Sobre a necesidade dunha intervención comunitaria para a saúde mental (I)

Isto non é unha queixa

TEIMA | Saúde mental sen cadeas – Capítulo 8

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Manuel Borte | A Coruña, 29 de xullo. Tras uns anos de activismo, formación e experiencias algunhas das persoas que formamos parte do movemento tolo, desde distintas organizacións e perspectivas políticas, imos chegando a unha mesma idea: vai ser complicado mudar a situación ou evitar que se volva malograr e corromper unha reforma do sistema se non tomamos partido dunha forma máis propositiva e meternos a traballar. Hai que defender os dereitos humanos, hai que impedir a violencia e as agresións nos ingresos psiquiátricos, as contencións mecánicas deben ser prohibidas, hai que loitar contra os tratamentos forzosos,…

Unha perspectiva clara decataríase de que a maioría destas violencias suceden no contexto sanitario (bio-médico) faría unha proposta na liña de “o mellor ingreso é o que non existe”. A afirmación anterior colócanos no tempo, lugar e eventos previos que desembocan nun ingreso médico-psiquiátrico: o contexto social (psico-social). É no terreo da comunidade onde moitos pensamos que debería desenvolverse a inmensa maioría do esforzo de intervención en saúde mental. Abordar unha reforma sanitaria implica unha enorme esixencia de tempo, enerxía, formación, reciclaxe, cartos e capital humano fronte ao beneficio de atacar á raíz do malestar e as crises coas estruturas xa existentes e aproveitables con moito menos esforzo. Non é o mesmo pedir que non te peguen que facer por non ter que pegarte con ninguén. Por outra banda, a intervención comunitaria e preventiva en saúde ten un custo moito menor que repercute na saúde xeral, non só mental, de toda a comunidade.

Alguén pode dicir que no sector social tamén hai conflitos de interese e moito negocio coa pobreza e os problemas da xente. Certo, máis tamén hai unha flexibilidade e bo marxe de actuación para iniciar proxectos que non hai á hora de tratar coa lenta e burocratizada administración sanitaria.

A caída da Reforma Psiquiátrica.

Sen coñecer moi polo miúdo o proceso histórico da Reforma Psiquiátrica — é moi interesante para situarse historicamente a lectura deste artigo de Alfredo Aracil — dos anos 70 e 80 no Estado español nin no resto do mundo, coido que si que podemos acordar algunhas xeneralidades. Unha delas é que a abolición dos manicomios tiña como meta a inclusión do colectivo psiquiatrizado na comunidade e que isto provocaría unha notable recuperación dos seus trastornos mentais e unha mellora do grao de benestar. A idea era moi bonita pero fallou bastante pola parte da comunidade. A carga da (re)socialización e os coidados que precisaba o colectivo psiquiatrizado caeu sobre as costas das familias. Estas eran o espazo social no que a persoa integrante máis feble rompía por causa das disfuncións familiares.

En canto se sinalou este detalle con maior ou menor delicadeza, as familias reaccionaron sentíndose atacadas, no lugar de asumir o seu diagnóstico e traballar pola recuperación. Este rexeitamento tivo o agravante de que botaron a correr cara os brazos da industria farmacéutica e das terapias cognitivo-condutuais máis grosas e alienantes. Se falamos da comunidade, o asunto non foi moito mellor. Nin estaba preparada nin exerceu resistencia para asumir os discursos do gallifante Neoliberalismo-Bioloxicismo desa época que tan ben serviron para colocar a industria farmacéutica no lugar onde se atopa. Estas narrativas estaban no mesmo fardo que os cartos que financiaban as terapias, tratamentos e intervencións que garantiron unha cronificación narcótica de décadas para tanta e tanta e tanta xente que foi psiquiatrizada.

É no terreo da comunidade onde moitos pensamos que debería desenvolverse a inmensa maioría do esforzo de intervención en saúde mental. Abordar unha reforma sanitaria implica unha enorme esixencia de tempo, enerxía, formación, reciclaxe, cartos e capital humano fronte ao beneficio de atacar á raíz do malestar e as crises coas estruturas xa existentes e aproveitables con moito menos esforzo.

Onde está a comunidade?

40 anos despois, entre outras causas pola actividade reivindicativa do colectivo tolo, volta a saír á palestra a función da comunidade e da familia nos procesos de recuperación nos chamados trastornos mentais graves. Sabemos que hai unha alta eficacia nas intervencións dende as terapias sistémicas, familiares, etc. Xa hai tempo que no activismo aburre citar o Diálogo Aberto de Jaakko Seiklkula e o seu traballo sen utilizar — sobre Diálogo Aberto, ler aquí e aquí — psicofármacos ou empregando estes en situacións concretas ou durante períodos breves de tempo. Algo semellante ao que pasa na Fundación de Coidado Familiar de Goteburgo — ver o documental sobre o traballo desta fundación sueca aquí  — onde familias voluntarias elixidas có sinxelo, radical e aparentemente subxectivo criterio de “seren boa xente” acollen nos seus fogares a persoas que están a pasar por procesos psicóticos. Por suposto, hai un apoio terapéutico á persoa e a familia, pero a idea fundamental e o seu valor é a de restaurar a capacidade de vincularse mediante un grupo humano san.

Con toda a información que se pode atopar xunto ás historias que se poden escoitar da voz das persoas do colectivo tolo podemos extraer unha pauta bastante clara: se o contexto social é san, a persoa é san. “San” non significa que a persoa vaia cumprir coas expectativas dunha sociedade de precariedade, explotación, invasión publicitaria, esixencia de atención e produtividade, urbanismo e vivenda violentos, tempos e velocidades insás, etc. “San” significa que non pasa por un sufrimento incapacitante e/ou continuo, que pode cubrir as súas necesidades sexa por si mesma ou co apoio doutras persoas. Un punto clave é que recibe apoio, pero tamén que non recibe violencias que veñan da súa contorna social, da súa familia, das institucións, do sistema de atención social ou sanitario, do mercado laboral nin de calquera outro lugar.

Se o contexto social é san, a persoa é san. “San” significa que non pasa por un sufrimento incapacitante e/ou continuo, que pode cubrir as súas necesidades sexa por si mesma ou co apoio doutras persoas.

Chegamos, pois, onde nos deixou a incompleta Reforma Psiquiátrica. ¿Que traballo se fixo coa comunidade? As campañas contra o estigma foron levadas a cabo polas asociacións de familiares e financiadas pola industria farmacéutica . Foi un labor de marketing — sobre campañas contra o estigma que estigmatizan hai un par de artigos escritos, por exemplo este — dos enfoques bioloxicistas tan bo que preguntando pola rúa a calquera persoa, ou mesmo a persoas con formación universitaria e profesións no eido social ou sanitario se percibe un pensamento único da sociedade que non concibe prescindir dos psicofármacos pero, sobre todo, no que non se ve a importancia capital que ten o contexto social no benestar e nos procesos recuperación das persoas — aconsello seguir ao colectivo NoGracias para estar ao tanto dos problemas que implica o marketing farmacéutico.

A atención social é un anexo que, ademais, soamente é accesible a quen acepta consumir previamente psico-fármacos. Isto é, obviamente, unha flagrante discriminación que deixa fóra do sistema de atención a calquera persoa que se negue a consumir de forma continuada os habituais neurolépticos coa conseguinte redución de capacidades cognitivas, emocionais, de relación social e capacidade de recuperación e traballo terapéutico que implican estas substancias — sobre o deterioro cognitivo do consumo de psicofármacos

Cun superficial estudo sobre os mencionados Diálogo Aberto e Fundación de Coidado Familiar de Goteburgo poden verse dúas formas de facer o traballo coa familia que podemos probablemente extrapolar tamén ao traballo na comunidade. O Diálogo Aberto podería resumirse en que se traballa coas relacións e vínculos da familia (en sentido amplo, xa que inclúe amizades, xente coa que traballa, veciñanza, etc). É un labor de “reparación” e “re-estruturación” desas relacións e vínculos existentes. No caso da Fundación de Coidado Familiar, en realidade tamén se traballa o mesmo pero a través doutros individuos, familia e contextos sociais novos, de forma que sirvan para facilitar a recuperación da persoa. Se estendemos este territorio de intervención máis aló da idea estrita de familia pero sobre todo máis aló dos despachos clínicos ou das intervencións psico-sociais, unha intervención comunitaria tamén debería aplicar a visión e unha boa parte das ferramentas destes enfoques sistémicos e familiares. Segundo o exposto, podemos “reparar” as relacións da comunidade ou empregar unha comunidade san para que a persoa interiorice a súa forma de vincularse.

As formas de traballo comunitario coa saúde mental no estado español oscilan entre a imposición de tratamentos farmacolóxicos a domicilio (no activismo falamos de “o bioloxicismo na casa” como se falaramos da teletenda) ata a vinculación da persoa aos dispositivos de atención sanitaria e social. Todo dende unhas filosofías autoritarias, directivas e moi contaminadas de décadas de bioloxicismo. O resultado máis probable tras o diagnóstico de desafiuzamento médico-psiquiátrico é acabar na cronificación social dentro dun gueto asociativo.

O Diálogo Aberto podería resumirse en que se traballa coas relacións e vínculos da familia (en sentido amplo, xa que inclúe amizades, xente coa que traballa, veciñanza, etc). É un labor de “reparación” e “re-estruturación” desas relacións e vínculos existentes.

Acompañamento Terapéutico.

Un dos convidados a esta merenda é o Acompañamento Terapéutico (AT). Esta forma de traballo, aínda moi descoñecida no estado español e aínda máis descoñecida en Galicia — ver esta crítica na revista SISO do psiquiatra Ramón Ramos Ríos sobre un libro do psicólogo Leonel Dozza sobre o AT —, chamou rapidamente a atención de boa parte do movemento activista do colectivo tolo e psiquiatrizado en canto soubo da súa existencia. Por que? Hai varios motivos. Un deles é o intuitivo da idea. Na súa orixe o AT recibía o nome de “amizade cualificada” — o concepto de “clínica do cotián” é tamén bastante revelador da natureza do AT — . Pode resultar forzado ou falso a primeira vista pero realmente é unha boa forma de definir o AT.

Nas experiencias e historias de moitas persoas do activismo aparecen con frecuencia outras, sexan amizades, membros do seu grupo de apoio mutuo ou xente da rede activista de apoio informal que hai por todo o estado, que estiveron presentes ou axudaron en momentos de crise e resolveron satisfactoriamente a situación desde a súa capacidade e experiencia. Moitas veces foi a simple presenza doutra persoa a que fixo que amainase o temporal. Non se pode calcular cantas cafetarías e cantos paseos polos parques se deben ter percorrido para aliviar a alguén dos seus medos e delirios.

O AT vén sendo a profesionalización e os coñecementos para aplicar algo que debería ter de serie todo ser humano: a capacidade de acompañar nas súas crises e sufrimentos a outras persoas. Resulta ser dunha valiosa discreción e dun baixo impacto traumático en comparación coa violencia dun ingreso psiquiátrico ou, noutra escala, a reunión de persoas baixo o teito dunha institución sen máis en común que ter un diagnóstico. Mentres que noutros enfoques sanitarios e sociais a diretividade ou mesmo autoritarismo son bastante evidentes, no AT as relacións de poder son un tema central, xa que ao definir unha unidade de análise, non toman o individuo, como sería o habitual, senón o “vínculo” entre as persoas que forman o sistema social en cada momento.

O AT vén sendo a profesionalización e os coñecementos para aplicar algo que debería ter de serie todo ser humano: a capacidade de acompañar nas súas crises e sufrimentos a outras persoas.

Esta fiscalización da relación de poder no AT é algo moi explícito no Diálogo Aberto, que tan espectaculares resultados ten. Por aquí van tamén os tiros dunha proposta alternativa fronte ao DSM e o CIE, os coñecidos manuais de diagnóstico, que se promove dende a División de Psicoloxía Clínica da Sociedade Británica de Psicoloxía e que leva o nome do Marco de Poder, Ameaza e Significado — para referencias do Marco de Poder, Ameaza e Significado, ver aquí ou aquí.

O AT vai máis aló dun acompañamento durante un período de crise. De feito, as crises máis ben son contidas gracias ao AT que se veña realizando. A continuidade e regularidade fai que sexa posible desenvolver o probablemente minguado órgano da relación coa comunidade. O traballo do AT inclúe por tanto servir de vehículo e apoio auxiliar para exercitarse na vida comunitaria dun modo semellante a un flotador cando se aprende a nadar. No AT precisase unha atención constante para abrir á persoa novos espazos sociais ou relacións con calquera que entre en escena.

No caso doutras intervencións sociais e comunitarias establecese como obxectivo a vinculación cos dispositivos de atención. Esta pode ser útil nalgún momento pero resulta máis interesante a vinculación cós axentes comunitarios. Ao falar de saúde mental desde a perspectiva psico-social, se relaciona o concepto de “axentes comunitarios” co de “activos de saúde” — sobre o modelo de activos en saúde que inclúe as axencias comunitarias — . Se aceptamos a tese de que unha persoa precisa vínculos para vivir e que son estes os que dan sentido á existencia, se tomamos como certa a idea de que unha comunidade suficientemente sólida pero fluída abondo como para non ser abafante implica máis e mellores relacións afectivas e de apoio, se sabemos que os coidados e a saúde en xeral dependen en gran medida da educación e a cultura sociais, se temos a seguridade de que todo isto ten moito que ver co empoderamento das persoas e proxectos que nacen da propia comunidade, se estamos de acordo nestes puntos e nas súas implicacións, deberíamos traballar moito máis por favorecer o funcionamento da comunidade que por intervir nela desde fóra.

Próxima entrega: As propostas (teoría, estratexia e práctica)

Deixe um comentário

Deixe um comentário