Joan Vila: "O xornalismo debe ser un dereito social, mesmo como o dereito á vivenda"

TEIMA | O xornalismo deste século - Capítulo 2

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Manuel Lógar | Texto e fotos | Barcelona, 7 de xuño. Hai catro anos, cando o equipo fundacional de Crític lanzou a súa web, Joan Vila dixo que conformar a empresa como cooperativa ía garantir que esta non dependera nin dun só inversor nin dun grupo de comunicación poderoso. Comezaron cunha campaña de micro-mecenado, asumindo que “en realidade o xornalismo independente non existe, porque ao final rematas dependendo de alguén”. O que buscaban, e seguen nela, é depender “da xente, da cidadanía”. Crític sostense con publicidade (maiormente institucional) e as achegas dunhas 1.600 subscritoras e subscritores. Empezou co plan de ser rendíbel ao cabo de tres anos, mais conseguiu a estabilidade financeira con meses de antelación respecto das previsións, tamén grazas á cooperación con outros medios, tanto cataláns, caso de Directa, como medios dixitais madrileños como Público ou Eldiario.

Crític faise en catalán e vai topando o seu sitio nun potente sistema de medios de comunicación dixital en catalán, no que Ara (que tamén está en papel) e Nació Digital e os pioneiros de Vilaweb, disputan as grandes audiencias con cabeceiras de prensa convencionais.

É internet unha ferramenta social?

Por suposto, e nós, os xornalistas, debemos traballar en Internet da man da sociedade, buscando a interactividade cos lectores. Un público pasivo, que busque a unidireccionalidade comunicativa, non casa coa nosa forma de traballar.

Estar máis próximos ás lectoras e lectores…

Xusto, traballar nun medio dedicado a quen o recibe, non só a nós mesmos. Queremos adaptarnos ás necesidades e vontades das lectoras e lectores, aínda máis ás das subscritoras, que vexan o medio como algo tamén seu.

Joan Vila atende no seu posto de traballo. Acostumado a facer el as entrevistas, imos cara a azotea do edificio, onde falar máis tranquilamente da súa empresa. Joan readaptou a súa carreira en varios medios audiovisuais, e sen deixar o seu emprego como docente, afánase nun proxecto de xornalismo de investigación.

Cando e con que obxectivo naceu ‘Crític’?

Pois fundámolo no 2014, vai preto de cumprir os 4 anos xa, pois foi nese xullo cando comezou o movemento… A orixe foi encher un baleiro que tiña o xornalismo catalán, a idea dun xornalismo repousado, slow journalism, no sentido de non seguir a actualidade diaria, de non publicar novas constantes, senón reportaxes, en profundidade, noticias de investigación, entrevistas longas, artigos de opinión e análise de datos ben traballados… Un conxunto de formatos informativos que rexeitan as novas breves do día a día. Existía noutras linguas, non inventamos nada, simplemente aplicamos en Catalunya o observado noutros lugares. Confiamos en que habería un público, e penso que o hai pola moi boa acollida por parte das lectoras e lectores. Mesmo tivemos solicitudes para prestarnos axuda económica. Imos camiño de consolidarnos como un medio de referencia. Sen ter unha audiencia enorme, millonaria, mais ben modesta, pero influente e con miras altas cara aos próximos anos.

Por que un xornalismo de reflexión?

Pola sinxela razón de que hai moitísimos medios que xa tratan a actualidade. En Catalunya existen máis de seis grandes medios deste tipo, que compiten por ver quen é o primeiro en publicar, quen e o máis veloz. Nós non cremos nun xornalismo que busque algo máis ca outra liña editorial… Pretendemos amosar o contexto e facer análise do que sucede. Publicamos un ou dous contidos diarios, excepcionalmente tres, mais coa intención de que sexan potentes e elaborados, circulando polas redes sociais e conseguindo viralización con uns e presenza mediática con outros.

Cal é a base do modelo de negocio?

Baseámonos en subscritores como medio de subsistencia. Imos polos 1.600 despois de catro anos. Outros basean seus ingresos na publicidade, pero cremos que os subscritores axúdannos a manter a nosa independencia… Ademais, a posibilidade de conseguir que catedráticos ou políticos de renome participen con artigos propios, resulta interesantísima. Agora mesmo andamos case polo medio cento de analistas, e contamos con dez colaboradores xornalísticos habituais, e somos xa sete traballadoras e traballadores na cooperativa. E ademais da web, tamén ofrecemos conferencias e produtos en papel, como este. [Vila mostra Feminisme(s), unha revista de 144 páxinas que lanzaron a finais do ano pasado].

Por que temas apostades?

A convulsión política de Catalunya provoca que os temas sobre o proceso soberanista e a independencia catalá sexan os que suscitan maior interese. Os grandes picos de usuarios coinciden sempre con sucesos importantes neste asunto, como as eleccións do 27 de setembro do 2015, ou o referendo do 1 de outubro. A nosa primeira viralización foi grazas á consulta do 9 de novembro do 2014. Aínda que non todas as nosas lectoras e lectores son independentistas, si é certo que temos un ideario de esquerdas, cunha intención obxectiva e analítica.

O xornalismo independente, dende a modestia, pode intentar combater a manipulación, a partir de datos. E podería conferir poder de decisión e crítica ás cidadás.

Joan Vila i Triadú. Barcelona, 1961. Xornalista.

No 2015 decidimos realizar unha auditoría de xénero, e suspendemos… Aquilo fíxonos reflexionar sobre a participación de mulleres.

Falando de datas, até que punto crees que o 1-O e o 8M son chave na política actual?

O 8M, sen dúbida. É un antes e un despois. Este ano o feminismo é o tema básico de Crític, por iso este monográfico, polo que ademais recibimos o premio Montserrat Roig ao xornalismo social. Estamos moi atentos á temática de xénero e os seus problemas, vimos que o abanico de xente á que chegábamos expandiuse. No 2015 decidimos realizar unha auditoría de xénero, e suspendemos… Aquilo fíxonos reflexionar sobre a participación de mulleres, xa fora como redactoras ou como protagonistas dunha noticia. Hoxe, calquera medio de interese, e máis se vai dirixido tamén a xuventude, debe falar de feminismos. Abrimos recentemente un blogue na web, Explica-ho, no que escribir sobre problemas de abusos e represión que sofren ou sufriron as mulleres. É unha xanela ao público interesado no tema, que é moito.

Que achega á sociedade un tipo de xornalismo como o voso, é quen de entrar na discusión sobre os temas actuais?

Nos cremos que o xornalismo debe ser un dereito social, mesmo como o dereito á vivenda, ou á vida e moitas outras cousas… A cidadanía ten o dereito a estar ben informada, a non ser manipulada por determinados sectores económicos. Polo que o xornalismo independente, dende a modestia, pode intentar combater a manipulación, a partir de datos. E podería conferir poder de decisión e crítica ás cidadás. O xornalismo non é tanto unha loita, senón ese dereito básico de enriquecer a opinión pública. Non existe o xornalismo neutral, mais si a favor da lectora e do lector activos. Non buscamos nin as polémicas nin o espectáculo.

Que pensas do chamado ‘clickbait’? Pode que a masificación de medios na rede sobrecargue aos públicos e volva levalos cara o xornalismo tradicional?

É posíbel que haxa saturación, mais non me parece mal que exista multiplicidade de medios. Internet e as redes sociais cambiárono todo. O éxito de Crític é grazas o coidado que damos ás redes sociais, apoiándonos nelas para a nosa expansión mediática. O público é consciente e selecciona o que é san e o que é insán. Hai medios que só crean polémica, e a xente pouco a pouco dáse conta disto. Non debemos menosprezar o grao de madurez da xente, eu creo que o público infórmase e quere ler os medios máis veraces e contrastados, marxinando aos que xogan cos rumores e falsos datos. A medida ca sociedade estea máis empoderada, máis capacidade de reflexión terá. Quizás o maior problema que temos fronte o clickbait, é que non recibimos tanta axuda, en canto a publicidade e subvencións. Nese campo outros gáñannos por goleada, si.

O xornalismo non é tanto unha loita, senón ese dereito básico de enriquecer a opinión pública. Non buscamos nin as polémicas nin o espectáculo.

Falades de xornalismo reflexivo, pero como acostumar á xente a consumir algo así cando a reflexión semella ausente da educación, e non digamos a reflexión sobre os medios de comunicación?

Si, os rapaces na escola deberían ter nocións de como funciona a comunicación na actualidade. A educación en comunicación na secundaria debería ser básica, nun momento no que os adolescentes comezan a ler e interesarse por temas pola súa conta. Unha materia centrada na comunicación, sobre todo en internet, non estaría nada mal. Ao igual que na universidade. Entre a profesión, entre as e os xornalistas, debe xurdir a discusión sobre as nosas responsabilidades fronte á cidadanía á hora de informar. O rigor é básico no noso traballo.

Podemos decidir como xornalistas que camiño tomar?

O xornalismo sempre anda a se reinventar. Novas fórmulas, novos medios, novos canais… Non é que sexa cousa destes tempos. Quizais hoxe a idea de publicar artigos que poidan considerarse sentenzas, non poder ser rexeitados, cambiou. Non existe a verdade absoluta, vivimos nunha sociedade activa que lanza mensaxes e contrarresta ideas moi rápido. Un exemplo foron as manifestacións pola sentencia no caso La Manada, foron convocadas en poucas horas tras a publicación da sentenza. Isto fai vinte anos, cun Internet máis primitivo e sen móbiles intelixentes, sería moito máis complicado. Como dicía ao principio, os xornalistas debemos traballar en Internet da man da sociedade, buscando o contacto coas lectoras e lectores.

O entrevistado

Joan Vila i Triadú

Joan Vila i Triadú

Barcelona, 1961. Xornalista, un dos tres socios fundadores de Crític, xunto a Roger Palà e Sergi Picazo. Con experiencia en Gavà TV, Barcelona TV, TVE Catalunya e El Temps. Presidiu o Grup de Periodistes Ramon Barnils, e é profesor de Comunicación Audiovisual na Universitat Autònoma de Barcelona.

#xornalismoS.XXI

O Entrevistado.

Joan Vila i Triadú

Joan Vila i Triadú

Barcelona, 1961. Xornalista, un dos tres socios fundadores de Crític, xunto a Roger Palà e Sergi Picazo. Con experiencia en Gavà TV, Barcelona TV, TVE Catalunya e El Temps. Presidiu o Grup de Periodistes Ramon Barnils, e é profesor de Comunicación Audiovisual na Universitat Autònoma de Barcelona.

#xornalismoS.XXI

Deixe um comentário

Deixe um comentário