Consultorio literario
Debo confesar á miña nai e ó meu pai que son poeta?
Minia Remorenda & Pinga Lazurca
Queridas portadoras do virus da escritura, desde esta sección que hoxe estreamos queremos saudarvos a todas, ás de verso libre e ás de verso supeditado, ás de novela de quintal e ás de plaquette... a todas, si, agás ás que chamades “poesías” ós poemas.
E que mellor xeito de encetar este consultorio que dando resposta ó drama que nos confesa un amigo descoñecido que oculta o seu verdadeiro nome, e ben que fai, baixo o alcume poeta pasivo, non sen antes recordarvos que se vos quita o sono calquera dúbida relativa ó oficio da escritura podedes dirixirvos a nós, que todo o sabemos, na seguinte dirección: colaboradoras@adiante.gal
Poeta pasivo pregunta atormentado: Debo confesar á miña nai e ó meu pai que son poeta e que todos estes anos de oposicións a rexistrador da propiedade foron tirar os cartos?
Prezado amigo, co corazón na man e coa sabedoría que nos outorga todo o vivido, lido e escoitado, pedímosche, por favor, que esteas calado. Un fillo poeta é un lastre, iso sábeo todo o mundo e ti tamén o sabes, non te enganes. Cando se viu unha nai pregoando con fachenda diante das amigas o feito de ter un fillo poeta? Cantos pais de poetas ves ti aplaudindo en primeira fila no Festival de Poesía do Condado? Ó teu estouparíalle a cabeza se soubese que estivo pagando o teu Erasmus en Cracovia só para que ti aprenderas a pronunciar sen parecer imbécil o nome de Wislawa Szymborska. Nós falámosche así polo teu ben, que a nós non nos custa nada empatizar con personalidades kamikazes coma a túa e sabemos que agradeces a nosa sinceridade sen precedentes. Nós non che somos coma Rilke, que pouco máis e queda sen lingua de tanto que a mordeu mentres escribía as súas Cartas a un poeta novo. Aproba esa oposición e compra un piso, dálle esa alegría ós teus pais. Total o carné de poeta non cho dan por honesto e ninguén ten por que saber que pagas a cota anual da Asociación de Escritores. A dignidade está sobrevalorada, e mira, o bo das dobres vidas é que son dúas, e non negarás que non che resulta atractiva a idea de ter un soldo decente e a familia contenta, e despois xa irás cando che pete recitar gratis ós centros de ensino e ás asociacións culturais. Fáltache valor pero sóbrache amor á arte, campión. Non tes que dicir nada, que nós ben podemos imaxinar o teu agradecemento ó ler estes consellos que de tan boa fe che regalamos. Ánimo cos exames e xa nos contarás dentro duns anos se é posible urbanizar unha toxeira que herdamos en Oza dos Ríos.
A Coruña | 6 de xuño
Minia Remorenda & Pinga Lazurca
Minia Remorenda e Pinga Lazurca son os pseudónimos baixo os que escriben esta sección dúas autoras de referencia das nosas letras. Mulleres de éxito absoluto, empoderadas ata as cellas na literatura e na vida, atenden presente consultorio literario para xoves poetas dende o coñecemento e a experiencia. Ámbas as dúas levan ao lombo unha longa traxectoria, mais prefiren ocultar o seu nome para evitar as consecuencias naturais que poida traerlles o revelado das crudas realidades do sistema literario, as cales expoñen sen pudor a aquelas persoas que se dirixen a elas buscando consello.
#consultorio
Por que as persoas que se dedican a escribir están fartas de ser guapas?
#consultorio
Por que as persoas que se dedican a escribir están fartas de ser guapas?
1 comentário em “Debo confesar á miña nai e ó meu pai que son poeta?”
Gustame esa ironía final da tuxeira, é moi acertada e mesmo fermosa. No caso do Rilke, canto tivo que aguantar, si, pero esa é grande xenerosidade que nos enseña “Cartas a u poeta mozo”. Saúdos cordiais.