"Fragmentan a terra para roubarnos o vento"
As Salgueiras, en Ponteceso, é a penúltima batalla contra a indiscriminada instalación de muíños de vento nunha área especialmente desexada polas eléctricas: o cuadrante occidental da provincia da Coruña.
Redacción adiante | A Coruña | 27 de decembro. A pregunta é sempre a mesma…
De quen son os solos que rebentan as compañías mineiras?
De quen son as terras e os ríos que enche de merda a gandaría industrial?
De quen é o ceo que infestan disparatados muíños con coitelos contra a paisaxe e contra os paxaros?
Quen son eses que tronzaron os ríos e hoxe tronzan o vento?…
Centos de veciñas e veciños organízanse por todo o país para responder esas agresións e repetir unha e outra vez a pregunta. Estamos nunha guerra xorda das empresas extractivas contra o ben común, na que o goberno e os medios de comunicación de masas están ao servizo dos agresores. Cunha vaga ideoloxía do progreso que xa morreu hai décadas, o lexislador aplica a propaganda. Xa non se discute senón nos tribunais.
“Galiza estase vendo sometida a un proceso de intensificación eólica sen precedentes, que resulta demoledor para o medio rural e os habitantes”, comeza advertindo o manifesto Aldeas con Horizonte, asinado o pasado 19 de novembro por máis de oitenta colectivos veciñais e ambientalistas, entre eles, a Plataforma pola Defensa do Monte As Salgueiras.
“Malia a superarmos os 100 concellos con parques eólicos, ter máis de 4.000 aeroxeradores instalados nos nosos montes e representar case o 15% de toda a potencia eólica instalada no Estado (aínda que Galiza só representa o 5,8% da superficie estatal), o pobo galego parece condenado a seguir producindo enerxía eólica de forma irracional e até o infinito, sen ter en conta as necesidades da poboación, ou o seu impacto sobre os espazos naturais, a paisaxe, o patrimonio cultural, as economías locais ou a calidade de vida das persoas e comunidades que viven no rural”, sostén o manifesto.
As Salgueiras é a penúltima batalla contra a indiscriminada instalación de muíños de vento nunha área especialmente desexada polas eléctricas: o cuadrante occidental da provincia da Coruña, con grandes parques en funcionamento ou en proxecto desde Ordes a Zas, de Corme a Outes, dentro dunha planificación de infraestruturas de evacuación (imprescindíbeis para o desenvolvemento eólico e que constitúen a parte menos visíbel pero cun tremendo impacto ambiental) que tamén deu lugar a loitas veciñais, algunhas fracasadas, como a leve oposición a unha liña de alta tensión nas Mariñas coruñesas, deseño de Red Eléctrica -compañía con participación pública para executar os trazados de explotación privada do territorio- que vai reforzar as estacións de Mesón do Vento e Mazaricos, así como as torres e cables de distribución cara o sur.
O proxecto das Salgueiras linda coa Rede Natura, nunha zona onde están o monte Branco, o esteiro do Anllóns, a praia de Balarés, os Cantís do Canteiro e as Brañas de Gondomil, nun espazo ademais de riqueza arqueolóxica e nas paisaxes pondalianas”, di Carlos Penedo, ex concelleiro nacionalista en Ponteceso e un dos integrantes da Plataforma pola Defensa do Monte As Salgueiras, quen con regularidade deixa as súas reflexións no dixital Que Pasa Na Costa, convertido nunha ferramenta chave nas loitas ecoloxistas de comarcas como as de Soneira, Xallas, ou Bergantiños. “Temos legado desde a idade de bronce, uns petroglifos ilustran o dato. Na idade megalítica temos constancia por dúas mámoas no monte A Carballa, cunha intervención arqueolóxica daríamos conta dun castro nunha situación moi estratéxica.”
“A cristianización achegou a antiga capela de San Adrián Vello, a cruz e o cruceiro das Salgueiras… Pondal fai referencia a este cruceiro da seguinte maneira: O cruceiro é o límite entre Corme e Cospindo, onde facían os tratos das reses, atando a vaca, o boi, ou o cuxo ao varal do cruceiro namentres chocaban as mans compradores e vendedores”, conta Penedo nun dos seus artigos no Que Pasa Na Costa. “Aquí é onde queren chantar un parque eólico de 6 aeroxeradores de principio, que poden chegar ata 50 ou máis”.
“O pobo galego parece condenado a seguir producindo enerxía eólica de forma irracional e até o infinito, sen ter en conta as necesidades da poboación, ou o seu impacto sobre os espazos naturais, a paisaxe, o patrimonio cultural, as economías locais ou a calidade de vida das persoas.” (manifesto Aldeas con Horizonte)
Un parque legal?
“De norte a sur, o parque proxectado linda coa Rede Natura, polo que era necesaria unha avaliación ambiental que non se fixo. Hai abúndante xurisprudencia sobre isto”, di Ana Varela, da asociación ecoloxista Petón do Lobo, que medrou coa loita en Corcoesto. “Aquí evitaron ampliar a Rede Natura para favorecer un parque na cunca do río Anllóns, en zona LIC, en zona ZEPA, xunto a unhas brañas… As infraestruturas do parque tocan os Cantís do Canteiro, protexidos no POL (Plan de Ordenación do Litoral), protexida a paisaxe e a vexetación de ladeira. O Instituto de Estudos do Territorio di que a afección paisaxística é importante e que non hai maneira de corrixilo con atenuantes ou pantallas vexetais; di que formalmente cumpre, pero materialmente non pode cumprir. A cartografía do POL indica que o parque se localiza dentro do esteiro do Anllóns, na praia de Balarés, nos Cantís do Canteiro, nas Brañas de Gondomil… Todo iso está incluído no LIC, e catalogado como zona IBA (Important Bird and Biodiversity Area) polas autoridades europeas”, insiste Ana Varela, e conclúe: “De executarse é ilegal”.
Como se executa un plan ilegal?
Primeiro, en base a una norma ilegal. “O Plan sectorial eólico galego, de 1997, está obsoleto, e o deber legal da Xunta sería inaplicalo. Basicamente porque non foi obxecto de avaliación ambiental e a día de hoxe a normativa ambiental europea considera inválido calquera plan que non se someta a esa avaliación”, explica a activista de Petón do Lobo.
En segundo lugar, cunha práctica administrativa de “cortesía” coas empresas promotoras de actividades industriais que afectan ao territorio. En abril de 2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña somete a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública e o estudio de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico de Salgueiras no concello de Ponteceso (número de expediente: IN661A 2012/14. Parque eólico Salgueiras 18 MW). O 28 de outubro de 2016 formulase a Declaración de impacto ambiental pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. E o 27 de febreiro de 2020 publicase no DOG número 39 a Resolución do 24 de novembro de de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental o 28 de outubro de 2016, relativa ao proxecto do parque eólico Salgueiras promovido por Norvento, S.L.
Así, de catro en catro anos, a Xunta vai mantendo viva o estudo e a Declaración de impacto ambiental (DIA) do parque que Norvento promove en Ponteceso, evitando que caduquen os permisos xa concedidos en base a normas que a día de hoxe non alcanzarían os estándares medioambientais europeos. Así, a empresa dispón agora doutros catro anos cunha DIA que xa ten catro anos en base a un estudo que ten oito. “Esa é a forma de funcionar da Consellería de Industria: cortesía coas empresas. Antes con Tahoces, e agora sen el”, explica Ana Varela.
“Mais o singular deste expediente das Salgueiras”, engade a activista, “é que Norvento non conta cunha avaliación do proxecto industrial sobre a Rede Natura, que é obrigatoria desde o ano 2014 segundo a lexislación europea”.
Ficar donas do vento para sempre?
As loitas contra as eléctricas a conta do vento esténdense por todo o país como antes a conta dos ríos e dos encoros. Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba, aquí ao lado; Outes e Mazaricos, máis o sur; no Iribio e toda a contorna de Mondoñedo, en Lugo; no Macizo Central ourensán ou en Avión; na Serra da Groba e no Galiñeiro no sur de Pontevedra.
A diferencia dos encoros, “o dereito a explotar o vento en Galiza réxese polo réxime de autorización administrativa e non polo réxime de concesión pública. Isto implica que as compañías eléctricas beneficiarias dunha autorización administrativa para o aproveitamento eólico no noso territorio adquiren ese dereito para sempre, eliminando calquera posibilidade presente ou futura de participación social no desenvolvemento eólico do país. Consideramos, por tanto, que o dereito de explotación do vento en Galiza, como recurso de carácter público, debe ser outorgado a través de concesións administrativas con data de caducidade”, alerta o manifesto.
“As compañías eléctricas beneficiarias dunha autorización administrativa para o aproveitamento eólico no noso territorio adquiren ese dereito para sempre, eliminando calquera posibilidade presente ou futura de participación social no desenvolvemento eólico do país”, di o manifesto.
Se algo tiñan conseguido os colectivos ecoloxistas e as loitas veciñais contra o espolio dos recursos nestas últimas décadas era quitárllela careta á política do PP de pór en venda o territorio. Mais apareceu a covid e a Administración aproveitou o caos para introducir, en aluvión, novos expedientes coa intención de facer colapsar á oposición aos eólicos como explicou Marcos Celeiro hai unha semana na entrevista anexa a esta reportaxe.
Tres exemplos de expedientes lanzados contra o final deste ano: Maragouto, Banzas e Uxo.
“Son tres casos de parques eólicos proxectados en zonas de nacemento de ríos. Estes parques realizarán movementos de terras que desviar cursos ou mesmo modificar cuncas”, di Ana Varela.
Pero estes parques tamén representan outras ameazas…
“Non se pode poñer eólicos en calquera sitio”, quéixase Ana Varela, “están enriba de cantís, sobre as brañas, no nacemento de ríos, e tamén hainos que afectan aldeas. Estamos falando de familias, xente que se obrigada a convivir cos eólicos moi preto”.
En zonas con especial “aptitude eólica”, como a Costa da Morte, os eólicos tenden a ocupar todo. Como o parque G-3 ao redor da aldea do Roncudo, agora en fase de repotenciación; é dicir, menos aeroxeradores, pero máis altos e potentes. EDP, a eléctrica lusa, xa avanzou en Zas este proceso. Por todas partes, os muíños medran cara arriba mentres os parques amplían en sucesivas fases.
“O criterio industrial prevalece sobre a protección ambiental”, apunta Varela, “e a Xunta non se vai parar por sentenzas en contra aquí ou alá, eles tiran cara adiante, a ver que pasa, a ver se zafan, a Administración só está preocupada por cumprir e sacar adiante as infraestruturas”.
A Rede Galega por Un Rural Vivo deu a coñecer a finais de ano casos de parques que afectan núcleos rurais. Como o proxecto de Greenalia no Cerqueiral (Santa Comba e Coristanco), que se planea a 500 metros dos núcleos de Padrín, O Rueiro, A Brañeira, Couso e Esternande; Banzas, un parque de Green Capital Power a 500 metros dos núcleos de Campolongo, Vilar de Arriba, Vilar de Abaixo, Couso de Arriba, Couso de Abaixo, Cabana Moura, en Outes, Mazaricos e Negreira; o proxecto eólico de Maragouto (tamén de Green Capital Power) con dez aeroxeradores sobre o humidal dá Braña de Valadares, e a uns 500 metros dás vivendas dás familias de oito núcleos, que levará por diante turbeiras, carballeiras e unha manchea de hábitats prioritarios afectados, nos municipios de Outes e Negreira.
“Na zona de implantación do parque eólico Maragotuo atópanse actualmente en funcionamento ou autorizados trece parques eólicos situados nun radio de estudo de 15 quilómetros dos aeroxeradores proxectados: Corzán, Serra de Outes, Pedregal Tremuzo (ampliación), Pedregal Tremuzo, Paxareiras II F, Currás, Paxareiras IIB, Paxareiras II C, Paxareiras I-II A (Montevos), Paxareiras II D-E, Carnota, Muros, e Ponche Rebordelo”, sinala o informe, que toma como fonte o Rexistro Eólico de Galicia-Decembro 2019.
O efecto estela
O efecto estela son as turbulencias que os aeroxeradores producen no vento que deixan á cola. Serve como metáfora para describir o que intentan agochar declaracións como esta: “Desde el respeto al medio ambiente y la especial protección de los territorios en donde se instalan los parques eólicos, cada vez más eficientes a medida que las repotenciaciones se vayan extendiendo, proponemos aumentar nuestra contribución al PIB de Galicia”. Así se expresaba Manuel Pazo, presidente de EGA (Asociación Eólica de Galicia) o pasado 15 de xuño -Día Mundial do Vento- se separar un pé do rego da propaganda. EGA é un lobby que ten como obxectivo a apropiación privada dos recursos eólicos do país. EGA necesita apropiarse dos anacos de terra máis axeitados para instalar os muíños que atrapen ese vento. EGA precisa frear a ampliación de espazos naturais protexidos e debe bordear os xa protexidos (bordeando a lei) para capturar ese vento. Non hai nada de respectuoso co medio ambiente nin co territorio nesas actividades. Tampouco hai nada de respectuoso coas institucións en dar un rodeo para eludir a lei. E o PIB, sábese, é unha medida desfasada como medida de benestar.
“Tal e como está concibida, a implantación masiva de parques eólicos en Galiza non está respondendo a un proceso ordenado e planificado de transición ecolóxica e carece de estratexia de cara a acadar a descarbonización da economía galega e reducir a dependencia de Galiza das enerxías fósiles. O actual proceso utiliza a transición ecolóxica como instrumento de lavado verde das espurias intencións das compañías eléctricas, que non son outras que engordar os seus beneficios e conquistar para o seu particular beneficio gran parte do noso territorio”, lese no manifesto Aldeas con Horizonte.
Non hai nada de respectuoso co medio ambiente nin co territorio nesas actividades [da EGA]. Tampouco hai nada de respectuoso coas institucións en dar un rodeo para eludir a lei.
O efecto estela non é unha metáfora para as aves. Tampouco a barreira que os muíños acabarán por formar na liña de costa en todo o litoral galego. Entre Corme e Laxe o paso das aves será, de concretarse plans como o das Salgueiras e outros, un paso case infranqueábel.
“A empresa di que pasou un ano analizando o paso das aves polas Salgueiras e di que non viu aves; a Xunta créeo; eu non”, comenta a activista de Petón do Lobo. Norvento aproveita unha declaración de hai anos e eses estudos para evitar unha avaliación de impacto sobre a Rede Natura, di Varela, “porque desde hai uns anos a normativa europea advirte que basta con que se dea unha posibilidade de afección á Rede Natura para que sexa obrigatoria esa avaliación”.
As obras no monte non empezaron. A plataforma veciñal e os ecoloxistas avisaron á Consellería de Industria. Poden denunciar, esgotarán todas as posibilidades a través da xustiza.
Poden demostrar, como sucedeu no caso do Iribio, que as eléctricas camiñan sobre a corda frouxa no cumprimento da lei, que intentan “fragmentar a terra”, como no Iribio e noutros parques, facendo da Rede Natura unha serie de espazos illados. “A Rede Natura ten que ter continuidade, e máis en primeira liña da costa. Non pode ser que intente facer aquí parque, aquí rede, aquí parque… Iso vai contra toda posibilidade de protección do territorio. A elas, ás empresas, neste caso o territorio impórtalles pouco, quéreno fragmentar para roubarnos o vento. Porque o vento, a paisaxe, a biodiversidade, son nosas. De todas nós. Da xente”, di Ana Varela.
As aspiracións da xente
E segue: “As Administracións están obrigadas a cumprir con criterios de calidade paisaxística, a Xunta debe establecer eses criterios en base ás aspiracións da cidadanía porque así o di un tratado internacional de 2007, o convenio europeo da paisaxe”.
Nas Salgueiras, a plataforma veciñal e os ecoloxistas non contan co apoio do goberno municipal de Ponteceso. Tampouco da Valedora do Pobo. Mais fixeron alegacións ao proxecto, teñen solicitado acudir á comisión de peticións do Parlamento Europeo, presentarán mocións na Deputación da Coruña… No caso das Salgueiras non houbo máis que unha reunión da empresa coa veciñanza. Non se abriu período ningún de consultas á cidadanía.
Carlos Penedo resume os informes e os manifestos desa incipiente rede de colectivos contrarios aos parques eólicos “en calquera sitio” que vai tomando corpo: “tombar o Plan eólico de Galiza, impulsar un novo plan, racional, respectuoso coa Rede Natura, coas paisaxes, coa arqueoloxía… Facer parques, si, porque son necesarios, onde non afecten… E despois, democratizar a enerxía eólica, a enerxía en xeral. A enerxía é un ben colectivo, non teñen porque monopolizalo e moito menos tirar a rendabilidade que están a tirar, e temos que tender a unha enerxía de autoconsumo. Levara tempo. Como levará tempo crear esa rede. Non nos damos xuntado. Pero estamos moi atentos ao que pasa en cada sitio.”
As aspiracións da xente que a Xunta non quere escoitar, escóitanse en cada unha desas batallas, en manifestos como este de hai apenas un mes, que conclúe:
“O modelo vixente de implantación eólica é colonial e antidemocrático, concentra todos os dereitos de produción e distribución da enerxía en mans dunhas poucas e grandes empresas (oligopolio enerxético), que se benefician da ausencia dunha ordenación territorial e duns gobernos centralistas e tecnócratas, que impiden a participación da cidadanía na toma de decisións, no deseño e planificación, no acceso e reparto dun ben esencial para a vida, como é a enerxía. As persoas titulares das terras e a sociedade galega no seu conxunto deben ter unha participación activa na gobernanza deste recurso colectivo, que atenda a criterios de sustentabilidade, distribución equitativa e accesibilidade á enerxía.”
De quen son os nosos solos, a terra, os ríos, o noso vento…?
A resposta está chegando. Levará tempo.
A batalla do vento
“A estratexia é afogar as loitas inundándonos con proxectos mineiros e eólicos”
Marcos Celeiro, activista de ContraMINAcción e membro da Asociación Socio-Cultural do Iríbio que leva anos freando ataques o territorio, di que “a Xustiza vai, e vai sentando xurisprudencia, e así é como nos axudamos unhas loitas a outras, paso a paso”. Esta semana deron un brinco.