Kodokushis

Iolanda Teixeiro Rei

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Acontecen cousas ben chocantes (máis no sentido portugués de ferintes ca no galego- RAG de sorprendentes). Veredes, tras sete anos da aprobación da lei Paz-Andrade para o achegamento ao mundo da lusofonía abraia que fixera máis polo desenvolvemento desa lei a marca branca dalgún supermercado do que o Parlamento galego, concellos, sindicatos e outras institucións. E non precisamente ese supermercado que fachendea de vivir como galegos. A marca branca daqueloutro supermercado aforrará custes identificando as mercadorías en dúas linguas, o castelán e o portugués. De resultas, por unha cambadela do mercado, moitos galegos recuperaron a palavra luva fronte ao castelanismo guante que aínda así vai gañando con folgura. O supermercado sabe que aos galegos vainos vender o mesmiño anque non nos fale na nosa lingua, non así aos portugueses. E, de resultas, nós decatámonos do mal que falamos a nosa propia lingua. Son cousas!

Porén, non devemos desbotar esta conxuntura para mellorar o noso nível lingüístico. Así descubrín eu que borracha é a ficus elastica, o que nós chamamos goma por interferencia do castelán e non ten nada a ver con bébeda nin con aquelas laranxas borrachas polas que rifavamos cando nenos. Tambén aprendín que flocos son os do millo alén das folerpas de neve e os farrapos de gaita.

E falando de gaitas, a miña primeira lembranza de algo galego foi unha pequena gaita feitío souvenir que meus pais penduraran no recibidor da vella casa de Xoane sendo eu moi nena. Eu non sabía que tiñamos lingua propia pois cando nacín onde ía que nos fora expropiada. Meus pais só a empregavan de xeito emocional, cando contavan certas cousas ou cando berravan. Daquela eu non sabía que era un idioma, o que tería de ser meu, mais sentía que as cousas que máis amavan meus pais tiñan esoutra pronuncia. Cando dicía unha parvada meu pai chamavame panocha ou pinocha. Cando faciamos unha trasnada, miña nai dicía, por ex., que cativos, no hago obra de ellos. Porque miña nai era vilega, da Real Villa de Neda namentres meu pai era aldeán, de Pazos.

Eu coñecín o galego falado por escoitarllelo aos vellos e a algúns nenos que viñan a Ferrol dende as aldeas e aos que aínda nos meus tempos alcumávanos de pailáns. O galego escrito coñecino a través da poesía do Rexurdimento. Curros foi o primeiro pois meu pai adoitava recitar de memoria bocados de poemas maiormente do anticlerical celanovés. De súpeto, vindo a conto ou non, declamava Leis hai, din os ricos, que os probes protexen. Que leis nin que raios, Deus dixo entre dentes. Se che outra vin nunca, que o demo me leve!. Eu devecía por esas expresións.

Na adolescencia foi meu irmao maior quen mercara livros galegos. Así coñecín a Rosalía, Pondal, Castelao, Pedrayo e tantos outros. Ensaios e novelas que me fixeron reparar en que o galego era unha lingua de seu non unha deturpación do castelán. Unha lingua perseguida e aldraxada polos proprios galegos. Non havía internet mais tiñamos aquela livraria pequecha, case clandestina, das dúas irmás, Delta, se a memoria non marra. Aquelas livreiras ferrolás fixeron máis polo galego do que calquera equipa de normalización lingüística.

Hoxe aprender galego é ben doado. Iso si, un galego pobre, castelanizado. Nunca tan capacitados estiveron os estudantes mais nunca tan pouco se falou. E como se pode ter competencia nunha lingua esmorecente? Pode que só viaxando a certas aldeas relictos ou a Portugal, Brasil, Cabo Verde… mais para iso hai que ter algún elo cos devanceiros, coa nosa historia, un pouco de dignidade. O esforzo por aprender quen somos, por descubrir a nosa identidade ten máis vencello co mañá que co pasado, contra o que acreditan tantos progresistas desleigados.

Porque entrementres lle deamos as costas á nosa lingua, e malia a ter galegos morriñentos en Londres, poderemos fachendear de plurilingües, de dominar o castelán, inglés, chinés ou esperanto sen nos decatar de sermos dominados, como inermes kodokushis, eses mortos no isolamento que só se atopan, após longo tempo, porque non pagan os seus tributos, teñen as caixas dos correios atoadas de publicidade ou fican coas luces acesas a pleno sol sen se amolar polo calote do oligopolio elétrico. Uns ninguén que van para ningures.

 

Ferrol, maio de 2021. 

A autora

Iolanda Teixeiro Rei

Iolanda Teixeiro Rei

Nada en Ferrol, é licenciada en Pedagoxía Social pola Universidade de Santiago de Compostela e compaxina o seu traballo como profesora de taichí e chi kung co de articulista para diversos xornais de tiraxe dixital e en papel. Ademais, foi unha das promotoras da Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo e é secretaria nacional da organización política LiGanDo. Participou no libro colectivo Setenta ideas para a (pos)pandemia (2020).

#lingua

Deixe um comentário

Deixe um comentário