Feixoo salva Verín de Feixoo
Teima | Asalto á sanidade pública – Capítulo 6
Erik Dobaño | Verín, xaneiro 2020. O día de Reis é domingo e no aparcadoiro público do Hospital de Verín hai prazas dabondo. O complexo queda afastado do centro e apenas pasa xente. Mais o quiosco está aberto e un grupo de mulleres espera na porta. Levan un adhesivo vermello nas roupas, “Verín non se pecha”, a consigna espallada nos carteis que aparecen por todas partes. Verín está en loita. Esperan pola cabalgada dos reis que fará parada alí e converterase noutro acto reivindicativo. As festas deste ano son para elas unha sucesión de actos de protesta desde que o último día de novembro 15.000 persoas se manifestaran desde aquí até o centro contra o desmantelamento que está a sufrir o servizo dun hospital que ten asignada a atención dunha área na que viven máis de 35.000 persoas.
Nun café diante do complexo, Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía, palentino, que chegou a Verín hai 18 anos “un pouco por casualidade” e fixo a vida aquí, unha das caras visíbeis da mobilización veciñal, volve contar o que leva un mes e pico contando. “Todo isto é parte dun plan para desfacer o Hospital de Verín, e detrás irán outros hospitais comarcais, pode que non o do Barco, porque que O Barco, segundo as isocronas, cubre unha zona moi afastada de Ourense, pero o de Monforte, seguro… O do feche do paridoiro era a proba para darlle o golpe de gracia a Verín. Mais sucedeu algo co que non contaban. Houbo, hai, unha mobilización cidadá moi importante. Con iso non contaban. Un erro de cálculo…”
As isocronas son as liñas no mapa que determinan a cobertura asistencial dunha área segundo parámetros de distancia, accesibilidade e outros. Ao principio usáronse para abrir hospitais, hoxe anuncian feches.
Este sábado, o diario ourensán La Región publicou unha entrevista coa nova xerente do Hospital de Verín, Guillermina Agulla, na que afirma: “El principal objetivo ahora es reabrir el paritorio, así de claro”.
Punto final á unha crise na que hai que atender á cronoloxía para entender como Feixoo salvou a Verín de Feixoo.
“Nos conformamos con no parir en un coche en mitad de la autovía”
Carta dunha embaraza de Verín para poñer en coñecemento “de quien está decidiendo”
1. A decisión
Xoves, 28 de novembro de 2019: Despois do Consello da Xunta dos xoves, Feixoo anuncia o feche do paridoiro do Hospital de Verín “por razóns de seguridade” e debido “á diminución drástica de partos anuais”.
Venres, día 29: Concentración ás portas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) nais, matronas e integrantes da Marcha Mundial das Mulleres para reclamar a reversión do traslado do servizo de partos do Hospital de Verín.
No pleno da Deputación de Ourense os votos do PP, Democracia Orensana e Ciudadanos rexeitan unha moción do PSOE para reclamar da Xunta que reconsiderase a decisión de suprimir o servizo de partos en Verín.
Félix Ruibal , xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco reúnese con profesionais e pacientes de Xinecoloxía e Pediatría no Hospital de Verín para explicar a decisión. Profesionais e pacientes manifestan o seu desacordo.
Sábado, 30: Quince mil persoas, segundo por Protección Civil, recorren a avenida de Laza desde o Hospital até a Praza Maior de Verín nunha manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei antes do anuncio do feche do paridoiro. Participan numerosos representantes políticos, incluídas as alcaldesas e alcaldes do PP na comarca.
Domingo, 1 de decembro: Fechase de maneira oficial o paridoiro do Hospital de Verín. Entre as 3 da tarde e as 8 da mañá, os partos derivaranse a Ourense ante a falta de pediatras que completen o equipo de atención.
Luns, día 2: Traballadoras do Hospital e veciñas e veciños deciden pecharse “indefinidamente” nas instalacións do Hospital até que a Consellaría de Sanidade reverta o traslado do servizo de partos e de urxencias pediátricas a Ourense.
Pola tarde, na sede da Xunta en Ourense, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, recibe a representantes das afectas. Vázquez Almuíña reitera que o feche é unha decisión para garantir “a seguridade e a calidade do servicio». Non hai avances. A mobilización continuará.
2. A tempestade
Martes, 3: Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, rebate publicamente os argumentos da consellería. “Non hai problema de seguridade”, di. “Os datos perinatais no Hospital de Verín son francamente bos, moi bos. Teremos rexistrados uns 3.000 partos. Non houbo nin unha soa morte fetal intraparto. Nin unha. Complicacións graves en obstetricia, practicamente ningunha. É dicir, non se deron casos dun neonato que tivera que ser atendido por unha patoloxía grave por un mal manexo do parto”. Ao día seguinte, as palabras de Castrillo serán reproducidas no Parlamento galego por Ana Pontón nun tenso debate co presidente Feixoo.
O PP de Ourense presenta no Rexistro da Deputación provincial unha moción para a defensa dos servizos do Hospital de Verín, en especial, do paridoiro. A moción está asinada tamén por Democracia Orensana y Ciudadanos.
Mércores, 4: O goberno municipal de Verín formado polo PSOE e o BNG impulsa unha declaración institucional contra o feche do paridoiro á que se adhire o PP.
Manifestación en cidades e vilas de toda Galiza en apoio ás demandas das afectadas de Verín e comarca convocadas polo movemento feminista.
Vázquez Almuíña, o conselleiro de Sanidade, reitera que a reordenación da atención obstétrica e pediátrica en Ourense obedece exclusivamente a razóns de “seguridade e calidade”. O conselleiro advirte que, en calquera caso, o Hospital de Verín segue a ser centro de referencia para o seguimento das xestantes da zona e para a atención posterior ao parto.
No Parlamento, Ana Pontón pide a Feixoo á cabeza do conselleiro de Sanidade. O presidente mantén que a medida de fechar o paridoiro “é unha decisión técnica, e non llo di o PP, están a dicilo 44 profesionais dos servizos afectados da área de Ourense, empezando polo xefe de xinecoloxía do CHUO [José Luis Doval]”. “Non o creo”, retou Pontón, que opuxo os argumento de Javier Castrillo. “E se así é, suprima a Consellaría, se non toma decisións políticas, suprímaa”.
No Parlamento, o PP rexeita por vez primeira instar ao Goberno galego a que corrixa esa decisión.
Xoves, 5: A CIG presenta un recurso contencioso-administrativo no Xulgado de Ourense contra a Orde do 29 de novembro do Xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco [Félix Ruibal] de fechar os servizos de paridoiro e pediatría de urxencias no Hospital de Verín.
Luns, 9: Pedro Puy, o portavoz parlamentario do PP, afirma en rolda de prensa que “houbo erros na comunicación” da medida, erros aos que atribúe o “amplo descontento social”. Ese mesmo argumento do fallo comunicativo será empregado por Feixoo na súa entrevista do día 30. Puy sostén que o PP mantén a cohesión e apoia a medida e dispara contra a oposición: “Están asumindo uns compromisos que se algún día lles toca gobernar igual non son quen de mantelos, porque non se pode ir en contra dunha decisión técnica”. Puy non recoñece diverxencias co PP de Ourense. “Eu contesto o que pensa este grupo parlamentar”.
Martes, 10: Enrique Pérez, xerente do Hospital de Verín entre 2007 e 2009, declara que o feche do servizos de partos no Hospital de Verín é un obxectivo que persegue José Luis Doval desde hai anos.
Xoves, 12: Primeiro parto de urxencia en Verín desde o feche. Debe desprazarse un pediatra desde Ourense ao non haber un de garda.
O xefe de Xinecoloxía pide a presenza dun xuíz para constatar que se están a cumprir os protocolos.
Feixoo anuncia a convocatoria de dúas prazas temporais de pediatría en réxime de interinidade na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco. O presidente comprométese, por vez primeira, a revisar a decisión de fechar o paridoiro “se esas prazas se cobren”. A oposición advirte o xiro na argumentación de Feixoo e a deputada nacionalista Noa Presas pon de relevo que Feixoo recoñece que non se trata de seguridade, “senón da política laboral da Xunta”.
Venres, 13: A CIG sinala que as prazas de pediatría de Verín non se cubriron antes polo atraso do Sergas en publicar as listas. Segundo a CIG, un atraso de 8 meses.
Luns, 16: A plataforma SOS Sanidade Pública, que convocou a protesta para o día seguinte diante do Parlamento durante a sesión plenaria, anuncia unha manifestación en Compostela para o 9 de febreiro.
Desde o movemento feminista, a plataforma Galegas 8M anuncia que a manifestación nacional do 8 de marzo de 2020 celebrarase en Verín.
Martes, 17: Veciñas e veciños de Verín, xunto a persoal sanitario e representantes políticos dos grupos da oposición, concéntrase diante do Parlamento galego.
Mércores, 18: O Servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín interpón un recurso de alzada contra o feche do paridoiro. Os profesionais advirten que a competencia dunha decisión como esa recae na Consellería de Sanidade, e non na Xerencia da área sanitaria.
As deputadas e deputados do PP no Parlamento manteñen a disciplina de voto en rexeitan, en votación secreta en urna, unha iniciativa do BNG para a reapertura do paridoiro. Os 36 deputados do PP presentes ese día votaron en contra da proposta, fronte aos 33 votos a favor do resto de grupos.
Venres, 20: O pleno da Deputación de Ourense aproba por unanimidade a moción do PP, DO e C’s en defensa dos servizos do Hospital de Verín.
Despois da sesión, unha representación das afectadas, que se concentraron ás portas da Deputación durante o pleno, mantiveron unha reunión con Xosé Manuel Baltar, o presidente da Deputación.
3. A rectificación
Domingo, 22: O presidente do Parlamento galego, o deputado ourensán do PP, Miguel Santalices, asegura nunha entrevista radiofónica que está “convencido” de que haberá solución para o paridoiro de Verín unha vez que se “liquide” a situación da falta de profesionais no centro, que cualifica como “puntual”.
Venres, 27: O xerente do Hospital de Verín, Miguel Abad, presenta a súa dimisión por “razóns estritamente persoais”.
Feixoo advirte que se se cobren as prazas de pediatría, aínda vacantes, “valoraremos a reactivación dos partos”. E insiste no criterio técnico, mais a esta altura, xa lle deu a volta: “Isto non é unha decisión política, é sanitaria. Se os médicos din que se pode prestar o servizo, vaise prestar”.
Sábado, 28: As veciñas e as traballadoras manteñen o peche que comezou o día 2. Despois de pasar a Noiteboa no centro, celebran un fin de ano simbólico xunto a outros veciños como un acto máis na protesta.
Luns, 30 de decembro: “Xa me gustaría ter pediatras en Verín”, declara Núñez Feixoo nunha entrevista de balanzo do 2019 cunha axencia de noticias. O presidente recoñece que “fallou” a comunicación e lamenta que, de momento, non haxa pediatras.
4. A solución
Xoves, 2 de xaneiro de 2020: Segundo parto atendido no Hospital de Verín desde o feche do servizo. Desta volta non se trasladou ao neno acabado de nacer como sucede no caso do día 12. A nai negouse malia que desde Ourense se enviou unha ambulancia cunha incubadora e a pediatra que veu na ambulancia insistiu no traslado. Así o conta o Diario do Támega.
Sábado, 4 de xaneiro: Ás 23:30 horas ingresa unha muller embarazada. Desta, si se procede ao traslado a Ourense. O xinecólogo de garda non ve ningún impedimento para derivar o parto dado o estado da paciente.
Martes, día 7: O Sergas informa de que rematou o prazo da convocatoria sen que se tivera presentado ningún candidato ou candidata para cubrir as dúas prazas de pediatría ofertadas. Ao día seguinte a oposición regresa das vacacións e presenta diferentes propostas. Pero Feixoo mete présa.
Xoves, 9: A Consellería de Sanidade publica a orde pola que se nomea a Guillermina Agulla como nova directora do distrito sanitario de Verín, doce días despois de que o anterior xerente presentase a dimisión.
Venres, 10: A nova xerente empeza o traballo entrevistándose con varios pediatras (posíbeis candidatos). Despois, convoca diferentes reunións cos traballadores e visita as veciñas e persoal que mantén o encerro no Hospital.
Aurora Sola, portavoz das concentradas, pide que se cese a Félix Ruibal [o xerente da área sanitaria] como responsábel da decisión de fechar o paridoiro e por ter cuestionado a profesionalidade das matronas e xinecólogos.
Sábado, 11: Guillermina Agulla en La Región: “El principal objetivo ahora es reabrir el paritorio, así de claro”.
#AsaltoSanidade
“Se isto demora, a xente vai marchar para a sanidade privada”
Adolfo e Pablo, médicos de Primaria, contaron a súa experiencia durante os primeiros días da crise nunha reportaxe publicada o 29 de marzo de 2020. Seis meses despois describen a situación actual do servizo.
A devastación do servizo sanitario alcanza Corrubedo
A veciñanza empeza a se defender diante da ameaza de quedar sen médico, despois de que o Sergas teña reducido as horas de atención, primeiro coa escusa do coronavirus e, máis tarde, de que non topa substitutos.
“Todas as loitas no rural comparten un obxectivo, que a xente non teña que marchar”
Entrevista a Aurora Sola, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei.
O Sergas fomenta a propaganda mentres veta a protesta
A Xunta emite un vídeo promocional do investimento en novas infraestruturas na cidade nas pantallas das salas de espera de centros sanitarios da Coruña. Hai apenas unha semana prohibiu colocar carteis “críticos” nas instalacións do Sergas porque van “en contra do principio de neutralidade das institucións”.
A primeira liña de batalla na defensa da sanidade pública diante do asalto privatizador estivo estas semanas en Verín. Aquí, o relato dunha crise na que hai que atender á cronoloxía para entender como Feixoo salvou Verín de Feixoo. O que non explica é se Verín se salvará do PP.
“Estou contento, a verdade”, confesa nunha conversa telefónica este sábado Javier Castrillo. El mesmo anotou un par de nomes de pediatras na reunión desta semana coa nova xerente. “Coñecémola. É resolutiva. Pode que non esteamos de acordo en todo, pero sei que pelexará cos de arriba”. A crise rematará en cuestión de días, concede Castrillo. A xerente xa mantivo unha entrevista persoal cunha das candidatas, a outra vive nas Illes Balears. “A xerente vén coa consigna de reabrir o paridoiro e recuperar servizos perdidos. Non sei porque elixiron unha profesional xubilada, hai outros que non virían á guerra, pero nestas condicións… En fin, esperemos que todo vaia rápido, tanto como os acontecementos nestas semanas”.
Mais a sucesión de acontecementos non explica todo o que aconteceu. As crises teñen un detonante, algo que (forme parte do plan ou non) sae mal e torce o plan. O plan, claro, segue sendo o mesmo e non se cambia: o asalto á sanidade pública.
“A estratexia é o desgaste”, di Javier Castrillo –de volta na conversa do café a tarde de Reis–. “Desgastar e despois xustificar medidas como un feche do hospital, que leva un par de anos funcionando mal”. Desapareceu o servizo de dermatoloxía, faltan anestesistas, pediatras, cirurxiáns e outros especialistas, mesmo hai profesionais con praza aquí que desenvolven a maior parte do seu traballo en Ourense. “Sentímonos un hospital de segunda, profesionais de segunda…” Hai uns anos reclamaron un ecógrafo novo, comprárono pero quedou en Ourense e a Verín mandaron un vello. Hai pouco avariouse e mandaron outro, xa fóra de catálogo e con doce anos de uso”.
Os números dos partos seguen sendo bos, subliña Castrillo. Máis outros servizos decaen. En quirófano pasan semanas sen unha operación. Antes, a organización dependía do responsábel de admisión que distribuía os días. Agora, precisan unha reunión semanal para cadrar axendas porque un día faltan anestesistas, outro cirurxiáns, outro pediatras… “Nos últimos seis meses debeu haber máis traslados [a Ourense] que nos seis anos anteriores”, resume o xinecólogo.
Esa estratexia foi minando a calidade da atención, mais non a paciencia dos usuarios. “A xente adáptase. Se teñen que ir a Ourense, van… Pero tocaron unha parte moi sensíbel. Tocaron ás crías, e cando nos tocan ás crías, revolvémonos”.
O detonante
O detonante da crise non foi o erro de cálculo. Iso veu despois. O detonante foi que os responsábeis do asalto a Verín quixeron solucionar un problema circunstancial acelerando as cousas; como se perderan de vista por un intre as isocronas do seu propio mapa, tan fácil está resultando todo cunha cidadanía dispersa e unha oposición que apenas reacciona á axenda mediática cando os medios queren…
“Os pediatras que mandaban de Ourense facer gardas aquí eran os últimos contratados. Non quería vir ninguén. Viñan e cobraban menos, como gardas localizadas. Presentáronse varias demandas e o xuíz decidiu que había que pagar como gardas de presenza e que, ademais, o servizo fose rotatorio e incluíse todos os profesionais. Daquela, os pata-negra sacaron as espadas, nos catro meses que funcionou a rotación triplicaron alí as listas de espera. Alguén dixo que era unha folga á xaponesa para colapsar Pediatría. E o xerente de área debeu pensar que para salvar o colapso en Ourense a solución máis rápida era fechar Verín e punto”, explica Castrillo.
Para eles tiña sentido. Acelerar os tempos da centralización e da privatización. Horizonte á vista: fechar o Hospital de Verín.
A argumentación do Sergas sostíñase nunha guía de recomendación para maternidades de 2009. Recomendacións para ver onde abrir novos centros. Nada dicía sobre feches. “Era unha medida política”, reflexiona Castrillo. “Pero houbo quen se prestou a un xogo moi sucio”. Todos os profesionais de Pediatría do Hospital de Ourense asinaron un texto avalando os argumentos do Sergas: feche por motivos de seguridade e perda de calidade. “Os custes da medida política empaquetáronnolos a nós”.
“Non poden fechar este servizo nin este hospital. Vexo xente que vai andando pola rúa porque existe este hospital, a Ourense non terían chegado”
As crías, en risco
Despois veu o erro de cálculo. O Hospital de Verín atende dous mil e pico nenas e nenos que desde o 1 de decembro quedaron sen atención pediátrica de urxencia entre as tres da tarde e as oito da maña. O Sergas tiña establecida até maio a cobertura das gardas con persoal desprazado desde outros centros da área sanitaria. Pero aínda así apurou os acontecementos. Era unha vella aspiración do responsábel de Xinecoloxía de Ourense, José Luis Doval. “Sei que hai tempo que lle ten ganas. Parece que incluso algunha vez se tivo ofrecido, se lle daban capacidade executiva, para fechalo servizo de partos de Verín el mesmo. Estiveron uns meses cubrindo gardas xinecolóxicas desprazando especialistas de Ourense, e viñan buscando fendas para derivar todo o que puideran. Ao final acordamos co xerente de aquí, Abad, que non era solución e deixaron de vir”.
“Nós levamos anos cabreándonos e reclamando, pero non temos moito máis que facer. Agora pensaron que isto ía quedar noutra protesta entre os profesionais. Tiraron cara adiante. Se pensaran que ía ter esta repercusión social e mesmo mediática, pois non o terían feito. Para eles converteuse nun problema”, sinala Castrillo.
Unha urxencia dunha embarazada require atención inmediata. Un parto pode ser moito máis urxente que un infarto. O servizo en Verín quedou desde o 1 de decembro nun limbo. Os xinecólogos pediron un protocolo. “Enviaron un protocolo de actuación e derivación que é o mesmo para un centro de saúde… que derivemos todo, cando aquí hai medios. Non contemplan intervencións como cesáreas, ou contencións de hemorraxias. Se eu saco un neno nun hospital no que non hai un pediatra, aínda que lle salvase a vida, pero logo ten un problema e non hai pediatra… Mais non podes deixar morrer alguén se tes os medios. Unha cesárea, cando é urxente, é da máxima urxencia”. Así que nos casos que lles chegaron estas semanas estivo informado un xuíz, que determinou a correcta actuación dos profesionais na protección do “ben maior”.
“Non poden fechar este servizo nin este hospital. Vexo xente que vai andando pola rúa porque existe este hospital, a Ourense non terían chegado”, conclúe Castrillo.
“Creo que representamos a todo Verín e toda a comarca. A xente está toda connosco. Dínnolo todos os días pola rúa. Levamos un pouco o peso de toda a mobilización, mais o que pasou non tería sido posíbel se non fose porque temos a todas e todos os veciños detrás”
A resistencia
“Xa dixemos que manteriamos o encerro mentres non se reabra o paridorio”, di Aurora Sola, portavoz da Plataforma de afectadas. Unha hora antes da chegada da cabalgada, no encerro nunha sala na primeira planta do Hospital hai unha ducia de mulleres; “de casualidade non hai homes, pero tamén veñen”, din. Hoxe non se esperan políticos. Mais as familias empezan a vir con pequenos e pancartas que apelan ao futuro. Pasan os Reis e Aurora queda para explicar como van levando o mes aquí pechadas [este domingo, unha semana despois da entrevista, xa son máis de corenta noites], as quendas, a loxística, a resistencia.
“Pasarían por aquí, entre as que fixemos noite, máis de cen persoas. Temos unha libreta na que se vai apuntando a xente. Unhas veñen pola noite, despois chegan outras en substitución e, polas tardes, outro grupo. Traballadoras e traballadores e veciñanza. Todos xuntos. O que me chama a atención é que apareceu xente moi maior, de setenta anos e mesmo de oitenta… xente que non adoitaba a manifestarse”, conta.
Aurora está no desemprego. É nai de dúas rapazas que hai anos que deixaron a vila “para procurar traballo”. Ten un neto. “Estou nesta loita porque son de Verín, pero penso que tamén estou por el, polo neto…”. Aurora di que Verín “esmorece”, que perdeu aquela vitalidade económica de cidade fronteiriza.
“Creo que representamos a todo Verín e toda a comarca. A xente está toda connosco. Dínnolo todos os días pola rúa. Levamos un pouco o peso de toda a mobilización, mais o que pasou non tería sido posíbel se non fose porque temos a todas e todos os veciños detrás. Iso si, creo que a xente do PP puido ter feito algo máis, cando menos o que fixeron os outros e actuaren por si mesmos nos concellos e aparecer, aínda que sexa pouco, por aquí. Apóiannos, pero daquela maneira. Mire: non teño noticia de que ningún deles teña devolto o carné do partido…”
Aurora ten claro que este é un asunto de mulleres. Agradece o empuxe do movemento feminista galego e de todas as mulleres que en cada vila e cidade animaron a protesta de Verín. “Si, é violencia contra a muller. Poñernos en risco. Non é ir de Verín a Ourense… é ir desde A Mezquita, Chaguazoso, Vilardevós, Viana… todas viñan aquí. Hai distancias tremendas, con estradas que até chegar a autovía, no inverno, teñen neve, xeo…”
“Estabamos temendo que fecharan o quirófano cando convocamos a terceira das manifestacións, a de novembro pasado. Aínda non sucedera o do paridorio e levamos anos con perda continua de servizos. Non imos para aquí. Levantaremos este feche se volven abrir o paridoiro, pero a loita por recuperar os servizos propios dun hospital continuará”.
A crise remata con Feixoo salvando Verín de Feixoo. Mais o asalto continuará. Queda por ver se Verín será quen de salvarse do PP… ou do que veña.
illas
Precariedade institucionalizada nas bibliotecas públicas