Frío e vulnerabilidade en Conxo

TEIMA | Saúde mental sen cadeas – Capítulo 3

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Laura R. Cuba | Compostela, 2 de outubro. Inaugurado no ano 1885, o hospital psiquiátrico de Conxo chegou a acoller até 1.500 pacientes. Actualmente, o centro ten capacidade para 240 prazas, das cales están ocupadas por volta de 220. Arredor da institución orbitan diversas entidades que traballan na atención á saúde mental destas doentes. Unha delas é Itínera, asociación que naceu no ano 2005 ao abeiro dunha experiencia de voluntariado no propio centro desde 1996. Carlos Martínez, o seu coordinador, recoñece o carácter “residual” deste modelo de atención psiquiátrica, onde algunhas residentes chegan a estancias de até 30 ou 50 anos. O tamén fundador de Itínera asegura que estas persoas con enfermidades “cronificadas” acusan esta institucionalización, que non só causou un empobrecemento ambiental e social até minguar a súa autonomía, senón que a propia medicación da altura foi propicia para chegar a tal estado.

“É moi interesante como é usada a palabra ‘residual’ para falar de Conxo, ás veces como implicando que as persoas alí ingresadas fosen residuais, como se puidesen existir persoas residuais, isto fala do destino que se lles colocou, son residuos institucionais”, apunta Miguel Anxo García, voceiro do Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM). Máis unha vez, o estigma cara as persoas con doenzas mentais parece ir enfiado cun tratamento desigual, discriminación social e un abandono administrativo sistemático.

“Non temos que perder de vista que son pacientes que teñen enfermidades como calquera outra persoa cunha cardiopatía ou unha pneumonía, o que pasa é que as súas doenzas afectan as capacidades superiores do cerebro”, lembra Iria Veiga, médica psiquiatra en Ribeira. Ao falar dunha unha doente con leucemia, o consenso é unánime á hora de considerala unha enferma, mais o baremo semella flutuar cando a doenza implica alteracións de conduta. Máis aínda cando estas proseguen a ser incapacitantes unha vez pasados os procesos agudos.

Estes casos de cronicidade –inevitábel, como en calquera outra orde de afeccións– precisan unha asistencia axeitada que reborda mesmo o eido sanitario. “Non por seren perigosas para a sociedade ou para elas mesmas, senón porque non teñen capacidade para organizar o seu día a día”, sinala Veiga, que ten traballado durante algunhas gardas neste hospital compostelán.

Fronte a este escenario, con doentes extremadamente vulnerábeis e nalgúns casos sen autonomía abonda para reivindicar os seus dereitos, que garantías hai? Que barreiras de seguridade poden ser artelladas para certificar a ausencia de abusos e a correcta atención sociosanitaria?

“Todas temos un pouso de maldade”

Nesta vontade de verificación sitúase o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNPT), órgano independente do Defensor del Pueblo que visita sistematicamente aquelas instalacións onde existe privación da liberdade –como cadeas, centros de menores ou hospitais psiquiátricos– para previr “a tortura e outros tratos e penas crueis, inhumanos ou degradantes”, apuntan desde a propia entidade.

O 29 de novembro de 2017, cinco persoas visitaron o hospital psiquiátrico de Conxo nunha inspección por sorpresa do MNPT. A investigación pretendía comprobar que o centro respectaba a lexislación aplicábel a devanditas institucións, velando pola integridade física e moral das persoas residentes. O grupo estaba formado por dúas técnicas do Defensor del Pueblo e dúas técnicas externas que ían acompañadas por unha asesora da Valedora do Pobo.

Durante a xornada, a equipa entrevistou persoal médico, de enfermaría e da dirección, alén de examinar os expedientes persoais, historias clínicas e documentación variada. Tamén se reuniron de xeito privado con varias persoas usuarias do centro sanitario. O informe, elaborado polo Defensor del Pueblo e feito público nos meses posteriores, recolle numerosas irregularidades. A primeira grande eiva que padece o hospital psiquiátrico de Conxo é a carencia de recursos.

Por unha banda, o persoal que atende as 221 persoas ingresadas é insuficiente. Un informe de 1997 da Comisión Asesora en materia de saúde mental da Consellaría de Sanidade –creado en 1986, funcionou até 2005– definía as dotacións das que cada dispositivo debía dispor. “Dentro destas medidas diferenciaba entre urxentes e inmediatas, as urxentes seguen sen ser atendidas, xa non falamos das inmediatas”, resume García. O MGSM denunciou esta situación e ditaminou, atendendo os criterios fixados pola propia Consellaría, que o hospital psiquiátrico precisaría aumentar o cadro de persoal até chegar a 3 psiquiatras, 7 psicólogas clínicas, 23 enfermeiras, 8 TCAE, 4 terapeutas ocupacionais e 2 traballadoras sociais –hoxe en día só traballa unha psicóloga clínica e unha das traballadoras sociais acaba de xubilarse–. O informe destaca como estas últimas soportan, na actualidade, unha carga de traballo excesiva ao suplir, na práctica, “as funcións propias dos titores”, que realizan “poucas visitas” ás persoas tuteladas. A tutelaxe é responsabilidade da FUNGA (Fundación Pública para a Tutela de Persoas Adultas), entidade que adoece da mesma insuficiencia de recursos para unha carga de traballo desmesurada.

O hospital psiquiátrico precisaría aumentar o cadro de persoal até chegar a 3 psiquiatras, 7 psicólogas clínicas, 23 enfermeiras, 8 TCAE, 4 terapeutas ocupacionais e 2 traballadoras sociais. Hoxe en día só traballa unha psicóloga clínica e unha das traballadoras sociais acaba de xubilarse.

Alén dos recursos humanos, o Defensor del Pueblo chama a atención sobre o grave deterioro das instalacións. “Ademais da ratio insuficiente de persoal, cando estiven alí apreciei moitos déficits neste senso, hai moito frío, o mobiliario e as estancias están en malas condicións…”, enumera Veiga. A excepción dunha sala recentemente reformada, no interior do hospital cómpre levar abrigo, tanto pacientes como profesionais. Esta insuficiencia palpábel semella estar tamén ligada cos tratamentos abusivos. Quer pola prescrición de medicación, quer polo emprego da contención mecánica, o MNPT valorou que estas decisións eran excesivas e ultrapasaban innecesariamente o emprego de últimos recursos –como o caso da contención.

A raíz do informe, a Asociación Galega de Saúde Mental (AGSM), entidade profesional, pronunciouse publicamente e situou o foco do conflito non só no desleixo cara a institución psiquiátrica –como é evidente trala exclusión do hospital do plan de reforma do CHUS–, senón tamén advertindo como esta escaseza de recursos “define as liñas de asistencia”, vogando en contra da continuidade de coidados e dos recursos intermedios. É dicir, a actual estrutura de Conxo con deficiencias sistémicas é grande responsábel do sobretratamento das pacientes. “A contención mecánica é legal, mais non quere dicir que sexa desexábel. É certo que canto menos persoal, máis contencións mecánicas, porque naqueles entornos nos que esta é funcional débese ao pouco ratio de persoal nos que para atender unha persoa debes desatender outras dez”, reflexiona Iria Veiga.

Para a Asociación Galega de Saúde Mental, a actual estrutura de Conxo con deficiencias sistémicas é grande responsábel do sobretratamento das pacientes.

Arredor desta práctica tamén xira o devandito informe do Defensor del Pueblo, que suxire mudanzas para incorporar videovixilancia dentro dos cuartos de contención, alén de habilitar a comunicación da estancia –que debería estar próxima ao posto de enfermaría– co exterior. “Cando pos cámaras o persoal inhibe condutas, e isto trata de previr que ocorra, non de pillar a ninguén. Todos temos un pouso de maldade, e sae segundo os contextos, por iso hai que crear garantías, organizar procesos e estruturas que o eviten”, explica o psicólogo clínico Miguel Anxo García.

Fachada principal do Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Compostela. Fotografías: Laura R. Cuba.

Fóra das insuficiencias estruturais, o documento do organismo ten outro eixo principal. As técnicas participantes na visita rexistraron diversas irregularidades documentais que posteriormente no dossier aconsellan corrixir. Un sistema de documentación e arquivo das historias legais e administrativas para un control oficial das pacientes, un seguimento que permita avaliar as estancias de cada doente, un axeitado trámite dos ingresos voluntarios –coa sinatura da facultativa pertinente–, un sistema funcional para queixas e suxestións amais da elaboración dun parte de lesións foron algúns dos apuntamentos realizados.

En xeral, o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura conclúe que o hospital psiquiátrico de Conxo é un centro residencial de saúde mental de longa estancia para “pacientes con trastornos grave e dificultades de integración social”. Isto provoca que o centro exceda o eido de atención estritamente sanitario e que, nun ámbito hospitalario, estea institucionalizada xente que debería ser asistida nun ámbito sociosanitario. Perante estes feitos, a Fiscalía da Coruña abriu unha investigación “para aclarar se existen razóns para abrir causa de oficio por mor do funcionamento da institución”.

A resposta da Administración

Máis de medio ano despois da visita, a Xerencia Integrada de Santiago remitiu un comunicado público no que fai referencia ao informe elaborado polo Defensor del Pueblo. O documento resta valor aos feitos denunciados, asegurando que algunhas suxestións “son baseadas en información incompleta sobre o funcionamento do centro”. A responsabilidade dos tratamentos é vertida directamente nos facultativos, aínda que suxire que algúns procesos están neste momento en revisión. A Xerencia bota balóns fóra a respecto do sistema de queixas e suxestións, alén da integración dos internos en actividades en prol da integración aludindo que “o único impedimento que teñen para participar nas actividades son as súas propias limitacións físicas ou psíquicas”.

Finalmente, só dá o brazo a torcer nas instalación de videovixilancia –asegura que “estaba prevista a súa implantación”– e naquelas irregularidades documentais relativas ao control oficial de expedientes, historias legais, seguimentos das pacientes e documentación de ingresos voluntarios, asumindo que “pode ser mudado se se considera necesario”.

A Fiscalía da Coruña abriu unha investigación “para aclarar se existen razóns para abrir causa de oficio por mor do funcionamento da institución”. A Xerencia resta valor aos feitos denunciados, asegurando que algunhas suxestións “son baseadas en información incompleta sobre o funcionamento do centro”.

Con todo, a actitude do Sergas fronte aos colectivos ou axentes implicados no funcionamento do centro foi, segundo denuncian eles mesmos, de total pasividade e falta de comunicación. A AGSM sinala explicitamente o subdirector xeral de planificación e programación asistencial, Alfonso Alonso Fachado, quen se “negou” a reunirse coa asociación. Do mesmo modo, a xerente do CHUS, Eloína Núñez, omitiu responder á solicitude dun encontro. “A comunicación cara aos profesionais por parte da Administración foi nula, o Sergas non asume erros nin responsabilidades”, afirman desde a entidade.

Desde o Movemento Galego de Saúde Mental, polo seu lado, remarcan tamén a dimensión da resposta. Responder sen identificarse, a través dun departamento de comunicación, a un organismo con recoñecemento internacional que responde ante a ONU e as Cortes xerais é, di Miguel Anxo García, un “síntoma de ignorancia política”. “Deberían dicir que están estudando o caso e logo realizar unha comunicación oficial, como fai a Garda Civil”, exemplifica. Por riba das formas, García é firme sobre o contido da resposta do Sergas, onde é evidente como “a Consellaría viola os seus propios estándares, elaborados ademais pola comisión asesora dun goberno da mesma cor”.

En definitiva, o cariz da cuestión torna grave unha vez se manifesta a implicación das suxestións do Defensor del Pueblo, de natureza vinculante para a institución investigada. “A suxestión é algo grave, debes responder sempre, porque o MNPT vai volver dar toques até un cuarto, onde che lembrará a obriga legal, e despois daí xa pasamos a unha denuncia, porque é obriga da Administración, non poden ser pasivos ás indicacións da MNPT”, advirte García.

“A Consellaría viola os seus propios estándares, elaborados ademais pola comisión asesora dun goberno da mesma cor”, di Miguel Anxo García, do Movemento Galego de Saúde Mental.

O debate subterráneo

Como tea de fondo está a Lei Xeral de Sanidade de 1986, que asentaba as bases da que se deu en chamar “reforma psiquiátrica”. A idea matriz desta iniciativa, avalada por diversos profesionais nos anos anteriores, era prescindir da figura do “hospital psiquiátrico” en prol de estruturas asistenciais intermedias e fortes servizos sociais que aseguraran ao mesmo tempo a integración e o debido coidado en saúde mental.

Porén, o plan da Administración pública nas últimas décadas pasou por queimar pontes sen inverter esforzos en pavimentar o camiño á fronte. Clausurados xa o resto de hospitais psiquiátricos galegos –Castro de Rei, Toén, O Rebullón–, a Consellaría de Sanidade levou a cabo a primeira parte da reforma sen artellar un abano de servizos que sostivese as persoas con doenzas mentais que ficaban fóra desas institucións “residuais”.

A solución? A privatización dos servizos a través da derivación a sanatorios e xeriátricos privados ou a carga de coidados nas –mulleres das– familias. “Ao meu modo de ver, o peche de manicomios cargou as familias co peso da asistencia dos seus familiares, e posteriormente buscaron axuda para satisfacer as súas necesidades organizándose en asociacións e redes de recursos asistenciais insuficientes”, opina Jorge Seoane, psiquiatra no hospital de Conxo. O facultativo apunta que, fóra das boas intencións destas iniciativas, debera reformularse o enfoque na saúde mental, implicando as institucións públicas nunha responsabilidade da que fica á marxe. Desde aquí ramifícanse outros conflitos.

“O peche de manicomios cargou as familias co peso da asistencia dos seus familiares, e posteriormente buscaron axuda para satisfacer as súas necesidades organizándose en asociacións e redes de recursos asistenciais insuficientes”, opina o psiquiatra Jorge Seoane.

É o caso de A. C., enfermeiro xeriátrico nunha residencia privada, que recibe no seu centro de traballo idosos con distintas afeccións. Todas as prazas da institución son subvencionadas, polo que en ocasións chegan pacientes que non encaixan no perfil de xeriatría, mais que son persoas dependentes por doenzas mentais. Dunha volta, un destes doentes de mediana idade –no medio dun proceso agudo– agrediuno durante a súa xornada laboral. O servizo da quenda debeu chamar a ambulancia, quen ingresou temporalmente o paciente na unidade de psiquiatría até superar o proceso agudo. Unha vez pasado este período, a persoa volveu ao centro de traballo de A.C., onde volveu tentar agredir o profesional. Desta volta, tiveron que chamar os servizos sanitarios e as forzas de seguridade. A atención prestada nos centros xeriátricos revélase, polo tanto, insuficiente para estes pacientes, causando non só un deterioro grave na súa saúde e na atención que reciben, senón un prexuízo para o resto de residentes e para os propios profesionais, que ven ultrapasadas as súas competencias na materia.

Outra forma que colle esta privatización encuberta da saúde mental é a mercantilización das doentes con sanatorios privados. “É o caso de La Robleda, que acolleu xente durante a crise porque tiña camas libres e, unha vez volveu subir a demanda, renegociou subindo os prezos e a Administración tivo que sacar xente de alí. Conxo recibiu pacientes externalizados de volta”, revela Miguel Anxo García, quen ve nestas prácticas “non unha atención sanitaria, senón unha mera xestión de persoas”.

Desencadeada por esta situación xorde a cuestión de como defender os dereitos e o benestar das pacientes psiquiátricas. Un dos principais puntos que é necesario ter en conta para a reconversión da atención en saúde mental é o empoderamento das pacientes. “Necesitamos pacientes que sexan suxeitos e non obxectos”, declara Carlos Martínez. Segundo o coordinador de Itínera, no xeral do campo sanitario hai unha tendencia a procurar solucións directas na medicación e unha vulneración dos dereitos das pacientes que só é posíbel de evitar mediante a existencia dun organismo defensora destas que garanta o cumprimento dos seus dereitos. Con todo, a auto-organización en saúde mental resulta –polas propias condicións da enfermidade– máis complicado do que pode ser para outro colectivo de doentes como, por exemplo, as de hepatite C. De novo, o estigma unido ás dificultades –de base– para saírse del.

A integridade das fontes consultadas coinciden contra o peche do hospital psiquiátrico de Conxo ante a falta de alternativas asistenciais para as persoas que alí residen. “Á pregunta de Conxo si, Conxo non… Claro, Conxo que? Se ofreces alternativa mellor, si. Agora, se a alternativa van ser as residencias xeriátricas privadas, non”, defende a psiquiatra Iria Veiga. Perante a idea do antigo psiquiátrico como módulo de almacenamento de desfeitos sociais que xa está a esmorecer, aínda vivimos nun claroscuro no que a nova asistencia psiquiátrica se resiste a aparecer.

A integridade das fontes consultadas coinciden contra o peche do hospital psiquiátrico de Conxo ante a falta de alternativas asistenciais para as persoas que alí residen.

Os centros de día, a atención domiciliaria, as unidades de continuidade de coidados, os dispositivos de residencia de media e longa estancia ou os servizos sociais fortes non dan sinais de estar no camiño. “Nin se lles pasou pola cabeza”, critica Veiga.

No caso de Martínez, o voluntario defende a continuidade de Conxo, e amósase reticente ante o discurso contra o centro ao identificar eses “intereses de corte político e económico”. O fundador de Itínera nota unha falta de visión ante o que suporía o peche do psiquiátrico. Afirma que, perante a ausencia de Conxo, non hai unha estrutura asistencial que garanta a atención en saúde mental aos pacientes. Pola contra, o hospital eríxese como un “elemento estabilizador” pola tranquilidade que inspira saber que ese recurso “está aí”.

Sen negara necesidade urxente dunha reconversión de Conxo –quer como centro de día, quer como recurso residencial– que desbote o seu carácter cronificante, Martínez defende unha “evolución máis que revolución” que lle permita á institución adaptarse ao escenario social actual, cun perfil maioritario de doentes con trastornos duais –con morbilidade con adiccións–. “A sociedade vai máis rápida que a institucións”, sinala, e sitúa o foco na obriga destas a se coordinar co resto de organismos anexos –como, por exemplo, a propia Itínera ou Funga– e un aumento importante dos recursos para respaldar “a vontade de integrar as pacientes” por parte do persoal do centro.

No caso das organizacións, tanto a AGSM como o MGSM concordan nas liñas xerais co exposto. No caso da última, o seu voceiro conclúe que as portas de Conxo non se poden pechar “mentres non se dean garantías do axeitado coidado e residencia das doentes, mentres non se teña en conta os dereitos desas persoas, porque Conxo é o seu fogar, é arrincar a alguén da súa vida, das súas paisaxes, das súas relacións para enviala a unha residencia privada, un piso nunha cidade, onde non vai estar ben atendida”.

Dentro ou fóra de Conxo e do seu modelo de hospital psiquiátrico, o debate de fondo pasa non só pola ausencia de abusos, senón por unha correcta asistencia que garanta a integración e pleno desenvolvemento como individuo social da doente. O obxectivo último? Romper a burbulla, sempre con atención ao risco de caer en espellismos de integración e cos pés firmemente fincados nun sistema de garantías que permita un labor institucional pleno, funcional que avale o coidado integral das persoas.

Deixe um comentário

Deixe um comentário