Mañá sol e bo tempo? Contexto e axendas da saúde mental

TEIMA | Saúde mental sen cadeas – Capítulo 2

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Miguel Bustión | Madrid, 11 de xullo.  Esta é unha exposición dos recentes movementos no panorama da saúde mental en todo o Estado, unha tentativa de aproximación a posíbeis escenarios futuros. En próximas entregas, tentarei de transmitir algunhas propostas. A intención é advertir das liñas seguidas por unha parte do activismo, que sendo perfectamente lexítimas e necesarias, poden non ser as que precisen máis pulo. Percibo un risco de substituír as desfeitas do sistema por outras novas e máis discretas, mantendo ao colectivo sen redes propias, desmobilizado, sen conciencia de clase desfavorecida, sostendo a toda unha industria socio-sanitaria e de coidados mentres continúa a ser cidadanía de segunda. Para empezar, reparade nesta gráfica [ao final do texto deixo algunhas ligazóns sobre o repertorio].

Gráfico movementos de saúde mental.
@MiguelBustión

A loita das #0contenciones volta coller pulo, impulsada de novo polo colectivo Locomún, despois de comezaren hai máis de dous anos. Atar, inmobilizar e drogar a alguén cando acode para recibir axuda e coidado por mor dun sufrimento psíquico é o que se define como “trauma iatroxénico”. As implicacións de prohibir esta anti-terapéutica, obvia e brutal violación dos dereitos das persoas teñen certo calado. Para acadar esta meta das “cero contencións” en psiquiatría hai que desbotar varios prexuízos e mentiras moi estendidas. A “axitación” non ven por un “mal funcionamento do cerebro”, senón polo que aconteceu nos momentos previos e/ou por unha interpretación da realidade por parte da persoa. Estas situacións previas son ignoradas pero son as que hai que explorar, coñecer e ter en conta á hora de intervir para previr situacións de alteración e evitar o uso da contención. Isto esixe esforzo de comunicación, empatía, atención, coidado e man esquerda… Mais sabemos que son moi variables en función dos lugares do sistema de saúde mental. A partir desta proposta, suponse que debería haber unha inclusión do relato, biografía e circunstancias persoais e sociais da persoa á hora de atendela.

A alternativa obvia que trata de adoptar o sistema é a de aumentar as doses, formatos, técnicas e ofertar todo tipo de comodidades para o uso de psico-fármacos. Vaian por diante un par de exemplos que ilustran esta vía (e tamén algunha das dinámicas típicas no sector). Hai uns tres anos, ao pouco de iniciada a campaña #0contenciones, profesionais próximos a organizacións da Confederación Saúde Mental España -creadas e tradicionalmente dirixidas por familiares e agora cun improcedente relevo por parte de profesionais- deixaron caer durante un debate sobre as contencións mecánicas unha descarada publicidade. O momento-patrocinio foi para un tranquilizante inhalador de fácil aplicación e recente comercialización. É publicidade. E é unha barbaridade legal, ética e médica permitir o uso polas propias familias (o concepto de “prescrición médica” funciona cando lles de a gana) dun medicamento que pode provocar a morte. Pois esa foi a proposta do “anunciador”. En fin.

Tamén veñen dando a turra có Tratamento Ambulatorio Involuntario (TAI) e lles da igual que estea desbotado polo Tribunal Constitucional desde hai tempo. Disque é casualidade, que xa e moita casualidade, que veñen con isto pouco antes de que se inicien as promocións dos novos e flamantes neurolépticos inxectábeis… eses que aguantan cada vez máis meses activos dentro do paciente.

O resto da lista do repertorio de protestas (a gráfica) non ten moita diferencia nin có enfoque de “cero contencións” nin coa demanda a nivel xurídico nin coas propostas implícitas e explícitas. Case todas as campañas e protestas teñen algo común que tamén comparte “cero contencións”: van dirixidas ao eido sanitario.

Conflitos de interese na sanidade e na intervención social

Na área da sanidade é bastante coñecida a influencia que exercen os grupos de presión farmacéuticos aínda que tamén hai un forte control no terceiro sector. Esta influencia explica a resistencia, moi dura, aos enfoques terapéuticos psico-sociais, ao concepto de recuperación, á posibilidade de non usar neurolépticos nos tratamentos… Hai moitos cartos investidos durante décadas para sementar unha cultura bioloxicista e patoloxizadora na percepción popular das emocións e das relacións humanas, convertidas agora en trastornos cunha orixe e tratamentos biolóxicos.

Na área social, temos un sector altamente burocratizado desde hai décadas; até o punto de que pequenas empresas ou asociacións quedan fóra de concursos e subvencións públicas e privadas. Cando pregunto nas asociacións sobre o porcentaxe de traballo que dedican á intervención e o que ocupan en tarefas burocráticas, as respostas dan que un 70% do tempo vaise en traballo de tipo administrativo. As tarefas burocráticas teñen que ver con plicas administrativas, plans de calidade (moi discutidos pola súa utilidade real, por certo), esixencias das entidades que subvencionan (fundacións ou obras sociais), avaliacións dos proxectos e cousas polo estilo.

Esta alta esixencia provoca que as organizacións locais, de contacto directo coa poboación ou as creadas pola propia comunidade, sexan absorbidas polas grandes, fai que se distancien da comunidade ao medrar e profesionalizarse en extremo, ou simplemente desaparezan por seren insostíbeis en base aos criterios do sistema.

A sanidade é un sector custoso. Emprega tecnoloxías, persoal especializado e infraestruturas que esixen moito investimento. Só certas organizacións como a Administración Pública ou empresas con determinado tamaño poden traballar nel. Porén, na área social, os custos eran moito máis reducidos. Os anos 70 e 80 son coñecidos polo enorme pulo do sector asociativo en todo o Estado español. A Administración repartía subvencións sen preguntar demasiado e cunha baixa esixencia burocrática.

No eido da saúde mental, chegou daquela a histórica “reforma psiquiátrica” coa lei de sanidade de 1986. A reforma foi un froito da anti-psiquiatría, un movemento de psiquiatras e profesionais psi que desprazaron unha visión centrada nos elementos biográficos e de relación na causa e tratamento dos trastornos mentais. Este desprazamento cara o social, trouxo consigo o desmantelamento dos manicomios e a volta das persoas alí encerradas e tratadas aos seus fogares coas súas familias e cunha atención máis próxima nos centros de saúde. Tamén cargou ás familias con moito do traballo de integración social. As familias se asociaron e as asociacións se federaron. Nese momento naceu a FEAFES, actualmente Confederación Saúde Mental España, que agrupa a todas esas asociacións. Para a obtención dunha infraestrutura de recursos con inmóbeis, profesionais, administración e demais precisaban cartos. A Administración aportou, pero tamén estaban interesadas en colaborar as empresas farmacéuticas que andaban en plena efervescencia.

A reforma, froito da anti-psiquiatría, trouxo o desmantelamento dos manicomios e cargou ás familias con moito do traballo de integración social. As familias se asociaron e as asociacións se federaron. A Administración aportou, pero tamén estaban interesadas en colaborar as empresas farmacéuticas.

Non moitos anos despois, o entusiasmo pola xenética e a investigación do cerebro deu en aparecer cunha frecuencia insólita nos medios de comunicación de masas, nas revistas populares de ciencia, nos noticiarios, naqueles documentais de La 2, na prensa en xeral. Non sei se lembrades que o discurso chegou até puntos delirantes como “gústanme as mulleres louras porque está determinado nos meus xenes” (ou o café ou as olivas verdes, que para o caso era o mesmo). Persoalmente, sorpréndeme que con semellante interese que tiven pola xenética e todo o material que pasou por diante dos meus ollos, non foi até hai un par de anos que souben que “xenético” e “herdanza” non son para nada sinónimos. Máis ou menos foi cando tamén me contaron que as farmacéuticas son o terceiro grupo de presión mundial xunto á industria de armamentos e o tráfico de drogas.

O discurso biolóxico tornou bioloxicista cando os intereses económicos das farmas se introduciron e influenciaron a todo o sistema de atención, á investigación, á universidade, á prensa científica e aos medios de comunicación de masas, ás organizacións profesionais… no cine, a televisión, na ciencia-ficción, nos cómics. En todas partes. Tamén no tecido asociativo no que traballaron con toda a boa intención as familias das persoas con diagnóstico. Na actualidade, os orzamentos de moitas destas entidades dependen economicamente en porcentaxes notables do financiamento de empresas farmacéuticas.

Hai quen leva tempo tratando de resolver este problema. Moitas organizacións xa son independentes das farmas ou van camiño delo. Outras, de maneira moi adaptada, só semellan selo, obtendo os cartos das mesmas fontes pero por vías indirectas. Este é o caso dun binomio organizativo có que me topei nunha ocasión nun foro: a Fundación e a Asociación Salud y Ayuda Mutua (ASAM). Cando lles preguntei polo seu discurso bioloxicista e a sospeita de que a financiación farmacéutica tiña probablemente demasiada influencia na información e nas súas actuacións, a resposta asinada por César Lillo foi que iso non era certo, botaron uns risos e acusáronme de mentir. Unha rápida visita ás memorias da Fundación ASAM indica que esta recibía varias decenas de miles de euros dende a súa organización siamesa, a asociación ASAM. Exactamente a mesma cantidade que percibiu esa asociación dunha farmacéutica.

Despois, recorreron ao argumento de autoridade cun “parécenos moi ben que non che gusten os psiquiatras e as farmacéuticas pero… vas ti saber máis que alguén que estudou”. Por certo, nese encontro en ningún momento falamos de profesionais da psiquiatría, que hai de sobra que están totalmente de acordo có exposto, pero xa sabemos as malas pasadas que xogan os prexuízos e as etiquetas como “esquizofrenia” ou neste caso “anti-psiquiatría” (o movemento de profesionais da psiquiatría que pensaron que non se debería encerrar nun manicomio e maltratar de por vida a persoas que padecían sufrimentos psíquicos).

Outras organizacións, pola contra, non tomaron aínda un camiño de autonomía e independencia diante dun conflito de intereses tan obvio e grave. Nin están nin esperedes por elas. A Sociedade Española de Psiquiatría (SEP), as súas delegacións autonómicas e algunhas organizacións moi emparentadas con ela como o Centro de Investigación Biomédica en Rede de Saúde Mental (CIBERSAM), reciben centos de miles de euros cada ano para repetir un discurso moi favorable ás empresas que as financian e coas que colaboran. É doado atopar as cantidades nas seccións de transparencia das webs das farmacéuticas. Aquí algúns exemplos: Janssen, AstraZeneca, Lundbeck, Otsuka e Pfizer

Unha rápida visita ás memorias da Fundación ASAM indica que esta recibía varias decenas de miles de euros dende a súa organización siamesa, a asociación ASAM. Exactamente a mesma cantidade que percibiu esa asociación dunha farmacéutica.

Tamén é doado entrar nas webs de moitas organizacións e ver na súa páxina de inicio logotipos dunha ou de varias farmacéuticas ou organizacións xenerosamente financiadas por farmacéuticas. Se rastrexamos membros de directivas, profesionais e outras persoas destacadas, igual nos atopamos con pagos en forma de dietas, inscricións a congresos, cursos… case sempre asociados a ceas, hoteis de cinco estrelas, cidades de atractivo turístico, “vinos españoles” (ver programa da presentación do Libro Blanco de la Atención a la Salud Mental na Comunidade Autónoma de Madrid) e outros… Claro, e tamén vemos estampados os logos nos bolígrafos, bolsos, calendarios e cadernos das consultas.

No eido periodístico non me resisto a mencionar a Emilio de Benito, redactor en El País e presidente da Asociación Nacional de Informadores sobre a Saúde (ANISalud). Un profesional que publica cousas como esta nese medio ao tempo preside unha asociación que recibe “protección” e “colaboración” de farmacéuticas como Abbot, Roche, do conglomerado Farmaindustria ou da Asociación de Bebidas Refrescantes (ANFABRA) á que pertence Coca-Cola, de seguro moi preocupada pola nosa saúde. As activistas enfurecemos cando FEAFES, pouco despois de coñecerse todo isto, entrevistou a Emilio de Benito no seu boletín. Seica alguén que pon cartos debeu pedir algo de protección e un lavado de cara para el.

Neste mundo do periodismo e os medios de comunicación foi especialmente rechamante a presentación, con gran balbordo e artefactos pirotécnicos, do último neuroléptico inxectable de Janssen, o Trevicta. Como xa se ten escrito en espazos científicos e profesionais, non aporta moito máis ás últimas décadas de psico-farmacoloxía. Pero o que nos interesa destacar aquí é a posta en escena de Janssen, con altos cargos sanitarios na área de saúde mental, como xefes de servizo e directivas de diferentes órganos da sanidade pública. Todo isto perfectamente dramatizado nos grandes medios da prensa, como se acabaran de descubrir o lume e a roda simultaneamente. Todo lembraba a aquelas portadas clónicas pagadas polo Banco Santander que invadiron os quioscos fai uns anos.

As prácticas destes grupos de presión farmacéuticos están máis estendidas do que se pensa. Coido que cós exemplos xa expostos podemos avanzar na idea que guíará estes textos (ideas compartidas, entre outros, con Farmacriticxs e Médico crítico). Este problema seguro que preocupa no ensino universitario e na investigación. Un apunte: sabedes que comerciais de farmacéuticas acoden ás universidades para relacionarse có alumnado das carreiras de interese?

O conflito de intereses definitivo é o da organización de saúde mental consigo mesma. Coa cantidade de xente que vive grazas e arredor disto… a quen lle vai interesar acabar coa cronificación dos trastornos mentais ou resolver algo de verdade?

Moitas organizacións están a realizar un gran esforzo para conseguiren un financiamento que non teña relación coa industria farmacéutica. Isto é un progreso moi grande e está moi ben. Pero ten un problema: en realidade non se trata das farmacéuticas, o problema son os conflitos de intereses.

Un conflito de intereses no eido social, máis aló das farmacéuticas, que podemos abordar como exemplo é a Obra Social La Caixa. La Caixa é omnipresente en todo o que teña que ver có sector da intervención social. Financia e sustenta a innumerábeis organizacións dedicadas a calquera colectivo en calquera situación de risco de exclusión: migrantes, pobreza, mulleres, menores, sen fogar, persoas con discapacidades, maiores. Coñezo organizacións que deben case o 70% do seu presuposto á Obra Social La Caixa. Isto ten implicacións no traballo das entidades asociativas. É obvia a dependencia fronte á empresa bancaria, o que fai que a entidade social teña que cumprir có establecido até as últimas consecuencias.

O financiamento ten unha alta esixencia a nivel burocrático de forma moi semellante ao das Administracións Públicas. As liñas de traballo que executa a asociación veñen dadas pola Obra Social que, á súa vez, suponse que as recibe por parte das Administracións, que son as que aparecen nos documentos oficiais de plans e estratexias. Digo “suponse” porque coa posición de poder e influencia de La Caixa máis ben será unha negociación coa Administración para mirar o que lle veña ben a todos.

Pola outra banda, atopámonos con que moitas das situacións sociais coas que traballan estas asociacións conforme á planificación e liñas marcadas pola Administración teñen na súa raíz, e mesmo entre as súas causas, as condutas psicopáticas das entidades de financiamento como… La Caixa. Especulación inmobiliaria e desafiuzamentos, deslocalizacións e desemprego, industrias contaminantes, cambio climático, explotación de recursos en países pobres, industria de armamentos e guerras, migracións desde eses países, cronificación de enfermidades e corrupción farmacéutica, etcétera. Son problemas que están directamente relacionados coas empresas bancarias que financian as supostas solucións a eses problemas. Seica debe ser isto o que chaman economía circular (aquí algunhas posturas críticas: 1 e 2).

Mais o conflito de intereses definitivo é o da organización de saúde mental consigo mesma. Que motivación vai ter unha organización con directivos, persoal administrativo, técnico, de recursos humanos, persoas tituladas en carreiras universitarias, con locais, oficinas, centros de día, de rehabilitación psico-social, de inserción laboral, especiais de emprego, salóns de actos, de reunións, convenios con empresas, coa Administración Pública, colaboracións coa universidade, congresos, xornadas, cursos, formación…? Coa cantidade de xente que vive grazas e arredor disto, a quen lle vai interesar acabar coa cronificación dos trastornos mentais ou resolver algo de verdade?

Á xente tola? Pois dálles traballo no negocio, cun 80% de paro e cunhas pensións inferiores ao custo dun aluguer medio, estarían tan agradecidos que non ían protestar por nada.

Ligazóns ás campañas indicadas na gráfica

#StopElectroshock: aquí
NON ao TAI: aquí
Centros de Menores: aquí
Tutelas: aquí
Industria farmacéutica: aquí

Deixe um comentário

Deixe um comentário