O 17, día de Carvalho Calero

Do Seminario de Estudos Galegos ao Partido Galeguista na Fronte Popular

Bernardo Máiz Vázquez

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Ricardo Carvalho chegara a Santiago no curso 1926-1927 para estudar Dereito, integrándose de inmediato na sección xurídica do Seminario de Estudos Galegos, entidade da que sempre se considerou. Nos cursos 1929-1930 e 1930-1931 presidiu a APED, Asociación Profesional de Alumnos de Derecho; aproximándose APED á combativa e republicana Federación Universitaria Escolar (FUE) nuns tempos nos que era previsible o próximo fin da ditadura de Primo de Rivera e moitos albiscaban a queda da monarquía, Carvalho publicou La fuerza pública en la Universidad, opúsculo crítico denunciando a violación pola policía da inmunidade territorial dos recintos universitarios. Proclamada felizmente a II República en abril do 1931, Carvalho Calero foi autor en maio dunha nota pública na que a sección compostelá da FUE manifestaba “(…) participar integramente no espírito do galeguismo, que será o xerme da futura estruturación da Galiza dentro da República Federal Española”. Unha II república que non foi federal, mais cunha constitución que no Titulo 1º creaba un estado autonómico e un sistema que Manuel Azaña acreditaba “federable”.

Os cambios lexislativos republicanos no eido estudantil levaran ao estudante Ricardo Carvalho Calero á Xunta de Goberno da Universidade de Santiago, e , neste caso como avogado, promoveu a publicación o 1 de xullo do 1931 do manifesto A ezquerda galeguista fálalle ao país, publicado no nº 285 de A Nosa Terra, demandando o “dereito indiscutible do pobo galego a autodeterminar o seu destino” (sic) segundo o “estatuto rexional” (sic) que redactaran o propio Carvalho Calero e Luís Tobío, o Estatuto do Seminario de Estudos Galegos, o de 1931, que no seu artículo 1º expresaba que “Galiza será un estado libre dentro da República Federal española”.

Con Tobío e Carvalho asinaban o escrito Álvaro de las Casas, Víctor Martínez, José Carnero Valenzuela, José Eiroa, Sebastián González, Primitivo R. Sanjurjo, Antonio Fraguas, Francisco Gastañaduy, Arturo Cuadrado, Eduardo Sánchez Fraga, J. López Durá, Juán Luís Ramos, Modesto Blanco, Luís Seoane, José Caamaño, Xaquín Lameiro, Basilio Fernández Barbazán, José María Vázquez, Ánxel Casal, Clemente Zapata, Cesáreo Vázquez Ulloa, J. Rodríguez e R. Fernández Casas, tantos que despois militaron no Partido Galeguista ou noutras opcións políticas do arco da esquerda; despois de xullo do 1936 todos sufriron morte, cadea, depuración, exilio, mesmo fora este interior.

Cofundador do Partido Galeguista (PG) en decembro do 1931, neses días Carvalho compuxo o escrito Xa somos ezquerda, asinado por moitos dos denominados “os novos” do neonato Partido Galeguista no que Carvalho foi peza básica, formando parte sempre do seu Consello Permanente, do Comité pro-autonomía, co-redactando o texto definitivo do estatuto de 1936 e participando na asemblea de concellos galegos que en decembro do 1932 deu en Santiago o pasavante ao texto.

Neste tempo republicano Ricardo Carvalho estabelecerase no 1932 en Ferrol por razóns familiares (voda con María Ignacia Ramos) e laborais (funcionario do concello por oposición), pulando para crear un Grupo Galeguista, presidido por Nicolás García Pereyra en agosto do 1932, seguido en xaneiro do 1934 polo propio Carvalho Calero e por Domíngo Pombo en febreiro do 1935; entre os seus afiliados estaban Emilio Sanxenxo, Ángel Valcarcel, Manuel Monteagudo, Fiz Álvarez Castelo, Álvaro Vizoso, Horacio Fernández, Francisco Yáñez, Felipe Bello Piñeiro (ata que artellou a Irmandade Nazonalista Franza-O Seixo), e, brevemente, Gonzalo Torrente Ballester, expulsado do PG no paso do ano 1934 ao 1935 polas súas simpatías con Falange Española.

Este Grupo ferrolán editou en 1933 o quincenario Erte…! para “erguer a galeguidade durmida en Ferrol”… e tan durmida que estaba, pois na súa correspondencia Carvalho recoñecía que o PG ferrolá non medraba. Situación máis positiva para o galeguismo era a da bisbarra de Ferrolterra, pois ademais do sinalado para Franza-O Seixo, de 1934 ao 1936, deran organizadas Irmandades/Grupos Galeguistas/Nazonalistas en Cerdido, Fene, Irixoa, Maniños, Mera, Miño, Moeche, Monfero, Pantín, Pontedeume, Vilarmaior… Tanto en Ferrol como neses lugares deron conferencias e mitins Suárez Picallo, Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo, Lugrís Freire, Villar Ponte, Fernández del Riego e o propio Carvalho, que nese tempo ferrolán mantiña relación de amizade principal co médico e alcalde socialista Xaime Quintanilla e con Arturo Noguerol, galeguista e secretario do concello de Serantes, os dous asasinados no 1936. Nese período viaxaba a miúdo a Santiago, pois, concluída a carreira de Dereito, cursaba por libre a de Filosofía e Letras; como estudante, Carvalho Calero encabezou en marzo do 1933 as sinaturas dun Manifesto aos escolares, aos universitarios, aos galegos, a prol da galeguización do ensino e demandando autonomía política para Galiza.

O grupo Izquierda Republicana (IR) de Azaña, no que Casares Quiroga subsumira a ORGA, iniciou en 1935 contactos cara a constitución dunha fronte común de centro esquerda, que no último punto do pacto electoral do que coñecemos como Fronte Popular recoñecía o dereito ás autonomías territoriais. Carvalho foi un forte promotor da integración do PG nesa alianza electoral, postura expresada no seu articulo Non podemos vivir no limbo, dirixido aos seus camaradas e publicado en ANT no abril do 1935; tamén nese compromiso político representou ao PG en Ferrol nun acto conxunto con IR. Na sesión de peche da asemblea extraordinaria do PG en Compostela os días 20 e 21 dese abril, coa frase “estamos comprometidos na angueira de reconstruír unha Patria” e a afirmación “fío en Azaña”, presentou (con grandes aplausos) un manifesto a prol da integración, proposta que el, Castelao, Suárez Picallo, Villar Ponte, Fernández del Riego e outros espallaron en mitins en Santiago, Vigo, Ferrol e un longo etcétera, conseguindo que o 25 de xaneiro do 1936 o consello do Partido Galeguista aceptara inserirse na Fronte Popular, acción que o 31 dese mes o semanario A Nosa Terra ampliaba cara unha Fronte Galega, subliñando que, de prosperar o estatuto autonómico, habería eleccións galegas nos tres meses seguintes ao referendo. Tristemente, algúns galeguistas extremadamente conservadores encabezados por Filgueira Valverde non aceptaron a opción da maioría, botáronse fora do PG e crearon a Dereita Galeguista, apenas dez persoas. Carvalho Calero sempre lamentou esa ruptura.

O Seixo, Mugardos, agosto 2018. 

Bernardo Máiz Vázquez

Bernardo Máiz Vázquez

Ferrol, 1950. Doutor en Historia. Entre as súas últimas publicacións están Castelo de San Felipe: cárcere e morte (2010), O Seixo, na Outra Banda da banda de Ferrol (2016) e Amada García e os seus arredores (2017). Pioneiro na investigación sobre os movimentos sociais e a represión franquista en Galiza, ten realizado numerosas achegas no coñecimento do mundo do mar, con libros como Nautilus (1994) ou As embarcacións de pasaxe das rías galegas (2000), destacando o seu compromiso coa recuperación da cultura marítima tradicional. Foi distinguido co Premio Manuel Murguía ao labor e mérito historiográfico.

Deixe um comentário

Deixe um comentário