Un paso máis cara á República (catalá)
Análise | As editoras
Ourense | 20 de decembro. O independentismo recupera coa convocatoria de Sánchez o pulso da mobilización, e mesmo semella ter chegado a un acordo sobre o papel de cada un dos axentes sociais na mobilización das bases que levan tempo decepcionadas coas cúpulas dos partidos.
Pedro Sánchez anunciaba en agosto que celebraría un Consello de Ministros en Barcelona e outro en Andalucía antes de rematar 2018. En Sevilla tivo lugar o consello do 26 de outubro. Nos primeiros días de novembro, o presidente anunciaba que o día escollido para trasladar o goberno do Reino de España a Barcelona sería o 21 de decembro, un mes despois o PSOE perdería o goberno de Andalucía e o independentismo catalán iniciou unha campaña de resposta ante a proposta de Sánchez.
Para a intención de Pedro Sánchez de contrarrestar o discurso independentista e reafirmar a presenza do Estado en Barcelona desprazaranse 9.000 policías dos cales 1.500 blindarán a Casa Llotja de Mar que é o escenario escollido para a reunión.
Xa en agosto o independentismo anunciou mobilizacións caso de confirmarse a presenza do executivo español en Catalunya e no último mes estes anuncios cristalizaron en convocatorias para tomar as rúas de Barcelona mentres o goberno da Generalitat xoga ao despiste coa posibilidade dun encontro Torra-Sánchez que aínda non estaba pechado na véspera.
Este Consello de Ministros chega en medio do aumento de tensións entre o independentismo e o Estado Español, e tamén entre as diferentes expresións pardiarias do independentismo. Coa CUP e Junts pel Catalunya tensando as posicións de ERC, que semella querer botar o freo ante a situación das presas e as sondaxes electorais que a sitúan con vantaxe nos vindeiros comicios.
Estas tensións trasládanse aos movementos sociais e ás mobilizacións nas que os CDR (Comités de Defensa da República) tomaron a dianteira na axenda de mobilizacións cara este venres en Barcelona e conseguiron marcarlle os tempos á ANC e Ómnium Cultural. A ANC convocará a gran mobilización unitaria o venres pola tarde e Ómnium Cultural aportará a acción transversal dun consello de ministros popular no que participarán axentes socias do independentismo. Os CDR son os que apostan pola paralización de Catalunya para facer visíbel a anormalidade da presenza do Executivo español. Será nesta mobilización onde estean colocados todos os focos mediáticos, pois os partidos estatais levan días quentando os ánimos e erguendo alarmas sobre unha suposta violencia nas accións dos CDR para tirar rédito político de calquera alteración da orde que poda existir.
O independentismo recupera coa convocatoria de Sánchez o pulso da mobilización, e mesmo semella ter chegado a un acordo sobre o papel de cada un dos axentes sociais na mobilización das bases que levan tempo decepcionadas coas cúpulas dos partidos e a paralización auto-imposta ao proceso independentista. Con este día de reivindicación o independentismo quere iniciar unha reposta masiva ao proceso xudicial contra os líderes políticos do procés. Pode que, máis unha vez, a cegueira política dos partidos de Madrid, contribúa a unha vitoria do relato independentista e impulse un paso máis cara a República Catalá.
Man branda ou man dura
O Goberno de Pedro Sánchez non será quen lance un proceso constituínte para xestionar desde o Estado a crise terminal do Réxime do 78, tampouco será capaz de avanzar nunha reforma constitucional coa que xa non abonda, e mesmo terá moi complicado tirar adiante uns orzamentos que lle permitan estirar a lexislatura. Nestas circunstancias, Sánchez ten dificultades para promover calquera amago de diálogo institucional co Govern. Os tempos corren máis rápido que o goberno e as estratexias de agosto xa non valen, de aí as dúbidas no propio goberno expresadas por Ábalos sobre a conveniencia de celebrar a cita de mañá en Barcelona.
Non hai política de Estado para Catalunya porque non a hai para o Estado. Ademais de que non se pode gobernar España se non se goberna Catalunya, é que a Constitución xa non rexe, como di Pérez Royo. A consecuencia inmediata é que as únicas políticas que se aplican son as represivas e xuíces e policías son quen impoñen a razón de Estado.
Neste contexto, a alternativa que se ofrece desde Madrid é man branda ou man dura. A razón de Estado é que hoxe está do lado das políticas que propaga a dereita. Pero en substancia é única: negar a realidade política de Catalunya como nación e o dereito dos cataláns a decidir. Evidentemente non é igual que esa razón tome a forma de dilación da promesa de negociación a través de consellos de ministros ou cimeiras de presidentes (a man branda), que se manteña estancada na non negociación e se aplique o 155 (a man dura).
Desde as outras periferias do Estado a resposta está sendo pusilánime mesmo en termos de discurso. Foino desde a esquerda (real) en Andalucía e a consecuencia foi Vox, que opera como ameaza para o resto. Fuxir da cuestión catalá é regalarlle terreo á razón de Estado e asumir unha escolla entre a man branda ou man dura.
A incongruencia e o erro de Sánchez é acudir mañá a Barcelona coa man branda cando o péndulo está hoxe no outro lado. Sánchez vai perdido e nada vai saír ben a corto prazo. É outro líder correndo detrás dos tempos.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Dez motivos para non deixar que os eólicos alemáns invadan o Monte da Neve
A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA pon a disposición da veciñanza un modelo de alegacións elaborado con achegas propias e a colaboración de Petón do Lobo e Adega. O prazo remata este martes.
#Catalunya
A reconfiguración comeza en Andalucía
Política para afrontar o reto catalán
#Catalunya
A reconfiguración comeza en Andalucía
Política para afrontar o reto catalán