"É difícil lexitimar o propio malestar"

ENTREVISTA | Maier Irigoien

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

T. E.  | Especial para adiante.gal | 5 de abril. Maier Irigoien é xunto a Isabel Saez e Iker Oiz unha das autoras de Zauria(k) [Ferida(s)], un documental sobre a saúde mental desde unha ollada crítica feminista que se estrea este sábado na Galiza con pases en Compostela [11.00, CSO Escárnio e Maldizer] e na Coruña [20.00, A Comuna].

Maier responde vía e-mail a un breve cuestionario para presentar o documental.

Como e por que xorde a idea de facer este documental?

Zauria(k) nace da necesidade de xerar un material que articulase os malestares psico-emocionais coa construción de xénero. Vimos dos activismos feministas e antipsiquiátricos, e encontrabamos a necesidade de visibilizar vivencias arredor da saúde mental de mulleres, bolleras e trans desde unha perspectiva feminista, para poder reflexionar e entender os malestares e o sufrimento psicosocial en toda a súa complexidade.

Sentes que cubre algunha necesidade importante?

Aínda precisamos falar sobre as vulnerabilidades que habitamos, as feridas que traemos e os malestares que ocupan as nosas vidas. Aínda hoxe, é difícil lexitimar o propio malestar, tanto a nivel individual como colectivo e respecto á nosa experiencia seguimos vendo carentes as ferramentas colectivas que temos para poder soster, coidar e dar o lugar que precisan os malestares. Nomear é una práctica política, nomear supón facer visible o que se mantén na sombra, nomear multiplica as realidades existentes e abre portas, xera referentes e constrúe outros imaxinarios posibles. Amplía as coordenadas do posible.

Que facilidades e dificultades atopastes?

Unha das maiores facilidades que temos atopado no camiño foi a receptividade, a apertura e a predisposición de diferentes colectivos e individualidades que compartiron con nós desde material, información, contactos ata lugares onde durmir nas rodaxes. A rede respondeunos moi gratamente. Respecto ás dificultades, foron aparecendo varias, empezando pola de atopar a persoas en primeira persoa que quixesen e puidesen expoñerse mostrando as súas vivencias diante dunha cámara. Non é unha cuestión fácil confiar en que as túas palabras van ser transmitidas con respecto e coidado, e saber que esas palabras van ser reproducidas moitas veces. As mulleres, bolleras e trans que participaron no proxecto están mostrando unha valentía tremenda, estamos infinitamente agradecidas.

Desde que marco ou teoría organizastes os contidos?

O obxectivo de Zauria(k) é xerar unha posibilidade de reflexión crítica e feminista arredor do modelo hexemónico da saúde mental e as prácticas psiquiátricas, e ampliar un marco onde poder poñer a vulnerabilidade no centro, como lugar de resistencia e lugar desde onde formular discursos sobre a saúde. Polo que o marco utilizado é un marco transfeminista e crítico coa saúde mental hexemónica, que intenta ollar un pouco máis aló do establecido, do aparente. Á hora de organizar o contido, quixemos dar un fío condutor á narración onde se mantivese o ritmo, o silencio e á súa vez tivese un estilo estético acorde co que queríamos, por iso dividimos o documental en diferentes capítulos: Intro, Tolemia, Psiquiatrización, Vivencias de xénero, Alternativas, Vulnerabilidade e Epílogo, dándolle un principio e un fin ao relato.

Como foron as rodaxes?

No noso caso, á hora de rodar e facer as entrevistas estabamos condicionadas por un tempo externo, elemento que xerou moita presión á hora de poder elaborar o material co coidado e mimo que precisaba. Vímonos a nós mesmas non respectando os nosos propios ritmos con todo o que iso supón. As entrevistas en cambio foron unha gozada, onde aprendemos, nos emocionamos e agradecemos a xenerosidade das protagonistas. Foi moi bonito poder achegarnos ás realidades de cada unha, coñecelas e poder compartir ese espazo con elas.

Como está sendo a recepción?

Estamos sorprendidas coa acollida que está tendo o documental. As veces, cando dedicas tanto tempo e tanta enerxía a un proxecto e te atopas tan dentro da túa burbulla, perdes a perspectiva de onde estás e o que estás facendo, e costa imaxinar que impacto vai ter e que é o que vai xerar (se será longo, que se non se vai entender …). As proxeccións están sendo todo un éxito e recibimos moitos correos con propostas. Ficou clara a necesidade que hai de falar sobre isto.

A imaxen do cabeceiro pertence a un momento da rodaxe no vello cárcere da Coruña, hoxe de novo pechado.

A Entrevistada

Maier Irigoien

Maier Irigoien

Psicóloga. Traballou en diferentes asociacións de axuda á discapacidade e con colectivos en exclusión social. Participa de Cúrcuma Creació, un gabinete de intervención psico-socio-educativa desde a perspectiva de xénero. Co-autora de Zauria(k). @Zauriak_Dok

Outras entrevistas

A Entrevistada

Maier Irigoien

Maier Irigoien

Psicóloga. Traballou en diferentes asociacións de axuda á discapacidade e con colectivos en exclusión social. Participa de Cúrcuma Creació, un gabinete de intervención psico-socio-educativa desde a perspectiva de xénero. Co-autora de Zauria(k). @Zauriak_Dok

Outras entrevistas