Esta muller (de 1,60) lesionou dous antidisturbios dun puñazo (sostén un fiscal)
Despois de dous anos de declaracións e xuízos, acúsana de resistencia á autoridade, e pídenlle 6 meses, multa e indemnización para os policías. Vai recorrer.
Erik Dobañ | A Coruña, 12 de xullo. “…la acusada, con intención de menoscabar la integridad física y con menosprecio a las funciones legítimamente ejercidas por el agente 87.849, le propinó un puñetazo en el pecho, para acto seguido empujar al agente 99.937, razón por la cual dicho agente agarró a la acusada, cayendo no obstante ambos al suelo. Una vez allí la acusada mantuvo un forcejeo con los agentes para evitar ser detenida, lanzando golpes con sus manos y piernas contra los mismos, los cuales fueron esquivados por estos. (…) Durante el forcejeo la acusada ocasionó al agente 87.849 contusión en hemitórax izquierdo y distensión de hombro izquierdo, heridas que no precisaron más que de una primera atención en centro médico privado, las cuales tardaron en curar 7 días (…). Igualmente ocasionó al agente 99.937 distensión en el músculo trapecio izquierdo, heridas que no precisaron más que de una primera atención en centro médico privado, las cuales tardaron en curar 5 días”.
A acusada é Aida, mide 1,60 e ten 36 anos. Non practicou artes marciais, tampouco ningún deporte de contacto. Aida é integradora social e vai traballando no que pode. O último emprego é como monitora nunha ludoteca. Unha substitución. Remata este mes.
Aida foi militante de Briga, organización xuvenil independentista que abandonou ao cumprir os 29. Despois continuou organizada en Nós-UP, e participou da asemblea na que se decidiu a súa disolución en xuño do 2015. Daquela decidiu tomarse “un descanso” na súa militancia, fixérase autónoma para abrir un parque infantil que tamén houbo de pechar.
A lea cos antidisturbios foi o 6 de outubro de 2015. “Ese día había no Palexco, aquí na Coruña, un acto con empresarios. Estaba o Slim, o Isla, tamén Felipe de Borbón… e convocárase unha concentración no Obelisco. Nin lembro quen a convocara. E fun. E decidiuse ir despois para o Palexco, unhas trinta persoas. Puidemos aproximarnos até a altura da boca do túnel. Sacamos a faixa, viñeron os antidisturbios, empezaron a dicir ‘apartade!, apartade!’ A típica lea. Déronnos coas porras. Tiráronme ao chan. Mallaron en min. Non sabes se che dan coas porras ou patadas ou con que… Despois levantáronme, pensei que me ía deter, pero zafei”.
A MALLEIRA ADMINISTRATIVA
Semanas despois chegoulle unha citación do Xulgado. Topouse cunha denuncia por lesións a dous Policías Nacionais. “O atestado é bastante curioso: din un puñazo pero lesionei a dous…”
O caso é que Aida xa tivo que pasar varias veces polos Xulgados da Coruña. Outra malleira, a administrativa. Primeiro foi prestar declaración, e o primeiro que lle preguntou a xuíz foi: ‘Vostede canto mide?’. Un metro e sesenta centímetros. Di que saíu confiada ese día. “A mesma xuíza íame orientando coas preguntas. Todo moi ben. Case me esquecera da cousa e pasou un ano e pico… e a finais do ano pasado chegoume a citación para o xuízo que ía ser a finais de xaneiro pasado”.
A Fiscalía acusábaa de atentado á autoridade pedía para ela 1 ano e 6 meses, máis unha multa de 600 euros e unha indemnización para os lesionados. Onte coñeceu a decisión da xuíza: rebaixaba a acusación a resistencia á autoridade, a condena a 6 meses, a multa á metade e a indemnización, fixouna en 480 euros. Vai recorrer.
‘YA SABES DONDE VAS A DORMIR’
Conta Aida que aquela mañá ela estaba no medio da concentración. “Non collín a pancarta. Lévome moi ben con toda a xente dos movementos da Coruña, e quero subliñar iso, porque ademais, sen o apoio de toda esa xente de diferentes colectivos non tería sabido como afrontar isto. Pero ese día eu non estaba diante na faixa. Viñeron tres ou catro furgonetas. Un pouco de resistencia si que fas… Un tumulto, un veu para min. Non sabería dicir moi ben como acabei no chan. Eles enriba e xente berrando: ‘deixádea!, deixádea!’ Foi moi rápido. Un deles díxome: ‘Ya sabes donde vas a dormir’. Pero marchei. Non me identificaron”.
Falou cunha avogada, miraron o caso. “Aconselloume que collera un avogado de oficio e que declarase. Se che dá confianza, faille caso. Tiven que ir varias veces ao Xulgado a recoller toda a documentación que ían achegando ao proceso… preparei coa avogada a defensa e despois tiven sorte co de oficio”.
En xaneiro de 2016 ía preparada para repetir a declaración na vista oral. ‘Mido 1,60’. Aida non quería pacto algún. A vista adiouse até xuño. Declarou ela. Declarou o policía que denuncia ter recibido o puñazo. Tamén declarou un policía de información. Di Aida que foi este quen a identificou por unha foto. O que dixo este policía, explica, é que ela era ‘unha habitual’ e que coñecían o seu nome e atoparon a súa foto no seu perfil de Facebook. E así a recoñeceron os axentes lesionados. “Nunca fun detida. Non tiña por que figurar en ningún ficheiro policial. Eles achegaron como proba unha foto de La Voz de Galicia de novembro de 2014 no último dos despexos en Elviña. Saio eu no medio dun grupo. Ese é o atestado para dicir que a do puñazo son eu”.
TELÉFONOS PINCHADOS
Faltaban os testemuños do segundo policía lesionado e do xefe do dispositivo daquel día, que declarou desde Madrid. A segunda vista celebrouse o luns 2 de xullo. “O xefe do dispositivo dixo que me vira outras veces. Dixo que o día de Palexco el mesmo ordenou que me identificaran porque xa me viran antes pero non tiñan meus datos, que querían telos”.
Despois de escoitar as partes, o fiscal seguiu sostendo a petición de atentado á autoridade. “Eu non din ningún puñazo aquel día”. O primeiro que lle preguntou a Aida o fiscal é si pertencía a algunha organización. Xa non. “Teño o teléfono pinchado”, di Aida, “se estas en organizacións independentistas, xa sabes que iso vai pasar. E nótase cando cho pinchan”.
Aida asume que está nalgunha lista negra. “Paréceme fatal. Polas miñas ideas?… Non sei de que ou de quen se están defendo. Agora, mesmo antes, penso que o que intentan é ter controlada calquera cousiña que se lles poida escapar das mans. A Briga intentaron ilegalizala uns meses despois de nacer. Teñen até os centros sociais controlados, aínda que todas as actividades son públicas. Creo que o que me pasou faise precisamente para asustar. É iso. Facernos calar. O fiscal, o último día do xuízo, fixo un discurso curioso. Sostivo que a actuación da policía fora a axeitada porque aquela manifestación de vinte ou trinta persoas podía ter derivado nun tumulto que xerara o caos no centro da cidade”. Mesmo se o puñazo non foi dado, nunca se sabe como empezan as revoltas.
illas
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
“Espero que se sinalen os culpábeis e que morran da vergoña”
“Vostede non existe, díxome o psicólogo”
“Non lembro cando empezaron os problemas”
As dúas vidas do Rápido. Dúas: narco ou liberdade
As dúas vidas do Rápido. Unha: café e vacas
“O monte corre moito, e a gran industria tamén”
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas