Crónica
A Constitución xa non rexe
Javier Pérez Royo e Antón Losada presentan na Coruña un ensaio sobre a agonía da lei fundamental herdada do franquismo.
Redacción adiante | A Coruña, 13 de decembro. En 2015, Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional, o ano que estivo a piques de entrar en Podemos, escribiu un ensaio titulado La reforma constitucional inviable. Tres anos despois, está presentando un libro de conversas xunto a Antón Losada, profesor de Ciencia Política na USC, titulado Constitución: la reforma inevitable. Pérez Royo e Losada teñen ampla experiencia política e como analistas políticos, mais “o chan móvese a unha velocidade tan extraordinaria” que eles mesmos teñen que matizar e revisar en cada presentación as consideracións que deitaron nunha obra que estaba case pechada antes da moción de censura contra o goberno Rajoy.
A mirada dos profesores sobre o texto constitucional pactado na saída do franquismo en 1978 é a crónica dunha agonía que empezou no 2015, cando conclúe “a última lexislatura constitucional de verdade”, sostén Pérez Royo, e que pode estenderse durante anos “como pasou na Primeira Restauración, entre a crítica de Ortega de 1913 e o derrubo definitivo en 1931”.
“Desde 2015 o sistema político español xa non opera de acordo co que a Constitución establece”, subliña Pérez Royo, “o Parlamento non lexisla, faise todo por decreto-lei, España foi o primeiro país de Europa occidental no que se tiveron que repetir eleccións como consecuencia de que non se puido investir ao presidente, despois a maioría de investidura non foi unha maioría de goberno. Rajoy non goberna, non envía nin un só proxecto de lei, o que fai é simplemente impedir que se tramiten as proposicións de lei, e mesmo foi condenado por iso polo Tribunal Constitucional, négase a someterse ao control da acción de goberno, e tamén foi condenado polo Constitucional. A partir de 2015 non se aproban orzamentos e, en calquera caso, sepárase do calendario orzamentario previsto na Constitución… e como nin se fan leis nin hai orzamentos, non pode haber control da acción de goberno. Son leas permanentes no Parlamento”.
A Constitución xa non rexe, explica o catedrático, para o executivo e para o lexislativo. Respecto do xudicial, Pérez Royo pregúntase: “Quen pode crer despois do whatsapp do señor Cosidó que o CGPJ é o máximo órgano de goberno da Xustiza?”. “Esa é a situación”, resume, “e todo vén porque en España se fixo unha Restauración disfrazada de transición á democracia, e ao principio democrático anteponse o principio monárquico… e o principio democrático é o único que ten capacidade de reprodución; o monárquico, non. O principio monárquico limita a reprodución da lexitimidade democrática. A monarquía é o gran problema do constitucionalismo español e aínda non se resolveu ese problema: o poder constituínte do pobo español non se estendeu xamais á monarquía, a monarquía ten sido sempre previa a, e indispoñíbel para o poder constituínte do pobo español”.
“A monarquía é o gran problema do constitucionalismo español e aínda non se resolveu ese problema: o poder constituínte do pobo español non se estendeu xamais á monarquía, a monarquía ten sido sempre previa a, e indispoñíbel para o poder constituínte do pobo español”.
“O 78 resolveu axeitadamente segundo as posibilidades do momento, o que pasou despois é que para os nacionalistas aquilo era un punto de partida e na segunda lexislatura de Aznar o PP deixou claro que non, que era o límite. Daquela, rompeuse o consenso. E primeiro o Plan Ibarretxe, despois o Estatut”.
Pérez Royo respondeu á primeira pregunta que cuestionou respecto a necesidade de organizarse politicamente en base a un texto constitucional: “Sen Constitución pódese vivir, pero non en democracia”. E ampliou a súa reflexión aludindo á cuestión catalá: “Non se pode gobernar democraticamente España sen gobernar democraticamente Catalunya”.
Do debate territorial falou Antón Losada para explicar que, na súa opinión, “o texto do 78 resolveu axeitadamente segundo as posibilidades do momento, o que pasou despois é que para os nacionalistas aquilo era un punto de partida e na segunda lexislatura de Aznar o PP deixou claro que non, que era o límite. Daquela, rompeuse o consenso. E primeiro o Plan Ibarretxe, despois o Estatut”.
Losada sinalou que “a plurinacionalidade” e a monarquía son os dous grandes asuntos que obstrúen a necesaria reforma constitucional e que necesariamente deberán abordarse en calquera intento de reforma. E evidenciou ademais a “excepcionalidade española” que vén condicionando calquera impulso reformista: “Até agora o PP aglutinaba toda a dereita e mantiña a capacidade de veto sobre calquera intento de reforma. Pero ademais é que decidiu utilizar esa vantaxe estratéxica como ferramenta no debate político e apropiouse da Constitución. Defendéndoa diante de quen pedía unha reforma… eles, os herdeiros da AP que se opuxera no 78 á Constitución”.
Porén, Losada advirte que a proliferación de actores a partir de 2015 fai que xa ningún deles teña esa capacidade de bloqueo e que agora pode suceder que algunha das formacións das dereitas si acepte a posibilidade de reforma. “Pero hoxe non teño claro”, confesou o politólogo, “que a reforma vaia ser cara a máis: máis liberdades, máis dereitos… Estase configurando un bloque que propón unha reforma cara a menos: recentralización, menos dereitos, etcétera”.
Malia a precariedade de calquera análise, dada a velocidade dos tempos, Pérez Royo e Losada constatan na súa conversa que ningún Estado “pode vivir indefinidamente da lexitimidade constituínte orixinaría” e menos se esta padece “vicios de orixe” como o principio monárquico e o sistema de representación (sistema electoral e parlamentario, sinaladamente) que o sosteñen como garantía da unidade de España, a falla na codia política que está movendo o chan. O burato que non taparon nin as restauracións nin as armas de Franco. Claro que polo momento a historia de España (tamén este libro?) se segue a escribir desde Madrid.
Política
A reconfiguración comeza en Andalucía
“Juan Carlos I nunca condenou o franquismo”
Por unha oposición por construír
Outras novas
Precariedade institucionalizada nas bibliotecas públicas
Outras novas
Precariedade institucionalizada nas bibliotecas públicas