Dar e recibir

Cheikh Fayé

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

[Permitídeme facer unha paréntese na serie sobre os leóns africanos dos que ultimamente tiven que falar en público]

Estes últimos meses tiven a ocasión de falar sobre o que eu penso que é a integración da inmigración en dous foros moi diferentes. Falei en Pontevedra en abril convidado pola Aula Castelao; e falei a semana pasada na praza das Conchiñas, no meu barrio da Coruña, convidado pola asociación África Universal (un colectivo de inmigrantes senegaleses) e outras organizacións que traballan con inmigrantes.

Falei do que eu penso da integración en base a dúas cousas: a miña experiencia persoal despois de 16 anos vivindo en Galiza e tamén en base ás reflexións que neste tempo teño feito respecto das vidas de todos nós, os inmigrantes.

No primeiro dos foros, cun público académico, a xente achegou reflexións sobre o fenómeno da inmigración a nivel global, sobre a influencia da calidade da democracia nos países africanos na cuestión migratoria, por exemplo.

No segundo dos foros, o público, maioritariamente inmigrantes, rematou por mostrar o seu medo diante dun discurso, o meu, que consideraron unha crítica á boa acollida que nos ofreceron aquí. Penso que moito dese público vese como cidadáns integrados, algúns deles xa casados con mulleres galegas e mesmo con fillos aquí.

Eu utilicei idénticos argumentos nos dous foros. Basicamente dixen que non hai culturas superiores e culturas inferiores, que de todas as culturas se pode aprender e que habería que incentivar o diálogo entre as diferentes culturas.

Nas Conchiñas, os meus compatriotas evidenciaron que para un senegalés a integración consiste en chegar e adoptar a cultura de aquí e… inda que non o din, van esquecendo a cultura de alí.

En Pontevedra, o auditorio estivo máis de acordo co chamamento que intelectuais africanos veñen facendo desde hai décadas para un diálogo intercultural que leve a unha integración das culturas e ao respecto de todas.

Eu quería chamar a atención nos dous foros sobre a importancia das culturas, da propia e das alleas, pero tamén das imperfeccións das culturas. Imperfeccións que fan necesario ese diálogo para coller o mellor da cada unha e abandonar o peor de cada unha. Con este obxectivo, expliquei o contexto: o colonialismo e o neocolonialismo que nos fixeron ver e seguen intentando que vexamos as culturas africanas como inferiores e as culturas brancas como un estadio superior que hai que alcanzar.

Loitadores nunha praia de Saint Louis (Senegal). @afktravel.com

E tamén quixen provocar que cada auditorio mirase o mundo no que respecta á inmigración e á integración desde os ollos do outro: que en Pontevedra entendesen que os brancos ven a inmigración como un problema para o que teñen xa unha solución apañada, que é a integración. Iso demostra que Europa e o Norte en xeral están improvisando, que non asumiron o problema na súa totalidade, que ficaron sorprendidos pola chegada de millóns de emigrantes até as súas portas. Non estaban preparados para as consecuencias das súas políticas de explotación do Sur.

Quixen que os senegaleses na praza das Conchiñas mirasen desde os ollos dos brancos e comprendesen os efectos da colonización e da neocolonización que explotou e explota as riquezas do Sur e provoca guerras, pobreza e emigración en todas partes. Esa é a orde das cousas. Quixen deixar en evidencia a integración que nos propoñen no Norte. Trataba de indicar que antes de falar da “cura” da “enfermidade” da inmigración temos que entender as causas da “enfermidade”. Pero no fondo estaba poñendo en cuestión as súas propias formas de vida, as solucións ás que chegamos aquí como inmigrantes asumindo a integración na cultura branca. Penso que iso foi o que lles produciu malestar co que eu estaba dicindo… até o punto que un responsable do colectivo organizador creu necesario explicar ao auditorio que as opinións que alí se expresaban non eran as opinións do colectivo, senón responsabilidade individual de cada un.

“Pero no fondo estaba poñendo en cuestión as súas propias formas de vida, as solucións ás que chegamos aquí como inmigrantes asumindo a integración na cultura branca. Penso que iso foi o que lles produciu malestar co que eu estaba dicindo…”

Despois de falar en Pontevedra e que me deran parte de razón e despois de falar nas Conchiñas e que me negaran a razón pasou unha cousa…

Nas Conchiñas, dentro das actividades programadas nas que a charla era só unha parte, decateime de que había un curso de cociña no que as mulleres senegalesas ensinaban ás galegas pratos africanos. Ao día seguinte, as senegalesas, e tamén algúns senegaleses, estaban axudando coas sardiñas da noite de San Xoán…

O século XXI será o momento de dar e de recibir, deixou escrito Léopold Sédar Senghor. Será o momento dunha nova orde das cousas: da solidariedade, a responsabilidade, a tolerancia… vivir en paz e axudarnos. Iso empeza a estar nas prácticas cotiás aquí entre comunidades de inmigrantes e autóctonos. Inda non chegou ao nivel do discurso, pero o importante é que nós empezamos a sentilo. Todas e todos temos algo que compartir e achegar á civilización do universal (outra expresión de Sédar Shengor).

Dar e recibir, dicía Senghor. Mesturarse, escoitarse, como aquí e agora… o diálogo empeza sempre por un convite e un trato amable para entrar na casa.

[Comprométome a retomar en breve a serie sobre os leóns africanos, e falar dun dos máis grandes deles: Mandela]

A Coruña, 25 de xuño.

Cheikh Fayé

Cheikh Fayé

Gade Escale (Senegal), 1962. Inmigrante. Vive na Coruña desde 2003. Comezou a escribir o blogue Senegaliza hai tres anos, e en 2017 publicou Ser Modou Modou (AS-PG, 2017), con textos dese blogue. Mantén unha colaboración periódica en Sermos Galiza e eventuais noutros medios dixitais.

Senegaliza

Deixe um comentário

Deixe um comentário