Familiares de residentes estudan unha querela criminal contra Domus Vi

Convocan manifestacións nas cidades para o 11 de xuño en homenaxe aos mortos nas residencias de maiores.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 22 de maio de 2020. A Alianza Galega polos Servizos Sociais Públicos para Maiores e Dependentes convocou esta mañá manifestacións nas sete cidades do país para o próximo 11 de xuño en homenaxe aos mortos pola covid19 nas residencias.

A Alianza está integrada por REDE (Federación Galega de Usuarias e Familias de Residencias), Modepen e o colectivo TREGA, que reúne a traballadoras das residencias. “Haberá unha única pancarta e pedimos ás organizacións que apoien as marchas que se absteñan de levar simboloxía propia”, dixo Pablo Vizoso, de Modepen, que actuou como voceiro da plataforma, e explicou que pretenden levar adiante as manifestacións “se nos dan os permisos preceptivos e con todas as garantías que require a situación sanitaria, empezando pola distancia social”.

Na mesma rolda de prensa telemática, interviñeron membros dos outros colectivos que integran a Alianza, e os familiares de residentes aproveitaron para avanzar que están preparando “unha querela criminal” contra a propietaria da empresa Domus Vi, que dispón de residencias privadas e xestiona centros de maiores públicos na Galiza. Os familiares, a través do seu portavoz, Paulino Campos, indicaron que a querela poderíase ampliar mesmo até o presidente da Xunta, “porque entendemos que tamén forma parte desa organización criminal por conivencia ou por ser un partner nas prácticas que xa vimos denunciando hai tempo”.

A querela vai ser “potente”, advirte Campos, “e non temos présa”. O portavoz de REDE tamén anuncia outras accións xudiciais a futuro, unha delas terá que ver con quen asumirá a factura da intervención pública de dúas residencias de Domus Vi (en Cangas e en Vigo). Campos animou aos xornalistas a preguntarlle a Feixoo a respecto desta cuestión e a resposta do presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta foi: non imos asumir os custes das residencias privadas, non son custes da Xunta, pero haberá que sentarse…

Denuncias xa en marcha

“A primeira das denuncias que presentamos foi desestimada por un xulgado de Cangas nun auto cando menos polémico” explicou Paulino Campos. “Despois presentamos outra contra directivos e propietarios de nove residencias de Domus Vi na Galiza; unha contra 42 residencias, tamén contra propietarios e directivos; e, por último, unha contra tres altos cargos da Xunta. Estas tres últimas foron aceptadas e integradas nas dilixencias que o Fiscal Xeral do Estado ordenou abrir á Fiscalía Superior de Galiza”.

Protesta de Modepen esta semana diante da residencia Domus Vi en Matogrande (A Coruña).

En total son 51 residencias as sinaladas. As que naquela altura, mediados de abril, rexistraran casos de covid19. Esas denuncias foron derivadas pola fiscalía ás fiscalías provinciais e de área. “Os xulgados están baixo mínimos. Non sabemos como van os trámites. Pero o Xulgado de Vigo xa tivo un contacto con nós e estamos a colaborar achegando datos, indicios, documentos… probabelmente a semana que vén remataremos esta fase”.

Respecto da comisión parlamentaria que o BNG e En Común Galicia xa avisaron que solicitarán no novo Parlamento, os familiares pensan que é necesario esperar a que pasen as eleccións para ver como reclamar diante da Xunta e do Parlamento.

O fracaso da Sociedade de Xeriatría

A Alianza tamén valorou o papel da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) durante as primeiras semanas da crise do coronavirus recomendando primeiro, e liderando despois, a solución dos centros intermedios que a Consellería de Política Social asumiu como propia. Pablo Vizoso opinou que a SGXX deu o aval científico a unhas políticas que “se demostraron claramente erradas”. Vizoso pensa que a proposta de trasladar todos os positivos a un centro hospitalario era “unha tolemia”, porque os hospitais galegos teñen un terzo das prazas que teñen as residencias. E lembrou que ao principio da pandemia, desde Modepen reclamaron á Xunta que interviñera nos centros con máis afectados e “mesmo que tivesen preparados equipos médicos para aqueles outros nos que o persoal era insuficiente”.

“Non ten ningún sentido esta política de andar movendo maiores dun sitio para outro. Até se fixo de xeito incoherente. Empezaron trasladando aos positivos, pero nalgún sitio trasladaron negativos… A estratexia de traslados parou aos poucos días, e despois seguiron as incoherencias. No Barco, por exemplo, deixaron aos máis graves na residencia e levaron para Piñor aos positivos con menos síntomas”, conta Vizoso. O portavoz lembra ademais que os directivos da SGXX negaron sistematicamente que houbese diferencias entre os centro públicos e os privados e trataron de cargar a responsabilidade sobre os profesionais sanitarios da cada área. Modepen, explicou Vizoso, botou contas e chegou á conclusión de que durante esta crise había un 24% máis de posibilidades de falecer nunha residencia privada que nunha pública.

“Non ten ningún sentido esta política de andar movendo maiores dun sitio para outro. Até se fixo de xeito incoherente. Empezaron trasladando aos positivos, pero nalgún sitio trasladaron negativos… A estratexia de traslados parou aos poucos días, e despois seguiron as incoherencias.”

Residencia San Carlos, en Celanova.

O negocio é o sistema

Pablo Vizoso concluíu a rolda de prensa sinalando “a clave do problema”. “Converteuse a atención aos maiores nun negocio. Os investimentos brutais que se fixeron nos últimos anos no sector é o elemento determinante. A necesidade de obter beneficios nesas residencias levou a utilizar dous mecanismos de optimización dos beneficios: por unha banda, cobrar moi caro o servizo, as residencias son carísimas… e, por outra banda, aforrar en persoal e en alimentación, que supoñen o 60% do gasto nunha residencia”.

A relación entre o número de traballadoras e o de residentes é moi baixa e produce sobrecarga de traballo, denuncia a Alianza, que critica tamén que a comida se ofreza a través dun servizo de cátering “con dietas de Panga”. Vizoso rematou pedindo que se investiguen os efectos que puideron ter a alimentación e as ratios de traballadoras na incidencia do virus en cada residencia.

“A necesidade de obter beneficios nesas residencias levou a utilizar dous mecanismos de optimización: cobrar moi caro o servizo, e aforrar en persoal e en alimentación, que supoñen o 60% do gasto nunha residencia”

Cartel das marchas cívicas do 11 de xuño.