Lumes, porcos e políticos
Teima | Lumes, porcos e políticos – Capítulo 1
Erik Dobaño | A Coruña, 26 de setembro. Esta semana volveu arder en Montes, unha das parroquias que máis incendios rexistran ano a ano (a segunda nas estatísticas do Pladiga 2018). Montes é unha das dez parroquias de Cualedro, un concello constante nas estatísticas que van dando conta do abandono: perdeu un terzo da poboación nos últimos trinta anos, a razón de 135 veciñas e veciños por ano, e cada ano ve como as lapas dos incendios arrasan un 5% (de media, din as estatísticas oficiais, que menten) do territorio, é dicir, cada dez anos arde a metade e neses trinta anos ardeu unha vez e media todo o concello. A xente non marcha polo lume… máis ben é o lume que substitúe á xente como axente do medio.
“Chámome Ricardo Parada Fidalgo e vou facer 91 anos. Levantei esta casa co meu esforzo e suor e non penso marchar de aquí nin lle vou entregar as terras a ninguén”. Ricardo é veciño de Lamalonga, parroquia de Vilela, no mesmo municipio de Cualedro. En Lamalonga o INE ten censadas sete persoas, pero en realidade só viven Ricardo e a muller, e dous veciños que van e veñen e non estaban o 30 de agosto de 2015. Pasaron tres anos e volve ser 30 de agosto. Ricardo está no mesmo sitio. Aquela tarde de hai tres anos a Garda Civil veu por el e pola muller. Ardía o Larouco, o monte sagrado e a orde de despexo estendeuse por vinte dúas aldeas da contorna. Foi un domingo de pánico. Pero menos mal que era domingo e había máis xente ca de costume nas aldeas.
O gran incendio empezara esa mañá na Pedrosa na faldra oriental da montaña e subiu e baixou as ladeiras e queimou todo de alí até Vilar de Lebres ao norte e Niñodaguia ao oeste. Ese verán ardeu moito máis do 5%. A Ricardo e a muller leváronos para Xinzo e alí colleunos un fillo. Ricardo estivo na emigración en Suíza, en Holanda, nas minas de León e traballou a terra e “na serra, os piñeiros”. Casou en Lamalonga hai 65 anos e ten algunha finca na parcelaria, pero nin vende nin cede ao banco de terras. “Non sei nada nin ninguén me falou nada diso, as terras han quedar para os fillos, se queren… teño tres. En canto viva e poida eu non marcho de aquí, xa ve que está todo o campo abandonado e non pedimos nada, pero véñennos cada vez con máis impostos. Vostede entende iso?”.
E 30 de agosto e Ricardo non leu o cartel da caixa de anuncios pendurada nunha casa abandonada no espazo que algunha vez debeu ser a praza principal da aldea e hoxe son herbas e cascallos. O cartel di: “Recuperación de terreos abandonados das zonas de concentración parcelaria do concello de Cualedro”. E máis abaixo: “Xoves 23 de agosto ás 10.30 horas. Lugar: Centro Social – Rectoral A Xironda”.
A Xironda é outra parroquia de récord nas estatísticas do Pladiga, está cualificada como parroquia de “gran virulencia de incendios” (1.500 hectáreas nos últimos tres anos, segundo a estatística, o 10% da superficie de todo o concello, porque as estatísticas retórcense). O xoves anterior, na Reitoral da Xironda, unha aldea fermosa situada nunha cuíña en medio da chaira e enmarcada polo monumental Larouco (malia os muíños de Iberdrola), medio cento de veciñas e veciños ao fresco (fóra debe andar xa polos 30 graos) atenden ás explicacións dunha técnica do Agader e do alcalde de Cualedro, o popular Luciano Rivero, fillo da finada Marina Cuquejo, que fora alcaldesa e a quen no 2008 o concello honrou cunha estatua inaugurada en presencia de José Luis Baltar. A Xironda recobra vida no verán. Hai emigrantes que regresan de Bilbao, de Barcelona, de máis sitios. Xente que esta mañá está descubrindo que as fincas dos pais que algúns xa herdaron teñen un valor. O Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, empezou a presentar este mes á veciñanza un plan de alugueiro de terras a través do banco de terras, un instrumento do que até non hai moito a Xunta de Galiza non sabía ben que facer con el.
O banco, inicialmente pensado para distribuír terras sen explotar entre agricultores ou gandeiros para ampliar a base territorial das explotacións, é utilizado neste programa como axencia de alugueiro ou, máis ben, axente comercial de dúas empresas: unha multinacional da agroindustria, Coren, e unha compañía panadeira, Da Cunha.
O plan que lle contan esta mañá ás veciñas e aos emigrados da Xironda consiste en plantar cereal nas terras sen explotar.
Herba seca e xestas queimadas
As faldras do Larouco que baixan cara a Xironda, onde a raia divide administrativamente a montaña, son terra mallada polo lume. Esta parroquia, como Lucenza, Carzoá e Montes, está sinalada nos plans de emerxencia. E arden igual. No 2015, o lume arrasou a vertente norte; no 2016, pasou aquí. Dous anos despois, a uns centos de metros da raia hai dous carteis que publicitan “actuaciones de restauración forestal y medioambiental del área afectada por los incendios municipales de Oimbra y Cualedro”. Investimento: 400.000 euros. Contribución da UE: 53%. Prazo de execución: 7 meses.
“Eu non vin un peso”, comenta un veciño da Xironda á saída da reunión co Agader. “Botaron aquela palla, pero parece que non valeu de moito porque a cinza segue baixando até a poza que hai alí mesmo, na área recreativa”. A poza ten un fondo de terra volcánica. É cinza. “A xente vaise bañar igual, menos xente que antes, porque antes estaba todo cheo de árbores. A cor da auga é negra, pero din que non pasa nada”, indica outra veciña. Foron os lumes de setembro de 2016. A devastación foi aínda maior ca do ano anterior. Arderon miles de hectáreas desde Entrimo e Muíños até Oímbra e Monterrei. As costas de Ourense no sur están hoxe como están as faldras do Larouco: herba seca, xestas pequenas e as maiores, que resistiron, queimadas. O combustíbel dos incendios de ‘última xeración’ como lle din os bombeiros forestais. Unha tipoloxía que empezou a ser familiar no 2006, cando unha comisión no Parlamento do país dedicou uns meses a estudar o terríbel fenómeno daquel verán que castigara moito á fachada atlántica, o país puxante. Volveu pasar agora, despois da vaga de lumes de outubro que ameazou a toda a contorna de Vigo. Fíxose unha comisión no Parlamento. Tirou conclusións. Moi parecidas. Cada vez que arde (e morre alguén) na costa, alarma. Pasará pronto. Pero aquí na raia arde todos os anos, e arde moito. Ás veces tamén se queima alguén. A morte adoita ser máis lenta.
Está nas estatísticas. A Xironda, ano 2000: 483 habitantes; ano 2017: 378 (INE). Lucenza, ano 2000: 187 habitantes; ano 2017: 166. Carzoá, ano 2000: 96 habitantes; ano 2017: 63. Montes, ano 2000: 382 habitantes; ano 2017: 312. Nin todos viven aquí, pero iso di o censo. O despoboamento crea controversia, hai quen mira para el como un fenómeno natural, hai quen ve unha expulsión promovida mesmo desde a fiscalidade. O lume vén despois, ou antes. Ninguén o sabe. A comisión parlamentar tampouco. No 2006, os deputados alertaban do perigo de caer na “desmotivación e acomodación á convivencia cun elevado número de incendios”. Doce anos despois estaban sentados no mesmo sitio, falando das mesmas cousas e prescribindo o mesmo tratamento.
Granxas e cereais
A solución, parece, son as granxas, en concreto as de porcos, e os cultivos para alimentar aos animais das granxas. Consultada polas bondades do programa do Agader, Coren sinala: “como empresa comprometida con Galicia, [Coren] quere contribuír a reverter o abandono do rural galego e a xerar riqueza neste entorno, poñendo en valor parcelas que están en desuso, de modo que supoñan unha fonte de ingresos para os seus propietarios e tamén se manteñan en bo estado, o que evita a falta de mantemento que moitas veces está detrás dos incendios que asolan os montes galegos”. A análise da comisión parlamentaria non vai moito máis alá.
A análise da Xunta é idéntica. “Por que Cualedro e Oímbra? Porque é unha zona que sofre o abandono de terras que foron terras de cultivo até non hai moitos anos e que se poden recuperar. E tamén porque é zona de alta incidencia do lume precisamente por causa do abandono”, considera Miguel Pérez, director xeral do Agader, en conversación telefónica a principios de setembro.
A oferta da Xunta en Cualedro e Oímbra consiste en que o banco de terras asuma a xestión de fincas nas concentracións parcelarias que reúnan determinadas condicións para o cultivo de cereal, acondicione os terreos e os ceda en réxime de alugueiro a Coren e a Da Cunha durante 13 anos. Os propietarios recibirán unha renda. O plan arrancou cun estudo técnico (cun orzamento de 44.000 euros) e está a piques de completar a fase de “dinamización en integración no Banco de Terras das fincas escollidas” (35.000 euros). Para despois queda medio millón de euros que se destinarán ás obras de “roza e condicionamento dos terreos”.
Houbo unha reunión en Oímbra e outra en Lucenza previas a esta deste xoves (23 de agosto) na Reitoral da Xironda. Hai moita xente. É mes de vacacións. Cristina, a técnica do banco de terras, explica o plan. O alcalde, Luciano Rivero, intervén de cando en cando para puntualizar. Cristina di que o plan comezou cunha encomenda da Consellería de Medio Rural para estudar as zonas de concentración parcelaria nestes concellos e ver se hai alternativas para os terreos que están en abandono.
A iniciativa partiu de empresas vinculadas á alimentación interesadas en dispoñer de grandes superficies, aínda que o director do Agader di que “foi cousa das dúas partes”.
Hai outros proxectos similares para incorporar terreos ao banco. En Cervantes, coa participación das comunidades de montes, no Folgoso ou en Sober, tamén en Lugo, onde se fala cos veciños; na Arnoia e no Val de Lemos. Pero este de Cualedro e Oímbra é o máis ambicioso.
A iniciativa partiu de empresas vinculadas á alimentación interesadas en dispoñer de grandes superficies, aínda que o director do Agader di que “foi cousa das dúas partes”. “Foi Coren e outras quen se dirixiron a nós, e nós que pensamos en determinadas empresas”. Inicialmente o Agader tratou con compañías que querían dedicar os terreos ao cultivo de aceite, de castaña, de viño e de cereal. A plantación de oliveira descartouse pola altitude da zona. Os viñedos dependen da tramitación para a ampliación da D.O. Monterrei. No caso dos castiñeiros, a posibilidade permanece aberta. Hai interese. Por agora, o cereal será o único cultivo e cubrirá parte das necesidades de Coren para a súa produción gandeira (nesta zona, fundamentalmente avícola e porcina).
Coren non ofrece datos. Pero a paisaxe dos concellos veciños da Limia xa se adaptou hai anos a explotacións gandeiras cada vez máis grandes, en especial, as porcinas, que precisan moita superficie.
Coren focaliza o interese neste proxecto na produción de cultivos ecolóxicos. “A actividade que se proxecta nestes terreos é a de establecer unha rotación de cultivos onde se integren cereais, leguminosas e oleaxinosas todas en produción ecolóxica. Coren conta actualmente en Galicia cunha superficie de 70 hectáreas dedicadas a cultivos ecolóxicos para alimentación dos animais, que segundo as nosas previsións serán colleitadas no próximo verán”, di a empresa.
Na Reitoral da Xironda hai quen chama a atención sobre as prácticas de Coren. “Coidado con eles”, comenta unha veciña, “porque xa sabemos que hai granxas que tiran os xurros por aí e acaban contaminando as augas”. Luciano, o alcalde, contesta: “Se hai esas prácticas a instancia para denunciar é o Seprona”. “Miren iso, por favor, porque ás que vivimos aquí todo o ano si nos preocupa”, remata a muller.
A maioría dos propietarios ven con bos ollos o plan. O alcalde abunda en argumentos: “Pensade que agora a lei obriga a manter limpo un perímetro de 50 metros arredor das casas, pero na Xunta xa están pensando nunha lei que obrigue a facer o mesmo con todas as fincas. Desta forma, co alugueiro, xa non teriades que ocuparvos diso”. A resposta, aquí na Xironda, en Lucenza, en Carzoá onde irán a semana seguinte, e en Oímbra, é positiva. Así o confirma o director do Agader na conversa posterior. “Bastante positiva, si. A xente ten todo o dereito do mundo a sacar froitos das súas terras”.
“Pensade que agora a lei obriga a manter limpo un perímetro de 50 metros arredor das casas, pero na Xunta xa están pensando nunha lei que obrigue a facer o mesmo con todas as fincas”, advirte o alcalde de Cualedro aos veciños, mentres o Agader explica o plan de Coren e Da Cunha para o alugueiro de terras.
A Miguel Pérez non lle preocupa de momento o impacto das granxas nas que se crían os animais aos que irá destinado o cereal. Malia que Coren non ofrece datos, hai estatísticas que intentan dar razón do que sucede. Nunha recente publicación, o portal galego GCiencia informaba da relación entre cabezas de gando porcino e habitantes nos concellos do país. Os Blancos e Sarreaus, na Limia, están á cabeza da relación (só por detrás de Dozón e Rodeiro, no Deza). En número de animas, os concellos da Limia concentran 152.000 cabezas. Os datos son do 2014, e a web avisa: “O número real de porcos é maior, xa que na estatística empregada non se recollen as explotacións familiares”.
Os censos agrarios do INE permiten debuxar a evolución do sector desde os anos sesenta (con todas as prevencións respecto das estatísticas, daquelas e das de hoxe). Segundo o INE, en 1962 había rexistradas na provincia de Ourense 139.921 cabezas de gando porcino, distribuídas en 69.582 explotacións. En 1989, as explotacións porcinas eran 32.017, mais o número de cabezas aumentara até as 156.832. A ratio de cabezas por explotación pasara de 2 porcos a 4,8. Unha produción maioritariamente de autoconsumo. Dez anos despois, o censo de 1999 rexistrou 120.675 cabezas en 9.166 explotacións. Atendía xa a unha produción industrial. Desapareceran (cando menos, en parte, da estatística) moitas das explotacións familiares. A ratio era de 13,3 porcos por granxa. No 2009, o censo era de 399.745 cabezas e 3.357 explotacións. A ratio multiplicárase por dez. Produción industrial.
Dez anos despois, o censo de 1999 rexistrou 120.675 cabezas en 9.166 explotacións. A ‘ratio’ era de 13,3 porcos por granxa. No 2009, o censo era de 399.745 cabezas e 3.357 explotacións. A ‘ratio’ multiplicárase por dez. Produción industrial.
Normativa e impostos
“Coren non vai deixar abandonado todo iso. Que ninguén busque cousas raras, non has hai nin haberá”, asegura Miguel Pérez ao fronte do Agader. “Coren necesita alimentar aos animais. E cumprirá con toda a normativa”. Pérez explica que o plan é traballar sobre 3.500 hectáreas, pero que de principio haberá 200 destinadas ao cultivo ecolóxico e outras 500 a outros. E comenta que hai outras empresas agardando. Na súa opinión, que o Agader actúe na procura de terras para a industria non deturpa o sentido do banco de terras. “Temos unha obriga legal de traballar pola mobilidade das terras e esta é unha oportunidade de facelo”. O proxecto, insiste, servirá para “axudar a estabilizar poboación, xerar actividade económica e, por tanto, riqueza”.
Ricardo Parada, case 91 anos, apoia as dúas mans no caxato e profunda. Despois fala: “Non sei nin quero saber diso de deixar as terras. As terras son para os fillos. Mentres, pagarei os impostos, que non sei porque teño que pagalos porque esta casa fíxena eu”.
Para Miguel Pérez, que o Agader actúe na procura de terras para a industria non deturpa o sentido do banco de terras. “Temos unha obriga legal de traballar pola mobilidade das terras e esta é unha oportunidade de facelo”.
“Trátase dunha iniciativa cunha vertente social, ao contribuír á xeración de riqueza no medio rural galego, e tamén medioambiental, ao manter en bo estado parcelas que doutro xeito quedarían abandonadas”, conclúe Coren na súa valoración por escrito dese proxecto que colga dun cartel en Lamalonga que ninguén mirou porque xa case nin xente queda. E non, no dá datos nin das granxas nin do número de animais que pretende alimentar co cereal nin das cabezas de aves ou porcos que producen residuos que alarman á veciñanza. A pouca que queda unha vez remata o verán.
Pero na Limia, en Paradela, ao final da canalización do río, hai novas granxas; tamén no Toxal, e en Baltar mesmo hai obras para acondicionar unha plataforma e montar outra máis na estrada que vai a Cualedro, esa que de cando en cando atravesa o lume dos incendios que todo o arrasa, tamén mata porcos e polos, pero virán máis granxas. A Limia gandeira esténdese a este e a oeste.
En Calvos de Randín, zona de montaña, “danse as condicións de prados e auga para que haxa gandaría”, di o alcalde, o socialista Aquilino Valencia, axente forestal de profesión. Por iso hai en proxecto “tres ou catro máis” que se sumarán a máis dunha ducia das que xa operan e se benefician, vía rebaixa no IBI, de exencións en impostos desde que o ano pasado o goberno municipal descubrira o Doing Business, un programa auspiciado polo Banco Mundial que ensina a utilizar a fiscalidade para “facer negocios” rebaixando os impostos ás empresas.
“A xente non instala unha granxa pola bonificación na taxa”, di Aquilino Valencia. E non moi lonxe, un ex gandeiro que acaba de abandonar a súa explotación (1.500 cabezas de porco) explica que a lei dificulta é a iniciativa dos gandeiros individuais. “As granxas que se montan, móntanas Coren e os seus cooperativistas. Eu ía pola miña conta, aínda que traballaba con eles, claro. Se queres montala por ti mesmo, o único que podes facer é comprar unha vella. As que se fan novas son todas de Coren”. “Xa sabemos o que é a burocracia. E hai unha normativa, unhas esixencias na construción. Coren trata ben aos seus cooperativistas e facilítalle moito as cousas. Penso que hoxe ir por libre é imposíbel. Non ten sentido”, conclúe Valencia.
Na reunión coa veciñanza na Reitoral da Xironda, un mes atrás, unha das mulleres advertíalle á técnica do Agader que non quedan mozas e mozos en Cualedro nin nos concellos da contorna para traballar a terra. “Quen vai traballar eses cultivos?”, preguntaba a señora. “As máquinas”, contestou alguén. “Rozarán, manterán todo iso limpo e, por riba, pagarán un alugueiro e vós non teredes que preocuparvos por ningunha multa”, anotaba o alcalde, Luciano. A técnica do Agader rematou a sesión lembrando aos interesados en participar do plan que lle enviaran os documentos de propiedade. “Precisamos os contratos e unha copia do DNI. Non precisamos que veña a xente. Podedes facer a xestión por mail”.
Fóra, o veciño que aínda non cobrou polas árbores queimadas no 2016, di que non se pode esperar moito de tantas promesas. “Aquí xa veu Coren e instaláronse e dixeron que ía haber traballo para non sei cantos. Eu só sei dun que traballou nunha desas granxas uns anos”.
Aquilino Valencia, alcalde e axente forestal, pensa, como o director do Agader, como di o Banco Mundial, que hai que aproveitar as oportunidades, e que mesmo se hai xurros ou olores, iso ten solución: “Como axente medio ambiental digo que todo abono, usado con sensatez, é compatíbel co medio. Se se usa con cabeza, no momento, no lugar e na cantidade adecuada, non hai problema”.
O problema son as cantidades, as estatísticas que menten, ou as que se agochan, e non se sabe ben cantos lumes, cantas perdas, canta xente se foi, cantos porcos hai e cantos van vir e que impactos están tendo e porque hai xente á que se lle soben os impostos e empresas ás que se lle baixan. A Limia é unha lea e o río baixa verde.
Outras teimas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Touro ábrese a un outro futuro
O impacto menos visível da sindemia: saúde mental
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas