel Bóveda, activista de ACCEM, organización que traballa con inmigrantes, refuxiados e persoas en exclusión, e Raquel Martínez-Buján, profesora de socioloxía na UDC e membro do ESOMI.

“Volvemos ver colas diante dos bancos de alimentos, a cohesión social verase afectada de novo e porá máis atrancos ao desenvolvemento humano de parte da poboación” (R. Martínez)

“Tivo efectos inmediatos. Puxo de manifesto o drama de moitas familias que vivían o día, e agora non teñen nin para comprar a comida nin para pagar o alugueiro… Até hai pouco falabamos dunha clase traballadora empobrecida, pois aquí temos as consecuencias de non ter un estado do benestar con piares fortes: vaise quedar atrás moita xente que vivía ao día”, di Bóveda (Vigo, 1986), que asegura que están a recibir moita demanda de información de perfís persoais que “antes non chamaban e agora chaman para preguntar por cousas como onde conseguir comida”.

“Temos que reflexionar sobre o que chamamos normalidade. Se aquela era xusta ou non. Veremos que modelo triunfará despois de todo isto, se un estado social, ou un castelo con muros más altos”.

“O que si podemos dicir nesta altura é que a covid19 está xerando maior desigualdade e que quen máis a sofre son as poboacións migrantes”, engade Martínez-Buján (A Coruña, 1976), “volvemos ver colas diante dos bancos de alimentos, a cohesión social verase afectada de novo e porá máis atrancos ao desenvolvemento humano de parte da poboación”.

“Até hai pouco falabamos dunha clase traballadora empobrecida, pois aquí temos as consecuencias de non ter un estado do benestar con piares fortes: vaise quedar atrás moita xente que vivía ao día” (D. Bóveda)

A socióloga non se atreve vaticinar que carácter terá a saída que se propoña desde os gobernos. “Mais cero que se visualizou moito o poder que teñen os gobernos, que pensabamos que estaban simplemente en mans das multinacionais, penso que se viu o poder que realmente teñen, que son quen de parar a economía… Grandes cambios? Non creo”.

A covid19 vai reestruturar as sociedades, pensa Antonio Izquierdo. “Ollo: reestruturar, non alterará xerarquías, as enfermeiras van seguir cobrando menos cos futbolistas. O capitalismo dixital, concentrado, o capital máis potente hoxe, sairá reforzado e orientará o mercado de traballo cara a informatización e a dixitalización. Ao tempo que se empobrecen, internamente as sociedades vanse segmentar máis, haberá máis divisións e máis fondas”.

Oportunidades

A xestión da crise vai deixando algunhas ensinanzas e abrindo oportunidades para quen quere velas. “As ONG empezamos a estar consideradas no diálogo social, as Administracións parecen máis sensíbeis, fálase sen complexos de temas como a renda básica, polo menos nalgúns países. Cando a Administración quere, pode”, consta Daniel Bóveda, que pensa que é momento de levar adiante unha axenda precisa: “primeiro, que se garanta realmente a vivenda, que é a base para calquera outra intervención; despois, o ingreso mínimo ou a renda básica; despois, coordinación entre todos os actores para que o traballo sexa eficaz”.

“O capitalismo dixital, concentrado, o capital máis potente hoxe, sairá reforzado e orientará o mercado de traballo cara a informatización e a dixitalización. Ao tempo que se empobrecen, internamente as sociedades vanse segmentar máis, haberá máis divisións e máis fondas” (A. Izquierdo)

Raquel Martínez-Buján apunta ademais a cuestións legais: “Unha regularización sempre é positiva, simplemente polo que determina en canto á capacidade de acceso aos servizos públicos esenciais, tamén sería positivo flexibilizar a lei de estranxeiría… Para incidir sobre as condicións de vida, tamén sería importante regular o emprego doméstico para equiparar as súas condicións laborais aos do resto das traballadoras con dereito ao desemprego, moitas son de procedencia latinoamericana, e na Galiza entendemos durante esta crise o seu papel importante como coidadoras dos maiores”.

Certos cambios apuntan no horizonte. Ninguén pode saír sen traumas dunha catástrofe como esta, coinciden os expertos. O cemento social están en risco. “Xunto a igualdade, o principio que máis se verá afectado é o de comunidade”, sostén Antonio Izquierdo, “unha comunidade virtual non é igual que unha que se manifesta na rúa. A comunidade virtual é un sucedáneo. E a comunidade está sendo moi atacada porque non ten que ver co interese material, baséase nun principio de reciprocidade: axudar a quen o necesita”.

Pode que mude mesmo a maneira de habitar o territorio. Montserrat Golías conclúe cunha reflexión desesperanzada: “O retorno ao rural parece máis un plan de burgueses. A xente traballadora, pasará tempadas nas casas familiares, pero non como modo de subsistencia, porque os recursos non son suficientes como para poder vivir do campo. Relocalizar as producións sería bo, un impulso para unha lenta recuperación económica. Con todo non sería tan potente como para converter a Galicia nun atractivo no plano económico ou laboral para a chegada de inmigrantes. Como moito e con sorte, que fose suficiente para non ter que volver emigrar”.

PRÓXIMA ENTREGA (mañá, venres): “Do mapamundi ao carril bici”

As autoras

Coletivo Amanhecer

Coletivo Amanhecer

Continuamos publicando as oito entregas nunha ampliación da reportaxe conxunta Umha crise feita de muitas crises que difunde este mes Novas da Galiza en acordo con Galiza livre e adiante.gal (que pola nosa banda botamos andar unha colaboración como Coletivo Amanhecer).

Umha crise, muitas crises

#covid19

Deixe um comentário

Deixe um comentário