O 17, día de Carvalho Calero

"Carvalho representaba unha continuidade coa xeración republicana en todos os ámbitos; Piñeiro non"

ENTREVISTA | Suso de Toro

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Carlos Alfredo Castromao | Compostela, 17 de decembo. Suso de Toro é un literato sen fronteiras, tamén é guionista de televisión, tuiteiro polémico e seguido por milleiros de persoas, e tamén activista cultural e político, columnista e mesmo xornalista independente e iconoclasta, un tipiño que non dá parado de traballar case nunca. Só cando o secuestran os amigos e a familia para ir aos Ancares apañar cogomelos, pasear, beber viño e bailar. Por iso temos que lle agradecer moito que accedera a concedernos esta entrevista para analizar o significado de Ricardo Carvalho Calero e falarmos sobre o papel que xoga este ilustre membro da xeración da II República no noso país e axudarnos así a revisar a súa vida e obra dende unha perspectiva contemporánea.

Suso chega no bus urbano que o trae dende o barrio compostelán do Castiñeiriño, onde vive, até o Sarela. Interrompimos o traballo deste home falangueiro a quen a súa nai lle chamaba xa de cativo “o vello dos contos”. Intuición de nai. De Toro anda estes días a voltas cun libreto para unha ópera baseada nun relato seu, que por certo quere montar coa RFG no Auditorio de Galicia. Tamén lle roubamos tempo para a escrita dunha nova novela.

Aínda que no 2010 anunciou, totalmente abatido, que deixaba a escrita para sempre, decatouse de que a cabeciña non lle paraba e non deu feito tal cousa. Hoxe, xa xubilado de profesor, de Toro fai de menos ao alumnado mais non bota en falta o ensino. Segue a invocar aos espíritos dos personaxes das súas novelas en conclaves druídicos onde gustan de saltar xuntos en camas elásticas de parques infantís e sintonizar os seus biorritmos para dialogar nun entorno vizoso de soños cruzados, mentres paseamos e conversamos unha mañá de outono entre o parque de Galeras e a Finca do Espiño.

Defina a Carvalho Calero cunha palabra.

Mellor dúas: incómodo e imprescindíbel.

Quen foi este home e cal é o seu significado no mundo cultural galego?

Foi un mozo que formou parte dunha xeración intelectual espléndida nun tempo que semellaba prometer liberdade e un horizonte para sacar ao noso país da humillación e da dependencia. Estou certo de que el se consideraba a si propio como un membro consciente dunha xeración, a da II República. Ese espírito de liberdade foi aniquilado para as seguintes xeracións, xa formadas no medo e no servilismo obrigado. A figura de Carvalho na longuísima posguerra que chegou a nós foi a dun supervivinte que tivo que procurar a subsistencia e a existencia nun medio social e cultural no que era unha figura incómoda.

Cal o papel de Carvalho na cultura galega?

Habería que dicir “na cultura e na política”, pois para comprender a Carvalho é preciso coñecer as tendencias dentro do galeguismo despois da destrución e da quebra que fai a liña piñeirista. Non quero eu facer un xuízo moral, entendo que as diferenzas son por análises distintas e conviccións sinceras, mais Carvalho representaba unha continuidade coa xeración republicana en todos os ámbitos, mentres que Piñeiro, non. Mesmo no modo de entender a lingua galega, como parte do romance hispánico occidental, o galego portugués, no caso de Carvalho é como unha lingua subalterna falada no interior do territorio histórico e político do castelán. Debaixo das retesías ortográficas hai moito máis que unha disputa gramatical, hai unha comprensión da lingua e da Galiza mesma como unha nación en por si ou como parte da nación española. A súa argumentación de que a lingua galega ou é galego portugués ou galego castelán é impecábel e vai a misa. E cada día é máis evidente e cada vez é máis inxusta, cega e prexudicial para o galego a negación desa posición.

Tivo contacto persoal con Carvalho Calero ?

Eu non o coñecín. Por xeración tocaríame coñecelo se tivese estudado Filoloxía, que non foi o caso. Aínda así pode que non me tivese simpatizado a súa figura de señor profesor que podía resultar aristocrática, segundo teño entendido. Recoñezo que fun un mozo moi da miña xeración hipercrítica e desmitificadora e pode que aquel señor me resultase antipático. Visto hoxe coa distancia, alén dos trazos de carácter e de aspectos propios da cultura dos homes da súa xeración, paréceme unha figura importantísima que non foi recoñecida. Os seus estudos literarios son fundacionais e as súas elaboracións sobre a lingua acertadísimas. Rescatar para a sociedade a figura de Carvalho é rescatar o republicanismo galego e a mesma soberanía no pensamento da lingua, á marxe da escola filolóxica madrileña. Se os xenerais nacionalistas españois non tivesen triunfado a concepción da lingua, e loxicamente a súa escrita, sería moi semellante á defendida por Carvalho e non á defendida pola liña de Piñeiro.

“Rescatar para a sociedade a figura de Carvalho é rescatar o republicanismo galego e a mesma soberanía no pensamento da lingua, á marxe da escola filolóxica madrileña.”

literatura, Carvalho Calero, reintegracionismo, RAG
Suso De Toro en Compostela.

Por que é tan pouco coñecido este home no seu país?

Alén dos seus méritos cívicos como cidadán militante no republicanismo galego, no Seminario de Estudos Galegos e no Exército republicano, alén do seu paso polo cárcere e as dificultades para sobrevivir el e mais a súa familia, está o ser autor da primeira novela cabal editada en galego tras a guerra, A xente da Barreira, é cousa que se ignora deliberadamente na historiografía da nosa literatura. E o autor de Scorpio, unha novela moderna que conta a súa xeración e unha época. E como estudoso só pola súa Historia da Literatura Contemporánea Galega, que supera a que fixera anos antes Benito Varela Jácome, merece un lugar senlleiro. A súa figura e os seus méritos non son ben coñecidos nin valorados pola simple razón de que perdeu a guerra e tamén a posguerra. Non se adaptou ás novas regras do xogo.

Podería ser o galaico o nexo de unión entre o mundo hispano e o mundo lusófono?

Debemos conservar o ánimo e defender o que hai que defender, mais eu non son optimista. En abstracto debera ser un lugar natural de encontro, semella lóxico por motivos históricos, xeográficos, políticos…, mais non o vai ser. Por un motivo simple e evidente, a Galiza non ten estado propio e así non existe de facto. A República de Portugal trata co Reino de España e ignora Galiza, a Galiza está dirixida por políticos ao servizo da corte española e así ignora Portugal precisamente porque a relación Galiza Portugal ten unha dimensión política dentro da España, a corte desconfía de nós, de sermos medio portugueses e non sermos españois o bastante. E a propia sociedade galega ignórase a si propia como nación. De modo que esa relación entre linguas, que ten unha dimensión política indubidábel non se vai dar.

Que papel debera ter a lingua galega no mundo global contemporáneo?

Francamente, non o sei. Non sendo que haxa un cambio social e político profundo, é dicir que a sociedade galega deixe de apoiar a candidaturas dependentes de Madrid e que serven aos intereses da corte e vote candidaturas soberanas galegas pois a Galiza non vai existir politicamente. E non vai ter unha política lingüística propia. De modo que o que queda é, desgraciadamente, a pura resistencia fronte ao estado españolista.

E que lle parece a Lei Paz Andrade?

Pura razón, puro sentido común. O natural é que un país aproveite os seus recursos, e a lingua galega se se pon en relación co mundo da lingua portuguesa non só é un lugar para existirmos como país senón tamén unha ferramenta de valor indubidábel a prol dos nosos intereses.

“Precisamente porque a relación Galiza Portugal ten unha dimensión política dentro da España, a corte desconfía de nós, de sermos medio portugueses e non sermos españois o bastante”.

E que opinión lle merece que se estude máis portugués en Estremadura, por exemplo, que en Galicia?

É simple, en Estremadura o portugués é unha lingua estranxeira, dun país veciño, mais estranxeira. No caso galego é distinto, é evidente para os falantes o parentesco, a pertenza a unha mesma comunidade lingüística. E iso ten ou pode ter connotacións políticas. Por iso o españolismo, que menospreza a Portugal e a súa cultura, ve que na Galiza iso abre un camiño perigoso para os seus intereses centralistas.

Parécelle ben que non se lle teña dedicado o día das letras galegas a Ricardo Carvalho Calero?

Non opino en público. Hai xa trinta anos que levo dicindo e escribindo que a celebración do Día das Letras ten que mudar, que os seus rituais hoxe probabelmente son máis prexudiciais que beneficiosos para a nosa lingua e a súa imaxe na sociedade. Mais iso é unha opinión particular e evidentemente non se me fai caso nin hai por que o facer. De todos xeitos, quen escolle a figura que é beatificada cada ano de forma pública é a RAG e eles saberán por que non estiman abondo os méritos da figura de Carvalho. Mais, falemos claro, a figura de Carvalho representa xustamente o contrario do que é hoxe a RAG, e a súa idea da lingua é case contraria. Hai un conflito de intereses, por encima dalgunhas xenreiras particulares, que tamén as hai.

Que outros autores esquecidos ou marxinados hai a quen non se lle teñan dedicado as letras galegas merecéndoo?

Pois non o sei. Un dos problemas menores dese modo de conmemorar escritores é que somos un país pequeno e de contado acaban as figuras literarias de mérito. Non producimos un escritor ou escritora cada ano que teña unha obra ou méritos que merezan tal conmemoración. E así exaltamos figuras que carecen de peso real.

“Falemos claro, a figura de Carvalho representa xustamente o contrario do que é hoxe a RAG, e a súa idea da lingua é case contraria. Hai un conflito de intereses, por encima dalgunhas xenreiras particulares, que tamén as hai”.

literatura, Carvalho Calero, reintegracionismo, RAG

Por que non está vostede na RAG?

Pois porque non temos relacións, non nos tratamos. A RAG é un ente privado formado por elementos que se escollen entre eles, polo que sei os seus membros se cooptan, así que supoño que para que coopten a un débense dar certas condicións. Calculo que o primeiro é que alguén propoña o teu nome, logo que lles resultes simpático a un bo número deles e finalmente que non teñas un número significativo en contra. Até o momento, polo que eu sei, nunca me propuxeron ser membro dese ente, de modo que entendo que non se deron esas condicións. E eu enténdoos ben, pois primeiro de nada eu non son persoa na que podan fiar, para a miña desgraza sempre manteño posicións que pretenden ser de equilibrio e que neste país resultan conflitivas. E no modo de entender a lingua tamén temos diferenzas, como se pode comprobar pola miña valoración da figura de Carvalho, por exemplo. Eu acepto que debe haber un modelo de lingua, máxime nesta situación histórica, mais non concibo a prohibición da norma reintegrada ao portugués e síntome máis preto do reintegracionismo que do isolacionismo e rexionalismo lingüístico. Porque constato a situación histórica do meu país e da miña lingua acepto a norma que prescribe a RAG, aínda que coido que foi un grave erro que a autonomía lle encargase a unha entidade que non é pública o establecer o modelo e a gramática da lingua, deberan ter sido os departamentos universitarios nun consenso. Alén diso, o ser membro da RAG ten unha dobre dimensión, suponse que os membros escollen persoas que aporten cousa nalgún ámbito da lingua e, tamén, ten unha dimensión indubidábel de recoñecemento de méritos lingüísticos, culturais ou literarios. Eu non encaixo nas súas previsións. Doutra banda, sempre fun contrario ao modelo borbónico das academias e a súa pretensión de comisariar a vida cultural. Eu cheguei aquí e vivín a miña vida sen ter en conta academia ningunha, iso non entra no meu modelo de país, de cultura nin no meu plan de vida.

“Sempre fun contrario ao modelo borbónico das academias e a súa pretensión de ‘comisariar’ a vida cultural. Eu cheguei aquí e vivín a miña vida sen ter en conta academia ningunha”.

Vostede síntese marxinado no seu país?

Hai cousa de vinte anos un político que logo chegou a ser, para a nosa desgraza, presidente de Goberno, e non se trata do meu amigo Zapatero, escribiume: ‘Tú eres un disidente’. E tiña razón. Eu non teño encaixe doado nun país así, nin na España nin nesta Galiza españolizada, sometida e gregaria. Eu non tería encaixe doado en case ningún país, só podo ser tolerado. E non aspiro a moito máis que a non ir preso.

No San Jordi sempre está presente Suso de Toro, un autor moi querido en Catalunya. Como vive a situación política de Catalunya?

Cunha implicación profunda, algo que non tiña previsto na miña vida. Sempre simpaticei coa nación e a sociedade catalá, mais a súa loita democrática é mesmo heroica. Sinto que defendendo a revolución democrática catalá sigo a defender o mesmo que defendía cando era adolescente, a liberdade e os dereitos civís. E que viva a República Galega!, naturalmente.

O entrevistado

Suso de Toro

Suso de Toro

Santiago de Compostela, 1956. Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. Escritor, articulista e docente. En 1986 recibe o premio da Crítica de Galiza polo libro de relatos Polaroid. En 1988 publica a novela Land Rover, que tivo sete edicións e foi traducida e editada en castelán, francés e italiano. Con Tic, tac, obtén o premio da Crítica Española e o premio Arzobispo San Clemente en 1993. Despois seguirán, entre outras novelas, A sombra cazadora (1994); Calzados Lola (1997), premio Blanco Amor; Non volvas (2000), premio da Crítica de Narrativa en galego; Trece badaladas (2002), premio Nacional de Narrativa no 2003. Como ensaísta publicou, entre outros, Nunca máis Galiza á intemperie (2002); Madera de Zapatero(2005) e La lliçó catalana(2017). Como articulista, mantivo colaboracións con medios como La Voz de Galicia e El País, e continúa escribindo eventualmente en La Vanguardia e outros xornais cataláns, ademais de no dixital eldiario.es. En Galiza é habitual en Sermos Galiza.

#Carvalho

O entrevistado

Suso de Toro

Suso de Toro

Santiago de Compostela, 1956. Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. Escritor, articulista e docente. En 1986 recibe o premio da Crítica de Galiza polo libro de relatos Polaroid. En 1988 publica a novela Land Rover, que tivo sete edicións e foi traducida e editada en castelán, francés e italiano. Con Tic, tac, obtén o premio da Crítica Española e o premio Arzobispo San Clemente en 1993. Despois seguirán, entre outras novelas, A sombra cazadora (1994); Calzados Lola (1997), premio Blanco Amor; Non volvas (2000), premio da Crítica de Narrativa en galego; Trece badaladas (2002), premio Nacional de Narrativa no 2003. Como ensaísta publicou, entre outros, Nunca máis Galiza á intemperie (2002); Madera de Zapatero(2005) e La lliçó catalana(2017). Como articulista, mantivo colaboracións con medios como La Voz de Galicia e El País, e continúa escribindo eventualmente en La Vanguardia e outros xornais cataláns, ademais de no dixital eldiario.es. En Galiza é habitual en Sermos Galiza.

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário