Contra a amnesia lingüística

O descenso da edición de libros en lingua galega atopa as súas causas na dinámica social do país e nas insuficientes políticas culturais.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Alexandre Fernández | Texto e fotos | Compostela, 16 de maio. A estancia é enorme. Cos seus 4.875 metros cadrados (case 35 de ancho e 165 de longo), os quince metros de altura ós que está situado o teito e as súas paredes brancas, semella unha nave industrial. As súas xigantescas cristaleiras rectangulares deixan atravesar ós raios mornos de sol o límite entre a intemperie exterior e o acougo do espazo fechado no que nos atopamos. A luminosidade, pois, fai relucir aínda máis o branco xa de por si predominante. Trátase do Recinto Feiral. Este pequeno coloso, situado moi preto da beira do río Lérez ó seu paso pola cidade de Pontevedra, ten unha aparencia dura, inflexible e fría cando se observa dende fóra. Non obstante, cando un entra, pode atopar, dependendo da época do ano e da oferta de actividades, unha pista de xeo, mostras comerciais de toda índole ou incluso eventos musicais.

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil, celebrado nesta enormísima sala entre os días 6 e 29 de abril, conseguiu encher, baixo o título Mulleres de conto rendeuse homenaxe ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil e xuvenil (entre as que se contan non só escritoras, senón tamén editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias). O evento busca lectoras e lectores entre os máis mozos mentres o sector editorial en lingua galega segue sen ser capaz de erguer voo.

Segundo datos do informe anual El sector del libro en España, publicado polo Ministerio de Educación e Cultura en xuño de 2017, a publicación de libros en galego diminuíu nun 3,1% no 2015 con respecto ó ano anterior, o que contrasta coa situación no resto do Estado, posto que o aumento do número de publicacións en catalán neste mesmo período de tempo foi dun 13,3%, en éuscaro dun 8,7% e en valenciano dun 22,2%. Ademais, a tiraxe media dos libros en Galiza baixou en 278 exemplares, aínda que nos demais idiomas de España (excepto o castelán) este factor tamén se reduciu.

Francisco Macías: “A política lingüística é nefasta, non cre no propio idioma”

Por outra banda, a Panorámica de la Edición Española de Libros 2016, publicación do Observatorio de la Lectura y el Libro, revelou que a edición en galego no ano 2010 acadou o número máximo de ISBN: un total de 2.544. Xa que esta mesma cifra se situou no ano 2016 nos 1.211, a caída é máis que estrepitosa (superando o 50% en tan só seis exercicios).

Deste xeito, a tendencia á baixa dende que a crise económica tivo lugar está consolidada. Porén, e á parte desta recesión económica, tamén houbo un factor coincidente co comezo da baixada: os gobernos de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia, que non foron quen de paliar a situación porque semella que nin sequera escoitaron o ruído provocado por esta decadencia cultural galopante.

O día 12 do mesmo mes que a Feira do Libro Infantil e Xuvenil ocupou o Recinto Feiral de Pontevedra, a comunidade cultural galega coñeceu a marcha como directivo de Edicións Xerais de Galicia de Manuel Bragado, que levaba 28 anos na empresa dependente do Grupo Anaya e 24 deles coma o seu máximo responsable. “Ó longo de case tres décadas houbo moitas mudanzas dentro da sociedade galega e nas industrias culturais”, explica Bragado sobre a súa longa estadía á fronte da recoñecida editorial, que agora será dirixida por Fran Alonso, traballador dende o 1992 na empresa.

En efecto, entre as mudanzas que tiveron lugar dende que Bragado comezou a súa experiencia como director en Xerais é mester sinalar o aumento da relevancia que experimentou a edición educativa, que se situou, coa chegada do galego ás aulas, á cabeza do sector. Ademais, ó longo desta etapa houbo un proceso de profesionalización das editoriais coa figura do editor á fronte, así como tamén unha dinámica de hibridación coa irrupción da cultura dixital, que modificou o xeito de entender a comunicación cultural.

Camuflaxe de Lupe Gómez
Presentación de ‘Camuflaxe’ de Lupe Gómez, na libraría Chan da Pólvora. A imaxe superior corresponde á decoración nunha das salas do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2018.

Nos últimos anos, o retroceso do número de falantes e da transmisión do idioma propio dentro do seo familiar, sumado ás políticas lingüísticas e ás aplicadas ás industrias culturais, supuxo un problema para o sector e, en palabras de Bragado, “un colapso”.

Manuel Bragado: “O eixo das políticas lingüísticas debería ser recuperar o modelo da dobre competencia e asumir que todos os cidadáns galegos deben ser competentes a nivel oral e escrito nas linguas oficiais”

Ante este colapso, non obstante, xurdiron numerosos proxectos vencellados ó libro escrito en lingua galega. Apiario, editorial fundada no ano 2014 por Antía Otero e Dores Tembrás, edita diversas coleccións e mesmo conseguiu recoñecemento nacional co poemario Celebración, de Gonzalo Hermo, galardoado co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández no ano 2015. Chan da Pólvora Editora, nome baixo o que tamén se atopan Biblioteca de Mesopotamia, especializada na literatura da Ribeira Sacra, e Chanzo, un selo de poesía en acción, naceu no ano 2016 e xa conta no seu catálogo con títulos de grandes personalidades da poesía galega. Aira Editorial, a última destas pequenas propostas, veu ó mundo en Allariz en 2017 coa saída ó mercado de tres libros. Cada unha destas novas propostas ten a súa propia visión da literatura e do deseño, pero todas procuran, dun xeito ou doutro, engrosar as listas de libros escritos en lingua galega a través de obras únicas e creadas case de xeito artesanal.

Xerais e Editorial Galaxia, os dous mastodontes do escenario histórico e actual da literatura galega, seguen a ser os que máis volume monetario e de publicacións moven. A súa consolidación a través dos anos, non obstante, non os salva da situación de recesión que está a experimentar o mundo editorial.

Antón Mascato:  “Unha industria editorial non se salva polas axudas institucionais, o que salva un sistema literario son os lectores”

A luz comeza a esmorecer sobre as oito da tarde, proxectando diversos matices cromáticos nas pequenas nubes que se auscultan dende a rúa de San Pedro, estandarte do pequeno comercio compostelán. No portal número 74 deste cosmos de tendas e restaurantes está a librería Chan da Pólvora. A poesía inunda os estantes. “Si que hai axudas institucionais, pero limitadas e con numerosas revoltas administrativas. É necesario concibir de novo a política xeral do país, non só a editorial ou cultural. Temos grandes posibilidades produtivas, pero non podemos producir”. Antón Lopo é quen se agocha baixo estas palabras. É xornalista, poeta, performer, novelista e tamén director do selo editorial Chan da Pólvora. A súa opinión é maioritaria entre os profesionais do sector do libro. Deste modo, Antón Mascato, director de Edicións do Cumio, atrévese a ir un paso máis alá: “unha industria editorial non se salva polas axudas institucionais, o que salva un sistema literario son os lectores”.

E cal é o sector da poboación que compra na actualidade un maior número de libros? Os estudantes. Segundo a Panorámica de la edición de libros 2016, os libros que máis se editaron en galego foron os libros de texto (cun 34,7% sobre o total), seguidos polos de creación literaria (que supuxeron un 29% sobre o total) e polos libros infantís e xuvenís (cunha cota do 16,7%).

O que se debería tratar de facer, pois, para que o sector editorial en lingua galega non teña que depender das vendas de libros de texto, sería fomentar a paixón lectora, minguada sempre cando hai un deber ou unha obriga por detrás, e a comprensión dos textos. “Trátase, sobre todo, de incentivar a lectura. O peor non son xa os índices de lectura. O peor é que os lectores non entenden o que len”, sostén Antón Lopo.

Antón Lopo: “O subconsciente segue estando marcado polo patético paletismo do franquismo”

Actualmente, as políticas de normalización lingüística, agochadas baixo a realidade do decrecemento da lectura de libros en galego e, por tanto, da tendencia á baixa do sector editorial nesta lingua, non teñen un rumbo fixo, aínda cando se erixen coma o mellor xeito de reverter a situación. Así pois, parece ser que nunha capa inferior á superficie do problema está oculta unha tara aínda máis profunda: o recoñecemento social da lingua galega e a non-reivindicación dunha cultura propia.

Camiños na auga de Manuel Núñez
Presentación do libro ‘Camiños na auga’ de Manuel Núñez, en Compostela

“A política lingüística é nefasta, non cre no propio idioma”, di Francisco Macías, director de Edicións Positivas. Manuel Bragado, pola súa parte, expón: “O eixo das políticas lingüísticas debería ser recuperar o modelo da dobre competencia e asumir que todos os cidadáns galegos deben ser competentes a nivel oral e escrito nas linguas oficiais. Unha vez entendido isto, habería que comprobar o enfoque e resultado das accións de normalización que se acometesen para desmontar moitas das falsas crenzas que aínda existen”.

De onde nace esta estigmatización do idioma? Antón Lopo ten unha solución: “O subconsciente segue estando marcado polo patético paletismo do franquismo”. Desta forma, sería necesario modificar a visión negativa que teñen sobre o galego para que a lingua propia non quede relegada ó horario lectivo obrigatorio e ás institucións públicas e así conseguir que unha persoa calquera que entre nunha libraría non teña predisposición por unha obra en castelán por cuestións sociais.

Só deste xeito se poderán evitar situacións como a que seguramente viviron moitos galegofalantes e creadores en lingua galega ó longo da súa vida: e ti, por que falas/escribes/cantas en galego?

Deixe um comentário

Deixe um comentário