O 17, día de Carvalho Calero

"Carvalho insistía en que había que ser posibilista e atender á receptividade social"

ENTREVISTA | Aurora Marco

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | Portosín, 7 de agosto. Aurora Marco concedeu esta entrevista que se presenta en 17 ítems para celebrar o día 17, día de Carvalho Calero, este mes de agosto, unha mañá suave á beira da ría de Noia.

MALDITO

“Faime especial ilusión que esta entrevista se vaia publicar o 17 de agosto, data en que se celebra o Día da Galiza Mártir e se homenaxea Alexandre Bóveda e as represaliadas e represaliados en xeral. Con Bóveda tivo Carvalho unha relación fraternal: no Partido Galeguista, na redacción do Anteproxecto de Estatuto para Galiza e noutras moitas accións. Ao referirme á represión sempre me pregunto: Por que cando se fala de memoria histórica e aparecen nomes de mulleres e homes que a sufriron nunca se cita Carvalho Calero? Até en temas de memoria histórica… Por que non se fala dun tenente da República, que cando tivo que elixir, elixiu, e preparouse para defendela? Incorporouse como voluntario ao exército republicano e por esta razón e por pertencer ao Partido Galeguista foi detido, pasou por un consello de guerra e foi encarcerado en Xaén. Ao saír, viría o ostracismo, o exilio interior… Por que non se fala nunca de Carvalho? É un nome maldito”.

INMERSIÓN

“Coñecín Carvalho Calero o primeiro día do curso 67/68 cando escollín como materia optativa Lingua galega. Naquel momento era a única forma de estudar galego. Eu cursaba Filosofía e Letras, había poucas especialidades e en 3º curso puiden optar por aquela materia. Lembro a aula nun recuncho do 2º andar da Facultade de Historia, cunha mesa longa, cadeiras e un encerado. Máis nada. Eramos trece ou catorce persoas as que fixemos aquela elección. A Don Ricardo debeulle sorprender que, tendo nacido en Teruel [en Noguera de Albarracín], optase por estudar galego. Un día, ao finalizar a clase, chamoume e agasalloume coa súa novela A xente da barreira, e díxome: ‘para que vaias practicando’. Aquel día tivemos unha conversa moi longa e o profesor produciume unha impresión especial… porque era moi raro que naquel momento falases así con confianza co profesorado, había unhas distancias. Cursei aquel ano con moitísimo interese. Eu, realmente, xa tivera unha primeira inmersión no galego, no ano 57/58, que foi cando chegamos a Galiza. Miña nai era mestra, e daquela as mestras, na década dos corenta, mandábanas por todas partes. A ela lle cadrou Aragón, de onde era meu pai, e alí nacemos as tres irmás. Como tiña morriña da terra e nós estabamos xa nunha idade para comezar o Bacharelato, quixo volver, solicitou o traslado e déronlle para o lugar onde nacera: Leira, a cinco quilómetros de Ordes. Eu tiña 9 anos e aínda non estaba en idade de ingresar no instituto. Por iso, o primeiro ano paseino en Leira con miña nai, na casa da avoa, onde o único que se falaba era galego; o mesmo pasaba coas nenas da escola, só falaban galego.”

DESCUBERTA

“Como digo, coñecín Carvalho no curso 67/68. Fixen aquel primeiro ano de Lingua galega e deume unha Matricula de Honra que me encheu de orgullo; en 4º curso escollín galego medieval e en 5º Literatura moderna, onde volvín obter outra Matrícula. Case todos os coñecementos adquiridos eran novos para min porque os anos de bacharelato só estudara a obra en castelán de Rosalía de Castro. Foi xustamente en quinto de carreira, en febreiro, cando me preguntou se querería traballar con el o ano seguinte. Naquela altura xa me concederan un lectorado para a Universidade de Rennes, na Bretaña francesa, mais rexeiteino, aceptei encantada a oferta de Carvalho e púxenme a facer a memoria de licenciatura, requisito obrigado para entrar a traballar na USC. Polo tanto, de profesor, ao que admiraba e do que aprendía sempre e co que fixen a descuberta da Galiza… de alumna pasei a discípula e colega. Era o curso 1970-71. Alí, naquel departamento de Lingüística e Literatura Galega seguín aprendendo, descubrindo a terra de miña nai e xa miña tamén, coñecín figuras importantísimas que viñan estar con el. Lembro de maneira especial a visita de Luís Seoane, moi agradábel no trato cando mo presentou. Conversaron e despois marcharon xuntos. Pola tarde, cando regresou ao departamento preguntoume se sabía de Seoane. Sabería pouco ou nada, non lembro. Daquela comezou a falarme da etapa da República, do Partido Galeguista, do exilio e de moitas cousas… Mais non da súa condición de represaliado. Lémbroo como se fose agora. Aquela tarde, creo, aprendín máis que en cinco anos na Universidade. Cando a praza que eu ocupaba como interina saíu a concurso, eu aínda non era doutora, non puiden presentarme e xa continuei na Escola de Maxisterio.”

MAXISTERIO

“El propuxérame para aquela praza e axudoume a pór en marcha os estudos de galego na Escola de Maxisterio de Compostela, o segundo centro que impartiu oficialmente galego. Era o curso 72/73. Compatibilicei o último ano con Carvalho no departamento da facultade coa posta en marcha na Escola, e despois continuei alí, no que posteriormente foi a Facultade de Ciencias da Educación. Nunca deixei o seu maxisterio, aínda que non traballase directamente con el. Ao seu despacho acudía con moita frecuencia, como outra moita xente. Xa se ten sinalado que Carvalho conectaba moi ben coa xente nova. Moitas alumnas e alumnos, unha vez que remataban a carreira, seguían a manter relacións amistosas con el. E unha vez nos centros de ensino onde exercían, igual: Xosé María Dobarro, Araceli Herrero, Xoán Verdini, Xosé Lois Rodríguez Fernández… home fundamental en todo o movemento posterior do reintegracionismo. No 80 chegou a súa xubilación. Rematou o maxisterio directo nas aulas, mais moitas persoas das xeracións anteriores, durante os quince anos que estivo na USC (1965-1980), seguiron mantendo as relacións persoais co profesor. Lembro a homenaxe nacional que se lle tributou en maio de 1982, organizada por unha morea de asociacións culturais, á que concorreron moitas e moitos ex-alumnos. Acompañeino a bastantes conferencias e nalgunhas tiven ocasión de recitar. Era un magnífico orador. Lembro ir con el a Neda, onde falou sobre Rosalía, a Noia, a Pontevedra, á Estrada… Fun alumna, discípula, colega e amiga. Admireino desde o principio e quíxeno moito.”

REPRESIÓN

“Non. El non quería falar daquela etapa da guerra, da represión e de todo o que lle acontecera. Era moi remiso a falar de si propio e sobre todo daquel período que tanto o marcou no persoal e no profesional. É máis, nos libros de conversas, o que fixo con Fernán Vello/Pillado, e con Carmen Blanco, fala, si, dalgunhas cousas, pero lembranzas persoais, non. Si que reflectiu acontecementos e episodios persoais na súa obra de creación. Por exemplo, en Scorpio. Ou na obra de teatro, Os xefes. Mais falar directamente das circunstancias persoais, non. Talvez aínda tiña as feridas abertas. Eu estou orgullosa de ter feito o primeiro traballo de memoria histórica sobre Carvalho Calero, que figura no meu libro Foula e Ronsel. É un capítulo dedicado a aquela etapa tras a sublevación, os servizos prestados á República como tenente e a detención-encarceramento. Pero, claro, toda a información e documentación ma facilitou María Ignacia Ramos, a súa muller, el xa morrera. Tras saír do cárcere pasou unha etapa moi dura, un verdadeiro exilio interior. Tiña que presentarse cada mes na comisaría, sufrir algún rexistro policial, non podía asinar actas nin figurar oficialmente nos centros en que impartía aulas porque non estaba colexiado. Estaba en liberdade provisional e a súa vida, como a doutras persoas nas mesmas circunstancias, estaba moi limitada. Tivo antecedentes penais até o ano 1963. Puiden reconstruír aqueles anos de vida de Carvalho porque dona María, a muller, proporcionoume, alén de valiosa información, unha serie de documentos, mesmo a correspondencia que mantiñan a través da Cruz Vermella, nunhas tarxetiñas con moi poucas palabras: ‘Estou ben’, ‘Só penso en ti e na nena’… Porque a primeira filla, Magalí, naceu cando el xa estaba en Madrid.”

Ricardo Carvalho Calero, reintegracionismo, lingua, Portugal, portugués, filoloxía, AGAL

“Naquel momento a vida de Carvalho Calero puido ter cambiado moito. Álvarez del Vayo pediulle a Castelao que fose o delegado do goberno da República en Bos Aires, e o rianxeiro pensou en Carvalho como asesor”

GUERRA

“El marchou a Madrid o 26 de xuño de 1936, despois de intervir en Radio Lugo na campaña Pro-Estatuto, para examinarse das oposicións, que ficaron interrompidas por mor da sublevación militar. Foi cando decidiu alistarse no Batallón Félix Bárzana, que era o que agrupaba ás xentes relacionadas co mundo do ensino. Participou na defensa de Madrid no barrio de Usera e, en febreiro do 37, trasladouse a Valencia e ingresou na Escola Popular de Guerra, en Paterna, onde adquiriu o grao de tenente da República. E foi destinado ao Exército de Andalucía, como tenente de infantaría, cabalaría e intendencia. Viría despois a detención, o consello de guerra e a condena a 12 anos por rebelión militar. Como naquel momento os cárceres non podían manter a tanta xente e el ademais redimiu penas polo traballo, saíu aos dous anos. Xusto cinco anos despois da súa partida de Galiza, chegou a Lugo o 26 de xuño de 1941. Foi cando coñeceu a filla.”

CASTELAO

“Hai unha circunstancia daquel período que poucas veces se lembra. En maio do 37, cando marchou a Valencia, re-encontrou amigas e amigos e, entre eles, Castelao. Naquel momento a vida de Carvalho Calero puido ter cambiado moito. Álvarez del Vayo pediulle a Castelao que fose o delegado do goberno da República en Bos Aires, e o rianxeiro pensou en Carvalho como asesor, porque el non tiña formación xurídica. Así, podería reunirse na Arxentina coa muller e coa filla. Aquilo non foi adiante porque houbo un cambio de goberno. Pero dá idea da confianza que Castelao tiña en Carvalho, de 27 anos naquela altura.”

OSTRACISMO

“Do 41, cando chegou a Lugo á casa dos sogros onde estaban a muller e a filla, até o ano 50,exerceu en Ferrol o ensino privado. Foi un período de ostracismo, cunha vida moi hipotecada porque estaba en liberdade provisional. A definitiva non a tivo até comezos dos 50, se non lembro mal. Como respondeu nas conversas con Carmen Blanco, estaba rodeado de restricións por todas partes e as persoas que tiñan os antecedentes que el tiña, eran como unha caste de cidadáns de categoría inferior. Estaban nunha especie de exilio interior, sen podérense realizar persoal e profesionalmente. Disentían mais non podían expresalo publicamente. Eran persoas marcadas. Que fixo Don Ricardo? Dedicouse á docencia e á escrita. Daquel período son as pezas que posteriormente reuniu en Teatro completo; a novela A xente da Barreira e outros textos narrativos. E xa nos cincuenta e en Lugo comezou a preparar a súa tese de doutoramento que defendeu en Madrid, seguiu co traballo de crítica literaria que xa iniciara na preguerra e colaborou en La Noche, que a finais da década dos 40 tiña unha sección na que publicaban Otero Pedrayo, Fernández del Riego… Carvalho asinaba como Fernando Cadaval.”

COHERENCIA

“Cando se fala do legado de Carvalho Calero, hai que referirse ao legado global. Foi escritor (poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta); historiador da literatura, que canonizou; crítico literario, lingüista, profesor de longa traxectoria en ensino secundario e universitario; mestre de fecundo discipulado; magnífico orador. Sen esquecer a súa intensa actividade política, dentro do Partido Galeguista, na etapa da República. Despois de saír do cárcere, non podía desenvolver ningunha actividade política, mais estaba ao tanto da reorganización do PG e concordaba co que estaban facendo os seus irmáns. Quero subliñar isto porque hai quen fai divisións interesadas e fala de dous Carvalhos, un anterior ao reintegracionismo e outro, posterior. Só houbo un Carvalho, coherente de principio a fin nos seus posicionamentos lingüísticos, políticos… Desde a súa xuventude, fiel á política cultural do Seminario de Estudos Galegos ao que pertencía, e ao longo da súa vida, mantivo o mesmo posicionamento a respecto da aproximación luso-galaica. Xa o expresara nun artigo sobre Antero de Quental de 1933. Cos compañeiros do SEG elaborou Algunhas normas para a unificazón do idioma galego, en 1933, para uso particular dos seminaristas e aquelas normas apuntaban xa unha filosofía: nos baleiros que haxa que encher, dicían, cumpre un achegamento ao portugués. Naquela altura, as xentes do SEG, de Nós, das Irmandades, mantiñan intensas e frutíferas relacións con Portugal, na consciencia de que os dous pobos, unidos por unha lingua común, debían estreitar lazos. Ou sexa que non é unha idea nova que Carvalho introducise na década dos setenta, como dicían algúns. É o que defenderon o galeguismo tradicional e a ciencia romanística. Non son novidades de última hora, debido aos desvaríos propios da idade, como dixo un presidente da RAG nun xornal compostelán cando xa estaba doente e pouco antes da súa morte… Cando don Ricardo considerou que podía introducirse a ortografía histórica foi no momento en que o galego xa se implantara no ensino e coa primeira promoción de profesores e profesoras da especialidade de galego-portugués a partir de 1978. Daquela as normas eran as da RAG, e con esas comezara a traballarse. Mais sempre existiu a idea, nun sector, de que o galego era lóxico que se aproximase ao portugués e non ao castelán.”

“Só houbo un Carvalho, coherente de principio a fin nos seus posicionamentos lingüísticos, políticos…”

OPORTUNIDADE

“Carvalho razoaba da seguinte maneira: ‘mentres non existiu o ensino do galego, non sería lóxico introducir unha nova ortografía porque non se podía ensinar nas aulas’. No momento en que variaron estas circunstancias e había profesorado competente podíanse ir introducindo determinadas innovacións. Insistía moito en que había que ser posibilista e atender á receptividade social. E había que analizar e meditar ben que novidades introducir ou non do portugués… avanzar en función de como respondese a sociedade, dicía. Carvalho mantivo abertas diferentes vías nese afán por chegar á sociedade. Tiña unha colaboración habitual en La Voz. En círculos máis especializados, en simposios e congresos, en artigos de revistas… utilizaba os máximos reintegracionistas propugnados por AGAL, asociación fundada en outubro de 1981, se a memoria non me falla. Sempre temía que se lle cegaran algunhas vías. A súa mensaxe non foi comprendida, moita xente non soubo ou non quixo entender e entón comezaron as intrigas, as calumnias, os boicots, a hostilidade contra el, o isolamento… por parte do poder académico (en materia de galego, estaba no departamento de filoloxía galega da USC), do poder da Academia Galega, do poder político… Ou sexa, do que el en ton humorístico, e en petit comité, denominaba o holding.”

Ricardo Carvalho Calero, reintegracionismo, lingua, Portugal, portugués, filoloxía, AGAL

O ‘HOLDING’

“O holding tiña un nome: Ramón García (por dous Ramóns e dous Garcías moi significados nestas liortas normativas). Iniciárase o movemento reintegracionista e as policías lingüísticas, estratexicamente colocadas polo holding, vixiaban desde as súas garitas que ninguén do mundo reintegracionista se coase por ningunha parte. O primeiro don Ricardo. Mais tamén o pasaron mal as xentes que concorrían a prazas de institutos porque había unha persecución feroz e todo dependía de quen estivese nos tribunais… Canta xente podería contar as súas experiencias! Podo referirme á miña: cando conseguín que me convocasen a cátedra era o ano 1994 e xa levaba 24 anos na docencia. Mais como presidente e secretario daquel xurado estaban o catedrático de portugués da universidade de Barcelona e o de Granada respectivamente. Non me ía meter na boca do lobo…”

“Redactei o proxecto para a cátedra nos chamados mínimos reintegracionistas, pero tiven que cambialo porque desde a Xunta houbo unha chamada de atención… Os paus nas rodas eran continuos… E as editoriais? Era difícil publicar. Só Ediciós do Castro (lembro con moito cariño e admiración Isaac Díaz Pardo), Laiovento e Sotelo Blanco non se sumaran a aquela persecución. Nas revistas acontecía o mesmo. En Grial deixou de publicar Carvalho e outras persoas. E houbo algunha publicación á que lle retiraron a subvención desde a Xunta porque nela colaboraba Carvalho”.

“Había persecución por todas partes, tamén nos artigos de prensa. Conservo moitos recortes que forman parte do que podería denominarse ‘Antoloxía do disparate’. Lembro un artigo dun catedrático de Filosofía da USC, no que comparaba o reintegracionismo cos incendios. Creo que se titulaba O lume metafórico dos lusistas… ou algo así. Téñoo gardado tamén. Era unha campaña silenciosa, que afectaba, digamos, o ámbito académico, editorial, publicista… Durou moito tempo e, en certo modo, persiste aínda que non coa virulencia daqueles primeiros tempos. Por lembrar outras experiencias persoais, no ano 2000, no 150 aniversario da Escola Normal, un compañeiro e eu publicamos un libro sobre a historia daquel centro. Estaba en ortografía de mínimos e cando chegou ao Servizo de Publicacións da USC non o aceptaron e houbo que mudalo todo. Tamén tiven que facer mudanzas co Dicionario de mulleres galegas, porque con iso de que os organismos tiñan que seguir a ortografía oficial, o tomo destinado á Xunta non admitía o que eu escribín. E iso que xa era o tempo do bipartito. Anos antes escribín un texto para o catálogo dunha pintora amiga, que subvencionaba a Xunta. Non o publicaron pola ortografía. Unha leria! Farteime de tanta historia…”

[Nota da Redacción: os Ramóns eran Ramón Piñeiro e Ramón Lorenzo, e os Garcías, Domingo García-Sabell e Constantino García.]

“Había persecución por todas partes, tamén nos artigos de prensa. Lembro un artigo dun catedrático de Filosofía da USC, no que comparaba o reintegracionismo cos incendios.”

A GALIZA VIVA

“Carvalho estaba sempre acompañado por Xosé Luis Rodríguez e pola xente que nos movíamos arredor da súa cátedra. A min explicoume un día cal era a súa idea, o que acabo de contar a propósito da introdución do reintegracionismo. Estiven completamente de acordo e, coma min, moita xente que estaba nas escolas e colexios universitarios, nos institutos, xentes do activismo cultural. Non tiven que facer ningún exercicio de seguidismo. Primeiro comezou o debate lingüístico que axiña pasou a ser tamén político. Xa é ben coñecida a desconsideración de todo ese poder ao que me acabo de referir e os boicots en todo tipo de actividades, como aconteceu na elaboración daquelas normas da Xunta preautonómica que auguraban certo consenso e que non foron adiante. Estaban naquela comisión don Ricardo e Xosé Luís Rodríguez polo reintegracionismo. Quedou moi claro que o ILGA e a RAG camiñaban por un lado e don Ricardo e as moitas persoas que estábamos con el, polo outro. O galeguismo histórico, os seus irmáns, tamén lle deron as costas, excepto Jenaro Marinhas, reintegracionista tamén, que deixou de acudir á Academia Galega en solidariedade con Carvalho. E tras a morte do polígrafo ferrolán, escribiu unha carta á RAG, que tivo repercusión pública, na que deixou vacante o sitio que ocupara no organismo da rúa Tabernas. Lembro ben unha das frases daquela carta aos seus compañeiros: ‘Estou certo que non imos para a mesma romaría’.”

“O galeguismo histórico, os seus irmáns, tamén lle deron as costas, excepto Jenaro Marinhas, reintegracionista tamén, que deixou de acudir á Academia Galega”

“Diante do isolamento, da marxinación, das infamias, Carvalho reaccionou con enorme elegancia e dignidade. Non respondeu a ningunha das picoadas, aos arrañóns dos senadores, como dicía nun poema. Eu discutía con el porque non entendía que non respondese. Mais tiña razón Don Ricardo. Dicíame: ‘o meu é traballar’. Dedicouse, pois, a facer novos libros, a recompilar a súa obra, a espallar as súas ideas por numerosos lugares porque era convidado pola Galiza viva, polas asociacións que mantiñan a cultura viva, fronte a esas entidades que eu sempre considerei conservadoras e reaccionarias, como a Academia. As academias polo xeral sempre van por detrás da sociedade. Mais sei que sufría, si, aínda que era introvertido e non adoitaba exteriorizar moito os sentimentos. Sentía dor porque vía que a intransixencia e a falta de liberdade tentaban afogar as voces discrepantes e impedían o libre tránsito das ideas, nunha sociedade e nunha universidade que se autoproclamaban democráticas. E sufría tamén porque non só o atacaban a el senón ás persoas que estaban ao seu lado.”

“Diante do isolamento, da marxinación, das infamias, Carvalho reaccionou con enorme elegancia e dignidade. Non respondeu a ningunha das picoadas, aos arrañóns dos senadores, como dicía nun poema.”

OS TENTÁCULOS

“Lembro que unha das veces que solicitei a cátedra, un dos trámites era indicar un perfil e eu fixen a proposta no claustro do meu centro de didáctica da lingua e da literatura galega. Entón un profesor doutra materia, desde o mesmo claustro, fixo unha contra-proposta cun perfil distinto, supoño que eran os tentáculos do holding. Ese poder estaba en todas partes. E, en certa medida, ese ten continuadores, segue aí. Se pensamos na RAG hai unha porcentaxe ben alta de profesorado do ILG. E se analizamos, por non irmos máis atrás, o acontecido este ano coa candidatura de Carvalho ás Letras Galegas 2019 -16 a favor de Fraguas e 8 a favor de Carvalho-, vemos que continúa esa hostilidade. Pronunciar o seu nome esperta nalgúns sectores, incomprensibelmente, moita incomodidade. É un nome maldito. Non o entendo, 28 anos despois da súa morte. Non alcanzo a entender que unha persoa, poño por caso, que defenda que irmandiño se escriba irmandinho poida xerar tanto malestar.”

Ricardo Carvalho Calero, reintegracionismo, lingua, Portugal, portugués, filoloxía, AGAL
Homenaxe a Carvalho en 1982. Carvalho entre Aurora Marco e Marili Fontoira. Detrás, comezando pola dereita: Andrés Sobrino, Xoán Carlos Verdini e Araceli Herrero, e detrás de todo, Piti Farré, entre as persoas que identifica a entrevistada, que cedeu esta fotografía.

O NACIONALISMO POLÍTICO

“Non podo responder dunha forma rigorosa a esta cuestión de se no nacionalismo político actual chegou a haber este debate. Non pertenzo a ningunha organización política. Houbo sectores nacionalistas que si concordaban con don Ricardo. Mais a nivel oficial… e se chegou a haber ese debate non tivo repercusión ningunha. Descoñézoo, a verdade. Determinadas individualidades, si secundaron as súas ideas, especialmente a liña de mínimos.”

A PRÁCTICA

“Estiven 25 anos con práctica reintegracionista. Tanto de mínimos, no ensino, en prensa… como de máximos, revistas, congresos… Sigo considerándome reintegracionista. Non me nego nunca a escribir en reintegrado. Fíxeno na edición de Bolcheviques hai dous anos e pico, e fágoo, máis despois de sufrir tantos ataques en carne propia e como nunca fun unha muller obsesionada pola práctica ortográfica, decidín utilizar a normativa oficial, inda que a miña forma de expresarme e o meu léxico son os que son. Non quixen seguir naquela dinámica e dediqueime fundamentalmente á investigación, sobre todo á de xénero, que xa iniciara anos antes. Alguén, desde o reintegracionismo actual, acusoume de ter abandonado, de terme sometido ao español… non sei que bobarías escribiu nun dixital. Ás persoas que pensan así habería que explicarlles como foi todo esta traxectoria, sementada de minas, metafóricas, que había que ir saltando. O reintegracionismo está vivo. Non teño dúbida. Vexo que hai moita xente moza que o defende e practica. E non só nos ámbitos das letras, tamén noutros. En Boiro, hai pouco, asistín á presentación dunha revista de fotografía en reintegrado. O reintegracionismo está vivo, mais por parte da sociedade en xeral, inda que hai algo máis de receptividade, segue estando nas marxes, como di Teresa Moure. Gostaría que todas as persoas que o practican tivesen as mesmas oportunidades que quen non o fai. Aínda vexo difícil unha convivencia das normas, estou evidentemente do lado do reintegracionismo, e non é unha contradición coa miña práctica habitual… Lemos con abraio hai ben pouco que, algúns dos detractores de Carvalho, ante a posibilidade de que saíse a súa candidatura, ameazaron con retirarse ou non sei que… Despois de sete candidaturas para as Letras, aínda segue o demo aburrido…”

“O reintegracionismo está vivo. Non teño dúbida. Vexo que hai moita xente moza que o defende e practica. E non só nos ámbitos das letras, tamén noutros.”

MAL GUSTO

“Penso que deberían deixarse xa desta historia. Considero de mal gusto mesmo que o propoñan. Imos ver: dentro do grupo que avalou o seu nome, este ano e outros, hai persoas que estaban ao lado doutros presidentes, moi hostís con Carvalho. Desde que pasaron os dez anos regulamentarios tras a súa morte para facer a proposta das Letras, ocuparon a presidencia da RAG Barreiro Fernández, Méndez Ferrín, Alonso Montero e agora Freixanes. Destes catro presidentes, o segundo e o terceiro sempre se mostraron absolutamente contrarios e iso é de dominio público, non se trata de ningunha intuición. Non parece que mudaran as cousas actualmente, aínda que se presentan de forma máis diplomática, ou máis cínica…”

“Méndez Ferrín e Alonso Montero sempre se mostraron absolutamente contrarios e iso é de dominio público, non se trata de ningunha intuición.”

O DANO

“Eu creo que o reintegracionismo nunca puxo iso enriba da mesa… Abdicar das ideas para non seguir mancando o desenvolvemento da lingua? Non. Fíxose dano? Non sei até que punto… Eu penso que o que máis dano fixo, e fai, para a situación do galego é que non haxa un poder político que traballe pola lingua, que non haxa políticas lingüísticas axeitadas. Por outra parte, a Academia non se pode limitar a celebrar un día ao ano, en plan ritual. As cousas mudaron moito desde que se instaurou o Día das Letras Galegas, en 1963. A RAG tiña que pular polo galego. E desde outros ámbitos sociais tamén hai responsabilidades, non só no político e académico, desde o ámbito da xustiza, dos medios de comunicación… Non se pode botar a culpa ao debate sobre a normativa. De ningunha maneira.”

A entrevistada

Aurora Marco López

Aurora Marco López

Noguera de Albarracín (Teruel), 1948. Doutora en Filosofía e Letras pola USC. Catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega na Facultade de Ciencias da Educación. Autora, entre outras obras, dos ensaios Foula e Ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1992), Dicionario de mulleres galegas. Das orixes a 1975 (2007), Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011) e Elas (2015). Tamén participou nas obras colectivas As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX (2016), coordinada por Uxío-Breogán Diéguez , e Bolcheviques. 1917-2017 (2017), coordinada por Teresa Moure. Entre outras, recibiu as distincións de Republicana de Honra da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Coruña (2014), e o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda (2016).

#Carvalho

A entrevistada

Aurora Marco López

Aurora Marco López

Noguera de Albarracín (Teruel), 1948. Doutora en Filosofía e Letras pola USC. Catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega na Facultade de Ciencias da Educación. Autora, entre outras obras, dos ensaios Foula e Ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1992), Dicionario de mulleres galegas. Das orixes a 1975 (2007), Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011) e Elas (2015). Tamén participou nas obras colectivas As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX (2016), coordinada por Uxío-Breogán Diéguez , e Bolcheviques. 1917-2017 (2017), coordinada por Teresa Moure. Entre outras, recibiu as distincións de Republicana de Honra da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Coruña (2014), e o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda (2016).

#Carvalho

Deixe um comentário

Deixe um comentário