Carvalho Calero: homenaxe e reivindicación

Bernardo Máiz

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Por obra da Sociedad Cultural Medúlio, don Ricardo Carvalho Calero recibiu en Ferrol a súa primeira homenaxe pública en 1981, acto no que quedou manifesta a “súa fidelidade á causa de recuperar para o seu país a súa própria cultura”. Seguiron outras homenaxes, foi obxecto de simposios e congresos, a Fundaçom Artábria ferrolá e outros colectivos da bisbarra reivindican anualmente a súa memoria.

Nomeado en xaneiro do 1990 fillo predilecto de Ferrol e falecido apenas dous meses despois, un certame literario, unha rúa, un centro de ensino e outro cultural desa cidade levan o seu nome, alí se celebrou en 2010 un congreso sobre el e nese mesmo ano e no 2011, 2013, 2014, 2015, 2016, en Ferrolterra armamos unha comisión pro Letras Galegas a Carvalho Calero, que acadou en todas as ocasións abondosos apoios institucionais, asociativos e particulares, recollemos sinaturas, organizamos recitais, conferencias, exposicións…, para que lle fóra dedicado o Día da nosa lingua e cultura a don Ricardo, “esgrévio” galeguista que ao longo de máis de sete décadas desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, académico, lingüístico, docente, político…, a prol da Galiza, da nosa lingua e da nosa cultura.

Sempre soubemos da extrema complexidade e mesmo das contradicións e presións que impiden á Real Academia Galega declarar protagonista do Día das Letras Galegas á figura e obra de Ricardo Carvalho Calero, pois o vello profesor, o primeiro docente de lingua galega na Universidade Galega, pai lingüístico de varias xeracións, continua a ser vítima dun interesado esquecemento, disque por defender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués, opción diferente, pois, á oficial, esta a de quen dende a xubilación de don Ricardo no 1980 ata o seu pasamento no 1990 quixeron mantelo no ostracismo dun exilio interior e teiman no seu esquecemento aínda hoxe. Usando as súas próprias palabras “…certas elites entenden que non deben realzar a personalidade dun disidente… e que nin como estudoso nin como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”. Con certeza, inflúe tamén nesa negativa a súa exemplar dignidade persoal, a súa independencia cívica e a súa coherencia fronte aos que, como el escribiu, deixárono só “fundando unha colónia co mesmo nome” e nese sectarismo persisten.

O pai lingüístico de varias xeracións, continua a ser vítima dun interesado esquecemento, disque por defender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués.

Neste 2018 o concello de Ferrol (unha vez máis e con outros) demandou as Letras Galegas para don Ricardo, postura que aceptamos e apoiamos, mais nós reivindicámolo como poeta, narrador, pensador, propagandista, erudito da lingua e da literatura galegas, renovador pedagóxico, patriota galego, e tamén, nese contexto, fundador ideolóxico do reintegracionismo. Este ano a Comisión de Homenaxe a Carvalho Calero (X.M. Dobarro, X.M. Pazo, V. Santalha, eu mesmo), continuadora de todos os esforzos de tant@s persoas nos anos anteriores, propuxémonos como obxectivo principal divulgar a figura, o pensamento e a obra deste ilustre ferrolán con actos en abril e maio.

Nos anexos apuntes biográficos de Carvalho Calero queda fóra aquelo seu que non pertence ao ámbito académico. Con Letras ou sen elas, no outono sairá un volume da homenaxe deste ano coas conferencias, poemas, músicas, proxeccións e cronobiografía completa.

Sen desmerecer a ninguén, don Ricardo era un xigante nun país de moit@s anan@s. Que na Real Academia Galega fagan o que lles pete e coiden oportuno, nos seguiremos reivindicándoo.

Ferrol, 5 de xullo.

Portal Galego da Lingua.

Algúns apuntes biográficos de Ricardo Carvalho Calero

(Ferrol, 30 de outubro de 1910 – Santiago, 25 de marzo de 1990)

-Comeza os estudos de dereito na universidade de Santiago de Compostela, 1926.
-Membro do Seminario de Estudos Galegos (SEG), 1927.
-Publica “Trinitarias”, poesía en español, Ferrol, 1928.
-Publica “En torno a las ideas comunistas de Platón”, ensaio en español, Ferrol, 1928.
-Licenciado en Dereito pola universidade de Santiago de Compostela, 1931.
-Promotor de varios manifestos a prol dun galeguismo de esquerdas, 1931, 1932, 1933, 1936.
-No Partido Galeguista dende a súa fundación en 1931.
-Redactor con Luís Tobío do primeiro Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza, 1931.
-Publica “La soledad confusa”, poesía en español, 1932.
-Mitins a prol do SI no referendum estatutario galego de xuño do 1936.
-Opositor en Madrid a profesorado de instituto, xullo do 1936.
-Miliciano en Madrid na defensa da República no 6º Batallón da 36 Brigada Mixta, agosto do 1936.
-Destinado como tenente do exército republicano no exercito de Andalucía, abril do 1937.
-Condenado en consello de guerra a cadea maior por galeguista e oficial republicano. Abril do 1939.
-Imparte docencia en academias privadas de ensino, Ferrol, 1942-1949.
-Director (“consejero-delegado”) do colexio privado Fingoi de Lugo, 1950-1964.
-Publica “Anxo da terra”, poesía, Pontevedra, 1950.
-Cofundador da editorial Galaxia, 1950.
-Publica “A xente da Barreira”, novela, Santiago, 1951.
-Publica “poemas pendurados dun cabelo”, Lugo, 1952.
-Doutor en filoloxía románica, Madrid, 1954.
-Membro de número da Real Academia Galega (RAG), 1958.
-Publica “Salterio de Fingoi”, Vigo, poesía, 1961.
-Publica a “Historia da Literatura Galega Contemporánea. I”, ensaio, Vigo, 1963.
-Cancelados os antecedentes, oposita en Madrid a profesor de lingua española en bacharelato, 1963.
-Primeiro profesor de lingua e literatura galegas da universidade de Santiago, 1965.
-Primeira edición (acadou sete) da súa “Gramática elemental del gallego común”, Vigo, 1966.
-Publica “Sobre lingua e literatura galega”, ensaio, Vigo, 1971.
-Publica “Catro pezas”, teatro, Vigo, 1971.
-Por encargo da RAG elabora as “Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego”, 1971.
-Catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da Universidade de Santiago, 1972.
-Publica a “Historia da literatura galega contemporánea (1808-1936)”, ensaio, Vigo, 1975.
-Reedición pola RAG das “Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego”, 1977.
-Rexeita a presidencia da RAG, 1978.
-Publica “Estudos rosalianos”, ensaio, Vigo, 1979.
-publica “Libros e autores galegos-I”, ensaio, A Coruña, 1979.
-Presidente da comisión redactora das “Normas ortográficas do idioma galego”, 1980.
-Publica “Futuro condicional (1961-1980)”, poesía, Sada, 1982.
-Publica “Libros e autores galegos-II”, ensaio, A Coruña, 1982.
-Publica “Teatro completo”, Sada, 1982.
-Publica “A gente da barreira e outras historias”, Santiago, 1982
-Publica “da fala e da escrita”, ensaio, Ourense, 1983.
-Medalla Castelao da Xunta de Galicia, 1984.
-Publica “Letras Galegas”, ensaio, A Coruña, 1984.
-Rexeita formar parte do Consello da Cultura Galega, 1984.
-Publica “Narrativa completa”, Sada, 1984.
-Presidente do “Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro”, Santiago, 1985.
-Publica “Cantigas de amigo e outros poemas”, A Coruña, 1986.
-Publica a novela autobiográfica “Scorpio”, Premio da Crítica española, 1987.
-Publica “Escritos sobre Castelao”, ensaio, Santiago, 1989.
Publica “Estudos sobre literatura galega”, ensaio, Sada, 1989.
-Publica “Do galego e da Galiza”, ensaio, Santiago, 1990.
-Publica “Reticencias … (1986-1989)”, poesía, Santiago, 1990.
-En 1992, despois da súa morte, foi editado “Unha voz na Galiza. Artigos de xornal (1933-1989)”.

Bernardo Máiz Vázquez

Bernardo Máiz Vázquez

Ferrol, 1950. Doutor en Historia. Entre as súas últimas publicacións están Castelo de San Felipe: cárcere e morte (2010), O Seixo, na Outra Banda da banda de Ferrol (2016) e Amada García e os seus arredores (2017). Pioneiro na investigación sobre os movimentos sociais e a represión franquista en Galiza, ten realizado numerosas achegas no coñecimento do mundo do mar, con libros como Nautilus (1994) ou As embarcacións de pasaxe das rías galegas (2000), destacando o seu compromiso coa recuperación da cultura marítima tradicional. Foi distinguido co Premio Manuel Murguía ao labor e mérito historiográfico.