Mentres que a estatuaria cívica representa homes de todas as pelaxes, de primeira, segunda, terceira filas e mesmo de retagarda ou absolutamente anónimos –até o can do cego ten o seu propio monumento, e xenial que así sexa- só tres ou catro mulleres están acompañadas polo seu nome, apelidos e fazañas, cricas testemuñais da pedra ou do bronce e, ás veces, que estean aí fíxose a regañadentes. Unha María Pita coruñenta obrigatoria, un par de donas Emilias e de Rosalías ciscadas por aí, sedentarias, lánguidas, con atributos mixiriqueiros de flor, pluma, novelita ou arpa, poetisas, que se di con certo puag. Nada de representalas en pé, traballando ou botando a pacer lingua e enxeño con ferramentas que impliquen algo máis que aburguesamento e fasquío.