"Cando entras, o primeiro é varrer. Por aí se empeza"

Unha 'moradora' no cárcere que chegou ao colectivo Proxecto Cárcere para realizar unha investigación académica conta como foron os últimos meses até que por fin recibiron as chaves da vella prisión da Coruña.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 2 de agosto.  Inés é (case) Educadora Social. Réstalle un último traballo. Precisamente co que quere dar sentido a toda a súa actividade académica nestes anos na Facultade de Ciencias de Educación da UDC. Algo que empezou produto da curiosidade e rematará en setembro cun ensaio baseado nunha investigación participada. Pero iso será despois da festa de pasado mañá. Este sábado, por fin, abre o cárcere da Coruña. Con música e con todo o respecto pola memoria das e dos que alí penaron, que é o fin de tantos esforzos. Inés empezou no outono pasado a participar das asembleas, dos grupos de traballo do Proxecto Cárcere, o colectivo de teimudos activistas que, conta ela, primeiro tiveron un soño e namoráronse dunha idea, e agora negocian coa frustración de terse que acomodar a un espazo conciso mentres aturan administradores públicos e dispensadores de medo público… ese Partido Popular que vive de espallar os mesmos prexuízos que levaron a tanta xente á cadea, a esa mesma prisión que agora se empeñan en tapiar, non por vergoña (nin sequera iso), senón por simple oportunismo electoral. Inés viu todas esas cousas nos ollos da xente que leva anos e traballos insistindo en que o cárcere merece un Proxecto, e implicouse até as orellas. É o que ten a observación participante… e máis se se trata dun exercicio de “creatividade social”.

“A creatividade social son eses procesos que xorden desde a base, como autoorganización, desde o activismo… a miña é unha proposta de investigación do activismo, que cada vez me interesa máis”, di Inés.

Inés leva dez meses analizando a evolución dun colectivo en tensión crecente diante da posibilidade de alcanzar os seus fins. Levaban, as máis veteranas, teimando sete anos. Viviran as xornadas de portas abertas do 2011 como unha conquista case definitiva. Sufriran a regresión coa chegada do PP ao goberno municipal. Empuxaran para que agora si, coa Marea Atlántica e todo aquel fluír de “creatividade social” do 2015… agora si. E pasaron dous anos petando ás portas de María Pita, reclamándolle as chaves do cárcere a vellas compañeiras de loita. E por fin a comezos do ano pasado apareceu o alcalde un día e abriu as portas e deu unha rolda de prensa na entrada da prisión e dixo que antes do verán o pobo entraría no cárcere. E mesmo prometera un terzo ou un cuarto do edificio do trullo rehabilitado en cousa de meses. E polas asembleas que antes facían catro empezaron a pasarse colectivos do máis variado pensando, honestamente, que no cárcere cabería de todo.

Iso conta Inés que llo contaron antes de que ela tamén se namorara da idea e do proxecto e se sentara con elas e eles e empezara a ver que sentían e que dicían. “Todas no Proxecto Cárcere pasaron por unha fase de namoramento, e logo outra de traballo duro, de anos, sen froitos aparentes, e foron quedando poucas, un grupo pequeno e gastado, pero cunha gran confianza interna”. Iso foi o que sucedeu dentro. “E fóra tamén houbo tensións. Non se entendería como é e como funciona o Proxecto Cárcere sen esa relación co Concello, co goberno da Marea Atlántica”.

O momento crítico foi cando o espazo a recuperar se reduciu a douscentos metros cadrados, moitos meses despois de que o alcalde prometera pista para todo. “Entrara nas asembleas moita xente que non tiñan asimilado o pensamento que mantivo vivo o Proxecto todos estes anos, e despois foron abandonando. De inmediato apareceu outro foco de tensión, co Concello. Moitas se debatían entre establecer relacións de amizade ou de enfrontamento. Non hai grupos. Por dicilo dalgunha forma, esa dualidade estaba presente en todas, en cada unha de nós”.

O Proxecto Cárcere sempre alimentara a súa experiencia con relacións con outros colectivos de recuperación de espazos, espazos da memoria democrática ou simplemente espazos civís. Salvemos Carabanchel, que ao fin viu como derrubaron aquela cárcere sen que puideran facer máis, ou a Casa del Pumarejo, en Málaga, ocupas que remataron por establecer un diálogo coa Administración, foron algunhas das inspiracións. “Pero a relación coa Administración, mesmo cunha Administración amiga, debilita moito”, confesa Inés.

Inés Cruz, a semana pasada nunha das partes en uso do cárcere.

E confesa que houbo un momento, este mesmo ano, cando as chaves (que por fin conseguiron hai unhas semanas) non daban chegado, que a estratexia de negociación foi ceder en todo… “Chegou un momento en que obter as chaves e entrar converteuse no obxectivo. E fomos boíñas, aceptabamos todo. As Administracións non son unívocas, pero en xeral cústalles conectar e non ofrecen certezas”. Nese momento houbo “un retroceso nas expectativas, demos en pensar se realmente se podería levar adiante o soño”.

Desbaratáronse algúns plans, como o dunha cooperativa de persoas xordas que pensaran en montar a súa sede no vello cárcere. A menos espazo, menos diversidade nas propostas, anota Inés. E mesmo as ideas sobre se aqueles douscentos metros debían acoller un espazo de memoria democrática ou decantarse decididamente por un proxecto comunitario volveron chocar.

As contradicións resólvense polo traballo. Menos pensar, e máis facer. Menos imaxinar regulamentos e máis avanzar na creación dunha comunidade, explica Inés. “Entón chegou o momento no que entramos. E cando o entras o primeiro é varrer. Por aí se empeza. E fai falta organizarse. O salto do soño a fase de execución é complicado. As cousas teñen sentido se son útiles, e algo se perde no salto, por suposto… pero había un certo bloqueo para pasar do pensamento á acción e, de súpeto, houbo que poñerse a facer cousas, limpar, pintar, mercar baldas, colocalas”. E varrer. Tamén algunhas ideas: “o momento de integrar é ese, no que se descubre se o que se pensou resulta útil”.

Inés, que chegara ao Proxecto Cárcere para dar un curso de toma de decisións por consenso, decidiu dar o seu propio salto e integrouse no plan. Hoxe é unha moradora máis e co-responsabilizase (o das moradoras, indica, é o nivel de compromiso máis alto) do que se fai e do que se está creando. “Aínda andamos no proceso de consolidación da estrutura organizativa, pero estamos tratando de que sexa o máis aberta e flexíbel”. En paralelo, desenvolven unha escola de cidadanía e manteñen a relación precisa co Concello, que paga a luz, a auga e a wifi, e que non decide sobre a programación pero si está nunha comisión de seguimento. “Para todas, tamén para a Administración, é algo novidoso, unha escola”, di Inés, que segue porfiando no soño, limitado por agora a douscentos metros e un par de iniciativas da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e do grupo de baile tradicional Son d’aquí, que propoñen do seu: charlas e música.

O Proxecto Cárcere celebra este sábado unha festa sen a inxenuidade daqueles días do 2011, antes de que aparecera o PP e apagara a música. O Proxecto Cárcere creceu. E fíxoo entre decepcións e advertencias, tendo que asumir que mesmo as Administracións amigas poder acabar a golpes con proxectos alternativos como o da Insumisa. E que as Administracións inimigas tamén gardan ases da baralla, como esa limitación na cesión do cárcere por parte do Estado ao Concello que remata no 2019, despois das municipais. E mentres, a varrer.

Deixe um comentário

Deixe um comentário