"Dispoñemos de tres máscaras para toda a semana"
Testemuños desde a primeira liña (VIII)
Este sábado a Consellería de Sanidade informou ao mediodía de que na Galiza se tiñan rexistrado 2.627 positivos de covid, deles, 110 pacientes estaban ingresados na UCI e 652, hospitalizados en diferentes unidades. Até ese momento, contabilizábanse 50 falecidos a causa da enfermidade e 95 altas hospitalarias.
O seguinte testemuño anónimo corresponde a unha traballadora do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) dun concello do interior do país. Atende persoas maiores que viven no rural.
Na fin de semana do 7 e do 8, xa falamos polo grupo de Whatsapp. Estabamos cunha folga indefinida desde hai meses contra a privatización do servizo, nós somos persoal laboral. Decidimos desconvocala. Tiñamos uns servizos mínimos do 96%, pero non íamos a todos os domicilios, claro. O día 9 enviamos un comunicado desconvocando o paro por responsabilidade profesional. Somos 27 traballadoras.
O día 12, a través dos traballadores sociais, preguntamos que pasaba co material de protección. O día 13, pola mañá, enviáronos o protocolo da Xunta, que é moi xenérico… Desde aquela, nada. Nin tivemos reunións nin falaron con nós para darnos indicacións. Seguimos así, auto-organizándonos.
Na quenda de mañá teño dúas visitas. Dúas horas en cada domicilio de luns a venres. A fin de semana cóbrena outras compañeiras, con menos horas. Os nosos uniformes son pantalón e casaca. Eu procuro saír ben limpa da casa, o que eu penso que é preciso… mais, xa digo, non teño instrucións específicas.
Eu intento levar un uniforme para cada casa, coas máscaras temos un problema. Empezamos con dúas máscaras para toda a semana. Dúas máscaras… agora dannos tres.
A primeira visita é a un matrimonio de 93 anos ela e 95 el, a catro quilómetros da capital do concello, viven sós, ela encamada e el practicamente é autónomo. Ela ten unha bronquite crónica. Os primeiros días impresionábanse algo ao verme aparecer así. Chego co uniforme e poño as luvas e a máscara. A máscara que vale 1 euro. A máis simple. Non temos outras.
Recibo tres máscaras cada semana e teño que visitar a unha muller de 93 anos que está encamada e sofre bronquite crónica. E, despois, o resto de visitas…
O risco teno máis ela ca min. Eu chego e limpo a señora antes de levantala. Lévoa para a cociña nunha cadeira de rodas e almorza e doulle a medicación. Estas semanas son a única persoa que a levanta da cama. O marido non dá. Limpo, poño a lavadora, lévolle a compra e as medicinas… iso xa desde sempre. Temos que ir con eles ao banco ou ao médico. Acompañalas é a nosa función. Déitoa e vou para outra casa. Eles conseguiron unha señora na aldea que lles fai unhas voltas.
“Ultimamente até falamos pouco unhas coas outras. Antes tomabamos o café o rematar a quenda. Pero agora… Ademais, a xente está, non sei… con moita preocupación. Antes falabamos do traballo, claro. Pero agora nin ganas hai”
Despois, fago outra visita. A uns oito quilómetros. É unha señora semi-autónoma, vive cun fillo que é sordomudo nunha aldea que terá tres veciños. Axúdoa a que se duche e a facer a comida. Ten 84 anos. Eu cámbiome cando chego, levo outro uniforme. Pero a máscara… Intento usar a mesma en cada casa. E, pola tarde, había outra visita. Esa cancelárona, porque hai familias que teñen medo de que entremos, claro. Días despois puxéronme outra visita. En cada casa, vou usando a mesma máscara todos os días.
Temos contacto directo con elas. Necesitamos material. Levamos todo o tempo traballando con material contado. Hai traballadoras que teñen moitísimo medo. As que mais, as que están convivindo con persoas maiores. Somos conscientes de nós podemos ser un factor de transmisión.
Ultimamente até falamos pouco unhas coas outras. Antes tomabamos o café o rematar a quenda. Pero agora… Ademais, a xente está, non sei… con moita preocupación. Antes falabamos do traballo, claro. Pero agora nin ganas hai. O peor é esas persoas que están encamadas. Son polas que sufrimos máis.
“Vaste consumindo porque sabes que llo levas ti. Eles non saen da casa”
A debilidade do sistema sempre é a mesma: non ter os escudos para protexernos. Se isto é unha guerra, nós non temos escudos para nos defender. E as persoas que atendemos, peor; porque son vulnerábeis a isto e están totalmente indefensas. Nin saben o que están pasando. Saben pola televisión, pero moitos nin prenden a tele. Preguntan, preguntan por se hai moitos mortos, teslle que explicar. Eles notan o que pasa. Vénnos así vestidas, preocupadas, pero non sei, non sei como estarán tomando todo isto.
A fortaleza é o persoal. A profesionalidade e a responsabilidade da xente é o máis importante. Sabemos que imos saír adiante como sexa. Para dedicarte este traballo tes que ter sentido e humanidade.
Non sei… eu penso que eles, esta xente maior, fixérono todo por nós, levantaron este país, e agora son eles os que sofren máis este problema. Vaste consumindo porque sabes que llo levas ti. Eles non saen da casa. E verte sen material para protexerte ti e protexelos eles, con tres máscaras sen traxes de protección sen batas nin tan sequera protocolos específicos. Por moito que ti fagas, te coides… eu que sei.
Sitios de interese
Ministerio de Sanidade
Teléfono de información
Consellería de Sanidade
As cifras actualizadas
Portais informativos sobre o avance do covid no país