En defensa dos nosos veciños e veciñas 'manteiras'
Miguel Fernández Blanco
Nun marco no que parece que se pretende presentar a migración como un gran problema europeo e mesmo como un gran problema para o Estado Español, en contra dos datos da realidade que mostran de forma clara que non existe tal incremento nin sequera nas chegadas por vías marítimas, xa que se empregan datos comparativos cos anos inmediatamente anteriores (2017 e 2016), nos que as cifras foron anormalmente moi reducidas.
Dá o mesmo, a habitual seca informativa do verán e os intereses de determinados grupos políticos en abrir unha fronte de loita contra o goberno central, provocan que determinadas imaxes se multipliquen e determinados debates enchan supostos espazos informativos nos medios de comunicación, coa vella consigna de que a base de repetir moito unha mentira rematará por parecer que é unha verdade.
A realidade será que chegarán no ano 2018, como moito entre 35.000 e 40.000 persoas por vía marítima irregular, que é unha cifra irrisoria para un país de 47 millóns de habitantes, e que serán moitas menos persoas tamén das que chegan como turistas a través dos nosos aeroportos coa idea de quedarse a vivir na procura dunha vida digna.
Con ese obxectivo tamén aparece novamente outra vella mentira, esta mesmo máis perigosa, que pretende vencellar ás persoas migrantes residentes con problemas de orde pública ou delincuencia. De novo a realidade informa que non é certo, que a inmensa maioría das persoas migrantes residentes no Estado Español, como a inmensa maioría de persoas residentes aquí somos persoas que non desenvolvemos actividade delituosa algunha.
A falta de datos, os partidos políticos e os medios empeñados en repetir mentiras para que parezan verdades, e a falta de mellores argumentos, pretenden converter aos nosos veciños manteiros e manteiras e as súas familias cos que levamos convivindo, no caso galego tamén en cidades como A Coruña, durante xa decenas de anos, nun problema de orde pública “importantísimo” nas cidades españolas.
Así un incidente, que puido ser máis ou menos desafortunado en Barcelona convértese nun “importantísimo” problema de orde pública nesa cidade. Logo, uns autodenominados cidadáns, pretenden estendela cuestión a Madrid. De paso, por certo non o esquezamos, nestas cidades aproveitase tamén para tentar desgastar as súas alcaldesas.
Probablemente pronto nos dirán, regresando a Galiza, que as persoas manteiras da rúa Real da Coruña, que son veciños e veciñas desa cidade desde aí moitos anos, son neste 2018, de súpeto, un “importantísimo” problema de orde pública nesa cidade.
Pois ben, clarexemos de forma clara e sintética algunhas cuestións sobre estas persoas e actividade:
1. Falamos de persoas que son veciñas nosas, que son tan coruños galegos, cataláns ou madrileños coma nós. Non veñen de ningún sitio son tan de aquí como calquera de nós, que normalmente vimos tamén doutros lugares a vivir nas cidades.
2. A actividade do top-manta non é delituosa en si mesma, xa non se contempla así no Código Penal, e non supón competencia algunha para a actividade comercial ordinaria que se realiza nas nosa vilas e cidades. Non son tampouco, por suposto, problema algún de orde pública, salvo que interese por algún motivo que así sexa.
3. Para as persoas que se dedican a esta actividade, trátase dunha mera actividade de supervivencia económica, como outras, que os sectores máis precarizados das nosas sociedades teñen que realizar para saír adiante. Neste caso ademais é para as persoas en situación de irregularidade administrativa unha das poucas posibilidades de supervivencia que teñen.
4. O Foro Galego de Inmigración leva tempo propoñendo alternativas aos gobernos autonómicos e locais de Galicia indicando que a situación destas persoas debe tratarse como unha cuestión social, procurando alternativas socio-laborais e non como unha cuestión simplemente comercial ou económica, e moito menos como un tema de orde pública.
5. Non permitamos nós como verdadeira cidadanía que somos, e da que tamén forman parte, por certo, as persoas manteiras, que nos coloquen un discurso tan fondamente racista como este, empregando ademais de forma miserable a estes nosos conveciños e conveciñas nosas e as súas familias que mesmo naceron nas nosas vilas e cidades, para eses obxectivos tan lamentables.
Reflexionemos, pensemos un momento tranquilamente:
Non é certo, por moito que o escoitemos as cifras non din iso de maneira algunha, que a migración, ou a situación das persoas refuxiadas é problema para Europa e moito menos para o Estado Español. As persoas manteiras son dende hai moito tempo as nosas veciñas e veciños, os compañeiros e compañeiras de cole e de insti dos nosos fillos e fillas. Como sucede con outros sectores emprobrecidos e precarizados das nosas sociedades, as alternativas para este colectivo son políticas sociais axeitadas e continuadas no tempo. Non permitamos que criminalicen a estes veciños e veciñas nosos que coñecemos, en moitas ocasións, polo seu nome e que vemos e cos que conversamos tamén a diario. Non aceptemos discursos tramposos, enganosos, que buscan unha lamentable rendibilidade política a costa de complicarlle a vida a persoas que non fan dano a ninguén.
Compostela, 17 de agosto.
Miguel Fernández Blanco
Villafranca del Bierzo, 1966. Activista social, cristián de base, con ampla experiencia en traballo social de inserción socio-laboral con persoas en exclusión e inmigrantes. Portavoz do Foro Galego da Inmigración, que naceu en 2004 e reuniu a diferentes entidades para a representación do colectivo e a labor de denuncia.
“A Xunta aplica cos inmigrantes políticas destinadas a colectivos en situación de exclusión”
‘Cos inmigrantes hai un problema básico de desigualdade de dereitos’, di Miguel Fernández, un activista que traballa a pé de obra desde hai dúas décadas. O portavoz do Foro Galego da Inmigración advirte que tecido asociativo dos inmigrantes desapareceu, e as formas de axudarse entre eles, mudaron.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso