"Estou indo durmir a casa, pero tereino que pensar para non contaxiar á nena e á muller"

Testemuños desde a primeira liña (IV)

A Consellería de Sanidade informou onte, sábado 21, de que na Galiza se teñen rexistrado 721 positivos de covid, 28 pacientes están ingresados na UCI; 166, hospitalizados en diferentes unidades; e 527 permanecen nos seus domicilios. Até o momento, houbo 12 falecementos. Os tres últimos foron o dunha muller de 68 anos e dous varóns de 93 e 74 anos que estaban ingresados no CHUAC (A Coruña).

O seguinte testemuño anónimo corresponde a un traballador que presta os seus servizos no 061 nunha cidade galega. Fai parte do dispositivo de ambulancias de soporte vital básico que se encarga de transportar posíbeis casos de covid ao Hospital. A súa é unha empresa privada.

Polo de agora non sufrimos ese colapso que din que está a acontecer en Madrid, pero penso que todos o esperamos porque imos vendo como se van enchendo os servizos e como aumentan as cifras case de modo exponencial. Nas ambulancias víñamos facendo un traslado de pacientes con covid; o outro día, na miña quenda, nunha soa ambulancia, xa fixemos catro.

Habitualmente facemos dúas quendas de doce horas de día, dúas de doce horas pola noite, e esta semana fixen unha terceira quenda de noite porque un compañeiro deu positivo. Cada vez caerán máis compañeiros, e os demais, mentres aguantemos, teremos que ir facendo máis quendas.

A última noite, de nove da noite a nove da mañá, a madrugada do 19, atendemos sete casos e catro deles tratámolos como posíbeis covids.

Non tivemos formación presencial. Todo vén en correos electrónicos: instrucións e procedemento. O primeiro que recibín penso que foi o día 12, o xoves da semana pasada. Foron recomendacións sanitarias, de transporte de pacientes, protocolo de traslado, un cartel de lavado de mans…

Agora xa se dispuxo que unha das ambulancias se dedique exclusivamente a traslado de posíbeis casos de covid. O servizo empeza cando chaman da central e avisan de que temos un traslado dese tipo. Collemos os EPIs, imos o domicilio, recollemos o paciente, levámolo a Urxencias, regresamos á base e o primeiro é desinfectar o vehículo, temos que deixala preparada para o seguinte aviso. Estamos atendendo a pacientes que se poden valer por si mesmos para desprazarse, así que a ambulancia vai case co xusto para que despois sexa máis fácil de desinfectar e non deixar inoperativo un recurso máis tempo do preciso. Levamos unha cadeira de evacuación e algún aparato como o pulsioxímetro por se fan falta.

A desinfección da ambulancia non era algo habitual, se cadra, facíala unha vez en cada quenda cando levabas a un paciente en illamento. Pero agora estamos a ter que facelo tres ou catro veces por quenda. Leva media hora. Temos que utilizar un pulverizador, deixamos actuar o produto, fregamos e limpamos. É dicir, na miña última quenda, pasamos dúas horas desinfectando o vehículo. Iso, evidentemente, limita o servizo.

Dispoñemos de 3 ambulancias de soporte vital avanzado, dúas delas son ambulancias medicalizadas e a outra, que empezou en outubro, é unha de soporte vital avanzado. A maiores, estes días, dispuxeron unha ambulancia convencional cun só técnico para este tipo de traslados. Mais só funciona polo día, e só de luns a venres.

O recomendado é gafas de protección ocular, máscaras FFP2 se o paciente non require procedementos que xeren aerosois, se lle temos que colocar osíxeno ou entubalo, serían FFP3, e levamos batas antisalpicaduras. O que nos enviaron foi unha indicación de reutilización das FFP2, poñer por diante unha máscara cirúrxica, desbotar esa e gardala outra para seguintes servizos. Antes desta crise, iso non estaba recomendado como uso ordinario. O recomendado era un só uso por paciente. De todo este material, a empresa non recibe directamente dos distribuidores porque todo está intervido polo Ministerio de Sanidade; así que a nós chegan con contagotas. De feito, para aforrar material, en casos que non sexa necesario a intervención dos dous técnicos, só entra en contacto co paciente un deles: o condutor permanece dentro da cabina todo o tempo.

Ordenaron ir recoller á nai dun positivo de covid que xa estaba ingresado no Hospital. A señora estaba soa na casa e, ao parecer, desorientada e non respondía ás chamadas. Así que houbo que ir polas chaves á habitación do fillo no Hospital. Acompañoume a Policía Nacional, accedín eu só á vivenda. A Policía viña sen EPIs e esperou fóra. A muller tiña todos os síntomas, febre, tose… Non respondía coherentemente. Acompañeina até a cabina asistencial e levámola para o Hospital. A maioría dos traslados, até agora, non requiriron intervención sanitaria. Apenas algún caso que, se cho indican desde a central, tes que tomar un valor básico como pode ser a temperatura ou a saturación de osíxeno.

Adoitan ser pacientes en fase temperá, porque a xente está pendente dos síntomas e de avisar. O cal está moi ben. Hai xente de todas as idades. O normal se tes síntomas é que che digan de quedar na casa. Mais os que estamos trasladando son xente con patoloxías previas.

Os traballadores sanitarios estamos afeitos a situacións de estrés, pero o ambiente é de máis nervios do habitual. Son moitos cambios, cada día pode haber unha modificación de procedemento, cousas novas que se recomendan, que falta material, que non se reforzan servizos, temos que estar moi pendentes da colocación e da retirada dos EPIs para non cometer erros e non contaxiarnos… todos temos a sensación de que antes ou despois caeremos. E iso valo levar para a casa. Eu teño á miña muller e unha filla pequena. Tes que decidir sobre iso, se vas para a casa ou intentas durmir noutro sitio.

Polo de agora, estou indo durmir a casa, chego, quito todo, non entro en contacto con elas, dúchome e a roupa vai directa á lavadora. Estou indo a durmir, pero tereino que pensar para no contaxialas. Mentres non mostre síntomas, intentarei facer unha vida o máis normal posíbel.

É demasiado pronto para dicir se o sistema é o suficientemente forte para frear isto. Teño claro que non houbo unha previsión suficiente. Nin de protocolos nin de material. É duro ter que dicilo, pero vemos que se está improvisando cada día ou cada dous días. Estamos moi pendentes do que pasa nos sitios que se viron afectados antes e estamos aprendendo. Pero non creo que a día de hoxe se poida valorar como foi a resposta.

Que aprendemos doutros estes días? A min o que máis me chama a atención son esas imaxes que aparecen de profesionais con traxes de protección completos, impermeábeis, con capucha e botas. Aquí non temos iso. Imos coas batas e non cobren todo.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

Sitios de interese

Ministerio de Sanidade

Guía COVID-19

Consellería de Sanidade

Como protexernos

Teléfono de información

900 400 116

Testemuños

Deixe um comentário