Campo da Capela, reorientando o minifundio

A cooperativa agroalimentaria da zona do Eume, que está a punto de cumprir 50 anos, mírase no espello das grandes sociedades de Irlanda ou Francia.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Moncho Alvedro | A Coruña | 7 de maio.  O sector primario é iso, o piar no que asenta o país. Galiza, agraria = Galiza, minfundista. Contra o tópico (moi visíbel) que conformou a historia, novas realidades. Illas. Alianzas de explotacións agrarias no rural: cooperativas. Un xeito de defender (con éxito?) os intereses de labregos e gandeiros. O único xeito? Aquí relatamos unha experiencia de 49 anos, unha das cooperativas rurais con máis bagaxe e anos traballados ao lombo do país.

“As cooperativas noutras zonas de Europa caracterízanse polo seu tamaño. Teñen maiores dimensións, en canto a número de socios, recursos, negocio… Quizá cara aí é cara onde deberiamos ir aquí, no país”, reflexiona Ana Isabel Vence, traballadora desde 1978, xerente e secretaria do consello reitor de Produtores de Campo da Capela S. Coop Galega.

“Aquí sempre se defendeu a unión cooperativa porque con pequenas explotacións ese é o único camiño para saír adiante. Este pensamento inflúe claramente na nosa traxectoria. Respecto doutras rexións nas que as explotacións teñen máis territorio, en Galiza o cooperativismo segue a loitar co minufundismo”, di Vence.

En Campo da Capela as elaboracións labregas e gandeiras, a produción de leite de vaca e a crianza de gando vacún de carne son as súas actividades centrais. Teñen 49 anos de historia detrás. En agosto de 1969 vinte e dous socios uniron as súas forzas porque decidiron que era a mellor decisión para o progreso dos seus negocios. “Naquel momento o asociacionismo comezaba a tomar impulso no país. Pero a xente no rural axudábanse entre eles de xeito natural, desde sempre, e agora seguimos así”. Aínda hai, entre os fundadores, quen participa das asembleas.

Campo da Capela, as explotacións e empresas dos seus socios, están no concello coruñés da Capela, co Parque Natural das Fragas do Eume e a Rede Natura como figuras protectoras do entorno, un pequeno territorio, paraxe de cuíñas, que non permite dispoñer de grandes extensións de terras. Un territorio miúdo, con relacións sociais fortes e próximas, a xente coñécese a cooperativa foi, dalgún modo, tamén unha forma de fornecer esas relacións.

“No mundo hai cooperativas moi grandes e con moita traxectoria”, insiste Ana Isabel, “falamos de países que comezaron a apostar por este modelo xa na segunda metade do século XVIII; aquí a cultura do cooperativismo é posterior, e iso inflúe notabelmente nas mentalidades”. Pero Ana María pensa que o futuro do rural irá ligado ao desenvolvemento do cooperativismo, do mesmo xeito que o desenvolvemento do país terá que ir ligado ao rural e a conservación dun hábitat privilexiado “que non se pode perder”.

As cooperativas do rural galego míranse nos espellos da contorna atlántica. En Francia e en Irlanda. Na illa, sociedades como Kerry (nada en Listowel en 1972, uns 13.000 asociados, máis de 6 millóns de euros de volume de negocio) ou Glanbia (case 15.000 socios e que se espalla en novas sociedades dentro do sector) son punteiras no sector agroalimentario. En Francia, as 156 principais cooperativas agrarias reúnen a máis de 370.000 socios. Fóra hai moito que aprender.

Campo da Capela, cooperativa agroalimentaria da zona do Eume, que está a punto de cumprir 50 anos.

Compartir servizos

Desde o comezo, Campo da Capela comparte servizos. Hoxe atende ás demandas de 91 explotacións (43 de leite, 38 de carne, 6 entidades asociativas -entre elas Monte Forgoselo-, agroalimentario do Eume, que son tamén produtores-, e 4 socios dedicados a produción de horta). Son 242 socias e socios en total. As terras de menores dimensións foron desaparecendo para transformarse en explotacións de maior capacidade. As dificultades para gañar base territorial, e tamén as dificultades derivadas das mentalidades asentadas no minifundio, fan que Europa, o cooperativismo deses espellos en Irlanda ou Francia, fique inda lonxe. Porén, os cambios non se deteñen e 49 anos deron para moito.

No 2005, Campo Capela levantou a súa fábrica de produtos lácteos artesáns baseados no leite cru, actualmente en obras de modernización e ampliación para poder absorber toda a leite que chega. As reformas culminarán dentro de medio ano. A cooperativa abriuse a diferentes negocios: produción de leite de vaca, elaboración de alimentos para o gando, tenda agraria, servizos de consultoría e asesoramento, cría de gando de carne e tendas de queixerías e alimentos galegos de calidade. Seis seccións principais. E tamén dispón dun servizo de seguros agrarios e tramitacións, ademais da asistencia directa do veterinario ás explotacións durante as 24 horas do día. A facturación acadou os 1,9 millóns de euros o ano pasado.

Campo da Capela, cooperativa agroalimentaria da zona do Eume, que está a punto de cumprir 50 anos.

“Naquel momento [1969] o asociacionismo comezaba a tomar impulso no país. Pero a xente no rural axudábanse entre eles de xeito natural, desde sempre, e agora seguimos así”

Compartir espazo

Na contorna do Parque Natural das Fragas do Eume as costumes mudaron, a influencia de zonas industriais como os estaleiros de Ferrol ou a térmica das Pontes fixo que moitos labregos (homes) abandonaran a terra pola industria e elas, as labregas, quedaran á fronte das explotacións. Campo Capela leva ese selo de feminización desde o principio e no seu consello reitor estiveron sempre ben representadas as mulleres. O cooperativismo galego, e non só o agrario, avanzou nesa dirección. Feminización e loita en prol das posibilidades de vida no rural foron da man na cooperativa. Ana Isabel Vence lembra que os primeiros esixiron un gran traballo de dedicación persoal dos socios. Mercaron a instalación, traballaron a quendas naquel edificio no que hoxe está situada a sede social, compartiron tractores, e entre finais dos sesenta e principios dos setenta chegaron os motores para a moenda dos cereais. Iso sucedeu nos setenta.

Despois, a construción que define a década seguinte é a fábrica de pensos. Ana Isabel lembra que naqueles anos tamén houbo un salto adiante na atención á sanidade animal. Foi esta a primeira comarca en Galiza que solicitou o saneamento voluntario da cabana gandeira. Nos noventa, Campo da Capela foi das que impulsou a recollida de leite con medios técnicos propios e participou activamente en sociedades, entre elas a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), a Agrupación Agroalimentaria do Eume, en Delagro e na primeira Asociación de Produtores Lácteos de Galiza.

Fernando Rodríguez é, desde hai dezaseis anos o presidente do consello reitor, antes tivo o cargo de tesoureiro. Fernando fala da primeira década deste século: “Empezamos a buscar saídas ao leite sobrante e así naceu a fábrica de produtos artesáns elaborados con leite cru”. Na década seguinte, a actual, os cambios máis significativos “viñeron de fóra”, explica Celia García, neta dun dos socios fundadores: “por exemplo a derrogación das cotas lácteas, o que provocou a volatilidade do mercado e a desaparición de moitas explotacións no pais”.

Sen aditivos

Traballar coa leite cru “require duns controis e coidados especiais”, explican os cooperativistas. Son escasas as fábricas no país que elaboran queixos de maduración curta deste xeito. O leite procede de explotacións con calidade sanitaria A duplo, nas que o leite non permanece parado nos depósitos. A elaboración do queixo é inmediata desde que sae da explotación e chega á fábrica.

A xerente precisa que “a especialidade é o requeixo, feito con leite cru de vaca, sometida a rigorosos procesos de selección, control, conservación e distribución”. E despois cita “a manteiga, totalmente artesanal, feita exclusivamente a partir da nata procedente da leite cru das nosas vacas, e co sabor, aspecto e textura que recordan as manteigas máis tradicionais que tomaron os nosos avós”. E finalmente “está o queixo tetilla, que sobresae por ter sido no seu momento o primeiro queixo protexido desa Denominación de Orixe feito con leite cru de vaca, sen aditivos nin conservantes nin colorantes”.

Tres xeracións manteñen a receita do cooperativismo, sen aditivos, na Capela. A proba do éxito está na duración, ou na maduración, como co leite cru. “A nós, o que nos preocupa é manter a calidade, iso é o que preocupou sempre, porque nun territorio tan pequeno, onde todas e todos nos coñecemos as relacións de colaboración son naturais”, insiste Vence, e conclúe avanzando plans: “o próximo será ampliar os puntos de venda directa, porque é a mellor forma de chegar a esa xente que busca o produto da terra”.

Outras illas

Reportaxe de Beti Vázquez sobre a cooperativa Mulleres Colleiteiras na Coruña.

Mulleres Colleiteiras: unha arañeira en lila

Entre as catro tecen con la unha rede de cor lila. Porque, máis aló de formas xurídicas e de obxectivos numéricos, Mulleres Colleiteiras é un espazo de encontro, unha forma de gañar a vida, un bocadiño de xustiza social que emerxe, coma sempre, desde as marxes.

Ler máis »