Unha declaración: vivir é transformar

No encontro da Marcha Mundial das Mulleres - día 5

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Ximena González, texto e fotos | Bilbao, 26 de outubro. “Nós, as mulleres da Marcha Mundial, reunidas en Bilbo, Euskal Herria, no décimo primeiro encontro, con representantes de 36 países, reafirmámonos como feministas, anticapitalistas, anticolonialistas e antirracistas e en permanente marcha até que todas sexamos libres”. Todas… Así comeza a nosa declaración no remate dos debates o quinto día do encontro.
Feministas,
anticapitalistas,
anticolonialistas,
antirracistas
en loita.

Non somos ambiguas. Por aquí pasaron moitos corpos marcados polas loitas. Experiencias e aprendizaxes concentrados en historias como as de Isabel Sáez ou Ximena Andrade. As que non están e as kurdas, saharauís e palestinas. Por elas nos declaramos en defensa “do seu dereito á terra e a vidas dignas e libres de violencias“.

As declaracións son meros textos políticos pero detrás delas hai sempre negociacións e tensións. Por exemplo, o lema co que pecharemos o encontro terá un par de versións que eu saiba. O lema para unhas será Resistimos para vivir, marchamos para transformar. Mais en Sudáfrica, o termo ‘transformar’ ten connotacións negativas porque facía parte da propaganda do Aparheit. As compañeiras africanas usarán o verbo ‘cambio’, que en Europa e Latinoamérica se asocia ao discurso socialdemócrata. Cambio perdeu o seu valor como incitación a acción. Máis alá das cuestión terminolóxicas, as declaracións políticas serven para definir algunha liña estratéxica para o traballo de aquí a dous anos, até o próximo encontro. As liñas serán: migracións, economía e violencia, en relación ao capitalismo, o patriarcado e o colonialismo.

A declaración tamén apelou á liberación “de todas as persoas presas e perseguidas no mundo por defender o dereito dos seus pobos á autodeterminación“. Non somos ambiguas. Temos os corpos mallados polas loitas. Aí están as kurdas, as saharauís e as palestinas, e moitas máis, que defenden o dereito á terra e a unhas vidas dignas e a non seren violentadas. As declaracións son meros textos políticos pero definen liñas, determinan os pasos a seguir, o camiño do movemento, que é resistir e transformar/cambiar. Niso estamos de acordo. Vivir é transformar. Non somos ambiguas.

Estas son as compañeiras do novo comité de coordinación da Marcha Mundial das Mulleres. Son delegadas de Brasil, Chile, Pakistan, Nova Caledónia, Portugal, Suíza, Palestina, Kenia e Costa de Marfil.​

No encontro da Marcha Mundial das Mulleres – día 4

Busca o futuro porque xa coñeces o camiño

[crónica do 25 de outubro]

Levabamos tres días de debates e todas nós moi concienciadas e animadas para seguir collendo forzas e soster a loita cotiá que aparcáramos estes días para vernos, escoitarnos e falar, e nestas que a realidade volve chamar á porta. O mundo non para de xirar e moitas veces xira torto. Hoxe pola tarde fomos a unha concentración diante do Teatro Arriaga. As delegadas de 36 países que participan no Encontro, manifestámonos despois entre a praza de Arteaga e o barrio de San Francisco para denunciar o asasinato dunha muller de 50 anos en Iruña. Morreu onte no hospital vítima das queimaduras durante un incendio na súa vivenda. A parella dela está detido. É a sétima vítima mortal en Euskal Herria este ano.

Tamén chamaron á porta da Marcha Mundial as mulleres de Gipuzkoa, traballadoras en residencias e centros de día que piden o noso apoio a unha folga que empezaron onte para protestar polas condicións laborais e polos efectos das privatizacións. Elas lembran que aquí, en Bizkaia, outras traballadoras gañaron non hai moito unha folga de 300 días. O sábado volveremos a esta praza xunto ao Arriaga para celebrar unha manifestación: o Feministon Herria. Vai ser un acto festivo, se a realidade non torce o día.

A manifestación desta tarde en Bilbao. Arriba, unha compañeira da MMM Galiza nun dos debates no Hika Ateneo. @EcuadorEtxea

Antonte comentei a intervención nos debates dunha activista guatemalteca que me deixara intrigada cunha expresión que parece contraditoria: o futuro xa foi. Hoxe fun e pregunteille por iso.

Ela chámase Isabel Sáez e díxome:

“Cando empezamos a traballar sobre a economía feminista con mulleres dos pobos orixinarios, a pregunta de partida foi: que lugar ocupas ti no mundo? A partir de aí cuestionamos a forma na que vivimos, e abordamos o patriarcado, o neoliberalismo, a división sexual do traballo e os coidados. Alí aprendemos que na liña da vida, as mulleres están na base, e tamén están na base da economía, que se move con todo o traballo non pagado. E as mulleres dos pobos orixinarios en Mesoamércia propoñen unha forma de resistencia a todo isto. E din: o futuro xa foi…a resistencia.”

“Que resistencia? Dar pasos atrás. Nós falamos moito da resistencia do corpo e da terra. Defendendo meu corpo, defendo o meu territorio, e tamén a miña memoria e a miña historia. Estes corpos nosos teñen memoria, e desde eles podemos retomar a historia das nosas. O futuro xa foi é volver vivir como viviron elas. Estou certa de que as nosas avoas non destruíron este planeta. Coidárono. É volver a aquelas formas de relacionarse e traballar en colectividade. Retomar aquelas redes e aquela economía.”

E cando nos despediamos confesoume que lle produciu tristeza non ver árbores no camiño de Madrid a Bilbao nin flores no apartamento dunhas amigas no que se hospeda estes días aquí.

Xa vedes: o día foi un baño de realidades…

Pero ao final quedade con esta mensaxe: podemos buscar o futuro porque coñecemos o camiño.

No encontro da Marcha Mundial das Mulleres – día 3

Así naceu e así traballa o feminismo en África Austral

@EcuadorEtxea

[crónica do 24 de outubro]

Ximena Andrade e Cándida Quintana, da delegación mozambicana, explican nunha conversa de 30 minutos como nace un movemento feminista baixo o paraugas da loita pola liberación e como resiste tres décadas despois diante da involución política e a frustración dun soño.

Fala primeiro Ximena Andrade, a maior delas, unha pioneira que chegou a Maputo nos oitenta fuxindo de Pinochet:

A Organizaçâo da Mulher Moçambicana.

Mozambique tivo unha loita pola independencia e nela as mulleres serviron aos homes. Unha delas terminou sendo unha política destacada, Gracia Simbine, que foi muller do primeiro presidente do país Samora Mache [anos despois da morte deste, casou con Nelson Mandela]. Durante a loita pola independencia, que se conseguiu en 1975, foise formando o movemento feminino, digo ben: feminino, non feminista. A partir da independencia, as mulleres que participaran na loita armada formaron a Organizaçâo da Mulher Moçambicana. A OMM estaba marcada pola ideoloxía marxista-leninista do FRELIMO (Frente de Liberaçâo de Moçambique). Representaba ás mulleres, eran mulleres loitadoras que seguían estratexias de emancipación, mais non eran feministas. Buscaban facilitarlle ás mulleres as condicións materiais de vida, pero non se preocuparon tanto dos dereitos. Dereito á terra, si; pero o dereito ao corpo, non.

O Centro de Estudos Africanos.

A loita feminista en Mozambique nacerá, como practicamente en todas partes, na academia. Non coñezo ningún lugar onde o feminismo nacera fóra da academia. Esta academia foi a Universidade Eduardo Mondlane, no Centro de Estudos Africanos, que recollía a todos os loitadores pola independencia de África, todos aqueles intelectuais. Ruth Firts morreu alí. Era a esposa do máximo dirixente do Partido Comunista Sudafricano, Joe Slovo. Morreu asasinada ao explotarlle unha carta bomba en 1982. Alí, no Departamento de Estudos da Mulher e do Género, empezamos a traballar nunha proposta para Zimbawe, Suazilandia, Lesotho, Zambia, Botsuana e Mozambique. Malawi entrou máis adiante. Desde aí xurdeu unha convocatoria máis ampla e organizamos unhas xornadas sobre as leis e a muller na África Austral na que participaron toda unha serie de xuristas, xente de esquerdas.

“Buscaban facilitarlle ás mulleres as condicións materiais de vida, pero non se preocuparon tanto dos dereitos. Dereito á terra, si; pero o dereito ao corpo, non” (Ximena Andrade)

Nacións Unidas-Dinamarca

O que se pretendía era identificar os problemas das mulleres en relación aos dereitos humanos. O seguinte paso foi ver que podíamos facer por elas. O que podíamos facer eran a investigación e a docencia. Creamos a investigación-acción. Recollías a información da realidade, unha información que era a base para definir leis, políticas públicas e ver como se podía incidir nas prácticas tradicionais, dito de forma bonita, no dereito consuetudinario. Como o fixemos? Pois elixíamos un tema que se traballaba contextualmente en cada país, despois xuntabamos toda a información para ver o que tiñamos en común e o que había de diferente. Mais non poderíamos ter feito nada sen a axuda das Nacións Unidas que sostiña fundamentalmente o goberno de Dinamarca. Dábannos os recursos, pero nós definíamos todo. A única condición foi que non pediramos cartos a ninguén máis. Naquel momento puidemos facer iso porque había feministas no goberno e no parlamento danés. Pasou en Arxentina ou en España, puideron nacer movementos fortes porque hai feministas nos gobernos, nos parlamentos, na academia, están en todos os espazos.

As leis

A primeira investigación que nós fixemos foi arredor do dereito ao alimento. Iso significa comida, pero tamén todo o que ten que ver coa vivenda, cos servizos… ademais é unha obriga do home para cos fillos no momento en que se rompe o casamento ou se produce simplemente unha separación. Conseguimos unha lei. A seguinte investigación foi sobre a herdanza e as sucesións. En termos de dereitos á herdanza, a muller estaba no último lugar, e se falecía o marido, a familia botábaa fóra. O marido, no momento do casamento, pagara polos fillos que ela lle ía dar, e polos servizos que ía facer. Os fillos xa non son dela, son da familia do marido. Despois traballamos en todo o que tiña que ver coa familia. Sempre ligado á lei e ao dereito consuetudinario.

Ximena Andrade e Cándida Quintana, hoxe en Bilbao.

Guerra

Todo isto en medio dunha guerra [do goberno contra a guerrilla Re-Namo, financiada por Rhodesia e Sudáfrica] . Había que facer investigación de campo e saír dalgúns lugares antes das catro da tarde. Unhas veces os bandidos acababan de pasar, outras veces chegaban xusto despois. E o reitor dixo basta: ‘se queren investigar, investiguen en Maputo’. Pero os bandidos chegaron até a capital.

Compañeiros

A principios dos noventa tiñamos entrado en moitas cuestións, e entramos nas violencias do home contra as mulleres e tamén como desde o penal se trataban determinados delitos que cometían as mulleres. Fomos ás cadeas, coas presas. Algunhas estaban alí por asasinar ao marido. As mulleres non matan pum! pum!… Sabes? Non, téñeno que pensar ben, e iso aumenta a pena. Despois miramos como mudar algunhas leis: a de familia, que dicía que o home era o xefe, e tiña a patria potestade de todos, o dono da vida e da morte dos fillos e da muller. Nós estabamos co goberno, eramos goberno, a xente estaba feliz, traballaba até as doce da noite se era preciso, había uruguaios, arxentinos, paraguaios, brasileiros, chilenos… xente moza que fuxía das ditaduras. Os golpes de Estado colléronnos moi novos. O goberno do FRELIMO recibiunos como compañeiros e deunos unhas condicións magníficas.

Da WLSA ao Fórum

Non era aínda feminismo. A xente estudaba, estabamos a ver todos os conceptos… cando viaxabamos a París e a Xenebra traíamos velas, comida, algodón, leite… facíamos a compra no súper alá. Fómonos formando grazas á axuda internacional. E de aí, desde o que era á Women and Law in Southern Africa (WLSA) demos o paso fóra da universidade e creamos o Fórum Mulher, que era unha rede de organizacións, e a Muleide, un proxecto para desenvolver os dereitos humanos das mulleres. Naquela altura eramos moi pouca xente. Foron mudando cousas na política. Chegou o FMI. Nós seguimos estudando e loitando.

Sesión da mañá, cunha dinámica para visualizar as visións das mulleres de cadanseu continente.

Ximena Andrade descúlpase, está algo cansa, leva falando vinte minutos apaixonadamente. Cándida Quintana, que lle ía apuntando algunha data e algún nome, toma agora a palabra:

Mulleres e homes

Eu agora estou noutra provincia, Zambezia. Aquí as Nacións Unidas impulsaron o movemento de organización das mulleres a través do Fórum. Eu fago parte dunha asociación creada por tres organizacións. Zambezia é unha rexión con moita poboación e cun cadro alarmante en cuestións de xénero: a taxa máis alta de analfabetas, de embarazos precoces… Había esa preocupación nas Nacións Unidas. E foi fácil para eles axudar porque xa estabamos organizadas.

A base

Fomos crecendo. Pasamos a ser membros de Fórum Mulher. Houbera un bum de organizacións, chegamos a ser 63, pero algunhas foron ficando. Hoxe somos 33. O Fórum Mulher ten a forza a nivel nacional. Nós, a nivel da provincia. Aquí hai momentos en que tes que partillar os recursos, ofrecer capacitación, para elas tamén poderen facer a súa acción de base. Estamos ollando para a cuestión de dereitos, da saúde, da reprodución, e tamén estivemos facendo forza para a aprobación da lei da familia en 2004, e despois para a da lei contra a violencia contra a muller en 2009.

Aborto

Recentemente, aprobouse a lei do aborto. A lei foi impulsada polo propio ministerio da saúde que xuntou ás organizacións da sociedade civil. Ten que ser un aborto acompañado, con médico. Temos altos índices de rapazas que se matan porque non están aínda preparadas. Mais estamos a ter algunha presión externa para non usar a lei, e as organizacións en Mozambique aínda son un pouco fráxiles e sen fondos propios.

“E agora vemos como mesmo a Unicef, que sempre estivo moi preto dos gobernos, comeza a dar algúns pasos para atrás e está alicerzándose en organizacións da sociedade civil” (Cándida Quintana)

Contrabalancear

De todos os parceiros que nos teñen apoiado, agora Estados Unidos adoptou a política de que calquera asociación que traballe con fondos da USAID non pode estar dentro da campaña polo aborto. Estamos a ter algún retroceso. Temos outro tipo de parceiros máis abertos, como Holanda ou Suecia. Temos que estar a contrabalancear para non chocar con determinadas políticas. Sentimos que como feministas estamos a dar un paso atrás. En termos de leis, Mozambique é aberto, mais hai problemas na aplicación. Hai resistencias tamén internas. Pero non enfraquecemos. Continuamos a traballar coas leis que fomos conseguindo con esta longa camiñada que che estamos contando.

Nacións Unidas catro décadas despois

Podemos percibir que os fondos de Nacións Unidas están dirixidos a dar apoio aos gobernos locais, mais o fondo da poboación co que nós traballamos tivo un papel importante no xurdimento de toda esta rede, e as Nacións Unidas tamén xogaron un papel importante detrás do Fórum Mulher. E agora vemos como mesmo a Unicef, que sempre estivo moi preto dos gobernos, comeza a dar algúns pasos para atrás e está alicerzándose en organizacións da sociedade civil. Aos poucos estanse producindo estas alianzas que teñen que ver cunha mellor xestión dos fondos. O importante é que os fondos cheguen a quen os precisa.

No encontro da Marcha Mundial das Mulleres – día 2

Momentos decisivos

[crónica do 23 de outubro]

As loitas están nos corpos e fanse presentes nos debates da Marcha Mundial das Mulleres que comezaron hoxe, no segundo día de encontro. Unha faixa amarela e lila das compañeiras de Brasil presidiu unha das reunións da mañá como mostra de solidariedade con aquel país que vive momentos decisivos baixo a ameaza dunha vitoria de Bolsonaro nas presidenciais do domingo. O debate foi un convite para unha reflexión colectiva sobre o contexto internacional e esa alianza entre o patriarcado e o capital que ameaza a vida de todas.

Comezaron falando as compañeiras cubanas. Nestes máis de cincuenta anos de bloqueo, explicaron, as máis afectadas foron elas. Pero o movemento feminista conseguiu que as mulleres estean presentes en todos os ámbitos da sociedade cubana. “Que tería sido sen o bloqueo?”, pregúntanse nesta altura. Nuns días na ONU volverá ter lugar outra votación sobre o bloqueo. Desde Cuba o presente vese cheo de oportunidades e hai vontade de promover unha solidariedade feminista no espazo do Caribe, que amplíe o movemento máis alá de Cuba, Venezuela e República Dominicana.

Mais en Cuba os momentos decisivos son os que se viven na política interior. Zulema explicou o chamado do movemento a participar nos consensos que se están creando no proceso de cambio constitucional. “É un proceso histórico que se está consensuando coa poboación por todo o país. Ábrense oportunidades para as mulleres. É o momento de pedir unha lei contra a violencia de xénero, porque en Cuba aínda non temos lei contra a violencia de xénero”.

A delegada de Venezuela, durante a súa intervención esta mañá.

Tamén en Venezuela se viven momentos decisivos. Hai unha compañeira da delegación daquel país que se levanta e fala contra o bloqueo a Venezuela que vén desde Europa e di que esta Europa amosa a súa faciana máis liberal e explotadora a través dunhas políticas “asasinas, propias do neoliberalismo”.

Estamos nun debate onde as compañeiras do Sur veñen mostrarnos un camiño. “Temos que construír unha civilización, pero como o imos facer?”, di unha representante de Guatemala que lembra que en Centroamérica tamén se viven días decisivos con esa marcha de migrantes que atravesa a rexión e vai chocar co muro de Trump. “O futuro xa foi”, afirma.

O futuro

Alguén falou esta tarde de que temos que repensar a forma de como consumimos e como gastamos os cartos. En Latinoamérica están falando de que hai que manter as redes da vida dos “pobos orixinarios”. Pensan que ese é o camiño do futuro que xa foi. A compañeira de Guatemala interpélanos: “As que fan a labor de coidados aquí son as inmigrantes. Son mulleres racializadas, son as migrantes, as nosas nais, as nosas irmás e as nosas sobriñas”. Ela fai un chamado ao movemento feminista internacional. Revisemos a economía feminista, pensemos que o patriarcado non só somete ás mulleres e aos homes, tamén á natureza. “E tamén desde Latinoamérica queremos revisar como se significaron a opresión e o xenocidio, o racismo e a clase social. Porque somos mulleres empobrecidas, non mulleres pobres. Foi o capital quen nos empobreceu”.

No segundo día do XI Encontro da Marcha Mundial das Mulleres en Bilbao non houbo lugar para a compracencia. Vivimos momentos decisivos cada día en calquera parte do mundo. Os chamados foron a revisalo todo e mirar cara esas redes de coidados que resisten nalgunhas sociedades porque o futuro está escrito alí.

No encontro da Marcha Mundial das Mulleres – día 1

O movemento ten historia en Euskal Herría

[crónica do 22 de outubro]

A Marcha Mundial empezou a xuntarse en Quebec hai 23 anos. Hoxe estamos na sala de exposicións Bizkaia Aretoa, en Bilbao. Centos de mulleres de moitas partes do mundo. Están acreditadas delegacións de Chile, Arxentina, Brasil, Tunicia, Palestina, Kurdistán, Níger, Bolivia, Perú, Euskal Herria, Galiza, Catalunya, Sáhara Occidental, Francia, Suíza, Bruxelas, Pakistán, Marrocos, Portugal, Quebec, Moçambique, Alxeria, Sudáfrica, Kenya, Costa Marfil, Benin, a República Centroafricana e África do Sul.

Tamén hai delegadas de Nicaragua, Estados Unidos de América e México. Mais o Estado español non consentiu en permitir a entrada das representantes de Zimbawue, Malí e Angola. Non lles deron visa porque pensan que podían ficar como ilegais despois do encontro. Así que para empezar, non estamos todas.

O movemento feminista vasco é poderoso. E está orgulloso da súa historia. E quere festa. Por iso hai dous anos, no encontro en Moçambique decidirase que as vascas serían hoxe as anfitrionas. Houbo batukada para empezar no Arenal e despois, xa no espazo que desde mañá moi cedo acollerá os debates, unha presentación do que foi aquí, en Euskal Herria, o movemento político feminista desde a ditadura. Lembraron loitas históricas como as do aborto, a do divorcio, a da amnistía das presas, ou a da sexualidade libre e contra a violencia. Varias xeracións de activistas da Marcha estiveron no escenario. Este é o XI Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres no que se acordarán as estratexias e accións no horizonte 2020.

Mulleres de colectivos vascos, no escenario, despois da presentación da historia do feminismo en Euskal Herria desde a ditadura. Na imaxe anterior, mulleres de Nicaragua, antes da inauguración, que veñen reclamando paz.

Deixe um comentário

Deixe um comentário