Das leiras aos grandes bloques
Diego Lores
Conta Marisa, unha habitante da Coia tradicional, que cando ela era cativa corría todos os primeiros de maio ao pequeno bosque, situado onde agora está o parque de A Bouza. Bulía na procura da bandeira vermella que nesas datas sempre aparecía no alto dun daqueles piñeiros. Ninguén sabía quen a puña, pero si as emocións que ollala alí arriba provocáballe a ela e a máis persoas. Dignidade, ledicia, folgos… eran sentimentos que viñan tras ollar un anaco de tea que simbolizaba a resistencia da xente naqueles anos de ditadura.
Coia mudou moito co tempo. Naqueles anos da Marisa cativa, os seus habitantes vivían nun entorno rural, con campos e casas espalladas. Uns modos de vida moi apegados á terra que foron truncados de golpe e con violencia a finais dos anos 60 cando aquel espazo estaba destinado a ser un polígono de vivendas para a man de obra que chegaba do rural galego a traballar a crecente industria da cidade: Citroën, Vulcano, Barreras…
De súpeto chegaron as máquinas que racharon con modos de vida ancestrais. Abriron rúas, levantaron torres de edificios, sen respectar apenas nada da anterior vida. En moi pouco tempo as leiras foron substituídas polo cemento e polas altas torres que acolleron a moreas de persoas sen apenas servizos.
Nese contexto a dignidade do agora barrio, antes parroquia, volvía a aparecer malia as dificultades do contexto. Gran parte da veciñanza de agardar por respostas que nunca chegaban dos responsables xuntáronse e loitaron por unhas condicións de vida dignas: alumeado, rede de sumidoiros, escolas, parques, semáforos… foron as primeiras reivindicacións desde a que se foi construíndo unha identidade, en definitiva, creando lazos comunitarios fortes.
Cos anos de loita e tamén de festa chegaron conquistas, unha das máis queridas a de A Bouza salvado da especulación como espazo verde.
Antes desa conquista o barrio foi golpeado outra vez pola droga, a cal matou unha xeración e encheu de medo e dor as rúas dos barrio.
Cos anos as condicións do barrio foron mellorando, sempre da man da reivindicación, malia isto moitos fogares coñecían de primeira man das dificultades para rematar o mes, sempre longo para os escasos cartos que entraban.
Pasan os anos e de novo a veciñanza, sobre todo a máis castigada, volve tomar as rúas para esixir o dereito a unha vida digna para todas as persoas. E nesa loita aparece a vontade dun alcalde que pensa que chantar un barco na rotonda deste barrio, tirando centos de miles de euros, pode levalo a continuar de novo no poder. Lonxe de festexar esta proposta a veciñanza toma a rotonda e para durante días unhas obras, até que a policía local chega con man dura para cumprir coas ordes do alcalde. Máis alá de que o barco estea na rotonda, e o cheguen a inaugurar, a veciñanza volveu a retomar lóxicas colectivas, a buscar respostas por elas mesmas e seguir tecendo redes que axuden a levar a vida nestes tempos de penurias para a maioría.
Esta é a última, pero non o derradeira mostra de dignidade dun barrio que sabe que xuntas podemos crear vida.
Vigo, 5 de novembro.
Diego Lores
Vigo, 1981. Xuntarei letras sobre vivencias e pensamentos sobre o social. Participo na Oficina de Dereitos Sociais de Coia. Diplomado en Traballo Social e profesor do ciclo superior de Integración Social en Vigo.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso